Ir al contenido principal

Artigo periodístico de Dario Xohán Cabana sobre Tui

O pasado sábado o escritor Darío Xohán Cabana, un dos máis egrexios representante da nosa creación literaria e profundo coñecedor da historia e da cultura de Galicia, publicou un artigo no xornal lucense "El Progreso" que xentilmente nos permite a súa reprodución en "Tudensia". Agradecemos a Darío a súa amabilidade e especialmente o seu escrito, pois patentiza a súa querencia pola nosa cidade e o bó coñecedor que é dos seus recunchos. Ao parecer no xornal faltaba algún párrafo do enviado polo escritor, pero por sorte podemos disfrutar agora do sue texto íntegro. Gracias a Darío Xohan Cabana por este escrito, de gozosa lectura.

FIN DE SEMANA EN TUI



Darío Xohán Cabana



Unha boa idea é botar toda unha fin de semana en Tui e nos seus arredores. Hoxe Tui é unha cidade pequeniña, pero se cadra é máis antiga aínda ca Lugo. Hai quen di que a fundaron os gregos despois da destrución de Troia, e outros confórmanse con que sexa unha cidade celta. Unha pequena cidade, que Plinio chama Castellum Tyde, e isto de castellum significa que nos tempos do imperio romano non era tan importante coma Lugo, ou coma Braga. De feito, daquela pertencía ó convento xurídico bracarense. Hai quen di que máis tarde chegou a ser por un tempo capital da Galicia sueva, e que despois da ruína do primeiro reino galego independente seguiu tendo corte alí unha especie de vicerrei visigodo.



O que si é certo é que os normandos atacárona e arrasárona varias veces. En canto vían a boca do Miño, aqueles viquingos poñíanse coma tolos e subían cos seus barcos dragóns, roubando, matando e capturando escravos e reféns. A derradeira invasión, no ano 1016, foi a do rei de Noruega Olaf Haraldsson, que levou preso o bispo e o clero de Tui. Creádelo ou non, este rei Olaf évos agora San Olafo no calendario romano.



Tui quedou sen bispo ata 1071, ano en que a diocese foi restaurada polo noso rei Don García, na persoa do bispo Don Xurxo; quen isto escribe sospeita que este Xurxo fora antes monxe en Samos. Cincuenta anos despois empezáronse as obras da nova catedral, que empezou sendo románica e acabou en gótica. Está no máis alto do monte que é o Tui vello, e non se sabe moi ben se é igrexa ou se é castelo. En tempos tivo que ser as dúas cousas, pois estas terras foron moi guerreadas.



A súa fachada principal, gótica, é unha marabilla, pero se cadra aínda nos gusta máis o claustro románico, que ós lucenses nos lembra o noso de San Francisco, aínda que é mellor o deles.



Outro bo edificio relixioso é a igrexa gótica de San Domingos, xunta a cal os franquistas fusilaron tantos heroes da heroica resistencia republicana tudense. Dentro hai uns excelentes retablos barrocos, un deles con deliciosas escenas da batalla de Lepanto.



A cidade vella, medieval e barroca, no alto dun monte que domina o Miño, é unha verdadeira marabilla de rúas estreitas e empinadas, gozosas de andar, cunha sorpresa en cada esquina. E non é pequena, non. A mediados do século XVIII, cando se fixo o catastro de Ensenada, Lugo tiña 709 veciños, que serían algo máis de 3.000 habitantes, e Tui 903 veciños e unhas 4.000 almas. Daquela só había en Galicia tres cidades máis grandes ca Tui: Santiago, A Coruña e Pontevedra.



Na época do liberalismo a cidade espallouse pola chaira, en rúas espazosas. Pero axiña parou de medrar.



E outras dúas cousas ten Tui que non son cidade e que por si soas merecen a viaxe: o río Miño e o Monte Aloia.



O río vai chegando ó mar, e é fondo e lento, fermosísimo. Hoxe crúzano dúas pontes, unha a do tren e a estrada vella, outra a da autovía. Dá gusto sentarse no alto e ver pasar as augas. Ó outro lado é Valença, a Fortaleza, cidade outrora irmá e inimiga a un tempo, agora xa só irmá, mercado eterno dos galegos. Augas abaixo están Tomiño, Goián, o Rosal, Santa Tegra na Guarda. Terras de viños deliciosos, río de troitas e de sábeles, cos seus elegantísimos barquiños de pesca. Lástima que unha fin de semana dá para moi pouco. Lástima non: hai que volver.



O Monte Aloia é parque natural, unha das cousas máis fermosas que hai na nosa Terra, tanto polo monte mesmo coma polo que se ve desde el, que é moita Galicia e moito Portugal galego, e moito mar até o infinito. Pero hai que andar con reverencia: neste monte deuse en 1936 a derradeira batalla formada de Galicia contra os traidores á República. Os militares rebeldes e os falanxistas nin sequera respectaron a rendición e fixeron un terrible masacre cando os resistentes xa tiraran as armas. O Monte Aloia é sempre verde, pero baixo da herba hai moito sangue.





