Relación de diversos lugares de interese patrimonial para visitar no noso municipio. Lugares menos coñecidos, e sobre todo menos visitados, pola maioría dos nosos conveciños Non é unha lista exhaustiva nin o pretende, senón unha serie de lugares nas parroquias tudenses que xustifican unha camiñada. Tampouco ofrecerei unha análise dos valores de cada lugar senón unhas liñas que xustifiquen a visita.
Non
hai outra pretensión que convidar aos seguidores de Tudensia a achegarse a este
lugares e coñecer o amplo patrimonio que se acumula no noso territorio e que
tantas veces é moi escasamente valorado polos que estamos ao seu carón.
Esta
relación a iremos incrementando progresivamente, aceptando gustosamente
as suxestións que os nosos lectores nos queiran facer chegar.
2021.02.14
Petróglifo de As Carneiras – Baldráns
Estación de gravados rupestres con representación de ofidios (serpes) pero que ten a singularidade, única en Galicia, de estar situados á ribeira do Miño na parroquia de Baldráns. Accedese a través da senda Tui – Caldelas (PRG19).
Viveiro
Forestal de Areas
Este recinto data de
1906 cando Rafael Areses Vidal promoveu este lugar destinado a fornecer arbores
para a repoboación dos nosos montes e en especial do Aloia en 1908 edificouse a
casa, onde estivo un Museo Forestas nas primeiras décadas do século, e as
dependencias de traballo deste lugar na parroquia de Areas
Balneario
de Caldelas
Aínda que o manancial é
coñecido de sempre será no século XVIII cando comeza o seu uso para baños polos
veciños e tudenses. Antonio Oliver Rubio será o gran creador e promotor do
Balneario, cuxa construción comezou en 1885 e aos catro anos iniciou a obra do
“Gran Hotel”, instalacións que aínda hoxe conservan o sabor da época, na que
gracias ao ferrocarril esta localidade termal contaba con sala de cine e de
festas e varios hoteis para acoller aos visitantes que chegaban de toda a
Península.
Muíños
do Regueiro - Paramos
Este fermoso lugar no
barrio do mesmo nome na parroquia de Paramos agrupa a un conxunto de catro
muíños hidráulicos, coas súas correspondentes canles e levadas coas augas do
río Pantel que o conforman coma un enclave de gran valor etnográfico. Iglesias Almeida documenta
os muíños de Bazoca ou de Abaixo, o Familial ou da Ponte, o da Devesa nos
século XVII e XVIII.
Igrexa
de San Miguel de Pexegueiro
Esta igrexa formaba
parte dun mosteiro documentado xa dende o século X. A igrexa conserva a súa
fábrica románica está construída en estilo románico, conservando as tres
portadas. Ni tímpano da portada principal se representa unha loita entre dous
leóns, conserva a pía bautismal románica e un interesante relevo dun león. A
capela maior foi reconstruída no século XVIII polo bispo Juan M. Rodríguez
Castañón, en 1765, que deixou as súas armas heráldicas no exterior da ábsida.
Conta a tradición que nesta igrexa tivo lugar a última predicación de San
Telmo, antes da súa morte en 1246.
Ponte
Mosteiro - Pexegueiro
Nun vello camiño que
conducía ao antigo mosteiro e sobre as augas do río Furnía está a ponte
medieval coñecida como “Mosteiro” recentemente restaurada polo concello
tudense. A actual fábrica, como en tantas outras pontes, corresponde a épocas
máis recentes, así en 1783 foi reconstruída polo mestre de cantería de Pazos de
Reis, Juan Francisco Novás Gayoso, e Andrés de Orxe Corbacho, de Pontecaldelas
pero aveciñado en Guillarei.
Penedo
da Malladoura - Baldráns
Monumental penedo
granítico aproveitado, durante séculos, para o traballo comunitario da malla do
cereal, de onde provén o seu nome de “Malladoura”. Se completa esta enclave
etnográfico cun muíño do mesmo nome.
Monumento
aos mártires de Sobredo – Guillarei
Este monumento marca un
lugar de memorial en lembranza do tráxico suceso acontecido o 28 de novembro de
1922 na loita antiforal. No decurso dunha manifestación contra un embargo, a
Garda Civil abriu fogo contra a multitude alí concentrada provocando numerosos
feridos e tres mortos: Cándida Rodríguez, de Pazos de Reis, Joaquín Estévez, de
Soutelo, e Venancio González, dirixente agrario de San Estevo de Budiño. O
monumento realizado por subscrición popular é obra de Camilo Nogueira e foi
inaugurado en 1932. En xullo de 1936 foi destruído con dinamita e reconstruído,
por iniciativa de entidades sociais e culturais, coas pezas orixinais
conservadas, en 1988.
Lagoa
de Caldelas
Este lugar localizado
nas inmediacións da ribeira do Miño en Caldelas destaca por conservar unha das
escasas poboacións da Península Ibérica de Nymphoides peltata que semella un
delicado nenúfar dourado. A maior parte das outras poboacións que estiveron
presentes no sistema Miño-Sil teñen desaparecido.
