Ir al contenido principal

Toponimia tudense en perigo de esquecemento

 Os topónimos constitúen elementos identificadores espaciais de referencia para a poboación do territorio, os nomes de lugar teñen unha importancia capital como instrumentos para a conservación e difusión da información xeográfica e finalmente cabe sinalar que cada topónimo conten información sobre o lugar que nomea, tanto polo seu significado como polo seu contexto, orixe e evolución. A toponimia ten, por conseguinte un altísimo valor como elemento do patrimonio cultural inmaterial.

O noso interese agora non está tanto no valor lingüístico do contido deste nomes, a súa procedencia e significación, a súa antigüidade filolóxica, senón que a toponimia posúe un valor simbólico e de expresión do poder territorial moito máis aló do seu valor puramente onomástico. O uso e evolución nunha sociedade concreta dos topónimos permiten recoñecer a súa evolución e os valores predominantes neste entorno social, datos que cómpre albiscar máis aló da mera lectura do nome dos lugares.

A análise de que nomes de rúas e lugares que se conservan de época pretéritas, os novos nomes que os substitúen, a permanencia na memoria colectiva das antigas denominacións... nos aproxima a coñecer a evolución da memoria local e permite coñecer como se percibe cada lugar e a importancia e significación que posúe para cada cidadán en particular e para a cidadanía en particular.

A toponimia ou os nomes de rúas teñen tamén, na actualidade, unha dimensión patrimonial e incluso turística, pois permiten incorporar á lectura de cada cidade uns valores asociados coas súas tradicións. O topónimo aparece así como un obxecto de valor cultural que suxestiona, evoca, emociona... Teñen entón unha importancia capital o emprega, ou non, de certos nomes de rúas ou lugares para condicionar a experiencia de veciños e visitantes, son significantes referencias na construción dos relatos colectivos, da memoria local; os topónimos son así, en moitos casos, a conexión no imaxinario colectivo entre o relato e o lugar.

En consecuencia, os topónimos, a onomástica, posúe un valor único, a información que puidemos acadar de cada un desde nomes ten sempre un carácter irrepetible. A toponimia poren require unha permanente protección e revisión como fonte de información, como elemento do noso patrimonio cultural e como peza que artella o relato que entre todos os cidadáns construímos da nosa cidades.

A evolución urbanística da nosa cidade nas últimas décadas consonte as dinámicas sociais destes tempos implican unha ampliación do espazo urbanizado que abrangue a cidade, a creación de novas rúas, de novos espazos e servizos públicos que determinan unha evolución da toponimia destes lugares que son incluídos no ámbito urbano.

Esta dinámica implica tamén que dende o poder local se procede a adoptar novas denominacións a estes lugares que modifican as anteriores denominacións como símbolo dos novos tempos, do progreso que transforma á cidade e melloras as súas condicións de vida.

Paralelamente, o Concello tudense neses mesmos tempos adoptou, no que atinxe ao conxunto histórico, unha acertada decisión que ten chegado ata os nosos días, como foi rotular as rúas da cidade histórica co nome oficial pero tamén coas denominacións que a documentación histórica recolle ao longo dos séculos para estas rúas. Unha decisión que contribúe positivamente á conservación da memoria histórica local, á creación dun relato sobre a cidade que pon en valor o seu carácter histórico e patrimonial, e que enriquece o valor cultural e turístico de Tui.

Con todo, a evolución social leva que os nomes populares dalgunhas rúas do noso casco histórico se vaian perdendo no esquecemento ao ritmo do cambio xeracional. Especialmente preocupantes é que actualmente moitos dos nosos veciños non localizarían a rúa da Canicouba ou a rúa Nova ou a rúa de Abaixo (que corresponden coas actuais rúas bispo Castañón, arcebispo Lago ou rúa Lorenzo Cuenca). Na miña infancia eran nomes xeralmente empregados pola veciñanza, hoxe son case lembranza gravadas nas placas. Nomes que teñen que ver coas condicións físicas da primeira das rúas cunha forte pendente, ou coa primeira rúa construída ampliando o espazo urbano tudense sobre a falsa braga e foxo que rodeaba o norte de muralla medieval, namentres que a rúa de Abaixo nomeaba a que ocupaba esta posición no rueiro tudense.

Fotografia de Otto Wunderlich, arredor de 1929

Pero o proceso resulta aínda moito más evidente na toponimia dos lugares que como comentabamos anteriormente foron urbanizados nas últimas décadas. Está a piques de perderse a memoria de nomes de lugares deste espazo urbano coa conseguinte perda dunha parte da nosa memoria local, da nosa historia inmaterial....

Unha sinxela relación destes nomes que paulatinamente estamos perdendo abrangue os seguintes:

A Tafona, hoxe en día chamada rúa Aloques. O nome fai referencia tanto ao muíño onde se moe o gran para facer fariña, como principalmente ao forno onde facer o pan. Pero nun protocolo notarial que recolle Ernesto Iglesias Alemida de 1611 falase ha Tahona de moler casca y recochar cueros junto a los pelames y aloques que están en Rio Molinos. Por tanto a referencia tudense tanto de Tafona como Aloques ten relación cos procesos dos curtidos localizados no barrio de Riomuíños.

Chau-chau, este topónimo daba nome ao campo de fútbol de Tui localizado no quinteiro que definen as actuais rúas Casal Aboy, Compostela, Ourense e Irmáns Maristas, e nas inmediacións do Pazo do Pilar, hoxe coñecido como Pazo dos Oliveira, nome da familia dos actuais propietarios.

Xentileza de "Fotografias antiguas de Tui"

A Lagoa, denominación dun espazo contiguo ao Chau-Chau na zona que comprende a rúa Irmáns Maristas coa rúa Oia e a zona da actual Praza de Abastos. Para Suso Vila este nome tal vez signifique “a presencia dunha pequena zona asulagada no local, Avila y La Cueva, cóntanos como no lugar era posible facer unha boa e sinxela fonte debido aos excelentes mananciais da zona”. Ernesto Iglesias Almeida recolle este documento na documentación notarial tudense dende 1378.


Vista da Logoa e do campo de fútbol do Chau-Chau, anos 60

As Olivas, nome que corresponde coa contorna do cruzamento entre as actuais rúa Calzada, rúa do Rollo e avenida da Concordia.

Camiño da Senra, segundo Ernesto Iglesias Almeida “saia do arrabalde do Rollo, pasando polo Hospital de San Gián dos Gafos, lugar por onde os peregrinos saían de Tui cara á Virxe do Camiño”. Na chamada casa da Senra, hoxe desaparecida, se conservaba un fermoso tímpano con decoración do século XVI, hoxe conservado na Residencia Paz y Bien no barrio da Sarabia.

O Tambre, nome dunha zona na rúa Colón – Estrada de Baiona, onde a ponte sobre a vía do ferrocarril, e que alude ao edificio de distribución de enerxía eléctrica á cidade de Tui aínda hoxe en uso. O nome de “Tambre” amplamente empregado en Galicia para aludir a lugares relacionados coa industria eléctrica, alude a unha das primeiras centrais eléctricas de Galicia establecida nas ribeiras do río Tambre en Noia, cuxo nome popularizouse amplamente.

O Rastrillo, que corresponde coa zona de confluencia entre as actuais rúas Antero Rubín e Cóengo Valiño. O Rastrillo fai referencia ao nome que reciben as portas enreixadas que pechaban as murallas ou edificios. Neste lugar na porta de San Domingos da muralla do século XVIII había un “rastrillo” que ficou na memoria popular aínda cando a muralla deixou de ter esta funcionalidade defensiva.

A Fábrica, nome popular que recibía a actual rúa Olímpicos tudenses, no entorno dos centros de remo e piragüismo. Historicamente este lugar correspondía co peirao da barca de pasaxe con Valença, pero unha vez construída a ponte internacional abandona esta funcionalidade neste lugar se instalou un serradoiro de madeira que lle deu nome a este lugar.

Cristo da Cal, denominación do cruceiro localizado no camiño que viña dende a barca de Areas cara ao barrio de As Bornetas, hoxe nunha rotonda entre a rúa Tenencia e a avenida de Portugal. Tras ser derrubado hai xa anos foi restaurado e modificado por unha das Escolas Obradoiro.

Xentileza de "Fotografias antiguas de Tui"

Xardín da Media Lúa que foi nomeado na década de 1930 co nome de Xardín Rosendo Troncoso, promotor incansable da “Liga de Amigos de Tuy” que nos anos trinta e corenta do pasado século tivo un especial protagonismo da nosa cidade. “Media lúa” é a denominación dun revellín ou baluarte grande da muralla, cuxa estrutura aínda se conserva case integra na actualidade neste espazo axardinado.

Pousa das Sobreiras, coñecida tamén e moi especialmente na actualidade como “Pousa do Bispo”, era o pazo empregado polos bispos tudenses como residencia estival. O seu nome fai referencia á existencia destas arbores (“alcornoques” en español) e este topónimo xa figura na documentación en 1260. O edifico data orixinalmente do episcopado de Juan García Valdemora (1612-1620). Esta propiedade foi vendida polo bispo López Ortiz na década de 1950. A urbanización deste terreo con numerosas vivendas unifamiliares coa denominación de “Pousa do Bispo” prescindido do tradicional nome de “Sobreiras” acelerou á perda deste topónimo.

Xentileza de "Fotografias antiguas de Tui"

Temos recollido este nomes de varios lugares que tanto polo seu valor intrínseco como polo seu valor como testemuño da evolución histórica da nosa cidade cómpre conservar na nosa memoria colectiva, no acervo cultural da nosa cidade. Manter no coñecemento colectivo estes topónimos é un xeito de promover a valorización do noso patrimonio cultural, de construírmonos a nosa memoria local dende a valorización do noso patrimonio, da nosa historia, da nosa cultura popular e inmaterial....

A instalación, por exemplo, dalgunha sinalética, respectuosa co entorno, que recolla a lembranza desta toponimia en risco de desaparición pode ser unha medida axeitada para conservar o seu uso e memoria. Ou mesmo a colocación nas actuais placas dalgunha rúa dunha referencia a esta denominación anterior.

Neste post temos recollido exclusivamente algúns nomes de lugares no entorno inmediato da cidade de Tui, pero a riqueza da toponimia das áreas rurais tudenses é inmensa e reclama tamén estudio e atención para evitar a súa degradación e perdida irreversible.

 

Comentarios

Publicar un comentario

Publicación populares

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

A lenda do túnel baixo o MIño

As lendas ou narracións populares, transmitidas oralmente, relatan xeralmente acontecementos ficticios que se teñen por reais, en moitas ocasións mesturados con feitos históricos. Pola súa capacidade de evocación, pola súa transmisión xeracional as lendas conforman un acervo do que chamamos patrimonio inmaterial que cómpre recoller e preservar. Na nosa cidade conservamos varias lendas vencelladas ao caracter histórico da nosa localidade, ao seu caracter fronteirizo e consecuentemente a súa fortificación fronte aos posibles invasores. A máis asentada no imaxinario colectivo tudense é a relativa ao “túnel” que comunica Tui coa outra beira do Miño, coas terras de Valença. Resulta moi significativa esta lenda pois testemuña como na mentalidade dos tudenses a fronteira e a súa condición de limite, de aillamento fronte ao estranxeiro era superada polas nosas xentes que a través do túnel escapaban destas “imposicións” e mantiñan a comunicación coas terras irmáns que as estructuras políticas ...

Agrarios tudenses en "El Agrario" de Buenos Aires de 1923

Fundadores da "Sociedad Agraria" de Paramos (en pose para El Agrario) De esquerza a dereita b(en pé), cidadáns Hermenegildo Gándara Estévez e Manuel Alem; sentados Simplicio Fernández Rivas, Hermenegildo Alem Rocha e Jesús Fernández Rivas Temos comentado en numerosas oportunidades neste blog o escaso coñecemento que posuímos sobre a historia mais recente do noso concello. Entre os episodios que conforman este período histórico máis recente está o movemento agrarista que na última década do século XIX e nas primeiras do pasado século mobilizou aos labregos de Galicia na procura do acceso á propiedade da terra (ata daquela os nosos campesiños eras foreiros, tiñan o usufructo inmemorial dunhas leiras que non eran súas) e consecuentemente a mellora das condicións de vida destas masas populares. Será o movemento agrarista o que adquira neste anos un progresivo protagonismo fronte ao caciquismo conservador que dominaba a vida política da comarca de Tui coa figura ...

