Este blog ten,
entre outros obxectivos, recuperar para a memoria da nosa cidade feitos,
costumes e persoas vencelladas ao espazo tudense. Hai nomes abondosamente
reiterados e outros que, coñecidos en diversos segmentos de idade ou condición,
fican aínda practicamente descoñecidos para grande número dos nosos veciños. Un
destes nomes é o de Francisco Comesaña Rendo, Paco Comesaña, e da súa muller Asunción Concheiro García, Choncha. Certamente aínda hai
moitos amigos e coñecidos seus que poden achegar unha biografía con mais
coñecemento e profundidade, pero a circunstancia de que no vindeiro ano cúmprase
o centenario do nacemento de ambos xustifican este esbozo biográfico, Francisco Comesaña morreu no ano 1997 pero Chonchiña aínda vive, agora dende hai escasamente dous anos en México. Estas notas están centradas especialmente na figura do doutor Comesaña baseándose nalgunhas lembranzas persoais e sobre todo na consulta de diversa bibliografía,
que curiosamente é escasa.
Francisco Comesaña
Rendo nace en Cienfuegos (Cuba) no ano 1913; fillo de emigrantes galegos, regresou
a Galicia cando contaba seis anos de idade. Os seus pais eran tudenses e nesta
localidade contaban con casa e tamén en Compostela. Estudou Medicina na
Universidade de Santiago, foi alumno interno do catedrático de Fisioloxía daquela
Universidade, José García Blanco y Ogarzabal. Nalgunhas publicacións se indica
que non completou a súa carreira polo estoupido da guerra pero non é certa esta
afirmación. No depósito do seu titulo como médico figura unha nota, redactada
en plena represión franquista, que versa: el
interesado está inhabilitado para ejercer la profesión en España conforme al
Decreto de 7 de octubre de 1938.
Afiliado ás
Xuventudes Socialistas compostelás das que foi secretario xeneral, así como
presidente das Juventudes Socialistas Unificadas trala fusión coas Juventudes
Comunistas, tiña, a pesar da su mocidade, unha intensa actividade política nos
anos da II República.No ano 1931
coñecerá na Ferradura compostelá a unha moza natural de Ordes, onde nacera o 1 de maio de 1913. Con Ascensión
Concheiro García (Chonchiña), que estudaba Maxisterio, iniciará un
longo noivado, como era norma daqueles anos, e unha fermosa vida compartida.
Choncha vive dende o pasado ano 2011 en México onda a súa filla.
Ao triunfar o golpe
de Estado do 18 de xullo de 1936, participou na defensa de Ordes (A Coruña) e
logo foi detido en Compostela. Conchiña relata a súa detención na mesma xornada
en que vez primeira ía xantar a parella coa familia dos Comesaña, en Santiago
na rúa das Rodas, onde residía Francisco. Unha patrulla da Garda Civil, posiblemente
chegada de Ordes, detén violentamente a Comesaña Rendo sendo encarcerado na
cadea coñecida como Falcona nos baixos do Pazo de Raxoi. Alí permanece ata o
mes de decembro en que se inicia o Consello de Guerra contra Paco Comesaña e os
outros quince compañeiros que detiveran canda él polos sucesos de Ordes, sendo
condenados a morte por “rebelión militar contra el Alzamiento Nacional” en sentenza do 22 de
decembro de 1936. Consta que tivo de facer fronte, en concepto de
responsabilidade civil, a unha sanción de 500.000 pesetas por “los prejuicios
sufridos por la revolución” así o recolle a Causa 230/36 de Santiago do Tribunal
Militar Territorial IV da Coruña.
Dada a dobre
nacionalidade de Francisco Comesaña, a súa familia (especialmente a súa nai e a
súa noiva) comezan as xestións para lograr o indulto apoiándose nesta condición
de cubano. Varios xornais da illa recollen esta campaña con titulares como “el
médico cubano condenado a muerte” que acada unha dimensión internacional,
recibíndose numerosas mostras de apoio e moitas cartas de recomendación sobre o
doutor que a súa nai e noiva achegan persoalmente a aquelas persoas que podían
promover o indulto diante das autoridades do novo réxime.
O 11 de febreiro de
1937 son fusilados os seus compañeiros descoñecendo que tiñáselle concedido o
indulto ata momentos antes. Un estremecedor testemuño de Isabel Ríos, presa tamén
na Falcona, recolle este momento:
Comesaña, un campañero de Tuy, sabe que está indultado.
