Ir al contenido principal

"Relicario" de Carlos Fer: unha proposta taumatúrxica (¡)

A taumaturxía, facultade de realizar prodixios segundo o Diccionario da Real Academia Española.

A celebración do oitavo centenario da consagración da catedral é unha feliz oportunidade para achegármonos á visita ou, mellor aínda, ao coñecemento deste templo, da súa significación, das súas dimensións materiais e inmateriais, da súa capacidade de evocación... pois a catedral non deixa de ser un gardián da memoria do territorio miñoto, unha enorme teca que custodia a nosa historia colectiva de tantos séculos de vivencias compartidas.

Esta catedral semella, ás veces, un espazo aletargado no tempo, que vive nunha somnolencia paralela aos procesos históricos de secularización, que minguan a practica relixiosa e consecuentemente provocan unha perda da súa relevancia social, se falamos en termos xerais, e de perda de protagonismo, dende unha óptica mais local, especialmente tras a conversión da sede tudense nunha diocese dúplice (Tui-Vigo) e o traslado dos organismos diocesanos á cidade olívica, en 1959, que alterou reducindo a súa actividade e a súa vida litúrxica.

Ao longo do tempo hai espazos desta catedral tudense que tiveron e conservaron a súa relevancia, a súa significación, ao situarse nun ámbito que supera a súa dimensión artística e litúrxica ao abranguer aspectos inmateriais como a devoción e a espiritualidade que, pese a estar afectados polos procesos de cambio no ámbito relixioso, seguen mantendo aceso o seu valor referencial para moitos tudenses e xentes destas terras. Falamos da capela de San Telmo ou das Reliquias onde se custodian nun fermoso retablo, especialmente, as reliquias de San Telmo recoñecido como patrón de Tui dende hai cerca de oito séculos.

A actual capela das Reliquias ou de san Telmo na catedral tudense é froito dun dobre proceso. Entre os anos 1578 e 1579 o bispo Diego de Torquemada financia a edificación dunha nova capela dedicada a San Telmo, localizada no espazo entre a capela de San Pedro e o brazo sur do cruceiro, o claustro e a antiga sala capitular románica. Unha obra nova que dado o desnivel do terreo se aproveita para construír na cimentación unha cripta para enterramento dos bispos tudenses, con pouco uso no tempo pero aínda hoxe conservada.

O 27 de abril de 1579 se trasladan as reliquias do noso patrón, dende a capela dos bispos (hoxe capela do Cristo da Agonía) ata o altar desta nova capela, y llevando así las sagradas reliquias del bienabenturado santo a la nueva capilla fueron colocadas por mano del referido prelado en un tumba o arca de madera aforrada con hoja de plata, y el busto del santo encima, y poniendo la arca en un arco del altar de la indicada capilla.[ii]

Esta capela destaca polo seu abovedamento e por contar coa sepultura do propio prelado, Diego de Torquemada, falecido en decembro de 1582 tras a súa frustrada preconización como arcebispo de Sevilla por mor de diversas acusacións contra el.

A devoción popular por San Telmo leva a que esta capela resulte pequena para os numerosos actos de culto que se celebran e os numerosos devotos que a visitan. Así cando se inicia un novo proceso de canonización de San Telmo, promovido agora polos dominicos tudenses no ano 1731, o Cabido acorda unha ampliación da capela do século XVI, que é contratada co canteiro Pedro Serrapio. La nueva empresa arquitectónica se ajusta en 96.000 reales, a cuyo pago no solo contribuyen los prebendados, sino también el ayuntamiento que entrega 6.000 reales, dos particulares vecinos de la ciudad, Manuel Fernández y Bernabé Rubio, que donan en conjunto 3.300 reales y el obispo Fernando de Arango y Queipo, que abona 20.000.[iii]

Continua o profesor Miguel Taín sinalando o seguinte: la cabecera  se amuebla con el retablo construído por el entallador Francisco Alonso de Castro en 1735 para guardar en lugar preeminente las reliquias del santo y otras que atesora el cabildo (...) el cuidado con que se disponen todos los detalles que integran el mueble y la propia capilla obedece  al renovado interés por el culto de los restos de los santos en el siglo XVIII en la geografía gallega. La imagen de san Telmo que lo preside se recorta en un espectacular transparente generado por el único “espejo” del testero que recibe la luz de la mañana. A cada lado del altar se han dispuesto sendas tribunas con barandal de hierro  parra la colocación de los cantores y músicos en las grandes festividades.[iv]

Se logra deste xeito dotar dunha singular presencia a este acervo que atesoura a catedral tudense con especial mimo: o báculo, o hábito e correa do noso patrón así como o seu cranio e outros osos do seu corpo. Consérvanse no mesmo altar restos dun “Lignum crucis”, ou fragmento da cruz de Cristo, e reliquias óseas de máis de sesenta apóstolos, santos e mártires.

