A cidade de Tui pola súa condición de capital de
provincia, ata 1853, pola súa posición como sede episcopal, e como cidade que
contaba cunha burguesía acomodada e un conxunto de funcionarios públicos será,
perante numerosos anos, un fornecedor de parlamentarios que representarán a
este distrito ou outros e que amosan as diversas circunstancias políticas polas
que transitou o noso país a longo do século XIX.
Vista de Tui de George Vivian, 1838
A relación que hoxe ofrecemos non é, dende logo, completa
e baseámola na consulta de diversas fontes documentais e bibliográficas co que,
de seguro, haberá omisións e valeiros.
Coa invasión francesa iniciase o século XIX; diante da
falta de poder se constitúe unha Xunta Provincial contra os invasores, que
envía un represente a Xunta Superior do Reino de Galicia, con representantes
das sete provincias, creada o 5 de xuño de 1808, na que a cidade tudense estaba
representada por Manuel María Avalle.
Aínda que evidentemente non era un parlamento a Xunta funciona como máximo
órgano de goberno. Avalle era fidalgo, rexedor do Concello de Tui, señor de
Fiolledo e Salceda (onde residía). Xunto ao conde de Ximonde representará a
Galicia na “Xunta Central”, constituida en Aranxuez o 25 de setembro de 1808. A
ameaza napoleónica obrigou ao traslado desta Xunta a Badaxoz, Sevilla e
finalmente Cádiz. Aínda que Avalle foi acusado de afrancesado e de pasarlle
información ao goberno de José I, co retorno de Fernando VII mantivo sempre un
apoio explícito ás ideas absolutistas, como logo sinalaremos.
Tras a expulsión dos franceses no 1819 foi constituída na Coruña a Xunta Superior de Galicia con representación das sete provincias, formaba parte da mesma en nome de Tui: Cosme Seoane e o cóengo Antonio Umbría.
Cosme Rodríguez
Seoane, estudara
leis en Compostela e fora xuíz en varias xurisdicións do Conde de Salvaterra,
cando a entrada dos franceses era xustiza da cidade de Tui, e dende primeira
hora percorrerá o territorio provincial animando e promovendo a cooperación
entre todos para a loita contra o francés; el mesmo será o responsable dun dos
campamentos de asedio á cidade perante o cerco de Tui. Logo, tras a saída dos
franceses de Galicia, terá un importante papel como membro da Xunta Superior de
Galicia en representación da provincia tudense. Posteriormente será oidor da Real Audiencia de Galicia en el 1827 será nomeado polo Rei cóengo da Catedral de Santiago.
Pola súa banda, Antonio Umbría Alcalde, colexial
da Universidade de Salamanca, era cóengo penitenciario da catedral tudense, foi
electo polo Rei como bispo de Valladolid en 1821 aínda que non obtivo o placet
de Roma, ao existir acusacións que o consideraban membro dunha asociación
secreta de caracter liberal, denominada “Los comuneros”.
Nas denominadas Cortes de Cádiz, convocadas en 1810 diante
da invasión francesa e a usurpación do poder, representan ao distrito tudense
as seguintes persoas:
Agustín
Rodríguez Vaamonde (ás veces
figura como Bahamonde), avogado dos Reais Consellos foi
deputado nas Cortes Constituíntes de Cádiz en 1810, ocupando a súa Secretaria.
En posteriores comicios ocupará de novo escano de deputado. De tendencia
liberal pertence a unha familia con longa traxectoria política. A súa figura
ocupara a seguinte entrega desta serie de artigos.
Antonio
Durán de Castro, cóengo e avogado da Audiencia de
Galicia, alcalde maior e rexedor decano do Concello tudense, defensor das teses
absolutistas. Temos o dato que dende Santiago de Ribarteme en 1812 pediu unha
primeira prorroga para non asistir ás sesións en Cádiz e finalmente comunicou
que estaba sumamente enfermo.
Tamén representa á provincia tudense, como suplente, o
vigués Manuel López Araujo, oficial
da Secretaría de Facenda e que foi Ministro de Facenda (interino no ano 1813 e
titular no ano 1816).
Formaba parte da representación do Reino de Galicia outro
rexedor do concello Benito María
Mosquera e Lira, que unicamente participa no primeiro mes. Este Mosquera e Lira
era un fidalgo con casa nas terras de Mourentán.
No ano 1813 convócanse un novo proceso de eleccións,
neste caso de carácter censitario e excluíndo explicitamente a reelección dos
integrantes das Cortes de 1810.
Representaran á provincia tudense Manuel María Avalle, rexedor da cidade e que fora integrante da
“Xunta Suprema Central e Gubernativa” entre os anos 1808 e 1810, de tendencia
absolutista moi marcada dende a volta de Fernando VII. Avalle será un dos 69 parlamentarios
asinantes do coñecido como “Manifiesto de los persas”, de 12 de abril de 1814,
no que pedía a supresión da Constitución de Cádiz e o regreso ao réxime
absolutista, como decretará Fernando VII o 4 de maio de 1814.
O outro representante da provincia tudense Policarpo Rodríguez Correa, abade de
Vide – Arbo, fora catedrático de Filosofía da Universidade de Santiago nos anos
finais do século XVIII promovendo a súa reforma e modernización e logo cóengo
penitenciario na catedral tudense e membro da Xunta Superior de Galicia no ano
1811.
Como suplente figuraba Francisco Arines Troncoso, que non chegou a tomar posesión. Era
segundo comandante do Batallón do Miñor en 1823 e formaba parte dunha familia
orixinaria de Redondela e asentada en Tui había poucas décadas.
Coma curiosidade cómpre citar que bispo tudense, Juan García Benito, foi elixido nestes comicios como deputado por
Extremadura, aínda que a elección fora anulada posteriormente por diversos
defectos.
Comentarios
Publicar un comentario