Celebramos estes días o 701 aniversario da peregrinación a Compostela de Santa Isabel de Portugal, a Rainha Santa, cando xa estaba viúva do rei, D. Dinis. Esta peregrinación é unha das principais referencia do culto e a devoción xacobea en Portugal e do propio Camiño Portugués, que ten en Tui un dos seus principais enclaves cunha rica historia ao longo dos séculos.
O pasado ano dende o Concello de Tui e o
Instituto de Estudios Tudenses foi lembrada esta conmemoración cunha
conferencia e diversas actividades arredor desta data do 25 de xullo. Hoxe
recollemos en Tudensia un resumo daquela conferencia que sinala a
transcendencia da figura da Rainha Santa que aínda na actualidade segue sendo unha
referencia imprescindible ao falar da cultura xacobea en Portugal, mais aló da
súa significación na historia do reino portugués[i].
A inmensa maioría dos peregrinos que realizaron o Camiño Portugués ao
longo do tempo permanecen no anonimato. Unicamente rescatamos deste
esquecemento aos que nos deixaron o relato da súa viaxe ou peregrinación, ou
aqueles que por algunha circunstancia ou ben faleceron nalgunha cidade do seu
percorrido ou foron atendidos nalgún hospital de pobres e peregrinos. Se
conservamos a documentación destes centros de acollida poderemos arrincalos do
esquecemento.
A denominada literatura odepórica que
recolle as crónicas de viaxe, as lembranzas de feitos e de experiencias
persoais xunto con datos xeográficos, históricos ou paisaxísticos relacionados
con esta viaxe, é unha fonte básica. Esta fonte documental ou cronística é un
dos xéneros literarios máis significativo da peregrinación xacobea. Son abondosos os exemplos deste tipo de
publicacións que recollen o relatos de viaxes e peregrinacións que percorren o
Camiño Portugués con nomes como Nicola Albani, Cosme de Médicis, etc.
Dende a reconquista da cidade de Coimbra en 1064, onde o apóstolo
Santiago como “miles Christi” encabeza ás tropas cristiáns xunto ao rei
Fernando I (que peregrinou previamente a Compostela pedindo a intercesión do
apóstolo e logo retornou agradecido), a devoción santiaguista consolídase no
territorio ao sur do río Miño. Cabe lembrar que a primeira igrexa dedicada á
memoria de Santiago é a parroquial de Santiago de Neiva no ano 869, ao pouco da
“inventio” do sepulcro apostólico, como acredita o epígrafe conservado.
O nacemento do reino de Portugal non implica unha mingua nesta
vinculación tanto do pobo como dos monarcas portugueses coa peregrinación
xacobea. En 1219 ou 1220 o rei Afonso
II acudiu a Santiago a implorar a curación dunha doenza, estaba enfermo de
lepra, pola intercesión do apóstolo a quen lle tiña grande devoción. Foi o
primeiro rei portugués en achegarse ata a tumba apostólica, deixando o legado
dunha doazón anual a Santiago. O seu fillo, Sancho II, mantivo esta devoción
santiaguista peregrinando no ano 1243.[ii]
A mais afamada das peregrinacións
portuguesas ao longo do tempo foi a efectuada pola Rainha Santa Isabel
(1270-1336).
Isabel era a filla mais vella do rei Pedro III de
Aragón e de Constança de Hohenstaufen, princesa da Sicília. Por vía materna,
era descendente de Federico II do Sacro Imperio Romano-Xermánico, pois o seu avó
materno era Manfredo de Hohenstaufen, rei da Sicilia, fillo de Federico II. Non
existen fontes históricas exactas sobre a data e local de nacemento de Isabel,
en torno a 1270, sábese que creceu en Barcelona, onde estaba instalada a Corte
da Coroa de Aragón.
![]() |
| Santa Isabel de Portugal. Francisco de Zurbaran, c. 1635. Museo del Prado |
Tivo cinco irmáns, entre os que están os reis
aragoneses Afonso III e Xaime II, e Federico II da Sicilia. Para ademais, foi
sobriña-neta de Santa Isabel da Hungría, tamén considerada santa pola Igrexa
Católica. O parentesco ven a través da avoa paterna Iolanda da Hungría,
media-irmá de Isabel da Hungría.