A creación deste espazo de tan alta sacralidade, pois ao propio valor espiritual do templo engádese a santidade que emanan estas reliquias, se enmarca nas disposicións derivadas do Concilio de Trento que promoven a devoción aos santos e aos seus restos. Se a propia catedral é un ámbito que comunica a terra e o ceo mediante as celebracións litúrxicas, especialmente coa Eucaristía, nesta capela das Reliquias esta relación directa co alén, coa divindade toma unha expresión aínda máis material pois aquí conservamos os restos daqueles homes e mulleres que a Igrexa certifica que están vivos nos ceos, xunto a Deus, e por tanto poden interceder por nós, polas nosas necesidades e devezos, e expresan a nosa esperanza de chegar un día onda eles gozando da salvación eterna.

As reliquias na devoción popular nos abren ao diálogo cos santos, coa divindade, co alén... son un elemento de piedade onde o fiel ten un especial protagonismo, coa súa oración constante na procura da intercesión dos santos, cuxos restos alí custodiados para a veneración, alentan a pregaria que busca o milagre, a cura, a salvación eterna e o acceso ao reino dos ceos. Fronte a tantos elementos da liturxia que limitaban a participación dos fieis a ser meros espectadores do culto, na devoción ás reliquias o pobo adquiría un protagonismo, moitas veces utilitario.

O altar relicario é así o corolario desta dimensión espiritual, completamente inmaterial, da devoción ao noso patrón e aos outros santos cuxos restos, reliquias, se preservan do tempo e a desaparición neste lugar. Os seus motivos ornamentais, o dourado que enche a capela, o seu transparente, a cúpula que ilumina desbordantemente este espazo... contribúen a crear un clima, unha dimensión de transcendencia, de comunicación con realidades superiores por medio da oración, pedindo a súa intercesión a través das milagres, que testemuñan fidedignamente que aqueles santos, no noso caso San Telmo, está vivo nos ceos e, conforme á tradición da súa promesa, no seu leito de morte, coida permanentemente dos tudenses.

Esta dimensión simbólica foi reforzada coa tradición da exhibición pública destas reliquias nunha xornada ao ano, na festividade de San Telmo, cando tudenses e devotos non só poden ollar estes marabillosos relicarios, moitos deles de prata e ouro ricamente decorados e traballados con habelencia, senón incluso bicalos... tocando así materialmente o inmaterial, percibindo cos nosos propios sentidos a santidade daqueles restos que testemuñan a veracidade dos misterios da fe, que acreditan a resurrección, a vida eterna, o reino dos ceos na presenza de Deus.

Esta apertura anual das 25 portas que custodian os relicarios deste altar incrementa de xeito excepcional o simbolismo deste espazo, a súa sacralidade, a súa significación inmaterial... O altar relicario convértese por un día nun retablo efémero, transitorio, perecedoiro, breve, fugaz... signo da caducidade da vida, representación da nosa condición transitoria pero que anticipa as realidades gloriosas do alén.

Unha ampla colección de reliquias e os rituais devocionais ligados ás mesmas son un elemento central para construír a sona e o prestixio de calquera centro relixioso ao longo do séculos. A fama de santidade e consecuentemente de milagres resulta un atractivo non só para os devotos da contorna senón para xentes de lugares moito mais afastados, creándose unha peregrinaxe gracias á reputación ou estima pública deste conxunto de reliquias que no caso tudense están cinguidas á figura de San Telmo que dende tempos medievais atrae a numerosos peregrinos que se achegan na procura de intercesión ou para agradecer as gracias recibidas.

Dende o 27 de xuño pasado a catedral acolle na súa nave central outro “Relicario”, unha instalación artística de Carlos Fer[v] dentro do programa de actividades arredor dos oitocentos anos da consagración da catedral tudense. Esta proposta, promovida e financiada exclusivamente polo Concello de Tui, basease nunha nova lectura, dende a arte contemporánea, do altar relicario da capela de san Telmo.

