Ir al contenido principal

Parlamentarios tudenses (II): a egrexia figura de Agustín Rodríguez Vaamonde

Reincorporado ao poder Fernando VII anulou as Cortes de Cádiz e a súa obra lexislativa e restaurou o absolutismo, en maio de 1814. Tras o pronunciamento de Riego en Galicia no mes de febreiro de 1820 se suman as diversas cidades e vilas, abrindose o coñecido como trienio liberal (1820-1823). A vida política tudense neste período resulta certamente convulsa, reproducindo o forte enfrontamento entre liberais e absolutistas que existía en toda España.

Semanario Pintoresco Español, 1847

En Tui ao coñecerse o levantamento de 1820 créase unha Xunta absolutista presidida polo coronel Marcó del Pont, furibundo defensor do absolutismo, pero a chegada dun destacamento procedente de Vigo fai fuxir a Marcó del Pont co seu pequeno grupo militar o 27 de febreiro de 1820. Curiosamente en Tui a oposición ao réxime liberal non estará encabezada polo bispo, Juan García Benito, que adopta unha actitude moderada e que mesmo afirma nunha pastoral que “defender la Constitución no es ponerse contra la religión” senón por diversos persoeiros que promoven unha “Junta Apostólica”.

Esta xunta, defensora do absolutismo, estará presidida por D. Juan Ramón de la Barcia, médico do Cabido e procurador, xunto a D. Manuel de Castro, barón de Sancti Johanni, D. Ignacio Manuel Pereira, señor de Reboreda e do Pazo da Xunqueira, D. Tomás Blanco Cicerón, capitán do Rexemento de Tui, D. José Pérez de Limia, crego de Valadares, D. Basilio Gil Araujo, crego de Cequeliños, D. Manuel María Núñez e D. Manuel María Avalle, señor de Fiolledo e exdeputado. Xunto a eles apoiaban o movemento contrarrevolucionario o cóengo Vázquez Bazán ou Frei Tomás Blanco. Os seus integrantes tiveron de refuxiarse, xa en 1820, en Portugal, onde Avalle foi Presidente da Xunta. Perseguido e incautados os seus bens, Manuel Maria Avalle foi un exemplo de fidalidade ás súas conviccións absolutistas.

A caida do réxime liberal, coa conseguinte restauración absolutista, acontece en Tui o 23 de xullo de 1823, sendo liberada co apoio de forzas portuguesas, “despois do TeDeum, cantado na Igrexa de San Domingos, foron paseados pola cidade os retratos mesturados de San Telmo, Fernando VII e Pio VII”. Ábrese en toda España un período de goberno absolutista de Fernando VII coñecido como “Década ominosa”.

No trienio liberal haberá dous procesos electorais nos anos 1820 e 1822 en que retornan os deputados liberais aos escanos das Cortes, entre eles, o tudense Agustín Rodríguez Vaamonde, avogado, “un dos deputados máis activos, en palabras de Xosé Ramón Barreiro, liberal templado, participa en moitos dos máis importantes debates”, apoia importantes medidas modernizadoras como a abolición dos señoríos eclesiásticos e civís. A representación nestes procesos electorais non é por distritos senón que abrangue a totalidade do reino de Galicia polo que Tui nestes comicios carece de representación directa.


Rodríguez Vaamonde era natural de Ponteareas, casou en Tui con Juana Roca Portela e na nosa cidade desenvolveu a súa actividade no ámbito xudicial. Tiña acadado os grados de bachaler en Leis e Canónes na Universidade de Santiago. Foi rexedor (1805), xuíz (1807) e rexedor decano (1809) en Tui, negándose a aceptar ás novas autoridades francesas e organizou “os servizos de defensa da provincia ata a constitución da Xunta de Armamento e Defensa da provincia tudense, da que foi secretario” e tivo un destacado protagonismo na organización do sitio da cidade fronteiriza. Consecuentemente foi electo, o 21 de febreiro de 1810, como representante da provincia tudense nas Cortes de Cádiz.