Esta princesa foi escollida, con once anos de idade,
como esposa do monarca portugués D. Dinís (nado en 1261, fillo de Afonso III e
Beatriz de Castela, que sube ao trono con 17 anos en 1278), tras as
correspondentes negociación diplomáticas entre ambas coroas, casando primeiro
por poderes, en febreiro de 1282, e logo presencialmente en Trancoso, o 26 de
xuño. Tivo dous fillos: Constanza, futura raíña de Castela, e Alfonso, que foi
rei de Portugal.
Axiña a nova raíña acadou gran sona entre o pobo
portugués pois salientaba pola súa dedicación na atención aos doentes, anciáns
e mendigos, aos que ela mesmo preparáballes roupa e alimento. Co seu patrimonio
ordenou a edificación de hospitais, escolas e hospicios, asi como promoveu
numerosos conventos. Neste xénero de vida Isabel adoptou o exemplo da súa
devanceira, Santa Isabel de Hungría, centrada na espiritualidade franciscana,
pertencendo á denominada segunda orde de San Francisco, as Clarisas, seguidoras
de Clara de Asís, ata o punto que ao enviuvar ingresa no convento de Santa
Clara de Coimbra.
![]() |
| Santa Isabel de Portugal curando as feridas dunha enferma. Francisco de Goya, 1799. Museo Lazaro Galdiando. Madrid |
Un paralelismo coa súa parente, que a tradición
popular portuguesa adoptou, é o episodio da transformación de pan en rosas da
princesa húngara para D. Dinís e a súa esposa. Segundo a lenda, a raíña saíu do
castelo de Leiria unha mañá de inverno para repartir pan entre os máis
necesitados. Ao ser sorprendida polo rei, que lle preguntou onde ía e que
levaba no seu colo, a raíña exclamaría: “Son rosas, Señor!”. Desconfiado, Don
Dinís haberíalle replicado: “Rosas, en xaneiro?”. Entón, Dona Isabel mostrou o
contido do seu colo e nel había rosas, en lugar do pan que escondera. O
primeiro rexistro que atopamos deste episodio data do século XV estendéndose
amplamente, ata o punto que boa parte da iconografía desta rainha santa recolle
este escena.
![]() |
| Rainha Santa Isabel, Milagre das Rosas (séc. XVII) - Sé Vella de Coimbra |
Pero é lembrada, sobre todo, por evitar a guerra entre
o rei D. Dinís e o seu fillo primoxénito, o príncipe Alfonso, presentándose,
como recolle a tradición, en 1323 no campo de batalla, en Alvalade, logrando a
paz entre pai e fillo.
Ao seu esposo, D. Dinis, o rei trobador, pertencen os
mais antigos rexistros histórico-literarios sobre a personalidade singular de
Dona Isabel. Nunha celebre, e coñecida, composición poética o rei exalta as
capacidades de diplomática eximia e a súa condición culta e sabia:
Pois que Deus vos fez Senhora
Fazer do bem sempre o melhor
E dele ser tão sabedora
Em verdade vos direi:
Assim me valha o Senhor!
Érades boa para Rei!
E pois sabedes entender
Sempre o melhor e bem escolher
Verdade vos quero dizer
– Senhora que sirvo e servirei–
Pois Deus assim o quis fazer
Érades boa para Rei
Tras a morte do seu esposo, o 7 de xaneiro de 1325,
ingresou no convento de Santa Clara de Coimbra, que ela mesma fundara, como
monxa pero sen asumir o voto de pobreza para manter a súa habitual caridade.
Ese mesmo ano, polo ben da súa alma, “devotionis causa”, e moi
especialmente pola do seu marido, emprendeu a peregrinación á tumba do apóstolo
Santiago na catedral de Compostela.
