Parlamentarios tudenses VI: Militares (Pedro Cuenca e Alejandro Marquina), propietarios (Joaquín Vázquez de Puga) e republicanos (Severino Martínez Barcia)
Continuamos o relato dos diversos procesos electorais do século XIX e principios do XX no noso distrito, recuperando desta forma o nome de moitos políticos que ostentaron a representación política de Tui nas Cortes ou de tudenses que accederon ao seu escano por outras circunscripcións electorais. Moitos destes nomes, hoxe completamente esquecidos, merecen ser coñecidos. Nas eleccións de 1863, nas que resultara elixido por Tui o político ponteareán, Sasturnino Álvarez Bugallal, fora tamén electo o tudense Pedro Cuenca e Díaz de Rábago sucedendo ao seu pai, Lorenzo Cuenca, no control político e na representación do distrito da Cañiza. Pedro Cuenca, naceu en Tui o 3 de xullo de 1829. Estudiou Gramática na cidade miñota e posteriormente algún curso na Universidade compostelá, ingresando en 1852 na Escola de Estado Maior. Desenvolveu unha brillante carreira militar. Tiña participado na Guerra de África, acadando o grado de Tenente Coronel, e pasando logo a Filipinas, de onde...