Panteón
da familia Alejos no cemiterio parroquial - Paramos
No barrio da
Carrasqueira de Paramos localízase o cemiterio desta parroquia que conserva un
monumental panteón funerario, da familia Alejos. Este singular enterramento, de
gran porte, foi edificado no cemiterio de Tui, pero cando este pechou e foi
desmantelado, no anos setenta do pasado século, foi traslado ata este lugar
onde hoxe podemos seguir contemplando a súa magnifica estrutura coroada por
unha copa, todo realizado en pedra.
Pasais
- Ribadelouro
Se facemos o Camiño
Portugués se logo de chegar ao barrio de Orbenlle, xa na parroquia de Budiño,
se tomamos o itinerario alternativo que evita o paso polo polígono industrial
das Gándaras, no seu itinerario volveremos a entrar en terras de Ribadelouro e
nos atoparemos con estes pasais, unha obra de enxeñaría popular para salvar as
correntes de auga que resultan de gran atractivo.
Ponte
da Madalena (ou de Orbenlle) - Ribadelouro
Ponte existente sobre o
río Louro, no límite do municipio de Tui, no trazado do Camiño Portugués e que
corresponde cunha ponte de época medieval no camiño real que partía de Tui.
Moito menos coñecida que a Ponte das Febres, na mesma parroquia de Ribadeluro,
atópase tamén nun fermoso enclave integrado nas ribeiras do Louro e na paisaxe
das Gándaras de Budiño que forma parte da Red Natura 2000.
Pazo
de Bouzavalada e capela das Maravillas – Areas
Un dos escasos exemplos
de arquitectura pacega en Tui, na parroquia de Areas nos límites con Sobrada.
Foi edificado polo cóengo Juan Piñeiro Falcón en 1726. Na fachada do pazo
figura unha inscrición de 1790 asi como un escudo oval coas armas dos Falcón. O
pazo posúe unha estrutura en “U” e unha pequena torre formada por un reloxo de
sol e unha campá de ferro. Ao seu carón está a capela dedicada a Nosa Señora
das Maravillas e que forma conxunto co pazo.
Acueduto
da Porteliña – Pazos de Reis
Estrutura en pedra para
o transporte de auga entre un manancial nas abas do Aloia ata a casa da
Lagarteira (ou de Oliveira, polo seu último propietario). Formado por una serie
de piares que forman unha estrutura adintelada con 22 tramos ao longo de
aproximadamente 70 metros. Hoxe un dos extremos, o máis próximo ao final, está
mutilado pola ampliación da pista asfaltada perdendo alo menos dous dos seus
tramos. Segue en funcionamento.
Muíños
rupestres e gravados no Alto do Coello - Randufe
Nas laxes existentes no
Alto do Coello, en Randufe, podemos atopar ate 5 muíños naviculares, coviñas
e gravados rupestres de serpentiformes,
que configuran un interesante xacemento arqueolóxico localizado nun enclave
privilexiado cunha ampla panorámica do val do Miño. A visita se complementa cos
petroglifos de Rozacús situados nas inmediacións.
Petróglifos
de Rozacús / As Fontiñas - Randufe
Gravados rupestres
descubertos polo Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño en torno a 1972, son un
amplo conxunto de laxes con diversos tipoloxías de gravados: cazoletas,
círculos e representacións de animais cuadrúpeos, con diversos estados de
conservación. Sinalizados para a visita polo Concello de Tui e a Comunidade de
Montes de Randufe. Asociados ao dos Alto do Coello nas inmediacións.
Muralla
ciclópea do Monte Aloia

A muralla ciclópea que
rodea o seu cume do Aloia, cunha extensión de máis de 3 quilómetros e 30 Ha. de
superficie. Os traballos arqueolóxicos realizados neste monumento pétreo
permiten determinar que este recinto non foi un lugar de residencia, pois se
carece de restos de utensilios domésticos, nin hai sinais de accións bélicas,
sendo imposible, polo de agora, definir a súa funcionalidade aínda que polas
súas características habería que datala entre os séculos V e IX; pese a súa
monumentalidade a súa factura non é de calidade. Trátase dun recinto
fortificado dun tamaño extraordinario e pouco común no noroeste peninsular.
O Parque Natural do
Monte Aloia posúe numerosos recursos e rutas de interese patrimonial moito máis
coñecidos e visitados: Muíños do Tripes (que superan o seu territorio), Muíños
de Paredes en Rebordáns, Castro Alto dos Cubos ou Cabeza de Francos, Ermida e e
entorno de San Xian, Cama do Santo, etc,
Como exemplo dos
múltiples recursos do noso Parque Natural faremos referencia a un dos seus
principais monumentos naturais
A faia
do monte Aloia
No Parque Natural do Monte Aloia existen dúas faias de gran porte. A que figura na imaxe localizada xunto á fonte do santo e posiblemente traída por Rafael Areses dende o Viveiro de Areas en torno a 1912. Destaca pola extraordinaria volumetría arquitectónica e a configuración do seu porte, de silueta aovado-redondeada, que o converten nun exemplar realmente singular. A outra faia, cun porte alto e estreito, está localizada nas escaleiras do entorno da capela de San Xiao.
Comentarios
Publicar un comentario