Temos a honra de contar, nunha nova oportunidade, coa colaboración en Tudensia do historiador Juan Miguel González Fernández que enriquece este blog cunha nova achega de investigación sobre o pasado tudense. Agradecemos a Juan Miguel González -que nestes días ven de presentar unha recopilación da bibliografia sobre a historia de Vigo editada pola Instituto de Estudios Vigueses- a súa colaboración froito da amistade e da súa incansable labor de pescuda do noso pasado.
Tui, 1893
Houbo un tempo, poñamos un cento de anos atrás,
que dispoñer dun aparato telefónico era un privilexio do que moi poucos podían
disfrutar. Para solventar a necesidade
de información e comunicación entre distintas (e distantes) localidades de
España a empresa “Bailly-Bailliere e Hijos” con sé na capital do estado editaba
un “Anuario de Comercio”. Nos comezos do século XX pasa a chamarse “Anuario
General de España”, incorpora un novo socio: Riera, convértese en Sociedade
Anónima e a praza de edición muda a
Barcelona. Cada volume dividíase en provincias, partidos xudiciais, municipios
e cidades -no seu caso- e parroquias. Aceptaban pequena publicidade e resaltados no texto.
Hoxe en día estes “Anuarios” convertéronse
en auténticas fontes históricas, que permiten obter unha ampla radiografía
sobre a administración, economía e cultura de cada localidade. Recorreremos,
pois, a este “Anuario” para facer un percorrido polo Tui de antano ao editado
en 1893, cando a centuria chegaba ao seu ocaso (non constan Pazos de Reis e
Randufe).
O concello de Tui, é dicir, a capital
e as 10 parroquias rurais dependentes sumaban daquela 12.039 habitantes, tendo
a cidade ao redor de 5.000 moradores. Como se pode apreciar nin o núcleo urbano
era demasiado grande nin o agro estaba densamente poboado, froito sen dúbida da
difícil topografía de boa parte do terreo. Algunhas freguesías tiñan un moi
marcado carácter rural, sendo o caso máis significativo o de Malvas, que apenas
dispoñía duns poucos muíños fariñeiros.
Como cabeza de partido Tui contaba, ademais
de co seu concello, dun xulgado municipal, outro máis importante de primeira
instancia (con xuíz, secretario e
fiscal), unha administración de correos, e outra de aduanas (con xefe e
interventor) dada a súa proximidade á raia lusitana. O xulgado motivaba que
houbese un bo número de profesionais vencellados á curia; así, tiñan aberto
bufete 12 avogados (Arines, Ruibal, Sarmiento, etc) e 5 procuradores de causas
(Bargiela, Lorenzo, etc).
Entre esta elite socioprofesional
tamén daban servizo 2 notarios (Menéndez
e Otero) e nada menos que 7 administradores de fincas, algúns procuradores ao
mesmo tempo; este elevado número pode deberse
á demanda que xeraba a emigración entre as xentes do rural.
As finanzas estaban nas mans de 2
banqueiros: M. Maceira -ilustre apelido- e A. Gregores. É de supoñer que
levaban un alto nivel de vida e tiñan bos contactos.
No ámbito administrativo relixioso
era sé do bispado sufragáneo do arcebispado de Santiago, rexentado por don
Fernando Hue y Gutierrez; o cabido catedralicio dispoñía dun secretario e un
mordomo. Para esta clientela traballaban en exclusiva 2 “casulleros”.
En canto ao ensino salientaba o
Seminario Conciliar de San Francisco -o único do distrito-, rexido por don
Manuel Vallejo Rodríguez, co seu vicedirector, secretario e mordomo, amais dun
plantel de 28 catedráticos, quen impartían, en 1º e 2º curso , ademais das
linguas (hebreo, grego, latín) asignaturas
tan específicas como disciplina eclesiástica, hermenéutica, teoloxía
dogmática e metafísica, etc. No que á instrución pública se refire, tódalas
parroquias contaban cunha escola rexentada por un mestre (sempre varón), agás
Malvas e Rebordáns.
O mundo da cultura mostrábase, por
unha banda, na edición de xornais: o inevitable “Boletín Eclesiástico de la
Diócesis”, o ultra católico “La Integridad”, “La verdad” e o semanario “La
Novedad”. Estes vían a luz na imprenta
“Viuda e hijo de L. Pérez Hermida”, sita no Cantón de Diómedes, nº 5, a cal
tamén era librería, en competencia coa de
J. M. Iglesia; o primeiro tamén se ocupaba da encadernación,o mesmo que
V. Junquera.
Os servizos públicos da sanidade
estaban representados pola consulta de 5 médicos (Gil Ruibal, Temo Spuch) e 3
establecementos farmacéuticos (Areses, quen tamén era director municipal de
sanidade). Curiosamente aínda quedaban 2 vendedores de sambesugas, utilizadas
de sempre para as sanguías.
Como non podía ser doutro xeito, a
actividade mercantil concentrábase no caso urbano. En relación co tamaño e para
satisfacer as necesidades básicas de alimentos Tui contaba con 11 tendas de
ultramarinos, 12 panaderías (a metade levadas por donas) 4 tablaxerías de carniceiros,
2 salchicheíras, 2 provedores de aceite, 1 pesadeira e 1 vendedor de sal. A demanda de vestido estaba satisfeita por
nada menos que 18 almacéns de tecidos, aparte de 5 xastres para traxes á
medida; pero a modernidade comezaba a asomarse e xa había 2 negocios de roupa
feita. Para a menaxe da fogar dos menos podentes podíase recorrer a algunha
das 9 quincalleirías, rexentadas case todas por mulleres. Había tamén un pequeno sector do mercado máis elitista,
no que se contaban 3 confiterías, 2 reloxeiros (J. Losada) e 4 perruquerías
para un público máis interclasista. Para o inveterado vicio do tabaco a
Compañía Arrendataria do produto tiña como representante a J. Besada.
A
industria de Tui e os seus arredores era moi escasa e de pequenas dimensións. O
máis grande empresario era M. García, quen tiña na cidade unha fábrica de
aserrar madeira, un muíño de cortizas e unha factoría de curtumes. Do primeiro
tipo había tamén en Paramos e Pexegueiro -zonas montañosas- e 2 de tellas e
ladrillos en Guillarei, propiedade dos Besada, xunto con outras tantas na
propia cidade.
O artesanado viña sendo o mesmo que
en calquera lugar da Galicia, con algúns traballadores manuais tamén no rural:
ferreiros, xastres, zapateiros, canteiros... e ata un especializado broncista
(J.F. Barreira). Como en Galicia nunca fallan festas, o pirotécnico de Paramos
debía estar moi demandado.
As comunicacións públicas estaban
presididas polo ferrocarril de Ourense a Vigo cun apéndice ao Miño que
atravesaba pola ponte internacional
enlazando co seu correspondente comboio portugués. A nivel local,
contaba con dous barcos de pasaxe en Tui
e outros tantos en Caldelas que cubrían o transporte á ribeira
portuguesa por vía fluvial. Para os que dispoñían de certo caudal económico na
cidade había tres “alquiladores” de carruaxes (2 deles tamén exercían de
cocheiros) e 4 -quizais de carros- en Caldelas debido á demanda do balneario.
A só 9 quilómetros da cidade, na
limítrofe parroquia de Caldelas, atopábase un coñecido balneario. Del indica brevemente o “Anuario”: las
aguas de los baños de su nombre son de naturaleza cloruro-sódicas, débilmente
sulfurosas, abiertos en la temporada del 1º de julio al 30 de septiembre, bajo
la dirección de don César García Teresa,
con apeadeiro de tren. En torno a elas xiraba un pequeno asentamento presidido
polas instalacións do hotel balneario, dispoñendo asemade de 4 fondas, 3 tendas
de ultramarinos e, como xa sinalamos, 4 “transportistas” e 2 barcos de
pasaxe.
Tanto na cidade -sobre todo alí- como
no rural non fallaban os muíños fariñeiros, indicativos dunha importante
explotación agrícola dedicada preferentemente
ao cultivo de cereais (millo, etc). Para
medir as fincas (cuestión a miudo delicada) contaban con 3 peritos agrimensores
con residencia na urbe. Non podían fallar no agro os colleiteiros viño con
suficiente capacidade como para xerar excedente comercializable (mesmo había un
cubeiro en Ribadelouro), atopándose sobre todos terras chas e ben regadas
(Guillarei, Paramos...). Outro sector importante na contorna era o da gandería;
tamén nesa última parroquia había un tratante de porcos e na de Guillarei e na
urbe outros de gando sen especificar, imaxinamos que vacún; na cidade J.
Rodríguez posuía unha “vaquería”. Para
coidar da saúde dos animais debía recorrerse aos dous veterinarios (C.
Rivero) que vivían na cidade.
Juan Miguel González Fernández
MUY INTERESANTE! Gracias
ResponderEliminarMuy interesante, gracias.
ResponderEliminarM.Pilar.
Una maravilla de trabajo. Entusiasma
ResponderEliminarUna maravilla que se lee de un tirón y con ganas de más
ResponderEliminarDice el autor que, en aquella época, Tui no era demasiado grande. Como todos los tudenses desean que Tui crezca, ¿qué dimensión máxima debería tener Tui para que no llegue a ser demasiado grande?
ResponderEliminarGracias por un trabajo bien documentado y bien "comunicado". Lo que interesa a los
ResponderEliminarGracias por un trabajo tan bien elaborado y tan bien "comunicado". Yo creo que lo que realmente nos interesa a los buenos gallegos de Tui, Tuy, TUdae, o como se le haya querido o podido denominar en cualquier época, es que todos nos sintamos orgullosos de pertenecer a esta localidad y la amemos como se merece.
Un trabajo bien hecho me gusta soy tudense.
ResponderEliminar