Carlos Fer (Tui, 1997) é un artista visual, docente e investigador que centra a súa actividade artística na pintura, cerámica, videoarte e instalacións, con atención á materialidade, á suspensión, ao peso e a apertura da pintura cara ao espazo. Moi novo aínda pero posúe xa unha acreditada traxectoria.

Carlos Fer crea esta instalación inspirada nos motivos ornamentais das portas que acollen as tecas e relicarios do altar da capela das Reliquias da nosa catedral, trasladando aqueles elementos decorativos á nave central do templo tudense, agora recreados en novos materiais mediante impresora 3D, que expresan a contemporaneidade da súa proposta.



Imaxe por xentileza de Carlos Fer

Estas grilandas, formadas por oitocentos elementos, están creadas nun fráxil material e penduradas ao longo deste espazo central incrementan a súa lixeireza ou levidade contrastando coa solidez dos muros graníticos, ben románicos ou góticos, que definen o interior da catedral. Un contraste que logra ser harmónico e equilibrado.

No altar das reliquias o devoto ollaba ás portas dos relicarios, ou no día da súa exhibición ás propias tecas, pois naquel lugar se conserva, viva e actual, a memoria da santidade e a súa contemplación orante nos achegaba ás realidades da transcendencia. Agora estas pezas creadas por Carlos Fer, como contas dun colar ou dun rosario, dotan dunha nova memoria a aqueles relicarios e transforman a súa dimensión memorialística pero seguen reclamando do espectador unha ollada contemplativa, unha ollada aberta, unha percepción por medio dos sentidos, superadora da nosa ollada permanentemente autoreferencial, para experimentar novas impresións ou emocións ata agora inéditas ou inadvertidas. Esta contemplación repousada, no silencio e na observación, reclama a apertura dun diálogo, dende a nosa propia experiencia, con esta instalación artística que apela e interpela á nosa ollada, abríndonos á intuición que é unha forma de coñecemento, inmediata e espontánea, que non podemos equiparar a un pensamento máxico senón a unha comprensión baseada na nosa experiencia e no noso coñecemento.

Deste xeito esta exposición “Relicario” suscita nos espectadores, atentos e sensibles e non meros consumidores ociosos e pasivos, un diálogo que excede á materialidade da obra, como sucedíalle ao fiel que oraba diante da reliquia, para abrir a nosa sensibilidade, para superar a sequidade da nosa existencia, reformulando a capacidade simbólica dos relicarios como obxectos suxestivos de novas realidades, como auténticas pontes entre a materia e o espírito, como intuición de realidades inmateriais.

Carlos Fer reformula nesta instalación artística o simbolismo dos relicarios mediante estas doas ou abelorios e os cristais tallados que refulxen a luz que reciben – con oitocentas pezas como os anos da catedral-; agora estes obxectos ingrávidos nunha catenaria que abraza á arquitectura da catedral nos convidan á sorpresa do descubrimento, ao interrogante da significación, á ledicia que xorde da luz e da beleza que nos envolve e nos transmuta...  Aquelas reliquias de San Telmo e os santos que alí se conservan e estes novos relicarios simbólicos posúen, cada un na súa dimensión, un valor taumatúrxico pola súa capacidade de realizar un cambio, un prodixio, unha transformación na persoa do devoto ou agora deste espazo e dos seus espectadores.

Carlos Fer nos ofrece unha linguaxe aberta que posibilita un diálogo persoal, colectivo ou transcendente, que suscita, ou intuímos, non xa a certeza da crenza senón unha experiencia que converte ao espectador en axente activo dunha dinámica relacional, coa propia obra ou coas realidades que simboliza, cada vez mais imprescindible nun contexto histórico que unicamente nos estima como bens de consumo.

Esta instalación artística enriquece harmonicamente a celebración do oitavo centenario da catedral tudense testemuñando a capacidade artística, creativa, comunicadora do artista. Carlos Fer redimensiona o simbolismo das reliquias da catedral -hoxe tantas veces esquecidas ou minusvaloradas- como elementos únicos e venerables, recollendo a súa simboloxía e transformando o seu significado pero non a súa memoria. A súa instalación artística, equilibradamente montada, logra unha simbiose cos outros elementos artísticos da catedral que contribúe a exaltar a beleza deste espazo, unha harmonía que inspira admiración e deleite na que intuímos a capacidade do espírito humano de elevarnos da nosa condición a novas sensacións e realidades, en definitiva ao creador primario, á fonte de toda beleza que é o amor de Deus.

Estas fermosas grilandas lembran o que sinala o salmo 42: como marchaba cara á casa de Deus entre cánticos de xúbilo e loanza no bulicio da festa,  simbolizan tamén á ledicia deste centenario que nos congrega na catedral de santa María de Tui.

Carlos Fer realiza unha excepcional intervención na catedral de Tui que testemuña a súa creatividade e que recomendamos encarecidamente a súa visita, sen presas, repousadamente, e deixándose interpelar mais alá dunha primeira impresión. “Relicario” necesita ser contemplada e dialogada. 

 



[i] Taumaturxia: Facultade de realizar prodixios segundo o Diccionario da Real Academia Española.

[ii] Taín Guzmán, Miguel (2015): “La catedral de Tui y su arquitectura en los siglos XVI, XVII y XVIII” en La Catedral de Tui desde su plan director. Xunta de Galicia, p. 104.

[iii] Tain Guzmán, Miguel (2015), op. Cit. P. 107

[iv] Tain Guzmán, Miguel (2015), Op, cit. P.  108.

[v] Carlos Fer (Tui, 1997) é artista visual, docente e investigador. Ven de rematar o seu doutoramento pola Universidade de Vigo en Creación e Investigación en Arte Contemporánea coa tese titulada «El Pliegue en la Pintura Contemporánea», foi docente na ESDIR, a EASD Pablo Picasso e a Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

A súa práctica creativa abarca pintura, cerámica, videoarte e instalación, con atención á materialidade, á suspensión, ao peso e a apertura da pintura cara ao espazo.

Ten catro exposicións individuais recentes: Relicario (Catedral de Santa María de Tui, 2026), Limiares Acuosos (Casa da Cultura Galega, Vigo, 2025), Letting the Painting Fall (Sint-Lukas Gallery, Bruxelas, 2025) e Pregar a Pintura, comisariada no Museo Provincial de Pontevedra (2024). Participou en bienais como a XXVI Bienal de Cerveira (Portugal, 2026), XXXII Bienal de Pontevedra (2025) ou a XV Bienal de La Habana (Cuba, 2024) e en mostras colectivas en lugares como a Cité internationale des Arts (París, 2026), na Fundación Luis Seoane (A Coruña, 2024), na Valentiny Foundation (Luxemburgo, 2023), ou no Palacio Euskalduna (Bilbao, 2023).

As súas residencias e estadías de investigación inclúen a CIDA de París (2025–2026), a Fundación Nicole & Walter Leblance a LUCA (Bruxelas, 2025), Matadero Madrid (2025), a Bibliothèque historique de la Ville de Paris (2026) o programa Nortear da AECT (2024 e 2026), e o Pazo de Mariñán (2023 e 2026). Foi seleccionado nas bolsas Novos Valores da Deputación de Pontevedra (2025), no Programa In Situ da fundación Daniel e Nina Carasso (2025) e finalista no X Premio Cervezas Alhambra Arte Emergente ARCO (2026).

Entre os seus recoñecementos destacan o Premio Adquisición no XIX Isaac Díaz Pardo, (2025); Premio do XVIII Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense (2025), o V Premio Crea (2025), Premio de Investigación en artes, humanidades e ciencias sociais e xurídicas (2025), Premio do Público do VII Festival Internacional de Cine Intersección (2024) e o Primeiro premio do XXI Certamen de Pintura da UVigo. O seu traballo forma parte de diferentes coleccións públicas e privadas.

Comentarios

Publicación populares

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

A lenda do túnel baixo o MIño

As lendas ou narracións populares, transmitidas oralmente, relatan xeralmente acontecementos ficticios que se teñen por reais, en moitas ocasións mesturados con feitos históricos. Pola súa capacidade de evocación, pola súa transmisión xeracional as lendas conforman un acervo do que chamamos patrimonio inmaterial que cómpre recoller e preservar. Na nosa cidade conservamos varias lendas vencelladas ao caracter histórico da nosa localidade, ao seu caracter fronteirizo e consecuentemente a súa fortificación fronte aos posibles invasores. A máis asentada no imaxinario colectivo tudense é a relativa ao “túnel” que comunica Tui coa outra beira do Miño, coas terras de Valença. Resulta moi significativa esta lenda pois testemuña como na mentalidade dos tudenses a fronteira e a súa condición de limite, de aillamento fronte ao estranxeiro era superada polas nosas xentes que a través do túnel escapaban destas “imposicións” e mantiñan a comunicación coas terras irmáns que as estructuras políticas ...

