Ir al contenido principal

Próximo centenario do Dr. Francisco Comesaña e de Choncha Concheiro


Este blog ten, entre outros obxectivos, recuperar para a memoria da nosa cidade feitos, costumes e persoas vencelladas ao espazo tudense. Hai nomes abondosamente reiterados e outros que, coñecidos en diversos segmentos de idade ou condición, fican aínda practicamente descoñecidos para grande número dos nosos veciños. Un destes nomes é o de Francisco Comesaña Rendo, Paco Comesaña, e da súa muller Asunción Concheiro García, Choncha. Certamente aínda hai moitos amigos e coñecidos seus que poden achegar unha biografía con mais coñecemento e profundidade, pero a circunstancia de que no vindeiro ano cúmprase o centenario do nacemento de ambos xustifican este esbozo biográfico,  Francisco Comesaña morreu no ano 1997 pero Chonchiña aínda vive, agora dende hai escasamente dous anos en México. Estas notas están centradas especialmente na figura do doutor Comesaña baseándose nalgunhas lembranzas persoais e sobre todo na consulta de diversa bibliografía, que curiosamente é escasa.

Francisco Comesaña Rendo nace en Cienfuegos (Cuba) no ano 1913; fillo de emigrantes galegos, regresou a Galicia cando contaba seis anos de idade. Os seus pais eran tudenses e nesta localidade contaban con casa e tamén en Compostela. Estudou Medicina na Universidade de Santiago, foi alumno interno do catedrático de Fisioloxía daquela Universidade, José García Blanco y Ogarzabal. Nalgunhas publicacións se indica que non completou a súa carreira polo estoupido da guerra pero non é certa esta afirmación. No depósito do seu titulo como médico figura unha nota, redactada en plena represión franquista, que versa: el interesado está inhabilitado para ejercer la profesión en España conforme al Decreto de 7 de octubre de 1938.

Afiliado ás Xuventudes Socialistas compostelás das que foi secretario xeneral, así como presidente das Juventudes Socialistas Unificadas trala fusión coas Juventudes Comunistas, tiña, a pesar da su mocidade, unha intensa actividade política nos anos da II República.No ano 1931 coñecerá na Ferradura compostelá a unha moza natural de Ordes, onde nacera o 1 de maio de 1913. Con Ascensión Concheiro García (Chonchiña), que estudaba Maxisterio, iniciará un longo noivado, como era norma daqueles anos, e unha fermosa vida compartida. Choncha vive dende o pasado ano 2011 en México onda a súa filla.

Ao triunfar o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, participou na defensa de Ordes (A Coruña) e logo foi detido en Compostela. Conchiña relata a súa detención na mesma xornada en que vez primeira ía xantar a parella coa familia dos Comesaña, en Santiago na rúa das Rodas, onde residía Francisco. Unha patrulla da Garda Civil, posiblemente chegada de Ordes, detén violentamente a Comesaña Rendo sendo encarcerado na cadea coñecida como Falcona nos baixos do Pazo de Raxoi. Alí permanece ata o mes de decembro en que se inicia o Consello de Guerra contra Paco Comesaña e os outros quince compañeiros que detiveran canda él polos sucesos de Ordes, sendo condenados a morte por “rebelión militar contra el  Alzamiento Nacional” en sentenza do 22 de decembro de 1936. Consta que tivo de facer fronte, en concepto de responsabilidade civil, a unha sanción de 500.000 pesetas por “los prejuicios sufridos por la revolución” así o recolle a Causa 230/36 de Santiago do Tribunal Militar Territorial IV da Coruña.

Dada a dobre nacionalidade de Francisco Comesaña, a súa familia (especialmente a súa nai e a súa noiva) comezan as xestións para lograr o indulto apoiándose nesta condición de cubano. Varios xornais da illa recollen esta campaña con titulares como “el médico cubano condenado a muerte” que acada unha dimensión internacional, recibíndose numerosas mostras de apoio e moitas cartas de recomendación sobre o doutor que a súa nai e noiva achegan persoalmente a aquelas persoas que podían promover o indulto diante das autoridades do novo réxime.

O 11 de febreiro de 1937 son fusilados os seus compañeiros descoñecendo que tiñáselle concedido o indulto ata momentos antes. Un estremecedor testemuño de Isabel Ríos, presa tamén na Falcona, recolle este momento:
Comesaña, un campañero de Tuy, sabe que está indultado. Cuando se entera o cuando se encuentra con Choncha y sus familiare, sufre una crisis de llanto horrible; yo en mi vida  había visto llorar a nadie como él. No podía tolerar la idea de ser indultado y que doce compañeros de su mismo proceso fueran ejecutados

Segundo referencias de Choncha a intervención do médico falanxista Manuel López Sendón, tisiólogo e daquela Director do Sanatorio Antituberculoso da Choupana en Santiago, evitou que Comesaña fora “paseado” pois “as súas respectivas nais eran viciñas e amigas”. Gracias tamén ao apoio dun maxistrado, Choncha consegue o traslado de Paco á cadea da Coruña, onde permanece ata tres anos, sendo posteriormente enviado ao sanatorio penal da serra de Valencia, chamado “Porta Coeli”. No ano 1941 deciden casar por poderes: Choncha en Ordes acompañada dun dos seus irmás e Francisco no devandito sanatorio penal.
Ao cabo do pouco tempo é trasladado de novo a Galicia, en concreto a Vigo, onde son agrupados todos os presos de orixe cubana. O tren pola neve queda parado en León varias semanas e namentres Francisco consegue unha recomendación para viaxar xunto á súa esposa dende Monforte a Vigo. Ao paso por Guillarei, agardaban o tren a súa nai, a súa irmá, que os acompañará ata Vigo, e numerosos amigos aos que saúda dende o vagón a través dos vidros. Seguimos o relato que recolle:
Tras pasar Redondela Francisco abandona á súa irmá que subira en Guillarei, e a súa muller para ir fumar e emprende unha longa conversa cos gardas. Choncha estaba verdadeiramente desilusionada ante a reacción do seu home, pois, despois de tantos meses, en lugar de quedar con ela, vaise coa garda civil. Ela non entendía de ningún xeito esta reacción.
Cando xa entraban na cidade de Vigo, Francisco volve ao vagón das dúas mulleres e pregunta cal era o mellor hotel da cidade. A súa irmá contéstalle que é o Universal. Entón, Comesaña failles un aceno que lles permite entender as dúas mulleres que dende Redondela estaba tramando unha argallada, polo que a partir destes momentos ámbalas dúas déixanse levar. Francisco convencera ós gardas para que lle deixaran  pasar con Choncha aquela noite en Vigo pois ó chegaren tan tarde ninguén se ía decatar de se chegaran no último tren da noite ou no primeiro da mañá. A única condición que os gardas lle impuxeran era que, se alguén coñecido os recoñecía en Vigo, el tería de entregarse (…) ‘llegamos allí, ibamos los dos muy elegantes, entonces llegó allí se registró: ‘Por favor, una habitación para mi y otra para mi escolta’. Entonces, pensaron allí que era un personaje, que tenía escolta… se volvieron locos y no sabían que hacer … otra habitación para la señorita, mi hermana, y, por favor, nos sirven la cena en la habitación’ (1)
Esta fermosísima, e á vez dramática, historia inspirou o libro “O lapis do carpinteiro” do escritor –que residiu en Tui varios anos- Manuel Rivas.

No cárcere de Vigo estivo tres anos, pois houbo unha revisión do seu proceso e foille rebaixada a condena de trinta anos a seis anos e un día, saíndo en liberdade condicional no agosto do ano 1943. Comesaña tenta retomar o seu traballo como médico pero tamén presta apoio sanitario a escapados e á guerrilla cun evidente risco para él a súa familia, que axiña ía medrar coa chegada do seu primeiro fillo. No ano 1944 parten dende Vigo no trasatlántico “Marqués de Comillas”, xunto a outros cubanos expulsados de España polo franquismo, exiliándose na illa do Caribe.




En Cuba comeza unha ampla campaña antifranquista, e na Habana nacerá o seu primeiro fillo, sendo apadriñado polo seu camarada comunista e amigo Julian Grimau (a quen de seguro coñecía de Galicia onde Grimau, que militara primeiro na Orga, era o delegado na Coruña de editorial La Fe en cuxo local se reunían intelectuais e artistas, logo regresará a Europa dirixindo dende Francia a resistencia antifranquista, sendo detido e fusilado pola ditadura no ano 1963). Os exiliados en México reclaman a presenza de Comesaña para desenvolver unha nova campaña de propaganda naquela nación, onde recibe unha oferta de traballo e deciden instalarse en México DF ocupándose da dirección médica dun laboratorio farmacéutico e participando con outros médicos nun hospital, financiado por varias sociedades, que ofrecía asistencia gratuíta aos exiliados.

Na capital azteca vive no mesmo edificio no que residen outros exiliados (entre Luis Soto e Cesar Lombardía) e participa en numerosas actividades do exilio. Foi fundador do Padroado da Cultura Galega, e na súa revista “Vieiros” publica en 1968 un artigo titulado “Cavilando…” sobre a celebración do Día da Patria Galega. Dende aquela o seu ideal comunista fica vencellado ao nacionalismo galego. “Choncha” pola súa banda, coida dos seus filla e participa na “Asociación de Mulleres Españolas Mariana de Pineda” dedicada a apoiar aos presos nas cadeas de España. En 1957 reciben autorización para viaxar a España e apadriñar a un sobriño de Paco, unha visita de quince días sempre baixo vixianza policial.

Aínda que a súa muller viaxaba periodicamente a España para visitar a súa familia, Comeseña non retornará definitivamente ata trinta e tres anos despois, no ano 1977 instalándose na casa familiar de San Bartolomeu. Nunha entrevista en El Pais de 2008 Choncha lembra este regreso cunha fermosa anécdota: Cuando regresamos, en Tui nos hicieron una fiesta. Era el día de San Bartolomé (algun informante local corrixe é di que era San Roque) y cuando la procesión pasó por delante se cayó la cabeza del Santo. Todo el mundo dijo: "Se bajó a saludar al comunista".

Paco Comesaña amosa a súa querenza tudense nunha entrevista publicada no suplemento das Festas de San Telmo no “Faro de Vigo” de 18 de abril de 1977, ao pouco tempo do seu regreso a Tui, onde declara ás preguntas do correspondente, Alberto Estevez Piña, sobre as súas lembranzas no tempo de exilio:
Hay una doble preocupación, por un lado, la “morriña” del gallego, acentuada, en mi caso, por la “morriña” de tudense, ya que durante los treinta y tantos años de exilio no logré apartar en ningún momento de mi mente las imágenes  fuertemente grabadas en mi cerebro de las orillas del Miño, del grandioso paisaje que admiré de niño desde el Aloya, de las piedras milenarias, de los carballos fuertemente enraizados en el río Louro, en mis tiempos limpio, puro y sin contaminar, y “a ponte da veiga” muy cerca del cual aprendí a nadar en el “Cañoto”. Por otra parte, también dentro de la misma “morriña” un penetrante sentimiento político gracias a cuya concepción pensé siempre que un día regresaría a mi querido e inolvidable Tuy con una visión de libertad y democracia, en la cual los nacidos en este rincón maravilloso podamos vivir sin angustias, sin temores ni odios, pensando que una organización pública justa hará posible que jamás en nuestra tierra tengan que producirse nuevos mártires por defender privilegios universales de justicia y libertad.
Tampoco olvidé nunca a maestros de mi época de juventud, como Don Daniel Alonso Bernárdez, director de la “Pasantía X” gracias al cual un buen número de estudiantes tudenses aprendimos el hábito de estudiar y el orgullo que nos hacía sentir nuestro querido maestro, cuando decía que sus alumnos eran de los mejores cuando nos examinabamos por libre en los institutos de Pontevedra y Orense

Aínda que regresou cunha saúde delicada, logo de varios infartos, agravada cunha doenza respiratoria, Comeseña mantivo unha intensa actividade e converteuse dende a súa casa tudense nun símbolo da nova democracia que agromaba daquela no noso país, da superación do conflito civil sen renunciar as súas ideas. Morre en San Bartolomeu, no seu bario polo que sentía unha especial querencia, no ano 1997.

A inmediata celebración do centenario do nacemento de ambos é unha axeitada circunstancia para lembrar na nosa cidade a Francisco Comesaña, a Chonchiña Concheiro e a súa familia que amosaron dende sempre un grande agarimo por esta vella cidade á que se sinten tan intimamente xunguidos. Otougar o seu nome á rúa que circunda a súa casa e finca (e que comunica San Bartolomeu con Palláns) mantería merecidamente acesa a súa lembranza entre os tudenses.