Cuando se entera o cuando se encuentra con Choncha y sus familiare, sufre una
crisis de llanto horrible; yo en mi vida
había visto llorar a nadie como él. No podía tolerar la idea de ser
indultado y que doce compañeros de su mismo proceso fueran ejecutados
Segundo referencias
de Choncha a intervención do médico falanxista Manuel López Sendón, tisiólogo e
daquela Director do Sanatorio Antituberculoso da Choupana en Santiago, evitou
que Comesaña fora “paseado” pois “as súas respectivas nais eran viciñas e
amigas”. Gracias tamén ao apoio dun maxistrado, Choncha consegue o traslado de
Paco á cadea da Coruña, onde permanece ata tres anos, sendo posteriormente enviado
ao sanatorio penal da serra de Valencia, chamado “Porta Coeli”. No ano 1941
deciden casar por poderes: Choncha en Ordes acompañada dun dos seus irmás e
Francisco no devandito sanatorio penal.
Ao cabo do pouco
tempo é trasladado de novo a Galicia, en concreto a Vigo, onde son agrupados
todos os presos de orixe cubana. O tren pola neve queda parado en León varias
semanas e namentres Francisco consegue unha recomendación para viaxar xunto á
súa esposa dende Monforte a Vigo. Ao paso por Guillarei, agardaban o tren a súa
nai, a súa irmá, que os acompañará ata Vigo, e numerosos amigos aos que saúda
dende o vagón a través dos vidros. Seguimos o relato que recolle:
Tras pasar Redondela Francisco abandona á súa irmá que
subira en Guillarei, e a súa muller para ir fumar e emprende unha longa
conversa cos gardas. Choncha estaba verdadeiramente desilusionada ante a
reacción do seu home, pois, despois de tantos meses, en lugar de quedar con
ela, vaise coa garda civil. Ela non entendía de ningún xeito esta reacción.
Cando xa entraban na cidade de Vigo, Francisco volve ao
vagón das dúas mulleres e pregunta cal era o mellor hotel da cidade. A súa irmá
contéstalle que é o Universal. Entón, Comesaña failles un aceno que lles
permite entender as dúas mulleres que dende Redondela estaba tramando unha
argallada, polo que a partir destes momentos ámbalas dúas déixanse levar.
Francisco convencera ós gardas para que lle deixaran pasar con Choncha aquela noite en Vigo pois ó
chegaren tan tarde ninguén se ía decatar de se chegaran no último tren da noite
ou no primeiro da mañá. A única condición que os gardas lle impuxeran era que,
se alguén coñecido os recoñecía en Vigo, el tería de entregarse (…) ‘llegamos
allí, ibamos los dos muy elegantes, entonces llegó allí se registró: ‘Por
favor, una habitación para mi y otra para mi escolta’. Entonces, pensaron allí
que era un personaje, que tenía escolta… se volvieron locos y no sabían que
hacer … otra habitación para la señorita, mi hermana, y, por favor, nos sirven
la cena en la habitación’ (1)
Esta fermosísima, e
á vez dramática, historia inspirou o libro “O lapis do carpinteiro” do escritor
–que residiu en Tui varios anos- Manuel Rivas.
No cárcere de Vigo
estivo tres anos, pois houbo unha revisión do seu proceso e foille rebaixada a
condena de trinta anos a seis anos e un día, saíndo en liberdade condicional no
agosto do ano 1943. Comesaña tenta retomar o seu traballo como médico pero
tamén presta apoio sanitario a escapados e á guerrilla cun evidente risco para
él a súa familia, que axiña ía medrar coa chegada do seu primeiro fillo. No ano
1944 parten dende Vigo no trasatlántico “Marqués de Comillas”, xunto a outros
cubanos expulsados de España polo franquismo, exiliándose na illa do Caribe.
En Cuba comeza unha
ampla campaña antifranquista, e na Habana nacerá o seu primeiro fillo, sendo
apadriñado polo seu camarada comunista e amigo Julian Grimau (a quen de seguro
coñecía de Galicia onde Grimau, que militara primeiro na Orga, era o delegado
na Coruña de editorial La Fe en cuxo local se reunían intelectuais e artistas,
logo regresará a Europa dirixindo dende Francia a resistencia antifranquista, sendo
detido e fusilado pola ditadura no ano 1963). Os exiliados en México reclaman a
presenza de Comesaña para desenvolver unha nova campaña de propaganda naquela
nación, onde recibe unha oferta de traballo e deciden instalarse en México DF
ocupándose da dirección médica dun laboratorio farmacéutico e participando con
outros médicos nun hospital, financiado por varias sociedades, que ofrecía
asistencia gratuíta aos exiliados.
Na capital azteca
vive no mesmo edificio no que residen outros exiliados (entre Luis Soto e Cesar
Lombardía) e participa en numerosas actividades do exilio. Foi fundador do
Padroado da Cultura Galega, e na súa revista “Vieiros” publica en 1968 un
artigo titulado “Cavilando…” sobre a celebración do Día da Patria Galega. Dende
aquela o seu ideal comunista fica vencellado ao nacionalismo galego. “Choncha”
pola súa banda, coida dos seus filla e participa na “Asociación de Mulleres
Españolas Mariana de Pineda” dedicada a apoiar aos presos nas cadeas de España.
