Ir al contenido principal

A historia dun piloto tudense da Escuadrilla Azul : Alfonso Ruibal Sabio



A biografía das persoas é sempre un relato cheo de interese, ata a máis anónima ou anódina, contén no percorrer do tempo elementos que, co paso dos anos, suscitan, cando menos, a nosa curiosidade. Achegamos hoxe unha pequena semblanza dun tudense, cuxa desaparición no decurso da II Guerra Mundial en Rusia ten suscitado numerosas especulacións, polo que podemos falar da lenda de Alfonso Ruibal Sabio.

Alfonso fora nado en Tui o 24 de xaneiro de 1915 membro dunha familia de alongada traxectoria na nosa cidade. Fillo de Rafael Ruibal e Ángela Sabio y David, sendo o cuarto de cinco irmáns. Con 21 anos ao producirse a sublevación militar do 18 de xullo de 1936, evidenciando as súas inclinacións políticas, se presenta na Escola de Tiro Naval de Marín coma voluntario e pasa a integrarse na dotación do cruceiro “Baleares”, onde embarca no Ferrol o 1 de decembro.

Como tripulante deste cruceiro participa na toma de Málaga o 18 de xuño de 1937 e posteriormente se incorpora no aeródromo de Tablada (Sevilla) para formarse como piloto. Na Guerra Civil realiza xa as súas primeiras accións aéreas, chegando a ser tenente provisional. Remata a Guerra recibe como destino a Academia de Aviación de León.

Posteriormente se incorpora á “Escuadrilla azul” no seu primeiro grupo. Trátase de varios grupos de pilotos, todos de experimentada traxectoria que se suman ás forzas militares que España envía en apoio as tropas de Hitler na súa campaña en Rusia. Namentres que na “División Azul” se alistan numerosos falanxistas xunto a aventureiros e militares, no caso da “Escuadrilla Azul” se procura enviar a un grupo selecto de pilotos que formándose xunto a máis prestixiosa forza aérea existente daquela, a “Luftwaffe” hitleriana, fosen logo a elite da forza aérea española. Namentres que a “División Azul” loitaron na zona de Leningrado, as forzas da “Escuadrilla” foron dirixidas ao fronte central co obxectivo de avanzar cara Moscú. Estes grupos de combate testemuñan o apoio do réximen franquista que, nos primeiros momentos da II Guerra Mundial, presta ao réxime hitleriano con quen comparte bastantes prantexamentos ideolóxicos e como pago ao apoio recibido na Guerra Civil. 


Esta Escuadrilla Azul parte de Madrid o 25 de xuño de 1941 integrada por 17 pilotos que eran veteranos da Guerra Civil ao mando do comandante Ángel Salas Larrazabal.

O 27 de outubro de 1941 Ruibal participa nunha operación contra o aeródromo soviético de Klin. Durante o desenvolvemento das operacións e o ametrallamento da base o Messerschmitt 109 que pilotaba foi alcanzado polas baterías antiaéreas polo que comunicou por radio ao comandante Salas –xefe da escuadrilla- que se paraba o motor. Ao pouco informou de novo que estaba só a cen metros de altura, a uns doce quilómetros do lago Staubecken, tras o que non se voltou ter contacto con él, desaparecendo naquel territorio ser ter noticia algunha do piloto nin do seu aparato o Bf109 E W.Nr 1341. O tenente Ruibal foi a segunda baixa desta Escuadrilla.

“O lugar no que se perdeu o seu rastro fixo que Ruibal fose o aviador do Exército alemán caído máis preto de Moscú, marcando un fito. O notable avance logrado polo Exército alemán nas semanas posteriores ao combate de Klin, fixo que o comandante Salas se prantexase a búsqueda do avión de Ruibal, co fin de comprobar se tiña sobrevivido ou, alomenos, atopar os seus restos persoais.

O 3 de decembro, o tenente médico Álvarez Salas-Morris partiu con dous mecánicos cara o lugar onde sospeitaban tiña caído o avión de Ruibal. As indagacións efectuadas cos campesiños rusos levaron aos militares ata un avión derribado cerca dun lago xeado. Cando chegaron alí comprobaron que se trataba dun Junker 88 e non o Messerschmitt de Ruibal. Os paisanos afirmaron que outro avión tiña conseguido aterrar nun punto situado ao Sur, pero que os militares soviéticos tíñano levado, logo de ter apresado ao piloto”.

Os españois nunca foron capaces de corroborar esta versión xa que Alfonso Ruibal non figurou entre os prisioneiros de guerra rexistrados polos soviéticos. Ao comprobar que o lugar onde supostamente tiña tomado terra era axeitado para un aterraxe de emerxencia, os rumores se dispararon entre os membros da “Escuadrilla Azul”. Foi así como chegou a dicirse que Ruibal tiña logrado salvarse da morte pasando ao inimigo, amais de que tiña casado cunha rusa. A súa familia chegaron noticias da súa supervivencia e mesmo se tiña perdido as súas pernas. As dúbidas eran tan grandes que mesmo un dos seus irmáns tramitará os permisos, moi difíciles naqueles anos do primeiro franquismo, para viaxar a Rusa na súa procura, aínda que ao final parece ser que non chegou a emprender esta viaxe.

“Ao longo da súa participación na campaña rusa, Ruibal efectuou 14 servizos e participou en catro combates aéreos, nos que derrubou un avión soviético. Cando foi confirmada a súa desaparición foi ascendido a capitán sendo condecorado tanto polo exército alemán como polo español”.

Proba da alta cualificación que en materia de aviación acadou o piloto tudense foi a patente que rexistrou ao seu nome en agosto do ano 1940: “procedimiento de mando automático del paso, para hélices de aviones que lo tienen variable y en los que se emplean como medio de accionamiento de aquel una dínamo motor”. A concesión data de xaneiro de 1941 non sendo publicada esta ata xuño de 1942, por mágoa meses despois da súa desaparición.

Temos pois que a biografía deste tudense pérdese en territorio ruso, como unha víctima anónima mais daquela terrible II Guerra Mundial na que participaba. Coa súa improbable supervivencia naquela caída comezou outra historia que descoñecemos, toda un lenda sobre Alfonso Ruibal.



Bibliografia: Gutierrez, José M.: “Pilotos gallegos para Hitler: la División Azul aérea” en El Domingo – Suplemento de La Opinión de La Coruña, 25 de marzo de 2007.

Comentarios

  1. Todas las biografías abarcan el transcurso del tiempo que le corresponde a cada una. Decir, " ata a mais anónima o anódina(anodina), contén no percurso do tempo que, cos pasos dos anos..." incurre en reiteración o pleonasmo, además de que, junto con la frase siguiente, "cos pasos dos anos",carga en demasía la refrencia al tiempo. Creo que cuando se dice, " a División Azul loitaron", debería decir, "loitou".Hay algunos errores tipográficos que, sin tener importancia, conviene corregirlos por pulcritud,e.j., ser ter noticia", en vez de, sen ter noticia". Un saludo.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall