lunes, 1 de junio de 2009

Lembranzas de Alfonso Quinteiro Alonso (1924-2009)


No lugar máis céntrico da cidade de Tui, na Praza da Inmaculada diante do Pazo de Xustiza, erguese un conxunto escultórico dedicado a Frei Rosendo Salvado, Bispo de Nova Nursia nas lonxanas terras de Australia, unha das mais egrexias personalidades nadas nestas terras de Tui. Este monumento foi realizado en 1949 por un mozo escultor natural de Ponteareas e que tiña retornado as terras do Condado logo de disfrutar dunha bolsa da Deputación Provincial de Pontevedra na capital de España. Alfonso Quinteiro Alonso realizou esta obra que rememora as fazañas deste frade benedictino que co paso do anos cobra máis importancia pola trascendencia da sua obra naquelas remotas terras. Arredor daquela estatura transcurriron moitos momentos da infancia de tantos tudenses que corriamos onda o Bispo Salvado para observar –con ilusión e curiosidade – os peixiños de cores que había naquel estanque. Andando os anos, polos meus labores profesionais en Ponteareas coñecin ao autor daquela obra, que tantos bos recordos suscitaba. Dende aquela o autor superou, con amplutide, a súa obra e os recordos entrañables fican, para sempre, vencellados á personalidade de Alfonso Quinteiro. Poucas obras máis de Quinteiro podemos contemplar en espazos públicos (os bustos de Soutullo e Bugallal diante da Casa do Concello de Ponteareas, senllos bustos en Coruxo e Bouzas... ) e ningunha delas acada a monumentalidade da obra tudense.
Lembro aínda con agarimo a exposición, case antolóxica, que organizamos, dende o Museo Municipal de Ponteareas, nun setembro de 1996 sobre Alfonso Quinteiro. As numerosas conversas realizadas para convencelo, a gran axuda proporcionada polo seu amigo entrañable dende a infancia, o pintor Roxelio Lorenzo para persuadilo de realizar aquela exposición, superando os seus resquemores, a súa timidez que restaba valor a súa obra artística. Aquela iniciativa foi como un libro que paseniñamente foi abrindose para contemplar obras e mais obras (que non todas, que neso Quinteiro era moi seu e non todo era visible para ollos alleos), debuxos e mais debuxos, apuntes... nunha casa que posuia daquela entre San Mateo de Oliveira e Lira....Estes debuxos, apuntes do seu tempo de bolseiro en Madrid, borradores de obras... tiñan unha forza expresiva, unha capacidade de comunicación, unha potencialidade para engalioar ao espectador... que patentizaban que estabamos diante dun grande artista.
Aquela sinxela exposición, con debuxos e esculturas (cedidas polo propio autor e por amigos e familiares, lembro especialmente a súa sobriña, tamén pintora, Pochola Caballero) foi a realización dun pequeno sono que tiñamos os daquela responsables do Museo ponteareán. Significaba que logo de case catro décadas Alfonso Quinteiro voltaba a realizar unha exposición pública da súa obra, saldando unha vella débeda non xa con propio autor senón con tantos veciños que sabian da valia creativa de Quinteiro sen ter contemplado obra algunha. Unha pequena mostra do seu quefacer artístico podiase contemplar, ano tras ano, na alfombra de flores que deseñaba para a festa do Corpus Christi de Ponteareas; o Corpus Christi, velai outras das paixóns de Quinteiro.
Ficamos dende aquela cunha mutua estima e aprecio, coa que sempre sentinme horado.Tras a súa xubilación da tenda de confección da Praza Maior, Alfonso Quinteiro abriu de novo a caixa que ao longo de cincoenta anos mantivera, a duras penas, pechada.. voltou de novo a esculpir: lembro a paixón coa que traballaba nos bustos de Jose Antonio Gallego ou de Maruja Pino e de tantos outros ponteareáns a quen atrapou e retratou nas súas esculturas, pois as suas obras de bulto redondo eran auténticos retratos, estudos da fisonomia e da personalidade do retratado, cunha técnia esquisita que outorgaba a súas obras, por pequenas que fosen, unha monumentalidade que casaba excepcionalmente coa súa caracteristica modelaxe de trazos suaves. Sorprendentemente xenial.
Pero a miña admiración por Alfonso Quinteiro desbordou cando un día no final do inverno, creo lembrar que do ano 2004, chamoume para que pasase pola súa casa pois queria enseñarme unhas obras que tiña feito últimamente. Recordo como no salón familiar había varios lenzos ocultos baixo sabas, e cunha certa picardia, como se estivesemos nunha pequena representación, foi descubrindo un por un aqueles retratos. A miña sopresa ao contemplar aquelas obras ao óleo axiña tornouse en admiración, eran unhas obras espléndidas, realizadas cunha técnica esquisita e dunha forza de comunicación desbordante. Hiperrealismo depurado. Poucas cousas orixinais puiden dicir aquela mañanciña agás contemplar aquelas extraordinarias pinturas. Varias veces máis voltei pola casa de Quinteiro para disfrutar de novo daquelas obras e, posteriormente, doutros retratos que foi elaborando. Se como escultor tiña acadado un merecido recoñecemento, a pesar da escasa amplitude da súa obra, como pintor, especialmente, como retratista, lograba, alomenos, cotas similares. Era recurrente que cada vez que nos encontrabamos lle comentara a necesidade de realizar unha exposición daquelas obras que pola sua cualidade reclamaban ser exhibidas ao coñecemento público.
Ao escribir estas liñas rememoro a figura mítica da ave fenix, que rexurde das súas propias cinzas pois é un ave inmortal. Alfonso Quinteiro tivo, como artista, unha semellanza a esta ave mitolóxica, pois logo de moitas decadas de xenerosa dedicación á sua estensa familia e o seu traballo, cando a idade é para moitos un motivo de retiro da actividade, él pola forza da súa capacidade creativa, da sua vocación, foi quen de rexurdir non xa como escultor senón mesmo como pintor, creando unha obra plástica chamada a perdurar no tempo. Estou certo que non tardará moito tempo en que a súa obra ocupe o lugar sobresainte que lle corresponde na panorámica da arte galega do século XX. A arte foi a súa paixón coa que soubo apaixoarnos a tantos.
Na tardiña do pasado lúns a chamada de teléfono dun bó amigo dende Ponteareas trae a desgraciada noticia da morte había poucas horas de Alfonso Quinteiro. Estas pequenas e atrapalladas lembranzas son unha homenaxe dende o aprecio e admiración a este insigne artista ponteareán.

Rafael Sánchez Bargiela

No hay comentarios:

Publicar un comentario