Ir al contenido principal

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia e o seu alto valor simbólico e identitario

Este pasado domingo 14 de xuño tivo lugar na Catedral de Lugo a cerimonia más antiga que se conserva en Galicia, a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado exposto permanentemente naquela catedral basílica lucense. Neste ano correspondeulle oficiar como delegado rexio neste cerimonial secular ao Alcalde tudense en representación do Concello de Tui.

Nesta ofrenda participan os representantes das sete cidades capitais das provincias do Reino de Galicia durante época moderna: A Coruña, Betanzos, Mondoñedo, Lugo, Santiago de Compostela, Ourense e Tui. Este municipios conformaron dende o século XVI aos inicios do século XIX a Xunta do Reino de Galicia, o precedente da actual institución autonómica que goberna a nosa terra.

A cidade de Tui foi capital dunha das provincias en que estaba dividido o Reino de Galicia entre os séculos XVI e XIX e consecuentemente participaba, por dereito propio, na Xunta do Reino de Galicia que tiña encomendadas diversas funcións de goberno así como outras de carácter fiscal e militar no territorio de Galicia.

Como sinala o profesor Manuel María de Artaza Montero: “Durante o Antigo Réxime, as provincias setentrionais da Coroa de Castela coincidentes hoxe coas comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria e mais Euskadi estiveron representadas diante do rei e dos seus consellos e ministros por unhas asembleas chamadas xuntas (juntas en castelán, a lingua empregada nos encontros e na documentación de todas elas). De feito, segundo os principios político-institucionais da época, encarnaban os seus respectivos territorios e, por iso, falaban como o Reino de Galicia, o Principado de Asturias, a Provincia de Cantabria, o Señorío de Biscaia, a Provincia de Guipúscoa e a Provincia de Áraba cando desenvolvían as súas reunións ou xuntas[1].

O proceso de creación destas Xuntas non está clarificado. Non son un órgano administrativo, nin xudicial senón unha “asemblea representativa” e teñen como precedente as Xuntas da Irmandade reunidas con procuradores das principais cidades e vilas de Galicia. Os procuradores do Reino de Galicia se reúnen en número de cinco cidades cabeza de provincia que dende 1530 serán, finalmente, sete ao separarse, en datas non coñecidas, tanto Coruña e Betanzos como Santiago e Tui.

O proceso de institucionalización destas Xuntas culmina en 1621 cando votan un servizo de 100.00 ducados para a escuadra de Galicia que abre as portas a que Filipe IV lle conceda a Galicia, en 1623, o voto en Cortes (ata daquela representada pola cidade de Zamora). Este voto foi concedido ao Reino de Galicia, que tiña dous votos, que se repartían entre as cidades cabezas de provincia, independentemente da súa condición reguenga ou señorial. Ao ser sete establécese unha quenda que favorecía a Santiago, que entraba na primeira e na última quenda. Neste mesmo momento o rei concedeulle ás sete cidades capitais o título de “moi nobres e moi leais”, no caso tudense sabemos que en 1732 o concello empregaba os títulos de Muy Noble, Leal y Antigua, descoñecendo hoxe a orixe desta última denominación, tamén empregada pola cidade de Lugo e perdido seu uso co paso do tempo.

As Xuntas do Reino se reunían habitualmente na Coruña, sede da Audiencia e residencia do gobernador-capitán xeneral de Galicia. Convócanse en Tui nos anos 1645, 1664 e 1665, no decurso da guerra con Portugal. A súa función principal era a aprobación de servizos fiscais ou militares solicitados pola Coroa (aceptando a maioría deles pero conseguiron rebaixas, retardaron a súa resolución e nalgúns momentos incluso rexeitaron a solicitude rexia) e presentar as súplicas que estimasen ao Rei sobre a acción de goberno (problemas forais, de administración de rendas, infraestruturas, educación ou saúde pública).