Nestas Cortes formou parte de varias comisións e participou activamente nos debates e presentando iniciativas lexislativas como sobre a abolición dos señoríos e a fiscalidade do Antigo Réxime como a reordenación da administración local. A Agustín Rodríguez Vaamonde cábelle a honra de ser un dos asinantes da Constitución Española de 1812 e foi logo elixido como secretario das Cortes o 24 de xaneiro de 1813, testemuñándose o prestixio do que gozaba naquel parlamento.

Mark A. Burkholder nos informa que “El 11 de julio de 1820, fue nombrado magistrado de la Audiencia de Cuba (Puerto Príncipe), puesto en el que nunca sirvió. Participó asimismo en las Cortes del Trienio Liberal. Fue nombrado magistrado de la Audiencia de Valladolid por título del 11 de julio de 1822, para reemplazar al difunto Francisco Vicente Yáñez”.

No trienio liberal (1820-1823) retornan ás Cortes os deputados liberais entre eles Agustín Rodríguez Vaamonde, agora como representante do reino de Galicia ao non existir distritos máis cativos. Tivo unha destacada actividade política nas Cortes de 1820, formando parte de numerosas comisións parlamentarias e promovendo múltiples iniciativas

Tras el Trienio Liberal, la reacción fernandina lo arrestó en Ribadavia, sufrió afrentas públicas y fue desterrado a Orense y Lugo. Muerto Fernando VII en 1833, fue rehabilitado como oidor de la Real Audiencia de Galicia. En ella se encontraba, cuando fue nombrado ministro en propiedad de la Audiencia de Asturias por decreto del 12 de noviembre de 1840, aunque —por motivos de edad y salud— solicitó dispensa, que le fue concedida en diciembre, aunque se le concedió en propiedad su plaza en la Real Audiencia de Galicia, de la que llegó a ser magistrado decano. Un año antes de fallecer, fue nombrado ministro honorario del Tribunal Supremo de Justicia”.


Superada a década ominosa (1823-1833) e tras o pasamento de Fernando VII e a rexencia da raíña gobernadora, María Cristina, diante da minoría de idade da futura Isabel II, consolídase o réxime liberal que chega ata 1868. Un novo proceso electoral desenvólvese no ano 1834, aínda que recuperando o voto censitario e establecendo o distrito electoral baseado nas novas provincias, no noso caso Pontevedra. Resulta elixido neste proceso o Provisor (xuíz eclesiástico) do Bispado de Tui, José Manuel Alcalde, pero axiña será desprovisto do cargo por carecer da renda esixida, sendo substituído polo militar vigués Manuel Llorente y Pastor.

Natural de Ponteareas a biografía de Alcalde está moi escura. Cando a invasión francesa cursara estudios na Universidade de Santiago que tivo de abandonar, será en 1819 cando acolléndose a unha medida extraordinaria para os alumnos que viran interrompidos os seus estudios logre, tras un exame, a licenciatura en Leis, o bacharelato en Canóns e, ao ano seguinte, o doutoramento en Leis. Liberal moderado, foi logo ordenado sacerdote, sendo cóengo da catedral tudense, arcediago de Taboexa e posteriormente provisor e vigario xeral do Bispado.

Nos diversos procesos electorais celebrados no ano 1836 retorna ao parlamento o político tudense Agustín Rodríguez Vaamonde, que renuncia por enfermidade o 22 de novembro de 1836 culminando así unha intensa actividade política, pero non será o único da súa familia en continuar esta vocación. Axiña tomarán o seu relevo os seus fillos Florencio e Teófilo.

Neste mesmo ano  resulta electo pola provincia de Pontevedra Pedro Telmo Piñeiro Cárdenas, que nacera en Tui fillo de Pedro Piñeiro de Lara, coronel e comandante xeneral de Tui. Pedro Telmo fixo tamén carreira militar e accedeu ao Congreso nesta lexislatura de 1836 que so durou dous meses. De seguido retornou ao seu rexemento. Morreu no ano 1837 en Vitoria loitando contra os carlistas.

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall