Os achados arqueolóxicos na Praza do Pracer: excepcional oportunidade para afondar no coñecemento do noso patrimonio e da nosa historia
O Concello de Tui promove actualmente unhas intervencións nalgunhas das prazas do noso conxunto histórico que implican loxicamente un control arqueolóxico previo á realización das obras previstas ao intervir en lugares tan sensibles patrimonialmente.
A actuación
arqueolóxica na Praza do Pracer tudense, na cerna do seu conxunto histórico, correu
a cargo da arqueóloga Soledad Prieto Robles xunto a Juan José Perles Fontao acreditados
profesionais cunha longa experiencia na investigación arqueolóxica na nosa cidade.
Como xa recolleron os medios
de comunicación nas catas efectuadas nesta Praza do Pracer foron recuperados
interesantes restos arqueolóxicos de época romana que suscitan un enorme interese
pola súa envergadura e singularidade.
Nas fotos que achegamos
figuran as diversas estruturas atopadas, salientando especialmente o pozo e o conxunto
de escaleiras apegadas a un muro de boa traza e envergadura, xunto a un
abondoso número de restos cerámicos (tegula, terra sigilata, ánforas, cerámica
común...) do mesmo período histórico da romanización.
Pero hai dous feitos moi salientables neste achado que outórganlle unha especial relevancia. Estas estruturas construtivas aparecen practicamente en superficie, a moi escasa profundidade. Isto implica que nese lugar, ao longo dos séculos, non houbo outra ocupación, non houbo edificacións, pois os restos agora descubertos non están alterados por intervencións posteriores. Estamos pois nun nivel de ocupación romana sen alteracións ao longo do tempo. As preguntas xorden nesta circunstancia: por que non se edificou nunca? había memoria dese lugar e a súa significación, que hoxe temos perdida, e que motivou manter ese lugar sen intervención algunha?
Como ben saben os nosos
lectores son abondosos os achados correspondentes á época da Romanización
atopados nas numerosas catas realizadas en diversos lugares do conxunto
histórico por mor da obriga legal dun control arqueolóxico previo a calquera
obra que implique remoción de terras. Dende os achados do solar do “Casino vello”
no Paseo da Corredoira, aos descubertos na rúa Bispo Lago, Tide, Ordoñez, na propia
catedral, e tantos outros lugares ou os máis recentes na Praza da Estrela, tan
próxima á Praza do Pracer, cun horizonte cronolóxico similar.
Un volume de datos que apuntan
a unha intensa ocupación do espazo do conxunto histórico tudense en época
romana. Pero nunca foi posible acometer unha intervención de carácter
arqueolóxico que posibilite unha investigación sobre ese momento histórico e
que nos ilustre sobre como era o Tude romano. Ata o presente as intervencións
arqueolóxicas realizadas foron por mor de controis preventivos para obras,
nunca se realizou en Tui unha investigación arqueolóxica en área para documentar
o noso pasado.
Hoxe temos esa oportunidade
excepcional na Praza do Pracer, en moi poucos lugares podemos acometer unha escavación
arqueolóxica en área e ademais nun lugar non alterado por posteriores ocupacións
dese terreo. Por conseguinte, resulta imprescindible ampliar os traballos
arqueolóxicos na Praza do Pracer para documentar a ocupación romana dese lugar
e que nos permita achegarnos ao coñecemento da nosa cidade no momento da
Romanización.
As obras previstas
nesta Praza do Pracer tiñan como finalidade a promoción do noso conxunto histórico,
unha escavación da totalidade desta Praza é a mellor contribución que podemos
realizar para a protección e conservación do noso patrimonio cultural, para
coñecer como era Tui hai dous mil anos. Non podemos perder esta excepcional
oportunidade de realizar unha intervención en toda a Praza do Pracer para
documentar a evolución histórica deste espazo. É unha ocasión
irrepetible de investigar a ocupación histórica deste lugar.
Unha vez rematada esta
intervención será o momento de valorar a posible musealización dos achados ou
soterrar de novo estes restos, para a súa mellor conservación. Aínda que
finalmente se decida o seu soterramento non sería un proceso infrutuoso senón
que esta investigación posibilitaría avanzar no coñecemento do noso pasado. A
nosa historia, o noso patrimonio é o mellor recurso que posúe a nosa cidade, esta
escavación en área da Praza do Pracer é a ocasión de expresar o compromiso da
cidade,e do seu Concello, polo coñecemento e valorización do noso patrimonio
cultural, a nosa principal sinal de identidade.
Non podemos
conformarnos cunha modificación das obras previstas nesta Praza do Pracer en
funcións dos informes sobre os achados realizados ata o presente, resulta
imprescindible adiar estas obras e acometer unha actuación arqueolóxica
na totalidade da Praza acompañada dun traballo de difusión e comunicación deste
proceso arqueolóxico.
Nunca en Tui houbo unha
oportunidade como esta para investigar, con metodoloxía arqueolóxica, o noso
pasado. Temos a responsabilidade colectiva de non desbotar este momento, pois
os restos ata agora atopados son da suficiente entidade como para avanzar no
seu estudo. Faremos moito máis polo noso patrimonio, pola súa conservación e
pola súa promoción realizando esta investigación arqueolóxica en toda a Praza que recuperando o
proxecto de obras anunciado polo Concello tudense. Nas administracións ás que corresponde a tutela do patrimonio cultural está agora esta responsabilidade.
O patrimonio cultural
non é simplemente unha pesada obriga é unha excepcional oportunidade para o
enriquecemento social dunha comunidade, para a súa cohesión social, para
reforzar a súa identidade e o orgullo de pertenza dos cidadáns e, ademais,
eficazmente xestionado, o patrimonio cultural é unha ferramenta que posibilita o
desenvolvemento socioeconómico, mellorando a vida dos cidadáns.
Temos a
responsabilidade de non desbotar, por desidia ou por razóns orzamentarias, esta
excepcional oportunidade para coñecer a historia de Tui.




Enhorabuena por el artículo y pienso el instituto de estudios tudenses tendría que apoyar la propuesta de la musealizacion de los restos como un primer paso para darle el valor arqueológico que posee tui
ResponderEliminarEstimado Anónimo, aínda falta moito para falar de musealización, cada cousa no seu momento... agora ampliar a escavación.
Eliminar