Ir al contenido principal

Tres poemas no 140 aniversario da Ponte Internacional

A vella cidade de Tui e a praza amurallada de Valença compartimos un mesmo espazo xeográfico e unha historia en común que nin as separacións políticas iniciadas nos tempos medievais foron quen de interromper. Daqueles tempos son os acordos de “veciñanza” que protexían o comercio e a circulación das xentes miñotas ao longo da fronteira. Somos a fronteira máis antiga de Europa e, ao tempo, dúas localidades fronteirizas que estamos unidas conformando un único espazo urbano. E asi foi ao longo dos séculos dous pobos aos que tentaban afastar e unhas xentes que compartían amores e festas, dura subsistencia e emigración, traballo e vidas... namentres que as estruturas políticas procuraban impermeabilizar a fronteira.

Era o río Miño a canle de unión e de separación entre ambos territorios, o espazo polo que transitaban as barcas, especialmente a que era propiedade do Cabido da catedral, que levaban veciños, visitantes, mercadorías, gando... mantendo viva a comunicación entre ambas ribeiras.


Foi un 25 de marzo de 1886 cando nunha solemne e espectacular cerimonia coa presenza de sendas locomotoras, que bicáronse sobre o río Miño, foi inaugurada oficialmente a ponte internacional sobre o río Miño que unía a Tui e Valença, a Galicia e o Minho, a España e Portugal. Dende aquela esta ponte é símbolo da comuñón de vidas de tudenses e valencianos, integrada na nosa vida colectiva como a rúa que nos une, especialmente dende a desaparición da fronteira que exemplificaba esa superestrutura ignorada e aproveitada, segundo fose o caso, polas nosas xentes.

Hoxe cómpre lembrar os nomes gracias aos que foi posible crear esta ponte, exemplo sobranceiro da arquitectura do ferro: os enxeñeiros españois Eusebio Page Albareda e Inocencio Rodán e os portugueses Francisco María de Souza Brandao e Jose Diego Mascarenhas Mousinho d’Alburquerque que en 1864 ditaminan a necesidade desta ponte; os deputados Ezequiel Ordoñez González e Lorenzo Cuenca San Juan, que promoveron numerosas iniciativas parlamentarias e xestións na administración para logar esta ponte; o enxeñeiro Luis Page encargado da redacción do proxecto de enlace entre Tui e Valença que elixe o lugar chamado “Poste Vermello” para a súa construción; ratificada en 1879 pola comisión na que participan, por parte portuguesa, Buenventura Jose Vieira, enxeñeiro xefe dos ferrocarrís de Douro e Miño, Pedro Alves de Avelar Machado, maior de enxeñeiros, e José Bandeira Coelho de Melo, capitán da mesma arma; pola parte española asinan José Montero Rodríguez, comandante do corpo de enxeñeiros, e Eusebio Page, enxeñeiro xefe dos ferrocarrís internacionais; o enxeñeiro Pelayo Mancebo Agreda que en 1880 ve aprobado o seu proxecto; a Eugene Rolín da empresa belga “Braine-La-Compte” que logra a adxudicación da obra en 1881; este Eugene e o seu irmá Ernest Rolin, axiña substituído por Auguste Cazaux, máis o enxeñeiro inspector o galego Andrés Castro Teijeiro que son os encargados de dirixir esta obra; aos tamén enxeñeiros Juan Joaquin Mattos e Augusto Luciano Simoes de Carvalho que en 1885 recoñecen e aproban a obra realizada; e tantos e tantos operarios que con esforzo ergueron esta obra icónica. Lembrar este nomes é un acto de xustiza para todos os que nos sentimos vinculados a esta ponte.

Celebramos hoxe os 140 anos deste feliz acontecemento que abriu un novo tempo, mais aló de que as grandilocuentes expectativas que suscitou esta nova vía de comunicación case non lograron cumprirse. Seguimos hoxe, logo de 140 anos, pulando por unha comunicación ferroviaria que artelle este espazo rexional.

Un novo tempo marcado por un elemento arquitectónico que dende aquela data converteuse no símbolo da relación, da unión, entre os dous territorios. Un lugar de memoria dunhas poboacións que tiveron na ponte internacional un lugar de oportunidade, pero tamén un lugar de risco e perigo, de temor e control policial, un espazo de encontro, de solidariedade,

Celebramos este aniversario con tres espléndidos poemas de autores galegos e portugueses que testemuñan a presenza e permanencia desta ponte metálica na memoria colectiva pois ela conforma unha parte da nosa identidade como tudenses e valencianos.

Coa nosa lembranza a esta efeméride tamén a nosa reclamación da súa iluminación artística, que a dota de maior atractivo referencial, e a súa declaración como Ben de Interese Cultural ou Patrimonio Classificado polas administracións de Galicia e Portugal.


TUI

 

Numa torre da Sé, das águias do ninho.

Olho a paisagem de beleza estranha:

Vejo ali Portugal e estou enm Espanha,

Lá está Valença, e em baixo corre o Minho.

 

Terras irmãs, com fraternal carinho,

Uma retrata a outra; e o sol que as banha,

Loira mãe, com os olhos acompanha

As duas gémeas no infantil bersinho.

 

No vale, a ponte que une os dois paises,

Lembra-me o emblema, que é frequente ver

Nas missivas de amor, no amor que inquieta.

 

Termos amantes, na paixão felizes,

Emblema em que há dois corações a arder,

Atravessados pela mesma seta.

 

De Eugénio de Castro: poema tomado de “Fituy 2003. Catálogo de la exposición filatélica internacional. Fiestas de san Telmo, 2003”.


STRAPERLO

 

Esvaradías augas luxuriosas

verde presaxio da cópula do esteiro

cheiror de marusía

abriga piares da ponte de Tui

ferros de Eiffel

ponte que abraza o que o Miño une.

Esplendor do río baixo o cruce ferreño.

 

Un abriguiño azul alampa entre os ferros.

Pasos infantís fatigados.

Un peíño, outro, outro...

Os pés son poutadas agarradas no chan.

Enxerga os ferros

matina nos guardas.

 

Eiffel ignoraba a lonxitude da ponte

medida por unha nena baixo un abrigo azul.

Gordiña dirán os guardas

e a súa carne pouca deixa ver os ósos.

O medo tamén pesa.

Ponte dereitiña!

Agora un pé, logo outro...

Nin sente a dor das frieiras.

Infla as fazulas cando vexas os guardas!

Ferros nas olladas.

A ponte faise eterna.

O fulgor das augas baixo os arcos

apágase ignorando a coraxe infantil.

 

De María Xosé Queizán: “Cólera” (2007)


FRONTEIRA

 

Amor, non teñas medo se estou soa

e se o medo dunha Dama do Anel pon en perigo a miña vida cada

noite

cando fecho con chave a porta da única saída

non teñas medo da miña morte na fuxida no descenso da torre sen  

   chanzos

se o mundo prende en lume

se o fumo me ameaza

non temas, amor,

eles virán para salvarme

os Bombeiros Voluntarios de Valença

virán co seu camión a rescatarme

Os Bombeiros Voluntarios de Valença

símbolo mellor desta unidade.

 

Agora, amor, déixame durmir neste leito

o teu corpo e o meu,

as nosa casas xuntas

amante.

 

Da túa boca á miña boca un lazo de cereixas.

 

Nesta ausencia pronunciábel da fronteira.

 

De Marga do Val: “A cidade sen roupa ao sol” (2010)

Comentarios

  1. Espléndida homenaje neste día. Ponte con miles de historias que non se contarán.

    ResponderEliminar
  2. Preciosos poemas de vivencias na ponte de dúas mulleres comprometidas.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario