Ir al contenido principal

As armas heráldicas da cidade de Tui


No último post recollíamos a descrición da nosa cidade publicada en  “El jardinero de los planetas y piscator de la corte para el año de 1754” de José Patricio Moraleja y Navarro. No seu texto atopamos, máis aló da evocación da nosa configuración urbana, diversas noticias moi suxerentes: dende o cultivo do azafrán nas nosas veigas ata a descrición e interpretación que realiza das armas que figuran no escudo de Tui.



Moraleja y Navarro ao falar das armas heráldicas da cidade sinala o seguinte: Las Armas de esta Ciudad son en su Escudo una media Luna plateada y tres Estrellas doradas en campo azul celeste con Real Corona e as relaciona coas armas que empregaba o héroe mítico da fundación de Tui, Diomedes: las mismas que Diomedes traìa en su Escudo.

Esta opinión de Moraleja contrasta con que tradicionalmente o escudo tudense, integrado pola media lúa e as tres estrelas, está interpretado como representación simbólica da ocupación musulmán e das tres primeiras vagas repoboadoras da cidade emprendidas pola monarquía astur leonesa: Alfonso I en 744, Ordoño I en 860 e Fernando II en 1170.

Esta discrepancia anímame a abordar unha pequena revisión desta temática tanto na bibliografía como nas representacións gráficas que se conservan das mesmas.

A primeira obra impresa sobre a historia tudense é Antiguedad de la ciudad y Iglesia Cathedral de Tuy y de los Obispos que se saue aya auido... realizada polo bispo tudense Frei Prudencio de Sandoval (entre 1610-1612) editada en Braga en 1610. Recolle a tradición da fundación por parte do héroe grego Diomedes pero carece de referencia algunha ás armas da cidade.

Pouco antes, Ambrosio de Morales na súa coñecida obra Viage de Ambrosio de Morales por orden del rey D. Phelipe II a los reynos de León, y Galicia, y Principado de Asturias, para conocer las reliquias de Santos ... que recolle o seu percorrido en 1572 na procura de reliquias para o mosteiro de El Escorial que Felipe II estaba construíndo, tampouco recolle na súa descrición de Tui mención algunha ao respecto.

A primeira referencia que atopamos sobre a interpretación do brasón tudense a ofrece Antonio de Moya, no seu libro “Rasgo heroyco: declaración de las empresas, armas y blasones...” editado en 1756, en que textualmente dí:

LAS memorias Historiales de la Ciudad de Tuy, en el Reyno de Galicia,. nos informan del motivo que huvo para ordenar sus Blasones en la disposicion que los proponen, y es, en Escudo Azur , un Creciente de Plata , con tres Estrellas de Oro. El Creciente, que representa la Población, dice la nobleza que le asiste, y como estuvo en unos tiempos mas opulenta , que en otros, y las tres Estrellas significan, la primera al Rey Don Alfonso el Catholico que la conquisto á los Moros en el año de 744, la que por varios accidentes se arruinó , y la pobló nuevamente Don Ordoño Primero año de 860, y este Principe es la segunda Estrella, y la tercera es Don Fernando Segundo , Rey de León, quien la trasladó á el sitio en que al presente se halla, muy poco distante del que antes tuvo en el año de 1170. Hizo en ella Alcázar este Monarca, y la fortaleció. Del valor, grandeza, y resplandor con que procedieron estos tres Principes en sus Conquistas, y en sostener y mantener dicha Ciudad, resulto gravar en sus Escudos las tres Estrellas, y el Creciente , que se ha referido lleva por Blasones.

Unha interpretación coetánea á de José Prudencio Moraleja y Navarro que vimos de recoller aínda que completamente diverxente, como estamos comprobando.

