Ir al contenido principal

VIII kalendas aprili (24 de marzo): 850 anos dos privilexios á cidade de Tui por Fernando II


Este 24 de marzo cúmprese o 850 aniversario dun acontecemento histórico de gran relevancia para a historia de Tui. Nesa data, VIIII kalendas aprili Era MCCVIII, o rei Fernando II estando na nosa cidade concédelle á cidade de Tui e aos seus habitantes diversos privilexios e reordena o espazo territorial da cidade, unha decisión que marcou o devir da nosa cidade para sempre.

Fernando II e Urraca (Tombo de Toxos Outos)

O proceso de independencia do reino de Portugal afecta directamente a nosa cidade que entra nos obxectivos estratéxicos do reino galaico-leonés e do nacente reino portugués. Estes enfrontamentos entre os reis galego-leoneses e os condes portucalenses nos primeiros anos do século XII e as conseguintes invasión do territorio tudense polas tropas portuguesas temos de consideralos dentro do proceso de independencia do condado portucalanse: invasión de Tereixa en 1121 (ao ano seguinte o seu fillo Afonso Henriques, futuro rei portugués, será armado cabaleiro na nosa cidade) e 1124; Afonso Henriques no 1131 e no 1137, cando ambos Alfonsos (o “emperador” Alfonso VII de León e Afonso de Portugal) asinan a chamada “Paz ou Pacto de Tui”, o 4 de xullo, polo que ambos se restitúen fortalezas e castelos tomados e o portugués acepta a súa condición de vasalo do Emperador, pero que non deixa de ser un episodio máis no camiño dos portugueses cara a súa plena independencia.

Novas incursións lusas están datadas en 1160 e 1169, posiblemente neste segundo caso contando co apoio do propio bispo Xoán (non esquezamos que moitos dos bispos eran de orixe lusa) ao que o rei portugués Afonso recompensa abondosamente.

A ofensiva que encabeza Fernando II de León (1157-1188) contra a invasión, tras as derrotas portuguesas no castelo de Cedofeita, preto de Pontevedra, e de seguido en Badaxoz significan a recuperación do territorio tudense pola coroa de León. Pero o rei, no caso tudense, toma unha decisión de grande transcendencia. Tenta mudar por completo de política e, no contexto do seu papel de impulsor dos centros urbanos no seu reino, outorga unha carta foral aos habitantes da nosa cidade. Dada a desconfianza que ten no bispo, que fora aliado dos portugueses, con esta decisión procura o apoio dos habitantes de Tui, dos burgueses, na defensa da cidade e, consecuentemente, do reino fronte ás pretensións lusitanas.

Fernando II dálle continuidade en Tui a súa estratexia de reforzar a seguridade do territorio fronteirizo, como fixera anteriormente en Ciudad Rodrigo, en 1161, e outras localidades. O reto era arriscado e de case imposible compatibilidade.

Selo ou "sigillum" de Fernando II

A política de Fernando II combina tres estratexias, ás veces aparentemente contraditorias: fortalecemento da estrutura da Igrexa, apoio na nobreza e fortalecemento da vida urbana, sen esquecer unha forte aposta pola acción militar na fronteira. Todo nun contexto de favorable conxuntura económica.

Fernando II no caso de Tui, como tamén fixo en Noia, Baiona ou Salvaterra, pretende organizar o asentamento poboacional creando novos núcleos ou reordenando, case ex-novo, os xa existentes como é o caso tudense. Este apoio á vida urbana é tamén un intento de reforzar o papel da Coroa. Tanto Fernando II como Afonso VIII concederon numerosas cartas forais, pero isto non cubría as aspiracións burguesas, que pretenden unha autonomía municipal, a dependencia directa do Concello do monarca, liberándose do señorío episcopal. Esta dinámica alongarase en toda a Idade Media. Pero os dous monarcas, como amosou Fernando II en Tui, se chegaba o caso dun conflito aberto, apostaran polo mantemento do señorío aristocrático e non polo establecemento do reguengo.

Así pois o propio monarca, Fernando II de León e a súa esposa, a raíña Urraca, están en Tui nos últimos días de marzo logo da súa recuperación do dominio da monarquía lusa. Destacar que esta Urraca era Infanta de Portugal, filla de Afonso Henriques e Mafalda de Saboia. O que nos ilustra sobre a complexidade da situación política que se vivía nestes anos, pois este matrimonio quería selar unha alianza entre o reino de León e o reino de Portugal, pero as presións de Castela e Inglaterra levaron que o Papa anulase, en 1175, este matrimonio pola consanguinidade entre eles, pois eran curmáns.

E nesa estadía na cidade asinan un documento que marca, para sempre, a configuración de Tui, tanto no seu emprazamento como na súa estrutura social.


Facta carta in villa Bone venture VIII Kalendas Aprilis Era M CC VIII eo anno quo idem famosissimus Rex victoriosissime cepit Regem Portugalie in Badaloucio.
Ego dominus Ferdinandus Dei gratia Hispaniarum rex cum coniuge mea regina domina Urraca hoc scriptum quod fieri iussi proprio robore confirmo
Asi remata este documento que Fernando II e Urraca asinan en Tui (vila Bone venture) o 24 de marzo (VIII kalendas Aprilis, ou sexa oito días antes de abril) do ano 1170 (o ano figura contabilizado na Era hispánica, 1208, que ten unha diferenza de 38 anos co noso computo cronolóxico e que estivo vixente ata o século XIV no reino de Castela e o XV en Portugal).

Neste diploma de 1170 Fernando II dita importantes resolucións para Tui:
1.- amplía o espazo físico da vella Tude, ata agora cinguido ao que podemos chamar “burgo vello” que abranguía a zona da Catedral e a Oliveira, onde estaban as casas episcopais e a Torre de Afonso VII.
2.- Para esta ampliación e para mellorar a súa defensa e a súa salubridade mércalle diversas fincas ao bispo, Cabido e particulares para estender a cidade cara ao Miño. Crea así o espazo de asentamento da nova cidade, pero en ningún caso podemos falar –coma aínda se afirma nalgures- que foi nesta altura cando a poboación trasladouse dende a zona de San Bartolomeu ao alto do outeiro tudense. Ten existido unha continuidade ao longo dos séculos na ocupación deste espazo co que temos de desbotar por completo ese pretendido traslado. Fernando II impulsa un intento exitoso de ampliar este espazo urbano, dotándoo dun sistema amurallado, para acoller a toda a poboación ata agora espallada polos arrabaldes da cidade.
3.- Pero o máis importante é que dota aos habitantes deste enclave dunha carta foral que os subtrae á autoridade e señorío episcopal coa condición de que estes poboadores asumisen a construción da muralla da cidade.
4.- E para testemuñar esta nova xeira na vida tudense concédelle un novo nome a nosa cidade: Bonaventura. So esta decisión non logrará o éxito pretendido.

É de interese enumerar moi sinxelamente o contido desta carta foral que destaca  polo seu carácter igualitarista e impulsor da autonomía municipal fronte ao señorío episcopal:
* exención de tributos como o portadego do sal, décimos ao Bispo e Cabido, caloñas, lutuosa, maniadego,
* inmunidade fronte aos meriños reais
* libre circulación dos seus mariñeiros e  mercancías polo reino
* liberdade de inmigración
* plena propiedade das herdades
Para compensar ao bispo da perda de ingresos que supoñen estes foros, dóalle diversas propiedades.

Pero o reto era excesivamente arriscado e a tentativa de Fernando II dura escasamente un mes, pois en abril de 1170 o rei devolvíalle ao bispo o pleno señorío da cidade e anulaba os foros outorgados aos tudenses.

Aínda que a documentación non é clara, podemos inferir a existencia dunha “revolta” contra o bispo e o seu cabido, a que non seria allea a coroa e os seus delegados en Tui, Martín Muñiz e Paio Martínez, para executar os novos foros da cidade que entraban en contradición directa co señorío eclesiástico. Fronte as pretensións do monarca e dos burgueses tudenses, tanto o Bispo Beltrán como o Cabido reaccionan na defensa dos seus intereses. 

Descoñecemos o alcance desta diverxencia de intereses, se chegou a existir unha auténtica revolta dos tudenses (algúns historiadores pretenden que liderada por Martín Muñiz e Paio Martínez) ou unicamente a reacción episcopal fronte á pretensión de aplicar o establecido na carta foral concedida.
Aos poucos días a decisión do propio Fernando II é irrevogable: confirma ao bispo Beltrán o seu poderío sobre a cidade e o seu territorio, consolidando esta preeminencia en 1179 ao concederlle autorización para erguer unha torre ou fortaleza xunto as casas episcopais da Oliveira. Con todo aquela carta foral recuperou nalgún momento a súa vixencia pois en 1250 Fernando III manifesta que os seus preceptos son os que ordenan o funcionamento da vida tudense.

Pero aquela breve autonomía municipal foi semente de futuros conflitos na nosa cidade, de novas revoltas dos tudenses continuando o ronsel de 1170.

Sepulcro de Fernandoi II no Panteón Real da Catedral de Santiago

En outubro de 2018 neste mesmo blog anunciaba a proximidade deste aniversario (http://tudensia.blogspot.com/2018/10/o-850-aniversario-do-ano-1170-un-fito.html). Recupero, pois seguen plenamente vixentes, os últimos parágrafos daquel post:

Celebramos pois o 850 aniversario dun fito histórico protagonizado polos cidadáns tudenses xunto co rei Fernando II e o bispo da cidade. Aquel momento foi unha das grandes oportunidades da nosa poboación e sentou as bases, coas limitacións que queiramos, para o seu desenvolvemento ao longo dos séculos medievais que só se truncará xa nos séculos XIV e XV, séculos de crises e violencia...

A nosa cidade precisa conmemorar este aniversario, pois o xeito como unha cidade lembra a súa historia –coas súas luces e sombras, coas súas grandezas e miserias- reflicte como se percibe a si mesma e, moi especialmente, como quere ser, que proxecto común quere construír.

Na actualidade tamén nos atopamos nun momento histórico certamente especial como naquel 1170 cando Fernando II á vista da problemática na que vivía á cidade tudense realiza unha aposta ampla a prol do seu desenvolvemento. Hoxe tamén Tui vive nunha conxuntura histórica en que precisa unha nova definición, abrir unha nova etapa para asentar as bases do seu progreso e evolución, ofrecer un proxecto colectivo amplo, como o que incentivou –cos seus atrancos- Fernando II e asumiu á cidadanía tudense, para abrir unha nova xeira na historia da nosa cidade abríndoa a novas expectativas, pensando con realismo, pero con ambición.

Resulta imprescindible unha reflexión en torno á nosa cidade para definir un proxecto colectivo, para xerar unha nova época que defina uns puntos mínimos dende os que basear unhas políticas cidadáns que recuperen o pulso da nosa cidade, que revitalicen o noso acervo patrimonial e social, que posibiliten, como fixo Fernando II e os tudenses daquela época, o inicio dunha nova andaina da nosa cidade e as súas xentes.

A celebración deste 850 aniversario é unha oportunidade excepcional para abrir esta reflexión colectiva, que non pode ser unicamente unha rememoración que “añore” o pasado (cómpre rachar co bucle melancólico en que vive a nosa cidade) senón unha afirmación das capacidade de Tui e as súas xentes para reposicionarse, para repensármonos como cidade.



(*) Con este post realizado en pleno confinamento pola pandemia do Covid19 iniciamos en Tudensia o intento de aportar diariamente un artigo sobre Tui, a súas xentes, a súa historia e tradicións co que contribuír, dende a nosa modestia e humildade, con estas pequenas pingas da nosa historia a sobrelevar estas xornadas. #quedanacasa

Comentarios

Publicación populares

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

A lenda do túnel baixo o MIño

As lendas ou narracións populares, transmitidas oralmente, relatan xeralmente acontecementos ficticios que se teñen por reais, en moitas ocasións mesturados con feitos históricos. Pola súa capacidade de evocación, pola súa transmisión xeracional as lendas conforman un acervo do que chamamos patrimonio inmaterial que cómpre recoller e preservar. Na nosa cidade conservamos varias lendas vencelladas ao caracter histórico da nosa localidade, ao seu caracter fronteirizo e consecuentemente a súa fortificación fronte aos posibles invasores. A máis asentada no imaxinario colectivo tudense é a relativa ao “túnel” que comunica Tui coa outra beira do Miño, coas terras de Valença. Resulta moi significativa esta lenda pois testemuña como na mentalidade dos tudenses a fronteira e a súa condición de limite, de aillamento fronte ao estranxeiro era superada polas nosas xentes que a través do túnel escapaban destas “imposicións” e mantiñan a comunicación coas terras irmáns que as estructuras políticas ...

Agrarios tudenses en "El Agrario" de Buenos Aires de 1923

Fundadores da "Sociedad Agraria" de Paramos (en pose para El Agrario) De esquerza a dereita b(en pé), cidadáns Hermenegildo Gándara Estévez e Manuel Alem; sentados Simplicio Fernández Rivas, Hermenegildo Alem Rocha e Jesús Fernández Rivas Temos comentado en numerosas oportunidades neste blog o escaso coñecemento que posuímos sobre a historia mais recente do noso concello. Entre os episodios que conforman este período histórico máis recente está o movemento agrarista que na última década do século XIX e nas primeiras do pasado século mobilizou aos labregos de Galicia na procura do acceso á propiedade da terra (ata daquela os nosos campesiños eras foreiros, tiñan o usufructo inmemorial dunhas leiras que non eran súas) e consecuentemente a mellora das condicións de vida destas masas populares. Será o movemento agrarista o que adquira neste anos un progresivo protagonismo fronte ao caciquismo conservador que dominaba a vida política da comarca de Tui coa figura ...