Como sinala María Jose Azevedo Santos: O modelo
franciscano de santidade preconizava a
realização de peregrinações
aos principais loci sancti, que na Idade Média eram Roma,
Jerusalém e Santiago de Compostela.No entanto, leigos e religiosos, reis,
nobres, gente anónima rumavam àqueles lugares santos em ações de penitência
(promovida pela teologia franciscana), de piedade, numa palavra, de Fé. Dona
Isabel, além de possuir todas as caraterísticas de uma protoperegrina – como
caridade, piedade, jejuns e tantas outras práticas – não lhe era estranho o
culto jacobeu, com tradição em Coimbra desde o século X, reforçada pela criação
da igreja de São Tiago em 1206. Deste modo, e na senda de outros membros das
coroas portuguesa e europeias, decide ir «em romaria» à igreja
onde jaz o
corpo de São
Tiago[iii].
A peregrinación de Isabel de Portugal a coñecemos por
un manuscrito de 1592 conservado en
Coimbra e que no século XVII foi titulado como: Livro que fala da boa vida
que fez a Rainha de Portugal, Dona Isabel, & de seus bons feitos &
milagres em sua vida & depois da morte.
Das 29 follas que integran esta obra o biógrafo so dedica dúas páxinas,
e non completas, a esta peregrinación: E ante que se comprisse o anno do dia
do passamento d’El Rey começou esta Rainha caminho sem o dando a entender pera
hyr à egreja em romaria hu jaz o corpo de Sanctiago apostolo e sitúa esta
peregrinación para participar na festa de Santiago, o 25 de xullo de 1325.
ante que se
comprisse o
anno do dia
do
passamento d’El Rey começou
esta Rainha caminho
sem o dando a entender pera
hyr à egreja em romaria
hu jaz o corpo de Sanctiago
Apostolo. E assi calou
per hu hia que os da sa
companha per alghũus dias
que nom entendiam a que
partes hyr queria ataa
que nom chegou acerca de
Sanctiago a hũu lugar
que he alongado da villa,
[fl. 13v] per hũua legoa
onde parescia a egreja, foy
de pee com gram devaçom
ataa a
egreja de Sanctiago,
e esto era
no mes de
julho ante a festa de
Sanctiago por dias, e teve aly
a festa. E em no dia da festa
dizendo o arcebispo
missa offerecendo esta Rainha
ao Apostolo Sanctiago
mais nobre coroa que ella
avia com muitas pedras preciosas[iv].
O camiño portugués era, no
século XIV, percorrido por numerosos portugueses, así como por peregrinos doutras
nacionalidades que chegaban a Portugal por vía marítima. Como sinala Francisco
Singul podemos reconstruír o seu itinerario a partir de dúas rutas coñecidas
por vía terrestre: a realizada, a finais de 1494, por Hyeronimus Münzer (médico
de Nuremberg que dende Lisboa chega a Coimbra continuando por Porto, Barcelos,
Ponte de Lima, Valença, Tui, Redondela, Pontevedra, Caldas e Padrón) ou a
seguida polo rei Manuel I en 1502 (que parte de Lisboa en barco polo Taxo, ata
Tancos, Tomar, Coímbra onde de novo navega ata Porto, Dumio-Braga, Ponte de
Lima, Valença, Tui, Pontevedra e Santiago). Unha ruta terrestre que xa describira
Al-Idrisi, no século XII, que tamén recolle unha ruta marítima que chegaba
desde Portugal ata máis alá das Torres do Oeste, desembarcando en Padrón.
Non temos constancia do
itinerario realizado por Isabel de Portugal aínda que, na actualidade, a
maioría dos investigadores adoitan como mais probable que chegase por vía
marítima ata Padrón, embarcando posiblemente no porto fluvial de Montemor-o-velho.
Tras visitar Padrón, como recolle o texto precedente, a unha legua deixa a mula
para facer o camiño restante a pe, un percorrido posiblemente dende O
Milladoiro, onde xa era posible ollar as torres da catedral compostelá.