Resulta imprescindible o recurso á información que proporciona Francisco Ávila y La Cueva na súa monumental obra Historia Civil y eclesiástica de la ciudad de Tuy y su obispado, que rematou de redactar en 1852 (e que foi editada en facsímile polo Consello da Cultura Galega en 1995). Neste tema Ávila recolle ambas interpretacións e afirma o seguinte tras reproducir a cita de Antonio de Moya: “pero todo esto no tiene más apoyo que el ingenioso modo de discurrir del Sr. Moya”; polo que respecta á teoría de Moraleja afirma: “si lo referido fuese cierto hallabamos el verdadero origen de las nuestras y no había para que cansar el discurso con investigaciones inútiles” e remata invocando a Enrique Flores que na súa “España Sagrada” recolle que o emprego de brasón en España non comeza ata o reinado de Alfonso VI no século XII, descualificando pois a atribución a Diomedes a quen Avila consideraba o fundador histórico da cidade e que, en base ao sinalado por Flórez, non podía contar con armas heráldicas.

Posterior a Avila é a obra de Francisco Piferrer Trofeo heroico. Armas, emblemas y blasones de las provincias y principales ciudades y villas de España editado en 1860 cuxa descrición recollemos pola súa singularidade na súa representación gráfica:



524. Tuy. Ciudad de la provincia de Pontevedra, audiencia y capitanía general de la Coruña y cabeza de diócesis y de partido judicial, situada en un valle, á corta distancia de las alegres márgenes del rio Miño. Se cuenta entre las primitivas poblaciones de España, conocida antiguamente con los nombres Tyde, Tude y otras variantes análogas, de donde ha procedido el nombre Tuy.

Tiene por armas: Escudo azul y un creciente alto de plata acompañado de tres estrellas de oro, una en el gefe y una en cada cantón inferior del escudo.

O deseño deste escudo tudense pode estar recollido da bandeira “Coronela” do Rexemento das Milicias Provinciais tudenses, creadas no ano 1734 e que chegaron, con diversos avatares, ata 1867. Se conservan actualmente dúas destas bandeiras que foran depositadas, logo da Guerra da Independencia, na Capela das Reliquias de San Telmo na Catedral e entregadas ao Museo do Exército no ano 1901 onde se custodian actualmente.



Máis recentemente Alberto M. Carrillo no seu opúsculo Origen griego de Tuy. Historia e tradición editado no ano 2007, en que segue reivindicando como histórica a fundación por cidade por Diomedes, cita que o escudo de Tydeo portaba unha representación da lúa e das estrelas resplandecentes, citando a Esquilo. Liga en consecuencia as armas de cidade a esta simboloxía de orixe grega, que na súa opinión é completamente verosímil.

Diversos escritos recibidos no Concello tudense, no século XIX, nos procesos de legalización das armas da cidade (que publicou José Sánchez de la Rocha na súa obra “Blasones y linajes tudenses”) ratifican a simboloxía de Moya que liga á media lúa e estrelas ao proceso da reconquista.

Na actualidade esta interpretación é a xeralmente aceptada e recoñecida nas diversas publicacións que recollen este aspecto do escudo tudense.

Analizaremos agora as representacións gráficas, sinalando unicamente aquelas más antigas e significativas e sen pretensión algunha de exhaustividade.

Para o cronista da cidade, Ernesto Iglesias Almeida a representación máis antiga é o escudo que preside a Casa do Concello, “vella pedra aproveitada do antigo edificio do século XVII” ou sexa da antiga Consistorial tudense que ocupaba a mesmo lugar que na actualidade.


Sen embargo, podemos aventurar outra representación anterior. Antonio Hernández Matías, no seu estudo sobre o bispo tudense Luis Marliano (1517-1521), vincula as armas deste bispo italiano e humanista ao servizo de Carlos I coas da cidade. As armas de Marliano as podemos contemplar, dende a Praza da Misericordia, na parte alta da fachada da Sala Capitular construída en 1571, e figura unha media lúa recostada que contén un grupo de cinco estrelas en referencia á heráldica de Tui. De aceptar esta relación adiantariamos un século o uso destas armas pola cidade.