O seu principal protagonismo foi dende finais do século XVI ata 1712, pois o goberno absolutista dos Borbóns reduciu o seu papel político. Desapareceron en 1834 coa nova división provincial. Dende 1599 ata 1834 celebraron 113 reunións e contribuíron moi positivamente a manter a personalidade unitaria do Reino de Galicia[2]

Polo tanto, do mesmo xeito que fixeron outras asembleas representativas europeas nadas a partir da Baixa Idade Media (parlamentos, cortes, estados, dietas), estas Xuntas do Reino de Galicia auxiliaban aos monarcas no goberno, sobre todo aprobando axudas extraordinarias de diñeiro, fornecementos e tropas para a defensa da monarquía de España. E tamén atendía ao servizo dos naturais, pedindo ao soberano que rematase cos agravios e abusos cometidos polos ministros da coroa, solicitaba a rebaixa ou a retirada das contribucións consideradas daniñas e promovía medidas para o desenvolvemento económico, educativo e asistencial e de todo tipo.

Así esta Xunta do Reino de Galicia acordou atender, en 1669, á petición da Catedral de Lugo de establecer unha renda anual coa que iluminar o Altar Maior daquela Catedral onde está exposto permanentemente o Santísimo Sacramento. Segundo as crónicas antigas, dende o século VI existe unha tradición inmemorial de adoración eucarística permanente na Catedral de Lugo que ten como lema: Hic hoc mysterium fidei firmiter profitemur.

A primeira data en relación á Ofrenda é o 14 de xaneiro de 1669, nese día o Cabido da Catedral de Lugo redacta un documento no que, por man do Cóengo Juan Pallares Gayoso, apélase ao gran privilexio que tiña da exposición continua do Santísimo Sacramento como factor que move ao compromiso de todos e cada un dos representantes do Reino. Neste memorial, lido o 15 de febreiro nas Xuntas do Reino, solicita un donativo para incrementar o número de velas para o alumeado do Santísimo xa que ay mas de Mill y nobenta Años (en el Sentir mas avaro) que en el Altar de ssu Capilla mayor, goza este Nobilissimo Reyno, la Verdadera y Real presençia de nuestro Redemptor Sacramentado, continuamente, dis, y noche, Patente. Resalta a defensa por parte do Reino de la presençia de christo Señor nuestro, en la ostia consagrada e como isto está patente na súa bandeira, De aquí tubo prinçipio, y se originô borrar el dragón berde, y leon roxo (Armas de los Reys Suevos, que al tiempo tenian en este Reyno su Corte) y trasladar al dorado campo del escudo de sus Armas, la Ostia, no, dentro de basso Sacramental oculta (como mal pensaron historiadores modernos) sí sobre el Caliz, ô de manifiesto en su custodia: En claro testimonio, y memoria eterna del ardor christiano, y Cathólico corage, con que este Reyno Gallego defendio la presençia de christo Señor nuestro.[3]

Un texto moi revelador de como Galicia se concibía a si mesma na súa personalidade política con moi notables e profundas raíces histórica, testemuñando unha continuidade, un autorecoñecemento e unha permanencia no tempo da identidade propia do reino de Galicia da que os membros desta Xunta do Reino eran plenamente conscientes.

O Memorial de Juan Pallares destaca que para Santiago apóstolo é Galicia su mas querida y amada Probinzia sinalando que sera muy de su gusto, y agrado, el ôbssequio de esta ofrenda, y en su recompensa adelantando el premio, nos dará feliçes Vitorias, y Gloriossos triunfos, en honrra y eterna beneraçion de su Maestro Sacramentado, que siempre alabado sea.

Como sinalamos anteriormente na Xunta do Reino celebrada en A Coruña o 19 de febreiro de 1669, o cóengo Juan Velo, designado polo Cabido lucense, presentou o memorial de Juan Pallares, e foi votado o acordo de conceder un donativo anual de 1.500 ducados para a mellora do alumeado no culto ao Santísimo, exposto permanentemente, na catedral de Lugo para las luçes que mençiona la junta antezedente.

O 22 de febreiro nomeáronse os capitulares para outorgar a escritura e o 1 de marzo materializouse a mesma ante o escribán Pedro Pérez de Cajide, na cidade da Coruña. Nesta escritura sinalase o donativo de 1.500 ducados por parte das sete cidades do Reino, asinando o documento Diego de Somoza y Prado, deputado por A Coruña; Francisco Rubinos, rexedor da cidade de Mondoñedo, e o cóengo Juan Velo, en nome do Cabido da catedral de Lugo.

Este importe da doazón tiña como finalidade mercar cera para catro velas mais que evitasen el poco hornato y decencia de luçes con que estaba el Santissimo Sacramento en aquella Yglessia asistiendo Patente en ella, dia y noche, como hera notorio. Redactáronse doce condicións entre as que destaca a sétima que establece a celebración anual na Catedral de Lugo, o domingo da infraoitava do Corpus, dunha cerimonia para que se perpetue mas, y ferborice la debocion y se reconozca se echa dicha Dotaçion por el Reyno é condición que todos os anos ofrézanse os devanditos mil e cincocentos ducados en nome do Reyno, facendo esta ofrenda de xeito similar á Ofrenda anual a Santiago apóstolo, na catedral compostelá, por parte dos Reinos de España. A escritura foi aprobada polo raíña Mariana de Austria, como titora do seu fillo Carlos II, o 18 de outubro de 1669.

O texto do acordo é o seguinte: Que para que perpetue mas, y ferborice la deboçion, y se Reconozca ser echa dicha doctaçion por el Reyno, hes condiçion, que todos los años se ofrezcan los dichos mill y quinientos ducados en nombre del Reyno, para lo qual la dicha santa yglessia, los â de dar cobrados, y reduçidos a plata u oro, conforme corriere para el Domingo ynfraoctaba del Corpus y el dicho ofreçimiento le â de haçer el Rejidor mas antiguo que es, ô fuere de la dicha Ciudad de Lugo, en nombre del Reyno, asistiendo en el coro de la dicha santa yglesia, a las bisperas del sabado del dicho Domingo ynfraoctaba, y el dicho dia saliendo para este efecto, desde las Casas del Consistorio de dicha Ciudad, con todo el acompañamiento, y luçimiento que pudiere, y a la Missa, Sermon y proçession, y al ofertorio de dicha missa, ha de ofreçer en manos del señor Obispo de aquella santa Yglesia ô perssona que dijere la missa, los dichos mill y quinientos ducados, segun de la forma que en nombre de los Reynos de Hespaña, se ofreçen al Apostol Santiago los quinientos escudos de oro, el dia de su translaçion y la dicha santa yglesia, ha de salir a reçivirle, y darle al dicho Rejidor que hiçiere el ofreçimiento, el mismo lugar y silla, que dâ la santa Yglessia de Santiago al Rejidor de aquella Ciudad, en la misma funcion, y en casso que se halle en la dicha ciudad de Lugo dicho dia, algun Rejidor de las demas Ciudades del Reyno, ha de haçer el dicho ofrecimiento en nombre de el, y la dicha Ciudad, le â de acompañar, y asistir en la misma forma, que si su Rejidor mas antiguo hiçiera el dicho ofreçimiento, por quanto la dicha doçtaçion se haçe de comun acuerdo, y consentimiento de todas las siete ciudades del Reyno, las quales todas an de gozar de la prehemienzia del poder haçer por su capitular el dicho ofreçimiento, y en casso que se hallen, dos, ô mas Capitulares de diferentes ciudades ha de ser preferido el de la mas antigua, y allandose dos de una misma, el mas antiguo, de ella, y no hallandose ninguno de las demas ciudades, siempre ha de haçer la oferta el Rejidor de la Ciudad de Lugo, como dicho hes[4]

