Ir al contenido principal

Parlamentarios tudenses (e XII): José Calvo Sotelo e Rosendo Bugarín Domínguez

Rematamos hoxe este longa serie de artigos sobre os tudenses que acadaron unha cadeira nas Cortes Españolas cunha referencia a outro político natural de Tui que comeza a súa traxectoria política, curta pero intensa, en 1919 resultando electo deputado polo distrito de O Carballiño, tratase de José Calvo Sotelo.

Caricatura do José Calvo Sotelo de Eduardo Padín,
publicada en "Faro de Vigo" 15.05.1929

Calvo Sotelo nace en Tui o 6 de maio de 1893,  na Corredoira número 59, fillo do xuíz Pedro Calvo. A súa casa atópase actualmente en ruínas e apuntalada. Viviu en Tui ata os sete anos pois os traslados profesionais do seu pai o levan a estudiar bacharelato en Coruña e Lugo e cursar de seguido Dereito nas universidades de Zaragoza e Madrid. En 1914 entrou como oficial de Administración no Ministerio de Gracia e Xustiza e en 1916 gaña as oposicións á avogacía do Estado e no ano seguinte foi nomeado profesor auxiliar na Facultade de Dereito da Universidade madrileña.

Casa natal de José Calvo Sotelo 

Afiliouse ao conservadurismo maurista desde mozo. “Os seus enfoques anticaquís e as ideas que tiña sobre a reorganización administrativa do Estado, favorables a un recoñecemento das rexións como entes administrativos, aproximárono inicialmente ás Irmandades da Fala e, aínda que non consta que se integrase nelas, si consta que os nacionalistas das Irmandades apoiaron a súa candidatura polo Carballiño nas eleccións de 1919, nas que resultou elixido.[1]

Calvo Sotelo que fora líder das “Juventudes Mauristas” é designado por Antonio Maura como o seu secretario particular cando ocupaba a presidencia do Goberno, nun gabinete no que estaba outro tudense, Augusto González Besada, como ministro de Facenda. Aínda que foi gobernador civil de Ourense, en 1921, e de Valencia en 1922 será coa chegada da Ditadura de Primo de Rivera cando acceda a posto no goberno, sendo nomeado Director Xeral de Administración Local. Dende este posto logra a aprobar o Estatuto Municipal (1924) e o Estatuto Provincial (1925) promovendo un proxecto de rexionalización que atopa iniciais simpatías en galeguistas como Losada Dieguez e Vicente Risco, pero cando evidenciouse que os proxectos de Calvo Sotelo tiñan no mesmo Directorio un total rexeitamento, optaron por deixar esa colaboración en paralelo a tantas outras forzas progresistas que apoiaran inicialmente ao xeneral Primo de Rivera polos seus anuncios de rexeneración nacional.

En 1925 foi nomeado ministro de Facenda, cando contaba con 31 anos, realizando un importante labor: creación do Banco de Crédito Local, Banco Exterior de España, Campsa, Estatuto de clases pasivas, etc. A valoración que suscita a súa política económica depende basicamente das perspectivas ideolóxicas de cada quen, namentres que para uns é realmente exemplar para outros economistas as súas medidas eran esencialmente publicitarias sen abordar os auténticos problemas.

Deixou o ministerio o 20 de xaneiro de 1930, polo fracaso das súas medidas monetarias en torno á devaluación da peseta, e cando agonizaba a Ditadura e na súa figura se proxectaron as críticas a aquela época. Promove a creación dun novo partido, a Unión Monárquica Nacional. Tras a proclamación da II República exiliouse en Lisboa e logo en París ao abrírselle un proceso por responsabilidades políticas durante a Ditadura (polo que aínda que foi electo en 1931 como deputado pola provincia de Ourense non chegou a tomar posesión), retornando a España en 1934.

Retrato de José Calvo Sotelo no Salón de Plenos da Casa do Concello de Tui

En Francia tiña contactado co pensamento de estrema dereita de Action Française que o influirá decisivamente. Na II República intégrase primeiro en Acción Española e logo dirixe Renovación Española, erixíndose nas Cortes de 1936 como líder do Bloque Nacional, que procuraba a unión de todas as forzas de dereita, cunha política moi crítica cara a República. En 1933 tiña sido electo deputado por Madrid, Coruña e Ourense, optando á representación por esta última provincia, que volverá a elixilo en 1936.

Foi vilmente asasinado o 13 de xullo de 1936, nun crime político que acelerou o golpe de Estado. “A Guerra Civil e o posterior franquismo convertérono en símbolo da chamada barbarie vermella, en protomártir do novo réxime co que, de vivir, sen dúbida mantería distancias. Calvo Sotelo foi un sólido político e xurista, un gran xestor, aínda que fosen discutibles algunhas das súas decisións facendísticas máis importantes. Sen embargo foi aproveitado polo réxime ao convertelo nun dos seus símbolos, cando ben sabemos as insalvables diferencias que mantiña coa doutrina e a persoa de José Antonio. Aínda está agardando a biografía que se merece e na que a súa personalidade apareza sen as contaminacións que a propaganda franquista creou en torno á súa personalidade[2]. 

Esta utilización distorsiona a comprensión dunha personalidade que asumimos como integrante dun panteón de pro-homes dun réxime ao que non tivo a oportunidade de pertencer. A figura de José Calvo Sotelo é, pois, moito máis ampla que a de icona da Cruzada e probablemente o seu proxecto político, certamente corporativista e de dereita estrema, distaría sensiblemente, unha vez superada a guerra civil, do que comezou na devastada España de 1939 baixo a éxida de Francisco Franco.

José Calvo Sotelo mantivo unha constante relación coa nosa cidade, á que acudiu en diversas oportunidades. En 1927 o concello en sesión de 21 de abril acordou o seu nomeamento como “Fillo predileto” como “homenaje de predilección al insigne tudense, de inteligencia altísima y corazón de oro, que ofrena a su ciudad natal, que dejó siendo muy niño, devociones y afanes filiales”.

No ano 1929 a Liga de Amigos de Tui de Vigo (entidade moi activa naquela altura) colocou unha placa na fachada da casa natal: “En esta casa nació el 6 de mayo de 1893 el Excmo. Sr. D. José Calvo Sotelo, ministro de Hacienda, homenaje de sus paisanos residentes en Vigo. Agosto 1929”. Esta mesma entidade colocará unha nova placa no ano 1937 co seguinte texto: “Esta lápida fue descubierta por la Liga de Amigos de Tui al cumplirse el primer aniversario del martirio de este ilustre tudense. Tuy, 13 de julio de 1936”. 

Posteriormente, en sesión de 8 de agosto a Xunta Xestora do Concello de Tui, presidida por José Peñarredonda, acorda modificar diversos nomes de rúas, entre eles a Corredoira, ata daquela denominado Paseo Galán e García Hernández (dous militares que lideraran un falido levantamento republicano en Jaca en decembro de 1930) polo de Paseo de José Calvo Sotelo.

O principal tributo tudense á súa figura, é o conxunto escultórico, deseñado polos arquitectos Pérez Llorente e Ulloa, e esculpido por Xoán Piñeiro, unha acreditada figura da arte contemporánea de Galicia, situado na entrada á nosa cidade, inaugurado tardiamente en 1963, ao cumprirse o 25 aniversario do seu asasinato.


Rematamos este traballo dedicado aos tudenses que accederon ás Cortes Españolas coa referencia a Rosendo Bugarín Domínguez, nado en Tui no ano 1909, dedicándose profesionalmente ao ámbito da banca como apoderado no Banco Pastor. Afiliado á Falange Española dende a súa mocidade na II República, foi posteriormente o seu Jefe Comarcal e responsable da Delegación da chamada “Vieja Guardia”, un sector da Falange caracterizado polo seu inmobilismo.

Ocupou a Alcaldía tudense entre 1944 e 1951, continuando posteriormente como tenente alcalde con José Jurado Romero, entre 1951-1957 e como concelleiro co alcalde Gonzalo Álvarez Besada en 1957. Durante o seu mandato como Alcalde, entre outras medidas, podemos resaltar que comezou a ampliación da Casa Consistorial, a Inspección de Policía foi elevada a Comisaría e foi creado o Instituto de Enseñanza Media e Profesional da modalidade técnica agrícola-gandeira.

Rosendo Bugarín foi elixido, en maio de 1946, como procurado en Cortes en representación dos municipios da provincia de Pontevedra, nunha lexislatura que remata no ano 1949.

Dende aquel non houbo novos tudenses que ocupasen escano no Congreso ou no Senado.

Aínda que non é obxecto desta serie de posts dedicadas aos parlamentarios nas Cortes, citar que no Parlamento de Galicia tiveron acta de deputados tanto Juan Miguel Diz Guedes como Moisés Rodríguez Pérez, ambos tiñan desempeñado previamente á alcaldía de Tui. Diz Guedes foi parlamentario galego entre 1990 e 1996 e Moisés Rodríguez, entre 2017 e 2020.



[1] BARREIRO FERNANDEZ, Xosé Ramón (Coordenador Xeral): “Parlamentarios de Galicia. Biografías de deputados e senadores (1810-2001)”. Santiago de Compostela, Parlamento de Galicia e Real Academia Galega, 2001. 2 vol. P. 153

[2] Nos últimos anos foron editadas diversas obras que abordan dende novas perspectivas a súa figura: Rodríguez Lafuente, José: “España antes del odio. Calvo Sotelo en la política de su época (1902-1931)”. Madrid, 2007 ou Bullón de Mendoza, Alfonso: “José Calvo Sotelo”. Barcelona, Ariel, 2004.

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le