Eduardo Padín Rodríguez
(1886-1979) é un apreciado artista tudense, cunha obra ampla e dispersa,
escasamente coñecida e valorada e que segue reclamando un estudo para
situala no lugar que lle corresponde.
Xa en Tudensia nos
ocupamos co gallo do trinta aniversario da súa morte de Eduardo Padín: http://tudensia.blogspot.com/2009/01/trinta-anos-da-morte-de-eduardo-padn.html.
O pasado verán a
Aula-Museo “Antonio Fernández” de Goián organizou unha interesante exposición
titulada “Antonio Fernández, Eduardo Padín. Homenaxe entre amigos” que reuniu
unha escolma de obras de ambos pintores así como documentos, artigos de prensa,
cartas, debuxos, etc que nos achegaban a súa amizade e colaboración entre estes
dous singulares artistas do Baixo Miño.
Pero unha das facetas
máis reseñables da traxectoria de Eduardo Padín foi o seu labor como debuxante
e humorista. Clodio González Pérez no libro que publicou sobre Padín na
colección “Os nosos humoristas” de Edicións do Castro no ano 1983, di que Eduardo
Padín foi un dos humoristas galegos “que souberon facer sorrir e castigar coa
súa arte”.
Colaborou ao longo da
súa dilatada traxectoria en “Faro de Vigo” o “El Pueblo Gallego” de Vigo, “La
Semana” ou “La Integridad” de Tui, “La Región” de Ourense, “El Ideal Gallego” de
A Coruña, etc. Pero fundamentalmente o seu traballo como humorista está
vinculado á revista “Vida Gallega” que dirixía Jaime Solá. Esta revista mensual
se edita ininterrompidamente dende 1909 ata 1938 (houbo unha segunda época
entre 1954 e 1963 pero de menor interese) e supón un fito no xornalismo de
Galicia, ao editar unha revista onde prima a imaxe realizado unha revista
gráfica de calidade, logrando converterse na crónica da vida de Galicia durante
varias décadas e que conta con numerosos colaboradores. Un deles, Eduardo
Padín.
Padín publica, en 1916,
con só vinte anos, a súa primeira viñeta humorística ou “mono” no número do 30
de outubro. En poucos meses e dado que conta co favor dos lectores, en concreto
o 31 de marzo de 1917 un debuxo seu ocupa por vez primeira a portada da
revista, un espazo que ocuparon nomes como Castelao, Torres, Vidales Tomé, etc.
Unha colaboración que se alonga ata xaneiro de 1935 e que o leva a ocupar a
subdirección da revista entre o número 249 (de 3 de maio de 1924) ata o 328 (de
10 de xaneiro de 1927). Deseñou tamén a cabeceira da revista e aportou
numerosas ilustracións ao longo deste tempo á “Vida Gallega”.
A Guerra Civil supón o
fin da súa carreira como humorista que xa non
retomará logo do fin da contenda, aínda que nunca abandonou o seu
traballo como artistas, miniaturista (era moi apreciado como debuxante para
realizar diplomas institucionais e todo tipo de obras menores, pero onde demostraba a súa calidade) e ilustrador (colabora ocasionalmente en publicación
tudenses como o libro das festas ou o Boletín do Centro de Iniciativas e
Turismo que se edita nos primeiros ano sesenta).
Como sinala Clodio
González: “Tratou de facer rir sin mais, esplotando a “ignorancia” dos
labregos, mariñeiros... -galegofalantes- cara á “sabiduría” dos médicos,
empregados, oficinistas.... -castelán falantes-. Pero hai que tere en conta
para poder xuzgar a obra de Padín, que non é un caso illado: esta caste de
humor era a que privaba daquela, anque -como sempre pasa-, hai uns autores que
cargan mais as tintas na “ignorancia” da cultura oficial que outros. Con todo,
algunhas veces seguindo o camiño aberto por Castelao fixose eco da nosa
situación sociolingüística (...) a súa laboura é merecente -como a doutros
moitos artistas galegos- de sere coñecida polo home de hoxe: para que faga
sorrir ós netos como xa o fixo ós abós”.
Reproducimos pois de
seguido varios dos “monos” de Padín en “Vida Gallega” que continuar
reivindicando e revalorizando a este artista tudense.
Comentarios
Publicar un comentario