A Restauración da
monarquía borbónica na persoa de Afonso XII no ano 1874 propiciou un réxime sólido e forte, aínda que
sen acadar un completo desenvolvemento democrático. O sistema deseñado por
Cánovas e Sagasta, polo que estaba pactada a alternancia política entre os
partidos conservador e liberal, garantiu unha estabilidade política pero co
tempo sentou as bases dunha dualidade política: unha España oficial, a do
poder, e outra real que co tempo se imporá coa II República.
Para levar adiante este
sistema era un elemento central o control dos procesos electorais, introducindo
o caciquismo político como un factor imprescindible no funcionamento do sistema
chegando, como será o caso do distrito tudense a unha patrimonialización do
distrito en man dunha familia, no caso tudense, os Ordoñez.
Nas primeiras elección
deste novo período histórico celebradas en xaneiro de 1876 resulta electo polo
distrito tudense un deputado “cuneiro”, o madrileño Francisco Javier Boguerin Acedillo, enxeñeiro de camiños, que no
seguinte proceso electoral resultará escollido polo distrito de Redondela. Foi un dos enxeñeiros pioneiros do
ferrocarril español e dende 1858 era o encargado de elaborar os proxectos do
ferrocarril Ourense -Vigo. Foi de sempre membro do Partido Liberal.
Outro tudense, como xa
sinalamos anteriormente, Joaquín Vázquez de Puga y Torres representará ao
distrito de Verín. Pero o mais significativo é que neste proceso de 1876 polo
distrito de Cuenca sairá electo Ezequiel
Ordoñez González
Nado na vila de
Ponteareas no ano 1845, era seu pai José Ordoñez Domínguez, de Tui, que sendo
capitán retirado foi nomeado como Comandante de Armas da vila do Tea. Casado
coa tudense Teodora González Aznaga tivo en Ponteareas ao seu primeiro fillo,
Ezequiel. Rematado o mandato retornaron axiña á vella cidade episcopal onde no
ano 1847 naceu outro fillo, Leoncio.
Seguimos o relato do
polígrafo tudense Manuel Fernández-Valdés para ilustrar os inicios da vida pública
de Ezequiel Ordoñez: “Moi novo pasou a Madrid para estudiar Dereito e para
ser menos gravoso aos seus pais, entrou como amanuense ao servizo do poeta
Campoamor. Cóntase que un día estalou en Madrid un pronunciamento, tan
frecuentes no século XIX, e había unha dura loita polas rúas. Non era posible
circular, tras o toque de queda, sen un salvoconduto especial. Pero naquela
noite, como todas, Ordoñez non fallou á súa cita na casa do poeta das
“Humoradas” e este ficou tan agradecido a esta proba de adhesión, que
converteuse no seu protector, ata a punto de casalo cunha rica orfa que era a
súa pupila” Julia María García Arana (que morrerá en Vigo en 1877). O poeta
Campoamor dedicoulle o mellor do seus “Pequeños poemas”, o “Don Juan”. Pola súa
banda, Ordoñez escribiulle o limiar a unha edición do poema “El drama universal”.
De seguro que, como
froito desta relación co poeta asturiano Ramón de Campoamor, Ezequiel Ordoñez
comezou tamén a escribir colaboracións en diversos medios periodísticos, entre
eles o “Boletín Diplomático”.
Ezequiel Ordoñez foi,
de sempre militante do Partido Conservador; andando os anos sería do sector de
Romero Robledo (facción do Partido Conservador tras a morte de Cánovas en 1897,
caracterizada polo seu pragmatismo e oposta a Francisco Silvela), a quen lle
unían lazos políticos e familiares, pois o seu fillo Mariano Ordoñez García
(que foi Ministro de Gracia e Xustiza e logo de Facenda) casou coa filla de
Francisco Romero Robledo.
Accedeu ao Congreso dos
Deputados, como xa apuntamos, no 1876 resultando elixido polo distrito de
Cuenca; nas seguintes eleccións de 1879 sairá electo polo distrito tudense
repetindo a súa elección en once oportunidades ata 1901.
O distrito tudense
carecía dun deputado enfeudado que controlase a vida social e política,
Elduayen o intentou con García Maceira, logo os Bugallal con Saturnino Álvarez
Bugallal namentres que no Sexenio foi Severino Martínez Barcia o referente do
poder, pero ao inicio da Restauración se carecía dun liderado. Ezequiel Ordoñez
accedeu á vida política “disposto a representar e controlar o distrito de
Tui, foille necesario montar as bases dun novo poder caciquil, o que non lle
resultou fácil pola dura resistencia que lle opuxo o único grupo político
organizado, o dos carlistas, que dispoñían dun xornal de moita influencia na
comarca, La Integridad”. Pese a todo, Ordoñez logrou saír deputado nas
eleccións de 1881 e nas seguintes ata 1903.
Aumentaba o prestixio
de Ordoñez cando no 1882 o seu futuro consogro Romero Robledo, ministro de
Ultramar, nomeouno Subsecretario do Ministerio. Ó mesmo tempo era designado en
Madrid Conselleiro do Monte de Piedade e Caixa de Aforros.
Pero o apoio definitivo
para eliminar aos carlistas recibiuno Ordoñez do bispo Menéndez Conde que
chegou a Tui no ano 1890 co claro obxectivo de eliminar este grupo, por razóns
estritamente de estratexia eclesiástica de promover os grupos de caracter
conservador en detrimentos destas outras agrupación máis tradicionalistas. Este grupo carlista reunido en torno ao
xornal “La Integridad” apoiaba ao denominado Partido Católico Nacional, coñecido
oficiosamente polo nome de Partido Integrista que dirixía o deputado Ramón
Nocedal. Os integristas estaban en contra dos grupos liberais e conservadores
como os que encabezaba o tudense Augusto González Besada, con implantación na
provincia de Pontevedra e outras zonas de Galicia.
Ezequiel considerouse
persoalmente agredido polos carlistas cando no ano 1893 La Integridad de Tui trae un candidato “cuneiro”, de Santander,
Fernando Fernández de Velasco, para oporse a el nos comicios, ameazando
seriamente a súa reelección. Entendeu que aquilo significaba un atentado contra
a súa reputación e mobilizou todas as súas forzas ata conseguir, por unha parte
que se lle abrisen cinco expedientes a La
Integridad e promovendo o embargo
da Tipografía Regional onde se imprimía. Por outra parte, o bispo
Menéndez Conde disolveu o grupo; tres dos principais dirixentes marcharon da
cidade, Manuel Lago González, Antonio Dávila e Victoriano Paradis para fora da
diocese. A partir deste momento podemos dicir que Ezequiel Ordoñez xa non tivo
oposición en Tui, aínda que La Integridad
o seguiu atacando pero con menor capacidade.
No ano 1903 foi nomeado
polo Rei de España, senador vitalicio ocupando a vacante producida polo
pasamento de Antonio Abellán Peñuela, marqués de Almanzora. Tras esta
designación, o seu fillo Mariano Ordoñez continuará a “tradición familiar” e
será electo deputado pola nosa cidade entre 1903 e 1923.
Podemos comprobar coma
a familia Ordoñez exerceu un férreo control político na cidade de Tui e na
bisbarra do Baixo Miño ao longo de máis de corenta anos. Un control evidenciado
tamén na vida municipal e na vida política local. Aínda que Ordoñez residía en Madrid
o control da vida política na comarca o realizaba a través dos seus
representantes. No caso de Tui foi especialmente Venancio Lorenzo que axiña
ocupou a Alcaldía e tras a sua morte ocupara esta representación no distrito o
rexistrador da propiedade José Herraiz. Os ordiñistas tiñan como voceiros os
xornais “El Vencejo” y “El Aloya”, namentras que a oposición se expresaba en “La
Opinión” e sempre en “La Integridad”, aínda que agora con moita menos
virulencia.
Entre outros cargos
públicos Ezequiel Ordoñez foi vocal do Consello de Sanidade, Director Xeral de
Correos e Telégrafos, de Obras Públicas e de Beneficencia e Sanidade, Vicepresidente
do Consello de Filipinas e posesións do Golfo de Guinea, e 1890, e
Subsecretario do Ministerio de Ultramar, en 1892. No Congreso dos Deputados foi
durante varios anos secretario e finalmente vicepresidente, entre os anos 1876
e 1883.
Ezequiel Ordoñez salientou
tamén pola súa implicación no mundo dos negocios, tanto no ámbito da industria
do ferrocarril, na azucreira (participando nas indistrias de azucre en Antequera
da familia do seu xenro Romero Robledo) ou con negocios en Filipinas (en
algunhas fontes sen confirmar indican que a súa estadía naquelas illas foi para
fundar, con outros socios, a cervexeira “San Miguel”).
Nesa estadía en
Filipinas casou, en segundas nupcias, en 1884 con Juana María Lecároz Anareta
(1856-1892), unha mestiza de gran beleza, con quen tivo tres fillos (Jaime,
Blanca -que sería logo a famosa condensa de Montarco- e Enrique).
De seguro que a
experiencia acumulada nos cargos políticos e nos negocios deulle a base de
coñecementos para a edición dun libro titulado “Guia del ferrocarril del Norte”.
Finou en Madrid o 20 de
outubro de 1918, sendo soterrado na Sacramental de San Isidro.
A figura de Ezequiel
Ordoñez está vencellada, ao longo das últimas décadas do século XIX, a
múltiples iniciativas de obras públicas e desenvolvemento social e económico do
sur de Pontevedra: construción da vía férrea, da ponte internacional de Tui,
etc. Paralelamente a súa figura é un exemplo sobranceiro da vida política da
Restauración, amosando coa súa traxectoria o funcionamento do sistema caciquil
característico da época da Restauración, especialmente o férreo control que
algunhas elites sociais e políticas mantiñan sobre a vida política do noso
distrito electoral.
Comentarios
Publicar un comentario