Haberá que agardar ata o 19 de xuño de 1672 para que teña lugar a primeira cerimonia da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, tendo como protagonistas ao bispo de Lugo, Juan de Asensio, e a Juan Pardo Monzón Alcalde Mayor mas antiguo en la rreal audiencia de este rreino de Galicia y rrejidor perpetuo de la ciudad de mondoñedo en nombre de este mui noble rreeino y sus siete ziudades que le componen[5]

Nesa data do 19 de xuño 1672 tamén se puxeron as catro velas, sendo Miguel de Ulloa o rexedor protagonista da Ofrenda en 1674. Estas datas deron inicio a unha tradición secular que segue presente nos nosos días, aínda que con algunhas modificacións que se foron efectuando ao longo deste período temporal, como a realizada en 1925 polo prelado Frei Plácido Rey Lemos, que estableceu a quenda de cidades ofertantes, comezando por Lugo, seguida da Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Mondoñedo, Betanzos e Tui.

Aos tres días do 25 de maio de 1769, festividade do Corpus Christi, a conmemoración do primeiro centenario deste voto colectivo celebrouse coa inauguración do impresionante tabernáculo de mármore obra de José de Ejalde, labrado entre febreiro de 1766 e xaneiro de 1769 para colocar en él al Santissimo Sacramento para su maior decencia y benerazión. Foi invitado especial neste acto o arcebispo de Santiago, Bartolomé de Rajoy, que tiña achegado importantes sumas para a súa fabricación.

En 1772, un século despois da primeira Ofrenda foi estreada a actual custodia, onde está exposto Xesús Sacramentado no altar maior da catedral lucense, obra do prateiro Manuel Varas Machuca, agasallo do arcebispo de Zaragoza, Juan Sáenz de Buruaga, que tiña ocupado anteriormente a sede lucense. El extraordinario valor de esta pieza de orfebrería provocó que el 8 de diciembre de 1854 fuese robada la parte superior de la custodia, con el consecuente cese del culto en la catedral hasta el día 21 de diciembre de ese mismo año. La parte superior fue reconstruida por los talleres de los Ramírez de Arellano de Madrid, gracias a las aportaciones económicas de  personas de toda Galicia, un ejemplo más de la devoción de esta comunidad por el Santísimo Sacramento.[6]

Desde 1925 ata os nosos días celébrase o ritual desta Ofrenda do mesmo xeito; nas vésperas da solemnidade e cunha misa solemne o domingo da oitava do Corpus Christi onde, por quendas rotatorias anuais, os mandatarios municipais das sete cidades do Antigo Reino de Galicia (o alcalde de cada cidade ou un delegado ou representante seu) presentan esta Ofrenda.

O centro desta celebración sitúase no interior da catedral de Santa María, na capela maior na que está exposto, día e noite, o Santísimo Sacramento. A ofrenda faina nesta capela o delegado rexio da cidade ao que por quenda lle toca, mentres o resto dos representantes municipais agardaban antes no coro e agora o acompañan no altar maior.

Este ritual da cerimonia da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento na Catedral de Lugo, vén marcado pola sétima condición da escritura orixinal de 1669 para a concesión dun donativo para cera. Nesa sétima condición ponse como modelo “a forma que en nome dos Reynos de Hespaña, se ofreçen ao Apostol Santiago os cincocentos escudos de ouro, o día do seu translaçion”. Desde a escritura orixinal do 1 de marzo de 1669, xa se estipulaba que a Ofrenda a debía facer un rexedor o día “Domingo ynfraoctaba do Corpus”, debendo asistir tamén ás vésperas do sábado anterior. O corpo principal da cerimonia segue o establecido hai mais de 350 anos, incluíndo a saída do rexedor “desde las Casas del Consistorio de dicha Ciudad, con todo el acompañamiento, y luçimiento que pudiere, y a la Missa, Sermon y proçession, y al ofertorio de dicha missa, ha de ofreçer en manos del señor Obispo de aquella santa Yglesia”.

O Tratado de Cerimonias dos séculos XVII e XVIII, conservado no Arquivo da Catedral de Lugo, tamén inclúe unha detallada descrición da cerimonia da Ofrenda,  incluíndo a recepción dos alcaldes, e rexedores, ás portas da catedral por parte de “dos Canónigos, y dos Dignidades, el Maestro de Ceremonias, quatro Capellanes y un Acolyto con la calderilla del agua bendita”.

Ese día a ofrenda era colocada nunha mesa adornada na zona dianteira do coro; Al tiempo del ofertorio viene el Maestro de Ceremonias con el pincerna y quatro Capellanes o Colegiales y da aviso al Señor Obispo (si está presente) para que baje de su silla y venga al altar maior á donde se sienta en su silla al lado del Evangelio sin ponerse el bonete y luego vuelve dicho Maestro de Cremonias, con los quatro Capellanes y Pincerna a buscar al Regidor que baja de su silla y los dos Canónigos, y con este acompañamiento le traen a la Capilla maior llevandole delante de si el niño con la oferta, y llegando á las gradas del altar maior toma la oferta en sus manos, sube y se pone de rodillas a los pies del Prelado y ofrece en nombre del Reyno los mil y quinientos ducados. Su Señoria Ylustrísima recibe la oferta y da las gracias en nombre del Cavildo e Yglesia y anuncia muchas prosperidades y buenos sucesos al Reyno por el servicio que hace a Su Majestad Sacramentado.

Este cerimonial so foi interrompido coa Guerra da Independencia, en 1809, pero continuou coa presenza anual, segundo a prensa lucense da época de numerosos grupos de peregrinos procedentes dende diversos lugares de Galicia que participaban neste cerimonial eucarístico, impulsado en numerosas oportunidades polos grupos de Adoración Noctura que impulsaban as dioceses, que ten inicio en Lugo en 1885 impulsado polo viveirense Luis de Trelles. So nos dous primeiros anos da II República foi interrompida a presenza dos concellos nesta Ofrenda: en 1931 non compareceu Betanzos e no 1932 tampouco concorreu o concello de Tui, sendo realizada a Ofrenda pola Adoración Nocturna.

Non figura nas actas municipais tudenses de 1932 referencia algunha a este tema, pero esta en liña co acordo adoptado ao pouco da toma de posesión da nova Corporación Municipal en maio de 1931 de non participar nin colaborar nas festividades relixiosas que se celebren

Tras a eucaristía e a ofrenda, os representantes, tanto civís coma eclesiásticos, marchan en solemne procesión co Santísimo Sacramento exposto na cima dunha carroza polas rúas do centro de Lugo. A procesión está embelecida con música, bailes, unha choiva de pétalos de flores, así como polo son das campás da catedralicia Torre dos Signos.

Esta Ofrenda do Antigo Reino de Galicia é a tradición institucional mais antiga que se conserva en Galicia como símbolo da identidade e condición colectiva do noso país. Este acto posúe un alto valor simbólico polo seu carácter municipalista e polo valor patrimonial desta tradición que conta con mais de 350 anos de existencia continuada. A conservación das tradicións é un elemento básico para a configuración e identidade dun país; esta Ofrenda anual conservada logo de tantos anos é o exemplo máis antigüidade dun acto público que expresa a identidade de Galicia como colectividade de seu. Esta cerimonia anual sitúa a estes sete concellos, entre eles á nosa cidade, como unha das referencias históricas de Galicia de maior arraigamento.

O pasado ano 2025 o Consello da Xunta de Galicia acordou a declaración desta Ofrenda do Antigo Reino de Galicia como Ben de Interese Cultural na categoría de patrimonio inmaterial ao entender que trátase dun caso singular dentro da cultura e o patrimonio inmaterial da Comunidade ao expoñer de forma única unha tradición secular dos galegos e galegas, así como a evolución da súa unidade como pobo. Consecuentemente, coa súa declaración como Ben de Interese Cultural tense en conta que se está “ante unha celebración na que toda Galicia se ve representada”, xa que “se xunta a parte civil e a eclesiástica” nun só evento que supón ademais un dos últimos expoñentes deste histórico Reino. Ademais, salientase nesta declaración que esta Ofrenda adáptase á perfección á definición que dá a Unesco para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial ao reflectir un uso ou expresión que un grupo de individuos recoñece como parte integrante do seu patrimonio cultural, transmitíndoo de xeración en xeración, sendo celebrada constantemente por unha comunidade, supoñendo unha interacción coa súa historia e difundindo un sentimento de identidade e continuidade.

Ás veces o descoñecemento desta tradición, non valorada axeitadamente ao atender unicamente ao seu aspecto relixioso, provoca que pase inadvertida para a maioría da sociedade tudense, e galega claro está, pero esta manifestación inmaterial que continúa viva pero que evoca a entidade histórica de seu de Galicia dende os albores da Idade Moderna ata os nosos días. Foi o celo das sete cidades, nomeadamente do concello de Lugo como organizador anual deste cerimonial, e do bispo e o cabido da catedral lucense os que manteñen acesa esta tradición dende hai 357 anos. En moitos lugares unha xornada similar sería oportunidade de afirmación e orgullo propio que implicaría a toda a sociedade.

O pasado domingo o alcalde tudense, xunto aos representantes das outras cinco cidades (agás Santiago de Compostela que inexplicablemente renuncia a participar nesta tradición identitaria), deu continuidade e esplendor a unha tradición tan arraigada na propia condición de Galicia que se expresa no seu escudo e que coloca a Tui, e aos outros seis concellos, como os alicerces sobre os que foi edificada ao longo do séculos a identidade colectiva e, consecuentemente, política de Galicia expresada nunha cerimonia relixiosa, como corresponde ao tempo no que foi creada e á propia identidade histórica de Galicia, pero que non a priva da súa capacidade evocadora, do seu valor simbólico e do seu carácter de autoafirmación colectiva liderada polas sete antigas capitais do Reino de Galicia.



[1] Artaza Montero, Manuel María de:  en Xunta Xeral do Reino de Galicia, século XVI a XIX.   https://consellodacultura.gal/lugares-de-memoria/detalle.php?id=36901

[2] Sánchez Bargiela, Rafael (2022): Breve historia de Tui. Tui, p.

[3] Folleto da exposición conmemorativa dos 350 anos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado na catedral de Lugo, promovida por Lucense Eucharisticum Centrum, realiza Colectivo Egeria, coordina Antonio Giz e dirixe Xulio Xiz. Lugo, 2016.

[5] Folleto... Op.cit.

[6] Folleto.. Op. Cit.

Comentarios

Publicación populares

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

A lenda do túnel baixo o MIño

As lendas ou narracións populares, transmitidas oralmente, relatan xeralmente acontecementos ficticios que se teñen por reais, en moitas ocasións mesturados con feitos históricos. Pola súa capacidade de evocación, pola súa transmisión xeracional as lendas conforman un acervo do que chamamos patrimonio inmaterial que cómpre recoller e preservar. Na nosa cidade conservamos varias lendas vencelladas ao caracter histórico da nosa localidade, ao seu caracter fronteirizo e consecuentemente a súa fortificación fronte aos posibles invasores. A máis asentada no imaxinario colectivo tudense é a relativa ao “túnel” que comunica Tui coa outra beira do Miño, coas terras de Valença. Resulta moi significativa esta lenda pois testemuña como na mentalidade dos tudenses a fronteira e a súa condición de limite, de aillamento fronte ao estranxeiro era superada polas nosas xentes que a través do túnel escapaban destas “imposicións” e mantiñan a comunicación coas terras irmáns que as estructuras políticas ...

Agrarios tudenses en "El Agrario" de Buenos Aires de 1923

Fundadores da "Sociedad Agraria" de Paramos (en pose para El Agrario) De esquerza a dereita b(en pé), cidadáns Hermenegildo Gándara Estévez e Manuel Alem; sentados Simplicio Fernández Rivas, Hermenegildo Alem Rocha e Jesús Fernández Rivas Temos comentado en numerosas oportunidades neste blog o escaso coñecemento que posuímos sobre a historia mais recente do noso concello. Entre os episodios que conforman este período histórico máis recente está o movemento agrarista que na última década do século XIX e nas primeiras do pasado século mobilizou aos labregos de Galicia na procura do acceso á propiedade da terra (ata daquela os nosos campesiños eras foreiros, tiñan o usufructo inmemorial dunhas leiras que non eran súas) e consecuentemente a mellora das condicións de vida destas masas populares. Será o movemento agrarista o que adquira neste anos un progresivo protagonismo fronte ao caciquismo conservador que dominaba a vida política da comarca de Tui coa figura ...

A Semana Santa tudense e as súas posibilidades

Xa na noite do Venres Santo xorde de novo unha reflexión sobre a Semana Santa tudense, pois quizais na nosa cidade non chegamos albiscar as súas potencialidades como elemento que forma parte do noso acervo patrimonial que temos a responsabilidade de conservar, sen privala da súa dimensión relixiosa, e dende esta valorización é tamén un posible recurso turístico para Tui, pois poucos lugares de Galicia teñen unha riqueza similar nestas xornadas. Neste mesmo blogue temos sinalado que inmediata celebración das festas patronais de San Telmo distorsiona a visión destas xornadas de celebración do misterio pascual de Xesús, configuradas como un preludio das festas e, consecuentemente, infravaloradas non xa na súa dimensión espiritual senón na súa significación cultural. Cómpre valorizar as actividades litúrxicas ou para-litúrxicas destas datas, pois, independentemente da súa significación relixiosa ou espiritual, conservan requintadas expresións da nosa historia colectiva da que somos...

"A Trapa" a segunda cova granítica máis grande de Europa descoberta en Ribadelouro

O pasado sábado 9 de abril nunha conferencia pronunciada en Tui Clube Espeleolóxico “Maúxo” presentou un descubrimento certamente importante: “A Trapa” a segunda cova granítica máis grande de Europa, que se atopa na parroquia de Ribadelouro nas abas do Monte Aloia. Un descubrimento de especial relevancia para a xeoloxia e para a arqueoloxia da nosa terra, e que incrementa o valor que sa posuía esta zona inmediata ao Parque Natural do Monte Aloia. Cómpre agora impulsar o proxecto de ampliación territorial deste Parque abranguendo a Serra do Galiñeiro –por certo, ameazada na actualidade pola prevista instalación dun parque eólico-. Felicitamos ao Clube Espeleolóxico “Maúxo” polo seu labor e por aportarnos este relevante descobrimento. Achegamos un artigo publicado no día de onte na edición Galicia de “El País” como información sobre este achado. Una trampa de 1.200 metros Expertos descubren la segunda cueva más grande de Europa en O Galiñeiro SARA VILA - Santiago - 21/04/2011...

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de...

Ricardo Blanco Cicerón

O pasado martes 15 de decembro foi inaugurada no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, unha exposicion que co titulo de “Olladas dunha época” recolle unha escolma das fotografias do chamado “Fondo Blanco-Cicerón” que se custodia no devandito Museo. Como podemos comprobar na portada do catálogo que acompaña a este “post” a cidade de Tui é unha das protagonistas desta mostra que amosa unha selección das fotografías que conformaban a colección de Ricardo Blanco-Cicerón (Tui 1844 – Santiago 1926). Son na súa meiranda parte instantáneas da época do cambio de século, entre 1890-1910, e que respostan ao interese coleccionista de D. Ricardo que conformou ao longo da súa vida a, posiblemente, a máis ampla colección de caracter cultural que teña existido en Galicia: obxectos prehistóricos, artísticos, etc. que nutren hoxe en boa medida os museos da nosa terra. Esta mostra organizada conxuntamente polo Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Artes da Imaxe poderá ser visitada ...