A Semana Santa tudense e as súas posibilidades

Xa na noite do Venres Santo xorde de novo unha reflexión sobre a Semana Santa tudense, pois quizais na nosa cidade non chegamos albiscar as súas potencialidades como elemento que forma parte do noso acervo patrimonial que temos a responsabilidade de conservar, sen privala da súa dimensión relixiosa, e dende esta valorización é tamén un posible recurso turístico para Tui, pois poucos lugares de Galicia teñen unha riqueza similar nestas xornadas. Neste mesmo blogue temos sinalado que inmediata celebración das festas patronais de San Telmo distorsiona a visión destas xornadas de celebración do misterio pascual de Xesús, configuradas como un preludio das festas e, consecuentemente, infravaloradas non xa na súa dimensión espiritual senón na súa significación cultural. Cómpre valorizar as actividades litúrxicas ou para-litúrxicas destas datas, pois, independentemente da súa significación relixiosa ou espiritual, conservan requintadas expresións da nosa historia colectiva da que somos...

"A Trapa" a segunda cova granítica máis grande de Europa descoberta en Ribadelouro

O pasado sábado 9 de abril nunha conferencia pronunciada en Tui Clube Espeleolóxico “Maúxo” presentou un descubrimento certamente importante: “A Trapa” a segunda cova granítica máis grande de Europa, que se atopa na parroquia de Ribadelouro nas abas do Monte Aloia. Un descubrimento de especial relevancia para a xeoloxia e para a arqueoloxia da nosa terra, e que incrementa o valor que sa posuía esta zona inmediata ao Parque Natural do Monte Aloia. Cómpre agora impulsar o proxecto de ampliación territorial deste Parque abranguendo a Serra do Galiñeiro –por certo, ameazada na actualidade pola prevista instalación dun parque eólico-. Felicitamos ao Clube Espeleolóxico “Maúxo” polo seu labor e por aportarnos este relevante descobrimento. Achegamos un artigo publicado no día de onte na edición Galicia de “El País” como información sobre este achado. Una trampa de 1.200 metros Expertos descubren la segunda cueva más grande de Europa en O Galiñeiro SARA VILA - Santiago - 21/04/2011...

Ricardo Blanco Cicerón

O pasado martes 15 de decembro foi inaugurada no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, unha exposicion que co titulo de “Olladas dunha época” recolle unha escolma das fotografias do chamado “Fondo Blanco-Cicerón” que se custodia no devandito Museo. Como podemos comprobar na portada do catálogo que acompaña a este “post” a cidade de Tui é unha das protagonistas desta mostra que amosa unha selección das fotografías que conformaban a colección de Ricardo Blanco-Cicerón (Tui 1844 – Santiago 1926). Son na súa meiranda parte instantáneas da época do cambio de século, entre 1890-1910, e que respostan ao interese coleccionista de D. Ricardo que conformou ao longo da súa vida a, posiblemente, a máis ampla colección de caracter cultural que teña existido en Galicia: obxectos prehistóricos, artísticos, etc. que nutren hoxe en boa medida os museos da nosa terra. Esta mostra organizada conxuntamente polo Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Artes da Imaxe poderá ser visitada ...

Yzquierdo Durán, ilustrador tudense. Breve noticia.

Jose Yzquierdo Durán foi un popular ilustrador que radicado en Madrid realizou, nas primeiras décadas do século XX unha prolífica producción en todo tipo de publicacións, tanto periódicas como en libros. Son moi escasas as noticias sobre a súa traxectoria que poidemos acadar non así imaxes da súas obras, que ocupan as portadas de numerosas edicións das segunda e terceira décadas do pasado século. O erudito Manuel Fernández-Valdés no seu excepcional libro “Familias antiguas de Tuy” nos informa que Jose Izquierdo Durán era fillo do avogado tudense José Izquierdo Sarmiento, que foi secretario do Concello tudense, e de Concepción Durán Mera, dunha familia de longa tradición na cidade. Tiveron tres fillos, Celso, que foi crego ocupando, entre outras, a parroquia de Piñeiro, Pilar, que foi directora moitos anos do “Hogar Rosendo Salvado” dependente do Auxilio Social nos anos da ditadura, e José, de quen hoxe nos ocupamos. José Izquierdo Durán naceu en Tui no anos 1890 e desenvolveu en Madrid...