Dende o século XVIII o emprego desta representación é xa habitual, como figura nas fontes de San Domingos ou Riomuiños, ou no escudo que, procedente da Ponte da Veiga, foi instalado no monumento a José Calvo Sotelo. 


Escudo da cidade na fonte de San Domingos

No mesmo espazo temporal do século XVIII está o uso destas armas no escudo de bispos. Foi primeiro, o bispo Lucas Ramírez Galán (1770-1774) onde figuran as armas tudenses con cinco estrelas.

Escudo do bispo tudense Lucas Ramírez Galán, OFM

Ao mesmo período temporal corresponde o uso deste símbolo polos prateiros tudense Simón e Antonio Pérez de la Rocha que empregan no seu contraste a media lúa e as estrelas.

Posiblemente a esta mesma época pode corresponder o seu uso nas cuncas empregadas como medida de capacidade da cidade e que se conservan no convento das Clarisas de Tui.




O seguinte caso, será case un século despois cando o tudense Telmo Maceira as empregue nas súas armas episcopais como bispo de Coria, Mondoñedo e finalmente Tui, entre 1855 e 1864. Achegamos unha curiosa reprodución nunha vaixela de Sargadelos realizada cando ocupaba a sede mindoniense.



No Vitor dedicado a este bispo polo Concello de Tui, conservado actualmente no Salón de Plenos da Casa do Concello, figura un escudo da cidade tamén coa media lúa e as tres estrelas.


Coa creación  do concello constitucional, froito da Constitución de Cádiz de 1812, tamén o Concello emprega as armas heráldicas como o símbolo da entidade, como se pode comprobar en diversos selos empregados ao longo do tempo ou no escudo colocado no Pendón da Corporación Municipal que preside o Salón de Plenos do Concello e os principais actos protocolarios nos que participan a Corporación Municipal tudense.


Por tanto, uso tanto a nivel municipal como episcopal do escudo coa media lúa e as tres estrelas se consolida xa plenamente na segunda metade do século XVIII e nos inicios do XIX chegando ata os nosos días.

Sirva este amplo exordio para verificar como a significación da representación heráldica das armas tudenses carece de consenso na historiografía. Resulta evidente que unha ou outra teoría supoñen unha reconstrución simbólica da historia da cidade que liga o seu prestixio a unha mítica fundación grega ou ás reconstrucións promovidas pola monarquía astur-leonesa da cidade na Alta Idade Media, logo da expulsión dos musulmáns deste territorio.

Xa nos temos ocupado neste blog da fundación mítica da nosa cidade por Diomedes de Etolia, documentada dende o século I d.C. e revitalizada no século XVI: Coa chegada do Renacemento hai un cambio cultural e de mentalidades que leva a que as cidades deixen de procurar o seu prestixio e sona na posesión de reliquias nos seus templos e Catedrais substituíndoos pola figura dun fundador nobre, vencellado especialmente á historia grega ou romana. O valor destes antepasados míticos ou imaxinarios proporciona un elemento de prestixio desa comunidade (véase: https://tudensia.blogspot.com/2009/07/encol-da-fundacion-de-tui-por-diomedes.html ). 

Neste contexto ten toda a verosimilitude que para dar mais forza a esa atribución mesmo se adopten as armas daquel héroe da guerra troiana como as propias da cidade e que a primeira posible representación, o escudo do bispo Marliano de inicios do século XVI, corresponda coa cita de Esquilo sobre as armas de Tydeo. Estamos no momento histórico de revitalización das referencias á fundación mítica da cidade polo héroe grego e resulta probable que, en consecuencia, igual que se recuperan os relatos antigos sobre esta pretendida fundación, se adopten as armas que se atribuían a estes personaxes como as propias da cidade por él fundada, na honra do seu pai Tydeo, rei de Etolia. Non deixa de ser unha hipótese, con alta dose de probabilidade, que a lectura da descrición de Moraleja y Navarro nos suscita a expoñer ao debate de historiadores e estudosos.

Escudo e bandeira oficial do Concello de Tui (2016)


Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall