Este
enclave xeográfico, na parroquia de Pazos de Reis, nas abas do Monte Aloia e integrado hoxe na superficie do seu
Parque Natural, é un espolón avanzado no macizo montañoso do Aloia, unido por
unha lingua de terra estreita que xunto ás abruptas pendentes converten a este
lugar nun espazo de grande interese estratéxico. O propio topónimo “Cabeza” ou “Alto”
fai referencia directa a este carácter do lugar, dende onde contemplamos unha
impresionante panorámica do val do Miño.
Neste
espazo coñecido como “Cabeza de Francos” ou “Alto dos Cubos” temos documentados
diversos momentos históricos vencellados á historia da terra tudense e que o
dotan dun valor engadido constituíndo un intenso testemuño histórico para Tui e
as súas xentes. Centrarémonos hoxe no ámbito da prehistoria, ao coñecer o
anuncio de que este xacemento castreño está incluído nun programa que promove a
Deputación Provincial de Pontevedra para a posta en valor de diversas enclaves
da cultura galaico-romana na nosa provincia.
Este castro
do “Alto dos Cubos” esta estruturado en tres niveis ou recintos, un superior e
mais elevado que está defendido por una muralla pétrea que delimita o seu
perímetro, e outros dous recintos situados en dúas terrazas en pendente cara ao
noroeste, magnificamente defendidos polas condicións naturais do terreo.
Estamos diante dun exemplo dos chamados, castros de ladeira de monte.
Na
Idade do bronce este lugar foi ocupado por unha comunidade humán do que hoxe
coñecemos como cultura castreña. Diversas escavacións foron realizadas neste
lugar: nos anos 1933-1935 polo grupo “Ultreya” tudense, dirixido por Manuel
Fernández-Valdés Costas, coa colaboración de Xosé María Álvarez Blázquez, logo
continuadas no ano 1954 baixo a dirección do Comisario Provincial de
Excavacións, José Filgueira Valverde, e finalmente no ano 1997 unha nova
intervención pola Escola Obradoiro de Restauración tudense coa dirección do
arqueólogo tudense Juan José Perles Fontao, recuperando e consolidando os
restos anteriormente descubertos.
Das
primeiras intervencións realizadas no anos trinta foi publicado en 2008 un
manuscrito de Xosé María Álvarez Blázquez no que recolle nun breve artigo unha pequena
memoria e inventario daquela intervención e dos avatares daquela colección
arqueolóxica que integraba o Museo de Tui, creado no ano 1935 nas dependencias
do Institito tudense no convento de San Domingos, e que tras a súa desaparición
logrou recuperar en boa medida e que logo depositou no Museo Municipal “Quiñones
de León” de Vigo.
Aínda
hoxe podemos contemplar diversas estruturas habitacionais deste castro, en
concreto no cume existe un sector consolidado de 190 m2 con tres vivendas
circulares, dúas delas con vestíbulo, e parte da muralla defensiva deste
castro.
Entre
os achágedos máis interesantes está un “phalus”, descuberto no ano 1934. É un
cilíndro de granito de 165 mm que foi obxecto dunha investigación por parte de
Manuel Fernández-Valdés Costas publicada no Boletín da Comisión Provincial de
Monumentos de Ourense. Neste traballo sinala que “podemos suponer que se trata
del númen tutelar de una vivienda, amuleto doméstico, que protegía a la familia
contra hechizos y espíritus adversos”. O erudito tudense indica que estaba no seu
poder, descoñecendo na actualidade o seu paradoiro.
Álvarez Blázquez subliña
entre os materiais atopados, unha moeda de bronce romana, o fragmento dun
esencieiro de vidro e abondoso material cerámico castreño e romano, entre eles,
un fragmento decorado con palmas e cruces posiblemente de época posterior.
A adscrición
cronolóxica é ampla; dende o século VII a.C. ata os primeiros tempos da nosa
era, pero podemos valorar como o momento temporal de maior ocupación deste
castro o situado entre os séculos II a C. ata o III d. C. pois o material arqueolóxico atopado posue
ampla influencia romana: tegullas, sigillata…
O
enclave castrexo do Alto dos Cubos parece ter cobrado un certo protagonismo a
partir do século II a.C. coa ampliación do seu espazo habitacional que estaría
en correspondencia coa existencia, na nosa demarcación, dunha estrutura social
prerromana, un “populus”. Este xacemento do Alto dos Cubos asumiría, segundo
Perles Fontao, ata a chegada dos romanos, un papel de cabeceira de comarca
concentrando á poboación en detrimento doutros enclaves, como o situado no
outeiro tudense.
Este “populus”
prerromán ocuparía o espazo xeográfico asignado ao territorio dos “Grovii” ou grovios
que posteriormente á época Flavia se constitúe como “civitas”. Falaremos entón dunha
“comunidade politicamente autónoma e territorialmente definida que pouco a
pouco vai perdendo os seus carácteres étnicos en favor dunha organización e
articulación interna máis xenuinamente romana” sendo Tui a súa capital. Xa que
logo Tude sería a “polis”, ou núcleo urbano, dun extenso territorio de preto de
2000 km2, entre o Lima e o Verdugo.
Manuel
Fernández-Valdés apunta unha teoría sobre a posible ocupación deste outeiro no
século III por unha comunidade franca, e así recolle as teorías do historiador
Pierre David que lembra como nos anos 253 e 258 houbo na Hispania senllas
invasión dos francos, perdurando ata doce anos. “Este nome de Francos permite pensar que grupos de invasores fixáronse
en certos cantóns” e deste posible asentamento derivaría o seu topónimo. A
falla de evidencias materiais ao respecto dificulta a aceptación desta hipótese.
Estamos diante do principal enclave da cultura castreña nas terras de Tui pero arredor do cambio de era acollía, posiblemente, a maior concentración de poboación desta contorna, decaindo posteriormente en favor do asentamento romano de "Tude".
Bibliografía:
Álvarez
Blázquez, Xosé María: “El castro de Cabeza de Francos. Vigo, 27 de maio de 1948”
en Sánchez Bargiela, Rafael, ed.: Xosé
María Álvarez Blázquez e Tui, da vella casa do corazón aberto. Tui,
Concello, 2008, pp. 87-95
Fernández-Valdés
Costas, Manuel: “El ‘phalus’ de Cabeza de Francos” en Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos e Orense, vol. XX
(1959-1960), pp 267-275.
González
Soutelo, Silvia: O Tui antigo: unha
aproximación histórico-arqueolóxica. Noia, Toxosoutos, 2007.
Perles
Fontao, Juan José: “Castellum Tyde ou a existencia dun xacemento castrexo no
conxunto histórico da cidade de Tui. Elementos de valoración” en Castellum Tyde, revista do Instituto de
Estudios Tudenses, nº 1 – 2007, pp. 21-39.
Perles
Fontao, Juan José: Rutas arqueolóxicas no
Parque Natural do Monte Aloia. Tui, Fundación Comarcal Baixo Miño, 2009.
Muy interesante este artículo, así como las referencias documentales que se acompañan. Una vez más hay que felicitar a Rafa Sánchez por esta labor de divulgación de todo lo que afecta a la historia de Tui y de su comarca.
ResponderEliminarUn cordial saludo desde León, Víctor-Manuel Ferrero León.
Moi ben, compatriota
ResponderEliminar