A Semana Santa tudense e as súas posibilidades

Xa na noite do Venres Santo xorde de novo unha reflexión sobre a Semana Santa tudense, pois quizais na nosa cidade non chegamos albiscar as súas potencialidades como elemento que forma parte do noso acervo patrimonial que temos a responsabilidade de conservar, sen privala da súa dimensión relixiosa, e dende esta valorización é tamén un posible recurso turístico para Tui, pois poucos lugares de Galicia teñen unha riqueza similar nestas xornadas. Neste mesmo blogue temos sinalado que inmediata celebración das festas patronais de San Telmo distorsiona a visión destas xornadas de celebración do misterio pascual de Xesús, configuradas como un preludio das festas e, consecuentemente, infravaloradas non xa na súa dimensión espiritual senón na súa significación cultural. Cómpre valorizar as actividades litúrxicas ou para-litúrxicas destas datas, pois, independentemente da súa significación relixiosa ou espiritual, conservan requintadas expresións da nosa historia colectiva da que somos...

"A Trapa" a segunda cova granítica máis grande de Europa descoberta en Ribadelouro

O pasado sábado 9 de abril nunha conferencia pronunciada en Tui Clube Espeleolóxico “Maúxo” presentou un descubrimento certamente importante: “A Trapa” a segunda cova granítica máis grande de Europa, que se atopa na parroquia de Ribadelouro nas abas do Monte Aloia. Un descubrimento de especial relevancia para a xeoloxia e para a arqueoloxia da nosa terra, e que incrementa o valor que sa posuía esta zona inmediata ao Parque Natural do Monte Aloia. Cómpre agora impulsar o proxecto de ampliación territorial deste Parque abranguendo a Serra do Galiñeiro –por certo, ameazada na actualidade pola prevista instalación dun parque eólico-. Felicitamos ao Clube Espeleolóxico “Maúxo” polo seu labor e por aportarnos este relevante descobrimento. Achegamos un artigo publicado no día de onte na edición Galicia de “El País” como información sobre este achado. Una trampa de 1.200 metros Expertos descubren la segunda cueva más grande de Europa en O Galiñeiro SARA VILA - Santiago - 21/04/2011...

Ricardo Blanco Cicerón

O pasado martes 15 de decembro foi inaugurada no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, unha exposicion que co titulo de “Olladas dunha época” recolle unha escolma das fotografias do chamado “Fondo Blanco-Cicerón” que se custodia no devandito Museo. Como podemos comprobar na portada do catálogo que acompaña a este “post” a cidade de Tui é unha das protagonistas desta mostra que amosa unha selección das fotografías que conformaban a colección de Ricardo Blanco-Cicerón (Tui 1844 – Santiago 1926). Son na súa meiranda parte instantáneas da época do cambio de século, entre 1890-1910, e que respostan ao interese coleccionista de D. Ricardo que conformou ao longo da súa vida a, posiblemente, a máis ampla colección de caracter cultural que teña existido en Galicia: obxectos prehistóricos, artísticos, etc. que nutren hoxe en boa medida os museos da nosa terra. Esta mostra organizada conxuntamente polo Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Artes da Imaxe poderá ser visitada ...

Yzquierdo Durán, ilustrador tudense. Breve noticia.

Jose Yzquierdo Durán foi un popular ilustrador que radicado en Madrid realizou, nas primeiras décadas do século XX unha prolífica producción en todo tipo de publicacións, tanto periódicas como en libros. Son moi escasas as noticias sobre a súa traxectoria que poidemos acadar non así imaxes da súas obras, que ocupan as portadas de numerosas edicións das segunda e terceira décadas do pasado século. O erudito Manuel Fernández-Valdés no seu excepcional libro “Familias antiguas de Tuy” nos informa que Jose Izquierdo Durán era fillo do avogado tudense José Izquierdo Sarmiento, que foi secretario do Concello tudense, e de Concepción Durán Mera, dunha familia de longa tradición na cidade. Tiveron tres fillos, Celso, que foi crego ocupando, entre outras, a parroquia de Piñeiro, Pilar, que foi directora moitos anos do “Hogar Rosendo Salvado” dependente do Auxilio Social nos anos da ditadura, e José, de quen hoxe nos ocupamos. José Izquierdo Durán naceu en Tui no anos 1890 e desenvolveu en Madrid...