Ir al contenido principal

No centenario de Emilio Álvarez Blázquez


O pasado 16 de abril cumpríronse cen anos do nacemento en Tui do poeta, escritor e animador cultural Emilio Álvarez Blázquez; ao rematar o ano deste aniversario non podemos deixar de lembrar a este persoeiro que ten deixado un amplo legado cultural, ligado tamén en boa medida a estas terras do Baixo Miño.


Nado en Tui no 1919, Emilio era fillo do médico Darío Álvarez Limeses e de María Bláquez Ballester, que casaron en Tui logo de chegar Darío coa súa recente licenciatura en medicina ao ser contratado como médico hixienista polo Concello tudense en 1905 e María que retornara da súa Cuba natal xunto coa súa familia.

Darío Álvarez Limeses, que viña dunha familia cunha longa tradición ligada ás letras,  terá unha destacada actividade na vida social tudense ao longo da súa vida. Colaborador nos medios de comunicación local, promotor de agrupacións musicais, de caza ou deportivas… Foi un destacado militante de Izquierda Repúblicana, partido que dirixía Manuel Azaña. Tras o golpe militar do 18 de xullo de 1936 Darío Álvarez Limeses colaborou co Comité de Defensa da República que encabezaba o alcalde, e correlixionario seu, Guillermo Vicente de Santiago. Tras a derrota e a conseguinte entrada das tropas sublevadas o 26 de xullo, foi detido e sufriu un consello de guerra que culminou co seu fusilamento o 30 e outubro de 1936, xunto con outros cinco compañeiros. Unha traxedia que marcará a vida da familia Álvarez.


Darío Álvarez e María Ballester tiveron seis fillos: Darío (1910), Celso (1913), Xosé María (1915), Alfonso (1917), Emilio (1919) e Álvaro (1921). Criados na casa familiar do barrio do Rollo mantiveron todos, no tempo que viviron en Tui e ao longo da súas vidas, unha relevante presenza pública, seguindo a tradición paterna.

Sen embargo a traxedia familiar, incrementada coa morte de Celso por unha enfermidade contraída na guerra, vai acompañada dun ambiente certamente duro que nunha pequena cidade como Tui resulta especialmente opresivo; mesmo a familia será sancionada cunha multa de 2.500 pesetas (unha fortuna daquela) por ter falado mal do “Glorioso Alzamiento Nacional”. A familia vive dos ingresos de Darío, o fillo maior, médico en exercicio dende 1932, casado coa tudense Carmiña Gándara. Éste se traslada a Vigo onde monta unha pequena clínica e leva consigo a súa nai e aos seus irmáns, que deixan Tui o 21 de abril de 1941. Na cidade olívica desenvolverán todos a súa actividade profesional pero tamén unha ampla e dilatada actividade social e cultural que fan desta familia un referente da cultura de Galicia na segunda metade do século XX. Tui seguirá sendo unha referencia vital irrenunciable na vida da familia ata a actualidade.

Emilio, xunto co seu irmáns Alfonso e Álvaro, foi estudante de bacharelato no Instituto de Segunda Enseñanza de Tui, creado pola II República no antigo cuartel de San Domingos, cursando neste centro o quinto curso no ano 1935, xunto ao seu irmán Alfonso, logrando a calificación de “sobresaliente con derecho a matrícula de honor” en “Psicoloxía e lóxica” e en “Fisioloxia e hixiene”. No ano seguinte, ao cursar sexto curso, os alumnos de “Ética e dereito” realizan un ciclo de conferencias, que abre Emilio Álvarez Blázquez cunha disertación sobre “Federalismo”.

Emilio naquel Instituto participa xunto co profesor Xesús Ferro Couselo na fundación e vida de “Tude: revista editada por los estudiantes de Bachillerato del Instituto de Tuy”, na que figura como subdirector. Nos tres números desta revista publica diversos traballos: “Camino de Santiago”, crónica dunha excursión a Compostela, “Un apóstol tudense – El P. Salvado, evangelizador de Australia”, “Sobre el concepto de filosofía” e un breve relato en galego titulado “Brétema” do que recollemos un anaco:

Non sei: a miña ledicia tristeira de hoxe non é de chorar nin de rir. A gargallada fuxe dos beixos; as bagoas dos ollos. Os beizos fican murchos i-os ollos tremosos. Non chorar nin rir é unha maneira de estar; non chorar nin rir, cando hai anceios de fagueolo, é unha maneira de ser.
I eu son eisi, d-isa maneira de ser. Por iso, hoxe, na miña casa de poeta, dende a solaina de pedra que mira ao Norde i-ao Sul, n-ista mañá bretemosa de Marzal, ollo o espazo e non vexo a paisaxe, esculco o esprito e non me alcontro n-il. A paisaxe non está no espazo; eu non estou en min. No espazo está o esprito; en min está a paisaxe.

