Ir al contenido principal

Historia da eurocidade, a veciñanza de tudenses e valencianos no tempo

O 10 de febreiro de 2012 os municipios de Tui e Valença, representado polos seus rexedores daquela Moisés Rodríguez e Jorge Mendes, asinaron o protocolo de creación da eurocidade marcándose o obxectivo de afondar nun traballo conxunto en diversos ámbitos de actuación, que expresase, tamén no nivel institucional, o que dende sempre é a vida normal de valencianos e tudenses que comparten un territorio, convivindo con intensidade, que posúen unha mesma identidade na que caben as normais diferenzas das súas diversas adscricións institucionais que sinala a fronteira que nos limita.

Un concepto este de fronteira ligado para a xeneralidade ao concepto de “límite”, de “excentrididade”, mesmo de afastamento. Especialmente asentado este concepto nos estados centralistas –característicos dos últimos séculos tanto en España como en Portugal, e que mesmo chegaron a prohibir no caso tudense o asentamento de industrias en previsión posibles ocupacións-.  Pero para os que vivimos na fronteira este é un lugar de mestura, de intercambio, de contactos permanentes... os tudenses e valencianos non nos chamamos “fronteirizos” senón raianos, pois é unha “raia” –identificada co río Miño- o que nos separa. É unha raia é sempre un límite fraco, arbitrario, doado de superar.

Formamos parte, e así o sentimos, dun mesmo espazo xeográfico; existe unha continuidade paisaxística e mesmo urbana entre as nosas cidades de Tui e Valença, pois a trama de ocupación do territorio, de urbanización, achégase, en ambos casos, ata o bordo mesmo do lugar físico da antiga fronteira, sen existir baleiros espaciais, convertendo á vella ponte metálica nunha rúa máis dun mesmo ámbito urbano.

Para afondar nesta vida compartida dende Tudensia achegamos unha breve historia desta eurocidade (completando diversos post publicados ao longo dos anos) onde sinalaremos os principais acontecementos do seu devir temporal, aínda que dun xeito en exceso resumido o que implica, en moitos casos, unha simplificación dos acontecementos e unha renuncia explícita a unha análise polo miúdo.


Historia eurocidade Tui-Valença

O territorio enmarcado polo val do río Miño e os seus afluentes posúe unhas axeitadas condicións para o desenvolvemento da vida humana e facilitará, ao longo dos tempos, a continuidade na ocupación deste territorio.

A tradición sinala que foi un heroi grego, Diomedes, que logo de participar nas guerras de Troia, realizou unha longa travesía que o levou ata estas terras onde fundo en homenaxe ao seu pai, o rei de Etolia, Tydeo, unha cidade, “Tyde”. A fundación grega de Tui é xa referida por algúns historiadores romanos e recuperada no século XVI e posteriores nun proceso, amplamente estendido en numerosos lugares da Península, de procurar nestas tradicións clásicas, mais próximas á lenda que a historia, un maior prestixio local. O certo é que testemuñas arqueolóxicas desta presenza grega non existen ata actualidade.

Os primeiros habitantes de Galicia se teñen documentado en lugares moi próximos a Tui, no xacemento das Gándaras de Budiño ( O Porriño), ou mais recentemente, nas estacións de O Cabrón (Arbo) e Porto Maior (As Neves), aproveitando as boas condicións naturais para o asentamento humano. Tamén encontramos restos materiais paleolíticos en Baldráns, Guillarei, Rebordáns, Ribadelouro, Pexegueiro, Areas ou Randufe  e tamén en lugares de Valença vinculados coas terrazas fluviais do río Miño que evidencian unha ocupación humana desta comarca  naquela época.

Andando los séculos o home se sedentariza e convertese en agricultor, no que se coñece como proceso de “Neolitización”, que no Noroeste se asocia á cultura megalítica, caracterizada pola construción de enormes monumentos de pedra de carácter funerario. Estes monumentos figuran na toponimia con nomes como mámoas, medorras…  con exemplos como Anta, en Areas, onde apareceron no camiño do Viveiro forestal varios machados pulimentados. “As Inquirições de D. Afonso III” tamén aluden a edificacións do tipo dolménico en Valença. Testemuño desta época é o machado de Carrasqueira (Paramos) cunha cronoloxía de tres milenios antes de Cristo.

A aparición da metalurxia abre unha nova etapa no desenvolvemento da sociedade humana, especialmente importante é a Idade do Bronce (1900 a.C. ata o século VI a. C.) que acadou grande importancia no Noroeste Peninsular pola súa riqueza mineira. No territorio da eurocidade hai importantes achados correspondentes a este momento histórico, destacando o casco de bronce (chamado “celta”) atopado no leito do Miño na zona de Caldelas así como diversas hachas da mesma época y lugar. Estes obxectos podemos contemplalos no Museo Diocesano. Quizás a manifestación máis coñecida desta época son os chamados petróglifos ou gravados rupestres, insculturas realizadas ao aire libre. Son representacións de variadas formas, desde deseños xeométricos a antropomorfos que tamén encontramos no noso municipio, desde os de “Rozacús” en Randufe ou “Carneiras” en Baldráns e en diversos xacementos das freguesías de Valença, onde destacan Tapada de Ousao e Monte de Fortes, nas abas do monte Faro.

Esta cultura dos metais ten unha última fase, a idade do ferro, que no Noroeste Peninsular se corresponde coa cultura castrexa. Nas fontes clásicas Tui aparece citada como capital dos grovios, grupo xentilicio que ocuparía o territorio arredor do curso final do río Miño. A este período histórico corresponden diversos xacementos arqueolóxicos tudenses; entre outros, Cabeza de Francos, A Guía, e incluso a acrópole tudense, evidenciando unha continuidade no hábitat nesta área da cidade desde épocas remotas, namentres que en Valença hai varios enclaves como Castelo da Furna, en Boivao, etc.

Sen dúbida, que é Cabeza de Francos -coñecido tamén como Alto dos Cubos- o mellor estudado dos xacementos castrexos. Situado nun esporón nas abas do monte Aloia, na parroquia de Pazos de Reis, este castro foi escavado en diversas oportunidades e recentes investigacións o sitúan como o principal referente deste territorio en época prerromana.

O paso por esta zona do Cónsul romano Décimo Junio Bruto, no 137 a. C., que tras cruzar o río Limia –o famoso río Lethes ou do Esquecemento- conduciu ás súas tropas ata o río Miño acampando, segundo algúns, na freguesía de Gandra supón a incorporación deste territorio ao proceso de romanización. A recente documentación dun posible amplo campamento militar romano en Campos, xunto a San Pedro da Torre, abre novas vías de investigación á conquista deste territorio.

As fontes clásicas falan dun “castellum” de Valença namentres que no caso tudense apreciamos dous núcleos de asentamento nesta época: o “Castellum Tyde” localizado na cima do outeiro tudense, e outro no barrio de San Bartolomeu (chamado tamén na documentación como Santa Eufemia) no que se documentan numerosos restos arqueolóxicos, dúas necrópoles, un taller de vidro, etc. que formaban parte da “Mansio” (núcleo con pousada, substitución de animais de transporte, etc.) da Vía XIX, do Itinerario de Antonino.

Esta vía XIX cruzaba o río Miño no noso territorio e conservamos, actualmente no interior da fortaleza de Valença, un miliario dedicado a Tiberio Claudio, marcando XLIII millas dende Bracara Augusta. Este miliario, usado como pelouro, foi traslado a este lugar dende a súa localización orixinal no lugar de “Airinhos” na ribeira do Miño, que algúns autores localizan fronte o antigo porto tudense de Lavacuncas, na actual zona da Mariña.

A medida que avanzamos na historia do Imperio romano o núcleo tudense, que abrangue ambas ribeiras do río Miño, vaise configurando como un importante centro militar, relixioso, administrativo e de comunicacións, como testemuñan as importantes evidencias arqueolóxicas atopadas.

Como comprobamos, dende os tempos máis remotos, a ocupación humana deste territorio, que se articula dende a cidade tudense abranguendo una amplo espazo entre os río Verdugo e Limia, que patentiza unha complementariedade, onde o Miño non afasta senón que aproxima, e que terá continuidade no futuro.

A partir da chegada dos suevos (século IV) Tui será un dos principais enclaves do seu reino, asi xunto con Lugo será unha das capitais de Galicia no reinado de Rekiamundo. Testemuño da importancia tudense nesta época é a existencia dunha ceca, para a cuñar moeda. Así co rei Rekiamundo (458-463) figura o nome desta ceca en varias moedas. Salienta unha siliquia do Emperador Anastasio acuñada en Tui, sendo a primeira deste tipo que aparece co nome dunha ceca hispana. Tui figura tamén en moedas dos monarcas godos; Recaredo, Witerico, Sisebuto, Recaredo II, Chindasvinto e Recesvinto.

Pero a principal contribución desta época é a extensión do cristianismo e a súa organización eclesiástica. Tamén con carácter lendario considérase a San Epitacio -segundo a tradición discípulo de Santiago Apóstolo- como primeiro bispo de Tui. A sede tudense, cun ámbito a ambas marxes do Miño, aparece por vez primeira documentada no ano 572 cando o bispo Anila asiste ao segundo concilio bracarense, xa anteriormente en 569, baixo o reinado de Teodomiro, realízase nun concilio a división parroquial de Galicia, é o famoso Parrochiale Suevum, que lle concede á diocese tudense 17 parroquias, unha das de maior número evidenciando que posúe unha estrutura organizativa do territorio moi desenvolvida. Son moi frecuentes os topónimos de orixe xermánica, que proveñen desta época: Guillarei ou Gondomil por citar dous exemplos.

Pero sen dúbida, a noticia máis coñecida entre os tudenses desta época é a fixación na cidade da corte do rei Witiza, asociado ao trono polo seu pai, entre os anos 697 e 701, na parroquia de Pazos de Reis, onde construíu un palacio e outros edificios no lugar que aínda hoxe se chama Monterreal, cuxas ruínas perduraron até o século XVIII.

A primeira invasión árabe data do ano 716: o Emir Abdelaziz entra na Lusitania cun numeroso exército, tomando Porto, Braga e Tui. Estas invasións non significaban a presenza permanente das tropas musulmás. A monarquía asturiana asume a tarefa “reconquistadora” e ocupa Tui e o seu territorio no ano 739 co rei Alfonso I. Posteriormente Ordoño I “repoboa” Tui no ano 850 e en 915 Ordoño II restaura a sede episcopal.

Pero Galicia e Tui sufrirá a presenza dos normandos, que son un constante azoute das zonas costeiras e tamén de poboacións interiores como Tui. No ano 844 arrasaron a cidade, volveron a principios do século X, onde as súas desfeitas obrigan ao bispo tudense Naustio a refuxiarse no mosteiro de Labruxa. No ano 970 Gunderedo encabeza unha outra expedición e de novo o bispo debe refuxiarse noutro lugar, agora en Ribas de Sil. Pero a máis afamada expedición normanda é do ano 1014 encabezada por Olaf Haraldsson que ademais de saquear e destruír Tui, levou cativo ao bispo e o seu clero. A influencia da presenza normanda na nosa zona quedou presente a través das propias barcas de navegación do Miño, o bote anguleiro ou carocho, cuxa técnica construtiva é indubidablemente nórdica.

Pola súa banda, as incursións ou “razzias” das tropas musulmás afectan á nosa comarca como foi o caso da realizada por Almansor -Ao  Allah - nome de guerra do Emir Ben Abi Amir- que no ano de 997, no seu camiño para Santiago de Compostela, destruíu, segundo as crónicas, numerosos enclaves, incluído o Mosteiro de Ganfei e Tui.

A consolidación de la monarquía leonesa permite que no ano 1071 o rei Don García e a súa esposa Dona Urraca restauran de novo a sede episcopal tudense co  bispo Xurxo que se instala no  mosteiro de San Bartolomeu. O apoio rexio se traduce no 1095 na concesión ao bispo do señorío temporal da cidade de Tui e o seu couto, que abrangue ambas ribeiras do río Miño, en boa medida o actual territorio da Eurocidade.

O nacemento do reino de Portugal establece unha nova dinámica. Os intentos de ambos monarcas por controlar o territorio tudense provocará que, durante varios séculos, este espazo xeográfico sexa escenario de sucesivos episodios bélicos. Con todo, o río Miño se consolida como unha fronteira permeable entre ambos reinos –a fronteira máis antiga que existe na actualidade en Europa- que non impide a vida común entre as súas poboacións e que a diocese tudense, ata o século XV, se estenda dende o Verdugo ao Limia.

A figura de San Teotonio, primeiro santo portugués e conselleiro de Afonso Henriques ilustra esta permeabilidade. Nacido cando Ganfei era territorio tudense e morto en Coimbra, onde fundou a orde dos cóengos do mosteiro de San Cruz, de onde procederon posteriormente diversos bispos tudenses.

Asi en 1121 y 1126  Dona Teresa, raíña de Portugal, ocupa Tui sendo rexeitada primeiro pola súa irmá a raíña Dona Urraca e posteriormente polo seu fillo Afonso VII. De novo en 1131 e 1137 Afonso I de Portugal invade Tui, asinándose entre este monarca y Afonso VII o 4 de xullo de 1137 a chamada Paz de Tui, que é un dos precedentes do recoñecemento definitivo da independencia do reino de Portugal.

Unha nova ocupación lusa en 1169 rexeitada por Fernando II leva a este monarca a que en 1170 conceda á cidade de Tui os seus foros e ordene levantar unha muralla, tratando de crear un núcleo fortificado e fiel fronte ás pretensións portuguesas ao que decide chamarlle “Buenaventura” aínda con escaso éxito.

De novo en 1186, D. Sancho I toma a cidade de Tui, á que concédelle importantes doazóns para garantir a súa fidelidade. Aos dez anos estallan novas hostilidades entre D. Sancho y Afonso IX. O monarca luso acoutou unha nova poboación, Contrasta, estratexicamente situada fronte a Tui para garantir o control ou, ao menos a vixilancia, do Miño e o seu paso. Entre 1186-1197 acouta esta poboación entregándolla a Paio Carramondo coa obriga de poboala e organizala. En 1213 o rei Afonso II concedeu a carta foral a Contrasta, que alcanza a categoría de vila o 11 de agosto de 1217, tempo no que o rei confirma os foros concedidos polo seu pai e ordena reforzar as murallas ou cerca que defendía esta nova vila afirmando o seu carácter de enclave fronteirizo namentres que con diversas regalías tentaba atraer novos habitantes.

Será en 1262, por diploma de 2 de Agosto, cando D. Afonso III confirme o foral outorgado a favor de Contrasta polo seu pai, pero cambiándolle o nome por Valença. Esta denominación traduce xa as dúas principais funcións desta cidade ao longo dos séculos: comercial e militar. O monarca alarga o tecido urbano de Valença cunha nova muralla de forma oval.

Tui, pola súa banda, se consolida como un importante núcleo urbano e centro económico e comercial cun dinámico porto fluvial. Os burgueses tudenses se rebelaran en varias ocasións contra o poder temporal de bispo: xa no propio ano 1170 houbo conflitos, en 1211 e finalmente en 1248 que resolve o rei Fernando III en 1250 cunha sentenza que condena ambas partes,  tanto o bispo como os lideres burgueses, e restablece os foros de 1170. Se repetiran estas loitas concellís en 1286 (preito das chaves)

Se no século XII a fidelidade do bispo tudense basculaba entre as dúas coroas, na seguinte centuria estamos xa diante dunha decida aposta castelá. No século XIV, aproveitando a crise política que vive o reino de Castela, as tropas portuguesas intentaran a conquista de Tui en diversas oportunidades. Nas loitas pola sucesión de Afonso XI entre partidarios de Enrique de Trastámara (a quen apoia o bispo) e de D. Pedro I os tudenses se suman a este partido que ao ser derrotado apoian  as pretensións ao trono do monarca portugués Fernando I que en 1369 recibiu unha entusiasta acollida polos tudenses. A vitoria dos “enriqueños” reforzará o papel do bispo como señor da cidade ata o punto que xa non haberá más conflitos cos burgueses tudenses.

Estas loitas políticas se unen a unha profunda crise motivada por las malas colleitas que provocan fame e a chegada da peste, cuxa presenza témola documentada en Valença en 1348. Na segunda metade deste século  XIV e o seguinte serán momentos de crise e dificultades para Tui e de consolidación do papel de Valença na organización da monarquía portuguesa, que reforza as súas estruturas defensivas, en tempos de D. Dinis, con altas torres con balcóns, portas e barbacás.

A raíz do chamado “Cisma de Occidente” que enfronta ao Papa Clemente VI, refuxiado en Avignon, con Urbano IV que está en Roma, o monarca luso Joao I anima a un grupo de cóengos tudenses, partidarios deste último pontífice, para fundar, co apoio real e dos arcebispos “rebeldes” de Braga e Compostela, a Colexiata de San Estevo de Valença, iniciándose o chamado “cisma de Valença” ou dos “chamorros”. Haberá que esperar a 1444 cando o monarca portugués consegue a aprobación papal definitiva para a separación do territorio da diocese tudense en terras de Portugal atribuíndollo á recen creada diocese de Ceuta, dependente daquela do reino de Portugal.

A perdida da metade do territorio e das súas rendas supón un durísimo golpe para a diocese e para a sede tudense que agrava a crise que se vive nestes anos de cabalo entre os séculos XIV e XV. Dende comezos do século XV a vida deste territorio estará protagonizada pola liñaxe dos Soutomaior, grupo nobiliario asentado no sur de Galicia e norte de Portugal, que moven habilmente as súas bazas no xogo de fidelidades entre a monarquía castelá e portuguesa (en 1398 Joao I de Portugal conquista Tui permanecendo no seu poder máis de catro anos), e aproveitando a debilidade episcopal ocupan como “encomendeiros” a cidade de Tui.

Será Paio Sorreda de Soutomaior, cara a finais do XIV, quen inicie o control da cidade sucedéndolle o seu sobriño Fernando Eans de Soutomaior e a éste, Álvaro Paes de Soutomaior, que, como sinala o cronista Vasco de Aponte, “tiña no seu poder a cidade de Tuy, como a tiña o seu pai, e da renda do bispo tomaba o que quería”. A mellor expresión deste poderío é cando non permite que o novo bispo, Luís de Pimentel, dunha das grandes casas do reino como era a de Benavente, tome posesión da sede, impedíndollo mesmo polas armas. Este clima de abuso por parte dos nobres unido á crise política e social xunto ás periódicas “fames negras” provoca o estalido da revolución “irmandiña”. O Cabido e o Concello tudense son dos primeiros en adherirse o 14 de marzo de 1467 á Santa Irmandade; aínda que non sabemos a data, as crónicas recollen que máis de 5.000 irmandiños ocuparon a cidade de Tui, respectando as súas fortalezas, e morrendo naquel lance Álvaro Paes de Soutomaior.

A reacción señorial encabézaa o medio irmán de Álvaro, Pedro Álvarez de Soutomaior “Pedro Madruga”, aínda que Tui resiste até 1471; desde entón Pedro Álvarez domina practicamente o territorio do bispado tudense e comeza un prolongado enfrontamento co bispo Diego de Muros que ocupa as últimas décadas do XV, que suporá o encarceramento e escarnio público, por dúas ocasións de propio bispo, nunha delas pechado nunha gaiola de ferro en Valença. O Soutomaior, nomeado Conde de Caminha polo monarca luso, ten un amplo dominio territorial tamén nas terras do Miño portugués. Tras a morte de Enrique IV e a consecuente disputa sucesoria entre os partidarios de Isabel de Castela e de Juana “a Beltraneja”, apoiada por Portugal, Pedro Madruga cesa o seu xogo alternativo de alianzas entre ambos os reinos, para converterse no gran valedor da causa de Juana e por tanto das pretensións lusas ao trono de Castela. Será Tui o gran baluarte das forzas pro-portuguesas, aínda despois da vitoria e subida ao trono de Isabel, casada con Fernando de Aragón (os Reis Católicos), ao continuar en mans dos partidarios de Soutomaior que tiranizan á poboación, cabido e até o propio bispo.

Os novos monarcas inician un labor de pacificación, ampliando en 1478 as funcións do corrixidor de Baiona a todo o bispado tudense. Aínda que Pedro “Madruga” tentará varios golpes de estratexia, acaba sendo derrotado, pese ao apoio do monarca portugués evidenciado no acordo de paz cos Reis Católicos, morre en Alba de Tormes buscando o perdón real.

Desta forma recupera o bispo Diego de Muros o señorío da cidade -que seguirá en mans episcopais até o século XIX-, e xunto ao seu sucesor, Diego de Avellaneda, reorganizan a vida diocesana, convocando sínodos, e tamén a vida municipal cunhas novas ordenanzas de ríxido control episcopal. É momento de facer obras na Catedral, mellorar o equipamento público (camiños, pontes, etc.) e instituír a cátedra de gramática e de canto na cidade tudense. Pero a Coroa resérvase o control aduaneiro e o alfolí (ou almacén) do sal, de gran importancia no ámbito galego. O sal procede especialmente de Portugal e será un dos grandes produtos do comercio entre ambos territorios e que os vincula estreitamente.

Di o historiador Carlos Barros que esta fronteira mantivo un carácter medieval, non tanto pola súa conformación no século XIII, senón porque sempre conservou unha mobilidade social, cultural e económica, similar á existente na Galicia altomedieval. Unha condición que, con avatares diversos, temos conservado ata os tempos contemporáneos. Moitos exemplos poderiamos aportar como ao longo dos séculos perdurou esta intensa comunicación entre os miñotos galegos e portugueses. Cabe citar aquí a figura do egrexio médico e filósofo Francisco Sánchez, principal expoñente do humanismo europeo do século XVI. Nacido en Tui, a súa nai, Filipa de Sousa vinculada familiarmente a Valença, e o seu pai, o médico Antonio Sánchez, traballa en terras galegas e portuguesas ata que a presión provocada pola súa ascendencia xudía obriga a familiar a marchar a Burdeos.

Sen embargo, as políticas xa de carácter “nacional” que promoven as monarquías de Castela e Portugal, levan a que en 1455 o rei lusitano Afonso V ordeáselle ao Marqués de Valença e ao Conde de Ourém que dispoñan gardas fiscais que impidan a entrada en Portugal de mercancías prohibidas como era  caso do gando, cabalos, armas, moedas, etc.

As protestas das vilas das ribeiras do Miño conseguiron que aos poucos anos, en 1462, o mesmo monarca conceda á cidade de Tui e as vilas galegas da fronteira do río Miño a posibilidade de comprar e vender nas feiras de Caminha, Cerveira, Valença... sen pagar tributos, como se fosen portugueses... Así o outorga o propio rei Afonso V na súa visita a Valença, do 30 de xuño ao 3 de xullo de 1462, permitindo a comercialización do pan, carne, viño e peixe procedente de Tui, confirmando un privilexio que, afirman os valencianos, era un costume xa antigo. Son as chamadas cartas ou costumes de veciñanza que o monarca lusitano concede ás vilas da ribeira do Miño, que intentan deste xeito subtraerse da presión dos axentes fiscais da Coroa, aínda que sen moito éxito.

Xa no ano 1459 o procurador de Vila Nova de Cerceira, Lourenço Guilham, proclamaba nas Cortes de Lisboa: “Senhor vosa alteza (saberá) que antre os moradores desta villa e termo com os galegos ha o rrio en meyos conversamos huus com os outros como irmaaos seendo casados huus com outros”.

No ano 1464 o rei Afonso V de Portugal crea o condado de Valença que entrega a Henrique de Meneses, concesión que en 1499 Manuel I realiza agora a Fernando de Meneses, segundo marqués de Vila Real, e curmá do anterior.

Esta conciencia dunha mesma identidade, dunha mesma condición está contida, por exemplo, no documento do acordo asinado en 1485, superados os difíciles tempos da “ocupación” dos Soutomaior sobre a cidade de Tui e das guerras de sucesión, sobre as barcas de pasaxes entre ambas cidades. Neste documento sinalase como “estrangeyro o (que) non seia vezinio da dita cidade nen vasalo do dito Sr. Obpo. nen vizinio de Valença nen do seu termo (...pois...) compre a boa vezinages de uns e dos outros”.

Por encargo de Manuel I o escudeiro Duarte D’Armas elabora o “Livro das fortalezas” que recolle os debuxos das fortificacións portuguesas da fronteira arredor do ano 1509, entre elas a fortaleza de Valença e a inmediata de Tui. A nosa eurocidade conta pois cunha imaxe de inicios do século XVI que ilustra as súas defensas, pero tamén a súa vida comercial a través do Miño, como testemuñan as embarcacións recollidas na referida ilustración.

A monarquía lusa segue promovendo o carácter fortificado de Valença e en 1512, o Rei D. Manuel fomenta o seu poboamento, mandando reparar as súas murallas e concédelle un novo foro.

A cidade tudense será capital dunha das provincias nas que se divide o Antigo Reino de Galicia desde os inicios do século XVI e que chegarán até a reforma de 1833. En 1623 recibe do rei Felipe IV o título, que aínda hoxe conserva, de “Moi nobre e moi leal cidade”.

Un novo escenario na historia tudense e valenciana aparece tras a proclamación de Filipe II como rei de Portugal en 1580. Esta unión de ambas monarquias, que se realizou coa oposición armada dalgúns sectores, chega até 1640 cando os lisboetas levántanse contra Filipe IV iniciándose a “Guerra de Restauración” portuguesa, que non finaliza até 1668 cando se recoñece a plena independencia de Portugal.

Agora se inicia a construción da Obra Coroa (o que hoxe chamamos Coroada valenciana) a cargo de D. Rodrigues de Vasconcelos, 1º Conde de Castelo Melhor, seguindo o deseño de Michele de Lescole, estando concluídas a mediados do século XVIII, cando se dá forma ao Recinto Maxistral, seguindo o deseño do mariscal Vauban, o principal enxeñeiro militar de Europa naquel momento, construíndo baluartes, revelíns, falsas bragas... converténdose nunha das principais prazas fortes de Portugal.

Paralelamente tamén a cidade tudense mellora os seus defensas neste tempo, aínda que sen chegar á amplitude da obra valenciana. O novo recinto supera con amplitude a muralla medieval, que fora reforzada a finais da Idade Media, coa construción da falsa braga para adaptarse mellor aos novos requirimentos bélicos, derivados dos usos da artillería. E convértese nunha praza de armas acollendo as milicias provinciais e outros corpos do exército, construíndose o Hospital do Rei na Corredoira.

Pero a guerra supón tamén o inicio dun momento de crise para ambas cidades que sofren numerosos danos e se estabiliza o crecemento das súas poboacións. A mediados do século XVIII Tui contaba con 962 veciños e non chegaba aos 4.000 habitantes. Como afirma Ofelia Rei para Tui pero que en boa medida podemos atribuír tamén a Valença “consideramos que a súa situación fronteiriza e de enclave militar prexudicouna durante a guerra con Portugal, pero máis a prexudicaron a prolongada situación de paz durante o XVIII, que a fai perder a súa importancia estratéxica, e o crecente atractivo das vilas costeiras”, caso especialmente de Vigo, onde se centra a actividade comercial e incluso estratéxica pois a fronteira marítima adquire maior protagonismo que a terrestre. Similar é o caso de Valença que a partir do século XVIII irá perdendo peso defensivo fronte a Viana do Castelo.

A esta época corresponde unha singular peza literaria, a primeira obra teatral en lingua galega, que narra as desavinzas entre os pescadores de Caldelas e de Friestras:  “Entremés famoso en que se contén a contenda que tubieron os labradores da feligresia de Caldelas cos portogueces sobre a pesca do rio Miño. Ano de 167(3)”. Esta obriña lustra as intensas relacións, ás veces conflitivas -como en calquera colectividades que convive-, que existían entre ambas as ribeiras miñotas.

A ocupación francesa, en 1809, afectou ás dúas cidades, colaborando dende o primeiro momento a través das Xuntas constituídas tanto en Valença como en Tui. O 3 de febreiro chegan as tropas napoleónicas a Tui, que ocupan sen resistencia, con intención de invadir Portugal. Ao non poder cruzar o Miño, Soult decide avanzar por terra deixando en Tui un forte continxente militar e boa parte da súa artillería. O 10 de abril unha división francesa dirixida polo xeneral Heudelet chega con 4000 homes ás portas de Valença e consegue a súa rendición, pois as súas forzas xa foran derrotadas días antes en Ponte de Lima. A superioridade francesa é entón tan grande, ao controlar as prazas fortes de Tui e Valença, que se levanta o cerco de Tui, onde colaboraban tropas portuguesas. Ábrese un breve período de forte represión (queiman o barrio de Urgeira e o convento de Ganfei ou na zona tudense Guillarei, Paramos, Randufe e Pazos de Reis ) e o xeneral Lamartiniere impón ao Cabido e ao Concello un forte rescate económico. O 16 de abril as tropas napoleónicas abandonan Tui e Valença en dirección á conquista de Porto, deixando un desolador balance que se agudiza coa presenza da peste.

O século XIX se caracterizara polos continuos enfrontamentos, tanto en Tui como en Valença, entre as forzas defensoras da monarquía absoluta e os elementos liberais que preconizan a limitación do poder rexio, mediante unha constitución, e progresivamente adoptaran principios de carácter democrático.

No caso tudense, son as dinámicas entre absolutistas e liberais que se abren tras o retorno de Fernando VII reimplantando o absolutismo, rematando o período de vixencia da Constitución de Cádiz de 1812. En 1820 comeza o trienio liberal ao que seguirá o retorno a un réxime realista coa década ominosa. Tras a morte do rei, en 1833, ábrese a loita pola sucesión entre o Infante D. Carlos, sendo os seus partidarios, “os carlistas”, os novos representantes da tradición absolutista provocando as chamada “guerras carlistas”, e Sabela II que terá de apoiarse nos liberais e que ocupara o trono ata 1868. Neste ano a crise da monarquía desemboca no chamado “sexenio democrático” que remata coa procura dunha nova dinastía, con Amadeo de Saboia, e tras o seu fracaso coa proclamación da I República en 1873. A restauración democrática en 1874 con Alfonso XII abre un período de estabilidade na vida política.

Similares dinámicas existen en Portugal e afectarán moi especialmente a Valença. En Portugal tras a ocupación napoleónica a familia real se despraza a Brasil, retornando Joao VI en 1821 xurando a primeira constitución portuguesa de carácter liberal. O seu fillo Pedro, de ideas liberais, promove a independencia de Brasil en 1822. A morte do rei en 1826 Pedro I renuncia ao trono para seguir como emperador de Brasil, abdicando en favor da súa filla, María II cun réxime constitucional. Se embargo, o seu irmá Miguel asume a rexencia, pola minoría de idade de María derrogando a constitución e declarándose como rei, Miguel I. Ábrese así unha confrontación armada entre liberais e absolutistas. Neste contexto Valença estará seis anos en poder dos “miguelistas”. A finais de marzo de 1834 as tropas do almirante Carlos Napier, co apoio de tropas españolas comandandas polo coronel tudense Pedro Telmo Piñeiro e Cardenas toman Valença en poucos días. En setembro se proclama raíña a María II pero a conflitividade segue entre “cartistas”, liberais moderados, e os “setembristas”, liberais radicais defensores da Constitución de 1822.

En 1837 Valença no decurso das chamada revolta dos mariscais, “cartistas”, un dos líderes o Barón de Leira tras iniciar a revolta en Ponte da Barca, acaba refuxiándose na fortaleza de Valença, entre xullo e setembro en que cede ao sitio da cidade. O asedio provoca unha importante destrución da vila valenciana.

Ao cabo de dez anos, na guerra civil chamada Patuleia, que enfronta de novo aos “cartistas”, co apoio da raíña, e unha coalición coxuntural entre “setembristas” e “miguelistas”. A guerra remata, aos dez meses, coa vitoria “cartista” tras a intervención de forzas británicas e españolas. Valença será tomada polos “miguelistas” e liberada por unha división hispana que dirixía o xeneral  Méndez-Vigo. A estabilidade a Portugal chegará co golpe do duque de Saldanha, en 1851, que instaura un liberalismo rexeneracionista cun bipartidismo que alterna no poder.

Nos diversos avatares destes enfrontamentos haberá mutuas colaboracións entre as forzas de ideoloxía similar. Os membros da Xunta apostólica tudense contarán con apoio dos “miguelistas” nos seus intentos de aprovisionamento de armas para unha nunca lograda sublevación como posteriormente as partidas “carlistas”. Logo os liberais lusos, como xa vimos, contarán co apoio español para levantar o cerco de Valença. De novo as sinerxías e colaboración entre ambas localidades agroman, favorecendo tamén os negocios de aprovisionamento como os que promove a familia tudense dos Maceira que incluso organizan un transporte fluvial Tui – Valença a Caminha.

O século XIX significa para Tui a perdida da súa condición de capital provincial e a creación dun concello democrático logo da supresión do señorío episcopal. Valença amplía o seu territorio en 1836 coa incorporación do couto de San Fins. Os procesos desamortizadores en ambos países potencian a un sector fidalgo e pequeno burgués que se converte en receptor de rendas que, por outra banda, e promoven o desenvolvemento urbanístico de ambas cidades, perdendo definitivamente Tui o seu carácter militar e reducíndoo Valença que aínda en 1899 mantiña a súa condición de praza de guerra.

A chegada do ferrocarril ao territorio da Eurocidade -a liña do Miño entre Porto e Valença é inaugurada en 1882- permite que aparezan os primeiros proxectos industrializadores. En Gandra Francisco Manuel Duraes promove unha fábrica de tecidos e molienda, namentres en Tui se instalan diversas serrarías ou a fábrica de galletas, promovida polo empresario luso Joao Alberto de Oliveira en 1911. Aparece así un primeiro movemento obreiro que celebra, no Teatro Principal de Tui en xaneiro de 1901, o primeiro congreso obreiro galego-portugués.

Un acontecemento marcará para sempre a Eurocidade será a construción da ponte internacional para as comunicacións ferroviarias entre Portugal e Galicia inaugurada o 25 de marzo de 1886. A ponte internacional xorde como unha necesidade de comunicación por vía férrea entre ambas ribeiras do Miño nun momento histórico en que o ferrocarril era un símbolo, case universal, de progreso e modernidade.

Tras os correspondentes acordos internacionais será en 1879 cando se decida o seu emprazamento; no mesmo ano é redactado o proxecto de construción desta ponte polo enxeñeiro Pelayo Mancebo e Agreda (Calahorra, 1845 – 1912), autor de numerosas obras de enxeñería nas últimas décadas do século XIX. Aínda que atribuída, en numerosas oportunidades, a Gustave Eiffel, este só participará no concurso celebrado, en maio de 1881, para a construción da ponte tudense, aínda que a súa oferta non resultou gañadora fronte á presentada pola empresa belga “Braine le Comte”, representada en Portugal por Eugène Rolin.

En xuño de 1882 comezan os traballos de cimentación das pías da ponte. Serán os enxeñeiros construtores belgas Eugène Rolin e o seu irmá Ernest, que axiña foi substituído por Auguste Cazaux, xunto ao enxeñeiro inspector, o galego Andrés Castro Teijeiro, os encargados de dirixir esta obra.

O acto de inauguración oficial tivo lugar o 25 de marzo de 1886, festividade litúrxica da Anunciación de Nosa Señora, sendo bendicida a ponte polo bispo tudense Fernando Húe Gutiérrez. Amañeceu un día de chuvia e as locomotoras “Alfonso XII” e “Valença” trasladaron ás autoridade de ambos países ao centro da ponte, onde tiveron lugar os saúdos protocolarios. Asistiron, segundo os cronistas da época, ata 20.000 persoas.

Aínda que a apertura da ponte suscitou unhas expectativas de desenvolvemento de Tui e a súa contorna que nunca chegaron, non é menos certo que promoveu os intercambios de todo tipo entre os territorios galego e portugués, e reforzou a centralidade de Tui e Valença como principal punto de comunicación entre Galicia e Portugal. Pero sobre todo, a ponte estrutura a unión  urbana entre Valença e Tui ao converterse nunha rúa máis de ambas localidades que organizan os seus propios viais para esta comunicación. A ponte consegue que a unión se desenvolva urbanisticamente cunha continuidade urbana que carece de parangón.

Unha intensa vida social alterada periodicamente polos brotes epidémicos, especialmente de cólera, que supoñen o establecemento de medidas sanitarias que limitan o paso fronteirizo con peche do tránsito ou limitacións ao mesmo. Os raianos tentarían paliar estes inconvintes coa ironía e mesmo con sarcasmo. Así o 18 de xaneiro de 1885 se estrea en Vigo no Teatro-Circo Tamberlick unha obriña de teatro, un apropósito, titulado “El Lazareto de Valença” con letra de Hipólito León e música do tudense Prudencio Piñeiro, que voltou representarse de novo en Pontevedra o 2 de febreiro. A peza foi editada co seguinte título “El Lazareto de Valença. Apropósito cómico-lírico hispano-portugués” pola Tipografía de Lema e Hijos, na rúa do Príncipe 21 da cidade olívicaEn setembro de 1931 esta peza é representada no Teatro Principal tudense, asi se recolle no xornal El Pueblo Gallego de 20 de setembro. Descoñecemos a razón de recuperar esta obra logo de case medio século. A función está organizada pola Agrupación Artística Tudense e logra tal éxito que aínda hoxe as súas coplas permanecen namemoria colectiva de moitos tudenses e valencianos.

Este evento expresa a intensa relación que houbo, especialmente tras a apertura da ponte, entre ambas cidades que compartian múltiples actividades: bailes, festas, celebracións oficiais, etc ata o punto que mesmo, na segunda métade do pasado século, as limitacións fronteirizas eran suprimidas nas xornadas que coincidían coas festas patronais tudenses de San Telmo.

O século XX estará determinado, en Portugal, pola caída da monarquía tras un período de crise institucional e social coa proclamación da República en 1910. Os problemas sociais agravados pola participación lusa na Primeira Guerra Mundial desembocan na instauración dun réxime militar no que se apoia Antonio Oliveira Salazar para crear o Estado Novo, unha ditadura que chegara ata a revolución dos "cravos" en 1974 que logra a instauración dun réxime democrático. Pola súa parte, Tui será escenario dos avatares políticos que tras a crise do réxime da Restauración que culmina coa ditadura do xeneral Miguel Primo de Rivera en 1923 e posteriormente coa proclamación da II República en 1931. Este intento democratizador non logra consolidarse e conduce á guerra civil, entre 1936 e 1939 que remata coa implantacion da ditadura de Francisco Franco que mantense no poder ata a súa morte en 1975, abrindo o proceso de “Transición” democrática.

As ditatura salazarista e franquista reforzan o papel da fronteira, pola súa propia ideoloxía nacionalista e mesmo autárquica, e por tanto o papel secundario do noso territorio, pero nunca lograron diminuír a intensa comunicación e mesmo cohabitación que as xentes de Valença e Tui tiveron de sempre.

A fronteira, pese aos intentos estatais, mantivo sempre a permeabilidade histórica e foi sempre un incentivo ás relacións comerciais, tanto as legais como as ilícitas, o chamado “contrabando” ou “trapiche”. Contrabando é un término moito mas amplo e definitorio dun tránsito comercial que pretende subtraerse dos aranceis fiscais. Un fenómeno constante neste territorio de fronteira que está inxerido na propia identidade dos raianos. Pero actualmente na construción do imaxinario colectivo é ás veces reivindicado e asumido cunha aureola de certo romanticismo nostálxico. Cómpre lembrar que, na realidade, o contrabando fai referencia a dúas realidades contrapostas. Por unha banda, é un fenómeno que atopa a súa explicación, e mesmo xustificación, nunha economía de subsistencia que imperaba nos pobos da ribeira do Miño, cunha poboación que vivía na miseria, tantas veces con “fome”, que impulsa a que os nosos labregos e, especialmente, as súas mulleres, se dediquen a este tráfico ilícito de varios quilogramos de café, de peixe, de fariña, de aceite... arriscando a súa propia persoa e integridade para achegar ao fogar un pouco de diñeiro que mitigase as dramáticas condicións de vida nas que tantas familias miñotas vivían en tempos pasados.

Pero o contrabando foi tamén unha fonte de riqueza, ás veces de moita riqueza, para outros sectores da poboación, de carácter vilego ou urbano, que comerciaban ilegalmente a grande escala, ás veces explotando a moitos “pequenos” contrabandistas, e que amasaron grandes fortunas sen arriscar e, nalgunhas oportunidades, incluso en connivencia con determinadas autoridades. Tanto en Tui como en Valença este comercio ilegal supuxo unha importante achega económica para as economías locais en determinados momentos do noso pasado.

O feito mais significativo das últimas décadas na Eurocidade é a desaparición da fronteira entre España e Portugal dende o ano 2001 ao abeiro da integración de ambos países na Unión Europea, acontecida no ano 1993. Esta supresión ten impulsado enormemente a comunicación entre Galicia e o Norte de Portugal, convertendo a Tui-Valença no lugar con maior tráfico de persoas e vehículos en toda a fronteira hispano lusa.

Un proceso culminado no ano 2012 coa creación da eurocidade Tui-Valença que abre expectativas inéditas de cooperación e desenvolvemento conxunto entre dúas cidades que conforman un único núcleo urbano, un caso único en toda a fronteira.


Epílogo

Este percorrido suscinto e abreviado por esta historia compartida non é mais que un esbozo desta veciñanza que ao longo dos séculos compartimos nun mesmo territorio as xentes das cidades de Tui e Valença. Ata agora nunca se escribiu unha historia común, foron sempre historias locais, tantas veces de costas á realidade de máis aló do Miño, e por tanto non se ten reflexionado abondo sobre esta vivencia compartida e os múltiples paralelismos que existen máis aló da historia académica ou "nacional" que non pode traducir esta identidade construída polas nosas xentes que sempre viviron por encima de fronteiras superficiais. Este post é pois un incentivo para abordar pausadamente unha aproximación á nosa historia local que recolla os ciclos históricos propios da nosa eurocidades e que nos teñen conformado como valencianos, como tudenses, en definitiva, como miñotos.



Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le