*** *** ***





O albergue máis luxoso de Tui é o Parador, un pouco retirado, onde temos comido estupendamente. A nós gústanos moito o Hotel Colón, na cidade liberal. É un hotel cómodo e moderno, cunhas habitacións moi boas e unhas vistas preciosas pola parte de atrás. O almorzo é moi rico, de bufete, e dan xeitosamente de xantar e cear. E para maior gusto, non é nada caro.





«El Molino» é un grande clásico de Tui, unha antiga casa de comidas moi ben posta, modernizada sen excesos. A calidade da carne e do peixe é extraordinaria, e a cociña sinxela e deliciosa. Pódese probar o sábele en escabeche, de sabor poderoso. Teñen un tinto do país algo áspero, pero moi persoal e gustoso para nós, que devecemos polos viños raros. Pola semana hai un menú do día a prezo obreiro. Á carta non é barato, pero merece moito a pena. A xente que o atende é moi agradable.






Comentarios

  1. Estupendo artigo; nótase que ven dunha boa pluma. Se lle tiramos as referencias ás hospedaxes e a El Molino servía como presentación nun folleto turístico. Acho que sería acaído para a nosa cidade termos unha presentación de autoría tan requintada.
    Non llo parece señor Bargiela?
    RAF

    ResponderEliminar
  2. Estimado anónimo, publicamos en Tudensia este texto pola sua calidade, pero seguramente non é idóneo para un folleto turístico, onde prima a información básica, concreta e precisa e de pouca extensión. Para unha publicación máis ampla que o sinxelo folleto, dende logo que o texto de Darío é axeitado. Pero son cousas distintas.
    Gracias por ler este blog e polo seu comentario.

    ResponderEliminar
  3. Non pasa nada señor Bargiela por non coincidirmos sobre a utilidade do artigo de Darío Xohán Cabana para un folleto turístico. Entendo que se sae do que poñen eses papeis as máis das veces destinados a rematar nunha papeleira após unha lectura rápida, ou como moito nunha caixa de zapatos no que se amorean pequenas lembranzas de diversas romarías turísticas. Eis o que pasa co efémero.
    Mais pido de vostede unha reflexión sobre o que lle dicía. Tomando as súas palabras un folleto deses que se dan aos turistas quere “información básica, concreta e precisa e de pouca extensión”, xusto o que da o devandito artigo; e invita a pasar unha fin de semana na nosa cidade, máis do que adoitan facer a maioría dos visitantes que logo dunha visita dunha hora para abranguer a catedral e o casco vello saen correndo para o Tegra ou a comer a Baiona se xa lle achega a hora. E non me diga que non vale máis gabarnos das referencias literarias de escritores egrexios, como ben di vostede, que ir de capital do meixón ou da Turonia como lles gusta agora dicir a algúns. Ás veces resultan máis interesantes aos visitantes cuestións como as aludidas no artigo que dar moitos datos sobre un monumento, xa que aquelas pódenlle resultar máis significativas sobre o lugar que visitan.
    RAF

    ResponderEliminar
  4. Estou máis co Sr. Sánchez Bargiela. Un folleto turístico tenta dar unha información precisa, que pode ser máis o menos amena. O artigo de Darío Xohan Cabana, aínda que encantador para nos, figuraría máis acaído nun libro de viaxes xa que está a dar unha información subxetiva. E o sinto, pero aínda que D. Darío sexa un magnífico escritor e unha maravillosa persoa, non creo en Madrid ou Barcelona o coñezan tanto. Neste país como non firme Dan Brown ou J. K. Rowling, non creo que a xente lles importe moito.

    ResponderEliminar
  5. Este artigo é estupendo. Fala de Tui dun xeito tan agarimoso e rogoroso que fai gozar cando se le. Mágoa que os noso gobernates non coiden a nosa vila coma este escritor a coida coa súas plabars.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall

Unha visión de Tui e as fortalezas da fronteira en 1764 por José Cornide

Un dos aspectos normalmente esquecidos na conformación da nosa cidade é a súa condición de praza forte, de emprazamento militar, de cabeceira dun sistema fortificado organizado ao longo do río Miño. Carecemos de noticias documentais ou arqueolóxicas sobre a posible existencia dun muro defensivo no outeiro tudense antes de 1170, cando Fernando II ordena a súa construción ao abeiro da reconfiguración urbanística da cidade que promove este monarca. De seguro que algún tipo de defensas tivo a vella Tude en época sueva e visigoda e especialmente nos primeiros tempos medievais pero o estado actual do noso coñecemento non nos permite superar o ámbito das hipóteses. Neste blog nos temos ocupado no seu día sobre o sistema amurallado tudense en tres post aos que remitimos a quen desexe achegarse a este aspecto do noso patrimonio e historia [1] Reproducimos hoxe un texto do erudito coruñés José Cornide que forma parte do seu libro: Descripción circunstanciada de la costa de Galicia, y raya