Instalado en Vigo coa súa familia en 1942, en 1944 comeza a impartir clases no Colexio Mezquita e dende 1947 traballa no Consulado de Uruguai, no que chegará ao pouco a ocupar o cargo de Chanceler, ata a súa morte. Dende 1960 compatibilizará este traballo  cunha función administrativa no Colexio de Farmacéuticos. Casou en 1964 e morre en Vigo o 22 de setembro de 1988.

Dende pouco despois da súa chegada a Vigo participa xunto cos seus irmáns Darío e Xosé María na tertulia do Café Derby xunto con Valentín Paz Andrade, Xaime Isla, F. Fernández del Riego, Plácido R. Castro, Urbano Lugris, Laxeiro… Impulsor de numerosas iniciativas culturais como a fundación –cos seus irmáns- da editorial Castrelos ou a colección de poesía Salnés, en editorial Galaxia, que dirixía xunto a Celso Emilio Ferreiro e Francisco Fernández del Riego.

Xunto a Celso Emilio Ferreiro e Camilo J. Cela

Nalgunha ocasión el mesmo se recoñece preguizoso para a escrita e por tanto posúe unha obra curta en cantidade pero non en calidade. En 1947 asina un guión teatral, “El zapatero de cristal”, que con escenografía de Pucho Boedo foi estreado no Teatro “García Barbón” de Vigo. Nestes anos colabora co seu irmá Xosé María –ao que sempre se sentiu estreitamente ligado-  no “Libro del por qué” (1946) e noutra peza teatral “Los pazos altivos” estreada en Xixón en 1947.

Nese mesmo ano publica xunto co seu irmá Xosé María na colección “Benito Soto” o libro “Poemas de ti e de min”. Cómpre salientar que esta colección que dirixen Sabino Torres e Celso Emilio Ferreiro, é a primeira colección de poesía publicada en Galicia logo de 1936, e o libro dos Álvarez Blázquez é a primeira obra en galego nesta colección. “Poemas de ti e de min” en realidade son dous libros nun mesmo volume, cada un coa súa cuberta. Os poemas de Emilio son dezasete.


No ano 1957 en recoñecemento ao seu labor literario a Real Academia Galega nomeouno como académico correspondente.

Foi colaborador asiduo en “Faro de Vigo” con traballiños de carácter literario. Tamén noutros medios escritos (Galicia emigrante, Nordés. Alba, Logos, Numen, Grial...) en numerosas oportunidades empregando o pseudónimo de Ronsel. Moitos destes traballos sobre todo en “Galicia emigrante” estarán dedicados á Tui e ao Baixo Miño (abordando temas como a lamprea, o meixón, contos, etc.). Testemuña deste amplo abano de escritos arredor de temas tudenses é o artigo “Canción del Miño” publicado no libro das festas de San Telmo de 1972 do que tomamos  estes párrafos:

De los trechos, es decir de la vida del Miño, yo escojo el de su muerte que comienza en Tuy, al pie de la Alameda, que fue de domincos, huerto de paz hasta que llegó la muerte de madrugada. Había allí, en mi niñez, árboles que también murieron de la mano del hombre y sus copas sumergian en el espejo del río la invertida imagen de los nidos, como vasos de vida y esperanza. También las estrellas se copiaban, y se copiaba, aunque pareza milagro, la delicada cinta que los mirlos anudaban al tallo de la tarde, cuando la tarde no era más que una inmensa camelia apoyada en el borde de los montes.
Al pie de Tuy, al pie de Valença de Minho, el río entra en agonía y por eso le nace aquella curva majestuosa, aquella doblada gracia de sus rberas, como si quisiera volverse atrás y echar una mirada alas vegas feraces, donde, cuando no es la sazón del pan, crecen, como corazones, amapolas portuguesas. Allé le dce adiós a la larga caminata de los días, con un nostálgico recuerdo, para aquella lejana linfa que llaman Fonmiñá, delgado hilo de donde le viene la vida impetuosa”.

Emilio Álvarez Blázquez acada moita sona como orador, pronunciando numerosas conferencias, charlas, homenaxes etc tanto en Galicia como tamén en Uruguai onde foi convidado polo Centro Galego. Por aqueles anos, 1964, gaña o Premio de Poesía Galega de Buenos Aires cun poemarío que nunca chegou saír do prelo.

Haberá que agardar ata o ano da súa morte para a edición do seu segundo libro: “O tempo desancorado (Poemas para María Blázquez)”, un libro de poemas centrado na memoria da súa nai dende a nostalxia da infancia feliz aos tempos tristes dos choros sen desbotar outras temáticas pero na mesma liña que no seu primeiro libro: o amor, a natureza, a pregaria…



Xesús Alonso Montero, no limiar do libro coa “Poesía galega completa e textos en prosa” de Emilio Álvarez Blázquez (Xerais, 2005) o define como “xílgaro de corazón tenro e verso delicado, naceu cos merlos da primavera, eses merlos que nunca desapareceron do seu espírito nin sequera nos momentos en que a crueldade de certos homes se ensañou con el e cos seus”.

Para rematar estas liñas de recoñecemento a Emilio Álvarez Blázquez reproduzo dous poemas, un dedicado a Tui do seu libro “Poemas de ti e de min” e unha panxoliña, de aires populares miñotos, coa que aproveito para desexar feliz aninovo 2020 a todos os lectores.


TERRA DE TUI

O Monte de San Xulián,
coa Cruz, coa ermida, coa fonte,
co Ceo case na man.

Verdes panascos de Frinxo,
onde se deitou o sol
a ver pasar o camiño.

Terra baixa de Baldráns,
O río, ao pasar, levouse
A primavera pra o mar.

San Mamede de Guillarei
Que ten a paisaxe rota,
Ai, miña nai, polo tren.

San Miguel de Pexegueiro,
Tan, lonxe, que se me esquece
Que estiven alí de neno.

Festa no Monte, ai, lalá,
A man dereita da alma
Ao subir como ao baixar...



VILANCICO DA FRONTEIRA

Se o Neno nacera en Tui,
viría de Portugal
moita xente a ver a Luz

E catro días arreo
abririase a fronteira
de cantares e ailelelos.

E virían os soldados
da Garda Republicana
co coronel dacabalo.

E mulleres de Valença
de Ganfei e de Barcelos
todas vestidas de festa.

E mariñeiros do Miño
con peixes de prata nova
e salmóns nun capachiño.

E na porta do Portal
o Arcebispo de Lisboa
daría a bicar a man...

(Nadal, 1977)



Este artigo foi publicado no xornal dixital "Comarcas na rede":  https://www.comarcasnarede.com/colaboradores/a-porta-das-trabancas/no-centenario-de-emilio-alvarez-blazquez/

Comentarios

Publicación populares

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

A lenda do túnel baixo o MIño

As lendas ou narracións populares, transmitidas oralmente, relatan xeralmente acontecementos ficticios que se teñen por reais, en moitas ocasións mesturados con feitos históricos. Pola súa capacidade de evocación, pola súa transmisión xeracional as lendas conforman un acervo do que chamamos patrimonio inmaterial que cómpre recoller e preservar. Na nosa cidade conservamos varias lendas vencelladas ao caracter histórico da nosa localidade, ao seu caracter fronteirizo e consecuentemente a súa fortificación fronte aos posibles invasores. A máis asentada no imaxinario colectivo tudense é a relativa ao “túnel” que comunica Tui coa outra beira do Miño, coas terras de Valença. Resulta moi significativa esta lenda pois testemuña como na mentalidade dos tudenses a fronteira e a súa condición de limite, de aillamento fronte ao estranxeiro era superada polas nosas xentes que a través do túnel escapaban destas “imposicións” e mantiñan a comunicación coas terras irmáns que as estructuras políticas ...

Agrarios tudenses en "El Agrario" de Buenos Aires de 1923

Fundadores da "Sociedad Agraria" de Paramos (en pose para El Agrario) De esquerza a dereita b(en pé), cidadáns Hermenegildo Gándara Estévez e Manuel Alem; sentados Simplicio Fernández Rivas, Hermenegildo Alem Rocha e Jesús Fernández Rivas Temos comentado en numerosas oportunidades neste blog o escaso coñecemento que posuímos sobre a historia mais recente do noso concello. Entre os episodios que conforman este período histórico máis recente está o movemento agrarista que na última década do século XIX e nas primeiras do pasado século mobilizou aos labregos de Galicia na procura do acceso á propiedade da terra (ata daquela os nosos campesiños eras foreiros, tiñan o usufructo inmemorial dunhas leiras que non eran súas) e consecuentemente a mellora das condicións de vida destas masas populares. Será o movemento agrarista o que adquira neste anos un progresivo protagonismo fronte ao caciquismo conservador que dominaba a vida política da comarca de Tui coa figura ...

A Semana Santa tudense e as súas posibilidades

Xa na noite do Venres Santo xorde de novo unha reflexión sobre a Semana Santa tudense, pois quizais na nosa cidade non chegamos albiscar as súas potencialidades como elemento que forma parte do noso acervo patrimonial que temos a responsabilidade de conservar, sen privala da súa dimensión relixiosa, e dende esta valorización é tamén un posible recurso turístico para Tui, pois poucos lugares de Galicia teñen unha riqueza similar nestas xornadas. Neste mesmo blogue temos sinalado que inmediata celebración das festas patronais de San Telmo distorsiona a visión destas xornadas de celebración do misterio pascual de Xesús, configuradas como un preludio das festas e, consecuentemente, infravaloradas non xa na súa dimensión espiritual senón na súa significación cultural. Cómpre valorizar as actividades litúrxicas ou para-litúrxicas destas datas, pois, independentemente da súa significación relixiosa ou espiritual, conservan requintadas expresións da nosa historia colectiva da que somos...

"A Trapa" a segunda cova granítica máis grande de Europa descoberta en Ribadelouro

O pasado sábado 9 de abril nunha conferencia pronunciada en Tui Clube Espeleolóxico “Maúxo” presentou un descubrimento certamente importante: “A Trapa” a segunda cova granítica máis grande de Europa, que se atopa na parroquia de Ribadelouro nas abas do Monte Aloia. Un descubrimento de especial relevancia para a xeoloxia e para a arqueoloxia da nosa terra, e que incrementa o valor que sa posuía esta zona inmediata ao Parque Natural do Monte Aloia. Cómpre agora impulsar o proxecto de ampliación territorial deste Parque abranguendo a Serra do Galiñeiro –por certo, ameazada na actualidade pola prevista instalación dun parque eólico-. Felicitamos ao Clube Espeleolóxico “Maúxo” polo seu labor e por aportarnos este relevante descobrimento. Achegamos un artigo publicado no día de onte na edición Galicia de “El País” como información sobre este achado. Una trampa de 1.200 metros Expertos descubren la segunda cueva más grande de Europa en O Galiñeiro SARA VILA - Santiago - 21/04/2011...

Ricardo Blanco Cicerón

O pasado martes 15 de decembro foi inaugurada no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, unha exposicion que co titulo de “Olladas dunha época” recolle unha escolma das fotografias do chamado “Fondo Blanco-Cicerón” que se custodia no devandito Museo. Como podemos comprobar na portada do catálogo que acompaña a este “post” a cidade de Tui é unha das protagonistas desta mostra que amosa unha selección das fotografías que conformaban a colección de Ricardo Blanco-Cicerón (Tui 1844 – Santiago 1926). Son na súa meiranda parte instantáneas da época do cambio de século, entre 1890-1910, e que respostan ao interese coleccionista de D. Ricardo que conformou ao longo da súa vida a, posiblemente, a máis ampla colección de caracter cultural que teña existido en Galicia: obxectos prehistóricos, artísticos, etc. que nutren hoxe en boa medida os museos da nosa terra. Esta mostra organizada conxuntamente polo Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Artes da Imaxe poderá ser visitada ...

Yzquierdo Durán, ilustrador tudense. Breve noticia.

Jose Yzquierdo Durán foi un popular ilustrador que radicado en Madrid realizou, nas primeiras décadas do século XX unha prolífica producción en todo tipo de publicacións, tanto periódicas como en libros. Son moi escasas as noticias sobre a súa traxectoria que poidemos acadar non así imaxes da súas obras, que ocupan as portadas de numerosas edicións das segunda e terceira décadas do pasado século. O erudito Manuel Fernández-Valdés no seu excepcional libro “Familias antiguas de Tuy” nos informa que Jose Izquierdo Durán era fillo do avogado tudense José Izquierdo Sarmiento, que foi secretario do Concello tudense, e de Concepción Durán Mera, dunha familia de longa tradición na cidade. Tiveron tres fillos, Celso, que foi crego ocupando, entre outras, a parroquia de Piñeiro, Pilar, que foi directora moitos anos do “Hogar Rosendo Salvado” dependente do Auxilio Social nos anos da ditadura, e José, de quen hoxe nos ocupamos. José Izquierdo Durán naceu en Tui no anos 1890 e desenvolveu en Madrid...