En 1957 reciben autorización para viaxar a España e apadriñar a un sobriño de
Paco, unha visita de quince días sempre baixo vixianza policial.
Aínda que a súa
muller viaxaba periodicamente a España para visitar a súa familia, Comeseña non
retornará definitivamente ata trinta e tres anos despois, no ano 1977
instalándose na casa familiar de San Bartolomeu. Nunha entrevista en El Pais de
2008 Choncha lembra este regreso cunha fermosa anécdota: Cuando regresamos, en Tui nos hicieron una fiesta. Era el día de San
Bartolomé (algun informante local corrixe é di que era San Roque) y cuando la procesión pasó por delante se
cayó la cabeza del Santo. Todo el mundo dijo: "Se bajó a saludar al
comunista".
Paco Comesaña amosa
a súa querenza tudense nunha entrevista publicada no suplemento das Festas de
San Telmo no “Faro de Vigo” de 18 de abril de 1977, ao pouco tempo do seu
regreso a Tui, onde declara ás preguntas do correspondente, Alberto Estevez
Piña, sobre as súas lembranzas no tempo de exilio:
Hay una doble preocupación, por un lado, la “morriña” del
gallego, acentuada, en mi caso, por la “morriña” de tudense, ya que durante los
treinta y tantos años de exilio no logré apartar en ningún momento de mi mente
las imágenes fuertemente grabadas en mi
cerebro de las orillas del Miño, del grandioso paisaje que admiré de niño desde
el Aloya, de las piedras milenarias, de los carballos fuertemente enraizados en
el río Louro, en mis tiempos limpio, puro y sin contaminar, y “a ponte da veiga”
muy cerca del cual aprendí a nadar en el “Cañoto”. Por otra parte, también
dentro de la misma “morriña” un penetrante sentimiento político gracias a cuya
concepción pensé siempre que un día regresaría a mi querido e inolvidable Tuy
con una visión de libertad y democracia, en la cual los nacidos en este rincón
maravilloso podamos vivir sin angustias, sin temores ni odios, pensando que una
organización pública justa hará posible que jamás en nuestra tierra tengan que
producirse nuevos mártires por defender privilegios universales de justicia y
libertad.
Tampoco olvidé nunca a maestros de mi época de juventud,
como Don Daniel Alonso Bernárdez, director de la “Pasantía X” gracias al cual
un buen número de estudiantes tudenses aprendimos el hábito de estudiar y el
orgullo que nos hacía sentir nuestro querido maestro, cuando decía que sus
alumnos eran de los mejores cuando nos examinabamos por libre en los institutos
de Pontevedra y Orense
Aínda que regresou
cunha saúde delicada, logo de varios infartos, agravada cunha doenza
respiratoria, Comeseña mantivo unha intensa actividade e converteuse dende a
súa casa tudense nun símbolo da nova democracia que agromaba daquela no noso
país, da superación do conflito civil sen renunciar as súas ideas. Morre en San
Bartolomeu, no seu bario polo que sentía unha especial querencia, no ano 1997.
A inmediata
celebración do centenario do nacemento de ambos é unha axeitada circunstancia para lembrar na
nosa cidade a Francisco Comesaña, a Chonchiña Concheiro e a súa familia que amosaron dende sempre un
grande agarimo por esta vella cidade á que se sinten tan intimamente xunguidos.
Otougar o seu nome á rúa que circunda a súa casa e finca (e que comunica San
Bartolomeu con Palláns) mantería merecidamente acesa a súa lembranza entre os
tudenses.
(1) En Graña Pérez,
Beatriz: Voces da memoria, galegas
exiliadas, emigradas e resistentes. Universidade de Santiago, 2003. Hai
unha extensa biografia de Choncha Concheiro de grande interese e da que tomamos
numerosos datos para este post asi como as imaxes e pode consultarse en http://books.google.es/books?id=iudbUcbPV_cC&pg=PA44&lpg=PA44&dq=francisco+comesa%C3%B1a+rendo&source=bl&ots=8sI-mBTxho&sig=mdvUUj7LatVUh0W4NJPCwWU_liI&hl=es&sa=X&ei=7smTT8OeEurJ0QWypYXcAQ&ved=0CC4Q6AEwAjgK#v=onepage&q=francisco%20comesa%C3%B1a%20rendo&f=false)
La verdad, es que me alegro que todabia haya gente que se acuerde de Choncha y Don Paco, puesto que son personas apreciadas por el barrio en San Bartolome, siempre fueron gente que se relacionaron con el barrio sin comparaciones ni categorias, fueron gente sencilla y cariñosa. Gracias por recordarlos.
ResponderEliminarPois moi bo traballo. Paco e Choncha ben que o merece.
ResponderEliminarUn saúdo desde Ordes.
Manuel