Aínda que a noticia xa era coñecida hai algún tempo a inminencia do peche definitivo, por xubilación, da libraría tudense “Iris” nos vindeiros días non impide que agrome un sentimento de tristura pero tamén de gratitude.
As librarías, sendo un
establecemento comercial, rexido polas leis do mercado, constitúense polo seu
produto mesmo como lugares que reúnen o saber, a cultura, o entretemento, o
lecer creativo. Xunto ás bibliotecas as librarías son lugares básicos para a
alimentación da vida persoal e social, para achegármonos ao coñecemento, a
información e o lecer, para atopar novas formas, perspectivas, enfoques,
sensibilidades, saberes... que nos enriquecen individual e colectivamente. Di a
escritora Elvira Sastre que non resulta fortuíto que as solapas dos libros
teñan forma de porta, pois son unha entrada a un sitio sempre mellor.
A vivencia das
librarías é unha experiencia que nos acompaña dende a infancia. Lémbrome de
cando en Tui, alá polos años setenta do pasado século, tiñamos dúas librarías cheas
de engado para os ollos infantís: a Libraría Baquero, onde Paquita -herdeira
dunha ampla tradición de impresores e libreiros- con tento nos atendía tras un
longo mostrador dende onde contemplabamos uns andeis cheos de libros, libretas
e múltiples obxectos, nun rebumbio fascinante. Tamén no Paseo da Corredoura
estaba a Libraría Piña, onde D. Alberto Estévez de Figueiredo, pai de Alberto
Estevez Piña (“Albertito”) tiña un asombroso establecemento para os ollos dun
rapaz e onde comecei as miñas primeiras incursións no mundo do coleccionismo
filatélico mercando selos usados de diversas países, especialmente as colonias portuguesas,
que evocaban aventuras extraordinarias alleos, como eramos naquela idade, ás
guerras coloniais portuguesas.
Hai agora corenta anos
abriu, nun pequeno local nas Galerías Caracas, a libraría “Iris”, promovida por
Rosy e Pili (Rosa Alonso Nogueira e Pilar Fernández Docampo), cunha sedutora
novidade: os libros non estaban xa detrás dun mostrador, distantes e
secuestrados pola intermediación do libreiro, senón en acceso director para os
lectores, que podíamos tocalos, ollalos e mesmo cheiralos..., ata poder incluso
acariñalos, pois hai libros fermosos ou evocadores que reclaman un aloumiño
sexa coa ollada, coas mans e, sobre todo, coa lectura. Andando os anos trasladáronse
de local nas mesmas galerías ampliando o seu espazo e posteriormente ocuparon,
por aqueles azares do destino que non deixan de obedecer a razóns ignotas, o
local da libraría “Piña” tras a reedificación daquel fermoso inmoble do Paseo
da Corredoura, onde continúan na actualidade.
Lembro aínda con agarimo
cando, no ano 1995, foi publicada polo
Consello da Cultura Galega a edición facsímile da “Historia civil y
eclesiástica de la ciudad de Tuy y su obispado” de Francisco Ávila y La
Cueva en catro volumes e que pouco antes de esgotarse a edición -en moi breve
prazo- Rosy e Pili conseguíronme, pois xa non quedaban no seu establecemento, estes
volumes que foron, son e serán unha ferramenta imprescindible para coñecer a
historia de Tui e o seu territorio.
Non quero esquecer o
papel sempre protagonista que “Iris” tivo nas más de vinte cinco edicións da
feira do libro galego que organiza o Concello de Tui co gallo do Día das Letras
Galegas, onde cunha ducia de posto mobilizan á familia e amigos para -xunto
coas outras librarías tudenses- encher de libros o noso paseo da Corredoura
nunha xornada sempre memorable sendo unha das poucas feiras do libro dedicadas
unicamente ás publicacións na nosa lingua en toda Galicia.
Non podemos deixar de
lembrar outras fermosas iniciativas libreiras na nosa cidade, algunhas con
moitos anos de traxectoria como a Libraría Valverde, acompañante e herdeira da imprenta
homónima na rúa Augusto G. Besada, xunto a outras que non perduraron tanto no
tempo como a Liberia “Nova” de Salvador Fernández (“Salvita”) e Aurita, na rúa
Rosa Bahamonde, ou a libraría “Biblos” tamén no Paseo da Corredoura con Marisa
(María Luisa Fernández Romero), e algunha outra de menor percorrido temporal.
Hoxe contamos afortunadamente co Espazo Lector Nobel con Javier Oliveira cunha
ampla e fecunda oferta de libros e actividades complementarias.
Escribe Irene Vallejo,
nese fermosísimo e monumental libro “El infinito en un junco”, que los
libros tienen voz y hablan salvando épocas y vidas. Las librerías son esos
territorios mágicos donde, en un acto de inspiración, escuchamos los ecos
suaves y chisporroteantes de la memoria desconocida. Hoxe despedimos a
Pili, que tras a xubilación de Rosy, quedou ao frente da libraría xunto a súa
irmá Loli, Dolores, agradecendo o seu traballo, esforzo, dedicación,
amabilidade, cariño...Gratitude á Libraría Iris por todo o que nos ten
entregado, polas exploracións e descubrimentos que temos realizado nas páxinas
dos libros retirados da súa libraría, por todos os libros cos que ten sementado
ás nosas existencias... témonos enriquecido, como persoas e como colectividade,
ao longo destes corenta anos gracias á presenza da libraría “Iris”.
Afirmou Mario Vargas Llosa,
no discurso pronunciado tras recibir o premio Nobel de literatura, que “la
lectura convertía el sueño en vida y la vida en sueño” pois ler e escribir,
sinala, permiten “crear una vida paralela donde refugiarnos contra la
adversidad, que vuelve natural lo extraordinario y extraordinario lo natural,
disipa el caos, embellece lo feo, eterniza el instante y torna la muerte un
espectáculo pasajero”. Velaí o que os libros sementan entre nós e que ao
longo destas catro décadas as xentes de “Iris” teñen esparexido en varias
xeracións de tudenses e miñotos. Porque as librarías son negocios que contribúen
a facer cidade e forman parte do noso imaxinario colectivo. Gracias a Rosy,
Pili e Loli pola vosa contribución ao longo destes anos.


Comentarios
Publicar un comentario