Agrarios tudenses en "El Agrario" de Buenos Aires de 1923

Fundadores da "Sociedad Agraria" de Paramos (en pose para El Agrario) De esquerza a dereita b(en pé), cidadáns Hermenegildo Gándara Estévez e Manuel Alem; sentados Simplicio Fernández Rivas, Hermenegildo Alem Rocha e Jesús Fernández Rivas Temos comentado en numerosas oportunidades neste blog o escaso coñecemento que posuímos sobre a historia mais recente do noso concello. Entre os episodios que conforman este período histórico máis recente está o movemento agrarista que na última década do século XIX e nas primeiras do pasado século mobilizou aos labregos de Galicia na procura do acceso á propiedade da terra (ata daquela os nosos campesiños eras foreiros, tiñan o usufructo inmemorial dunhas leiras que non eran súas) e consecuentemente a mellora das condicións de vida destas masas populares. Será o movemento agrarista o que adquira neste anos un progresivo protagonismo fronte ao caciquismo conservador que dominaba a vida política da comarca de Tui coa figura ...

A Semana Santa tudense e as súas posibilidades

Xa na noite do Venres Santo xorde de novo unha reflexión sobre a Semana Santa tudense, pois quizais na nosa cidade non chegamos albiscar as súas potencialidades como elemento que forma parte do noso acervo patrimonial que temos a responsabilidade de conservar, sen privala da súa dimensión relixiosa, e dende esta valorización é tamén un posible recurso turístico para Tui, pois poucos lugares de Galicia teñen unha riqueza similar nestas xornadas. Neste mesmo blogue temos sinalado que inmediata celebración das festas patronais de San Telmo distorsiona a visión destas xornadas de celebración do misterio pascual de Xesús, configuradas como un preludio das festas e, consecuentemente, infravaloradas non xa na súa dimensión espiritual senón na súa significación cultural. Cómpre valorizar as actividades litúrxicas ou para-litúrxicas destas datas, pois, independentemente da súa significación relixiosa ou espiritual, conservan requintadas expresións da nosa historia colectiva da que somos...

"A Trapa" a segunda cova granítica máis grande de Europa descoberta en Ribadelouro

O pasado sábado 9 de abril nunha conferencia pronunciada en Tui Clube Espeleolóxico “Maúxo” presentou un descubrimento certamente importante: “A Trapa” a segunda cova granítica máis grande de Europa, que se atopa na parroquia de Ribadelouro nas abas do Monte Aloia. Un descubrimento de especial relevancia para a xeoloxia e para a arqueoloxia da nosa terra, e que incrementa o valor que sa posuía esta zona inmediata ao Parque Natural do Monte Aloia. Cómpre agora impulsar o proxecto de ampliación territorial deste Parque abranguendo a Serra do Galiñeiro –por certo, ameazada na actualidade pola prevista instalación dun parque eólico-. Felicitamos ao Clube Espeleolóxico “Maúxo” polo seu labor e por aportarnos este relevante descobrimento. Achegamos un artigo publicado no día de onte na edición Galicia de “El País” como información sobre este achado. Una trampa de 1.200 metros Expertos descubren la segunda cueva más grande de Europa en O Galiñeiro SARA VILA - Santiago - 21/04/2011...

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de...

Ricardo Blanco Cicerón

O pasado martes 15 de decembro foi inaugurada no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, unha exposicion que co titulo de “Olladas dunha época” recolle unha escolma das fotografias do chamado “Fondo Blanco-Cicerón” que se custodia no devandito Museo. Como podemos comprobar na portada do catálogo que acompaña a este “post” a cidade de Tui é unha das protagonistas desta mostra que amosa unha selección das fotografías que conformaban a colección de Ricardo Blanco-Cicerón (Tui 1844 – Santiago 1926). Son na súa meiranda parte instantáneas da época do cambio de século, entre 1890-1910, e que respostan ao interese coleccionista de D. Ricardo que conformou ao longo da súa vida a, posiblemente, a máis ampla colección de caracter cultural que teña existido en Galicia: obxectos prehistóricos, artísticos, etc. que nutren hoxe en boa medida os museos da nosa terra. Esta mostra organizada conxuntamente polo Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Artes da Imaxe poderá ser visitada ...