Como era norma nestas
peregrinacións rexias ou nobiliares os peregrinos agasallan ao apóstolo e súa
igrexa con relevantes doazóns. No caso de Isabel de Portugal entrégalle ao
apóstolo a súa coroa de raíña -símbolo da súa condición real cuxo poder emana
de Deus- así como un rexio manto bordado con fíos de ouro e prata, tapicerías
coas armas de Aragón e Portugal, unha vaixela que gustaba usar o rei e outros
presentes: a mula empregada en parte do camiño, tapices coas armas de Aragón e
Portugal, un grupo escultórico da Anunciación, que -como documenta F. Singul-
ocupou durante séculos un altar no trascoro da catedral, dándolle ao espazo
entre o Pórtico da Gloria e o coro o nome de 'nave da Preñada'.
O arcebispo Berenguel de
Landoria, que recibiu á raíña, correspondeulle entregándolle unha “escarcela”
ou fardel adornado cunha cuncha de vieira e un báculo ou bordón ornamentado con
pequenas vieiras gravadas sobre ferros de prata, e con remate en tau, realizado
en pedra e adornado con leóns de prata nos extremos; este báculo está inspirado
no que empuña Santiago no parteluz do Pórtico da Gloria. Con estes obxectos que
a identificaban como peregrina xacobea enterrouse a raíña en Santa
Clara-a-Velha de Coimbra, pois ambos obxectos apareceron en 1612 no interior do
sepulcro, cando se recoñeceu o seu corpo como parte do proceso de canonización.

Bordón en tau de Santa Isabel de Portugal
No mencionado Livro
recolle o cronista a seguinte afirmación sobre estes agasallos:
de guisa
que dizião os da egreja de Sanctiago que aly eram
que era memoria de homẽes em
aquel tempo, que
tam nobre,
e tam rica
offerta a nemhũa
pessoa
vissem dar
à egreja de
Sanctiago.
Conservamos dúas fermosas
ilustracións desta peregrinación na “Genealogia dos Reis de Portugal”,
deseñada por Antonio de Holanda e iluminada por Simón Bening en Flandes na
primeira metade do século XVI. Xunto ao seu valor artístico posúe un relevante
valor iconográfico e documental. Nun dos debuxos figura a raíña chegando á
porta da catedral acompañada da súa comitiva, vestindo o hábito de clarisa pero
portando a coroa real e os símbolos que a identifican como peregrina. Na
segunda representación, diante do altar do apóstolo, dona Isabel axeonllada,
xunto ao seu séquito, diante do altar maior da catedral, entrega a súa coroa ao
arcebispo Berenguel de Landoira.
e tornou-se
pera Purtugal, e as gentes das comarcas per hu
viinha
sayam de sa propria vontade
aos caminhos e lugares
hu passava por a veerem por a
bondade que della
ouviam dizer
que [fl. 14]
avia, e a
serviam.
Em aquelle tempo era já Rey
de Castella e de Leom
Dom Affonso seu neto filho
d’El Rey Dom Fernando
e da Rainha Dona Costança
filha desta Rainha, e
os das
villas e logares
do senhorio d’El
Rey de
Castella a
acolhiam em as
cercas ella e
os seus,
e porque muitas companhas com
ella viessem nom
receavam d’acolherla por sa
bondade, e porque era
avoo d’El Rey seu senhor[v]
Ruy de Pina (1440-1522), na súa Crónica de El Rey
Dom Afonso o Quarto, asegura que a raía regresou como peregrina en 1335,
desta volta anonimamente: Andando o ano de Cristo em mil e
trezentos e trinta e sinco, a Rainha D. Izabel molher que foy de el-rey D.
Dinis (...) sendo este anno jubileu de Santiago de Galiza, ella por aver do
tezouro da misericordia e piedade de Deus indulgencia e remisão de seus pecados
foy a elle e tornou de pé aforada e muy desconhecida, pedindo pello
caminho esmollas aos
fieis christãos com seu bordão na
mão e fardel às costas como hũa bem pobre romeira[vi].
Tamén a lírica medieval recolle esta tradición
lendaria da segunda peregrinación de santa Isabel:
Vai romera a Sant-Iago
Doña Isabel de Aragón
Raiña de Portugal.
En vez de vestos reaes,
Traia un habito de freira
Os ollos cheos e humilde
Pedindo Smolla na estrada.
Isabel de Portugal falece o 4 de xullo de 1336, tras
exercer de novo como pacificadora no conflito armado entre o seu fillo Afonso
de Portugal e o seu neto Alfonso XI de Castela. Foi soterrada no convento de
Santa Clara-a-Velha de Coimbra que ao resultar anegado progresivamente polas
augas do río Mondego foi trasladado no século XVII ao novo convento de Santa
Clara.
A súa estatua xacente obra do mestre Pero de Coimbra é
unha exquisita peza da escultura gótica portuguesa na que non faltan os
símbolos xacobeos da raíña: a “escarcela” e o bordón en tau que recibiu en
Compostela. Ambos obxectos foron tamén atopados ao abrir este sepulcro no
proceso de canonización en 1612. O fardel foi enviado ao Palacio Real de Madrid
onde desapareceu nun incendio, namentres que o bordón conservase aínda no
convento de Santa Clara de Coimbra. Quedou así para a historia, como soberana,
devota franciscana e peregrina xacobea, pervivindo na lembranza e na memoria dos
portugueses como a unica “rainha” santa de Portugal.
O seu proceso de canonización foi promovido polo rei
don Manuel I que solicitou ao papa León X o seu beatificación, ratificada por
bula pontificia asinada o 15 de abril de 1516. O feito de que dona Isabel fose
nai de reis peninsulares –Constanza de Castela e Afonso IV de Portugal-,
ascendente por dobre vía de Felipe II, rei de España e Portugal, foi decisivo
para que o monarca hispano comezase a
promover o seu canonización no período de unión de ambas monarquías, un proceso de
canonización que habería de culminar con éxito o papa Urbano VIII, o 25 de maio
de 1625, sendo rei de ambos territorios ibéricos Felipe IV.
Xa en vida e moito mais tras o seu falecemento Isabel
de Portugal, a rainha santa, gozou de ampla sona e afecto que se expresa nun
amplo conxunto de tradicións e lendas relacionadas coa súa figura que se
estenden por todo Portugal, algunha delas relacionadas coa peregrinación
xacobea: a lenda da “cura da criança cega” ou “o milagre da Arrifana”, as
lendas da “Fonte da Fortuna” e do “Poço da Rainha”, en Fragoso, e a lenda
etimolóxica da “Fonte do ouro”, en Fontoura – Valença, que lembra como tería
durmido neste enclave e na fonte que aínda hoxe podemos ver na Quinta do Alto
nas augas brotaron láminas de ouro.
A rainha santa, Isabel de Portugal, logo de 701 anos da súa peregrinación a Santiago é un dos elementos referenciais do patrimonio intanxible ligado ao Camiño Portugués herdeiro dunha tradición secular que segue lembrando a súa figura e enriquecendo a longa historia da peregrinación dende Portugal.
[i] Sobre esta peregrinación
teño publicado sendos traballos nas revistas Peregrino (revista del
Camino de Santiago), nº 222, diciembre 2025, pp. 40-41 e Libredón
(publicación da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago) nº 36, ano
2025, pp. 19-21.
[ii] Baquero, Humberto e Martins, Alcina M.: Figuras de la realeza
portuguesa en peregrinación a Santiago” en Santiago, Camino de Europa. Xunta de Galicia, 1993 pp. 107-108
[iii] Azevedo Santos, María José: “Contributos para a hagiografia de dona
Isabel de Aragão” en Livro que fala da boa vida que fez a Rainha de Portugal
Dona Isabel: de seus bons feitos e milagres em sa vida e depois da morte.
Universidade de Coimbra, 2025.
[iv] Azevedo Santos, María José: “Transcrição do Códice” en Livro que
fala da boa vida que fez a Rainha de Portugal Dona Isabel: de seus bons feitos
e milagres em sa vida e depois da morte. Universidade de Coimbra, 2025.
[v] Azevedo Santos, María José: “Transcrição do Códice” Op. Cit.
[vi] Pina, Rui de: Chronica de El Rei Dom Afonso o Quarto... Lisboa
: Biblion 1936.



_-_S%C3%A9_Velha_de_Coimbra.jpg)





Comentarios
Publicar un comentario