A vella cidade de Tui e a praza amurallada de Valença compartimos un mesmo espazo xeográfico e unha historia en común que nin as separacións políticas iniciadas nos tempos medievais foron quen de interromper. Daqueles tempos son os acordos de “veciñanza” que protexían o comercio e a circulación das xentes miñotas ao longo da fronteira. Somos a fronteira máis antiga de Europa e, ao tempo, dúas localidades fronteirizas que estamos unidas conformando un único espazo urbano. E asi foi ao longo dos séculos dous pobos aos que tentaban afastar e unhas xentes que compartían amores e festas, dura subsistencia e emigración, traballo e vidas... namentres que as estruturas políticas procuraban impermeabilizar a fronteira. Era o río Miño a canle de unión e de separación entre ambos territorios, o espazo polo que transitaban as barcas, especialmente a que era propiedade do Cabido da catedral, que levaban veciños, visitantes, mercadorías, gando... mantendo viva a comunicación entre ambas ribeiras. ...
Notas e noticias sobre Tui e os tudenses