(1) En Graña Pérez, Beatriz: Voces da memoria, galegas exiliadas, emigradas e resistentes. Universidade de Santiago, 2003. Hai unha extensa biografia de Choncha Concheiro de grande interese e da que tomamos numerosos datos para este post asi como as imaxes e pode consultarse en http://books.google.es/books?id=iudbUcbPV_cC&pg=PA44&lpg=PA44&dq=francisco+comesa%C3%B1a+rendo&source=bl&ots=8sI-mBTxho&sig=mdvUUj7LatVUh0W4NJPCwWU_liI&hl=es&sa=X&ei=7smTT8OeEurJ0QWypYXcAQ&ved=0CC4Q6AEwAjgK#v=onepage&q=francisco%20comesa%C3%B1a%20rendo&f=false)

Comentarios

  1. La verdad, es que me alegro que todabia haya gente que se acuerde de Choncha y Don Paco, puesto que son personas apreciadas por el barrio en San Bartolome, siempre fueron gente que se relacionaron con el barrio sin comparaciones ni categorias, fueron gente sencilla y cariñosa. Gracias por recordarlos.

    ResponderEliminar
  2. Pois moi bo traballo. Paco e Choncha ben que o merece.
    Un saúdo desde Ordes.
    Manuel

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

A lenda do túnel baixo o MIño

As lendas ou narracións populares, transmitidas oralmente, relatan xeralmente acontecementos ficticios que se teñen por reais, en moitas ocasións mesturados con feitos históricos. Pola súa capacidade de evocación, pola súa transmisión xeracional as lendas conforman un acervo do que chamamos patrimonio inmaterial que cómpre recoller e preservar. Na nosa cidade conservamos varias lendas vencelladas ao caracter histórico da nosa localidade, ao seu caracter fronteirizo e consecuentemente a súa fortificación fronte aos posibles invasores. A máis asentada no imaxinario colectivo tudense é a relativa ao “túnel” que comunica Tui coa outra beira do Miño, coas terras de Valença. Resulta moi significativa esta lenda pois testemuña como na mentalidade dos tudenses a fronteira e a súa condición de limite, de aillamento fronte ao estranxeiro era superada polas nosas xentes que a través do túnel escapaban destas “imposicións” e mantiñan a comunicación coas terras irmáns que as estructuras políticas t…

A Semana Santa tudense e as súas posibilidades

Xa na noite do Venres Santo xorde de novo unha reflexión sobre a Semana Santa tudense, pois quizais na nosa cidade non chegamos albiscar as súas potencialidades como elemento que forma parte do noso acervo patrimonial que temos a responsabilidade de conservar, sen privala da súa dimensión relixiosa, e dende esta valorización é tamén un posible recurso turístico para Tui, pois poucos lugares de Galicia teñen unha riqueza similar nestas xornadas.


Neste mesmo blogue temos sinalado que inmediata celebración das festas patronais de San Telmo distorsiona a visión destas xornadas de celebración do misterio pascual de Xesús, configuradas como un preludio das festas e, consecuentemente, infravaloradas non xa na súa dimensión espiritual senón na súa significación cultural. Cómpre valorizar as actividades litúrxicas ou para-litúrxicas destas datas, pois, independentemente da súa significación relixiosa ou espiritual, conservan requintadas expresións da nosa historia colectiva da que somos custodi…

O grupo "Ultreya" tudense (I)

A comezos do ano 1932 o daquela profesor do Instituto de Noia, Álvaro de las Casas, funda con varios rapaces alumnos seus os Grupos Ultreya que terán un curto pero activo papel no desenvolmento da nacionalismo entre a mocidade galega.
Alvaro de las Casas (Ourense, 1902 – Barcelona, 1950) é unha persoalidade apaixoante (o estudo de Uxio Breogan Dieguez asi o documenta). Tras os seus estudos de Filosofía e Letras (especialidade de Historia) en Valladolid, trasladouse a Madrid sendo nomeado secretario particular do conde de Vallellano, alcalde de Madrid. Mantivo de sempre grande relación con intelectuais galegos especialmente con Vicente Risco.
Pero en 1930 da un xiro a súa actividade, adoptando unha actividade galeguista e republicana, incorporándose ao ensino público. Chega en 1930 como profesor de Xeografía e Historia ao Instituto de Noia, posto no que continuará ata a súa destitución polos sublevados en agosto de 1936, cando xa tiña fuxido para Portugal. Tivo unha traxectoria ás veces …