Ir al contenido principal

Tui cidade slow?

Os seguidores de Tudensia me permitiran este post que é case unha reflexión, pois ás veces resulta ata beneficioso considerar algunhas ideas e actuacións que están a funcionar noutros lugares, e que semellan case utópicas, pero que nos abren a novos prantexamentos, a novos criterios, suscitándonos novos parámetros de actuación ou de interpretación da realidade.

O conxunto patrimonial tudense precisa, por unha banda, dunha atención de caracter coxuntural, de atencións inmediatas a súa problemática concreta que favoreza á vida nese ámbito. Pero non podemos renunciar a realizar unha diagnose estructural que defina grandes obxectivos e estratexias a medio e longo prazo, para deseñar unha nova xeira que poña en valor este tesouro que posuimos os tudenses. O momento é idóneo e non tanto polas inmediatas  elección municipais senón porque o goberno municipal que resulte deste proceso electoral asumirá a elaboración e culminación do Plan Especial do Conxunto Histórico onde é imprescindible definir estas estratexias.

Como unha aportación a este debate aberto sobre as diversas propostas encol o noso conxunto histórico que escoitamos nestes días de campaña electoral, e que está ligado a outros moitos aspectos da nosa vida social e política, pero especialmente ao urbanismo e ao turismo, hai unha idea que leva xa tempo cativándome e que a mención que o profesor Abino Prado fixo da mesma no Seminario Internacional conmemorativo dos 125 anos da Ponte Internacional (cuxas conclusións recollimos nun post de Tudensia) anímame a poñelo por escrito: Tui cidade slow.

O movemento slow (ou lento) nace en Roma en 1989 cando un grupo de manifestantes protestaba na Praza de España pola apertura dun establecemento Mc’Donald; o lider daquela protesta era Carlo Petrini, sociólogo especializado en gastronomía, defensor do valor da cociña tradicional fronte a “fast food”. Petrini tiña fundado na súa cidade natal, Bra, unha Universidade de Ciencias Gastronómicas. Dende esta opción gastronómíca xurdiu o Movemento Slow como expresión de rebeldía contra a tiranía do tempo que nos obriga a vivir exclusivamente para traballar, facer cousas a todas horas e sentirnos continuamente atarefados ou “stresados”. Como di nalgún dos seus folletos este movemento: “Desacelera a túa vida: come despacio, traballa eficientemente, ten más lecer, reláxate e disfruta”. Para máis información ver http://www.mundoslow.com/

En 1999 o alcalde dunha pequena localidade da Toscana, Chianti, pensou que esta filosofía slow era exportable a unha escala urbana, crear un xeito de vida na súa cidade, e xunto ás vilas viciñas de Bra, Positano e Orvieto crearon as “Cittaslow”. Así se as comidas lentas definen un ritmo máis pausado, as cidades lentas ofrecen aos seus habitantes mellorar a súa calidade de vida mediante a tranquilidade, os espazos verdes e a ausencia de stress.

A idea prendeu e na actualidade máis dun cento de cidades e comarcas de todo o mundo conforman este movemento das “Cittaslow”: Italia con 69 cidades asociadas lidera esta organización, que chega a Canada, Estados Unidos, Sudáfrica, Corea do Sur, Australia. En Europa está Alemania con dez, Reino Unido con oito, Polonia e España con seis, etc. No caso español están integradas na Red Estatal de Municipios por la Calidad de Vida (nome oficial da rede de cidades slow de España): Begur e Pals (en Girona), Lekeito e Mungia (en Bizkaia), Bigastro (Alacante) e Rubielos de Mora (Teruel).

As bases fundamentais das cidades slow son:

  • Manter unha arquitectura respectuosa co entorno e amigable para os seus habitantes. Os centros urbanos están pechados ao tráfico rodado, se potencia o uso das enerxías renovables y se aproban normas coherentes coa natureza.
  • Os espazos histórico-culturais e as zonas verdes se deben priorizar e conservar en perfecto estado. Estas cidades deben potenciar sistemas de reciclaxe do lixo referentes ecolóxicos para os demais.
  • O crecemento da cidade debese guiar pola mellora do territorio e dos seus habitantes, e non pola construcción urbanística insostible.
  • A alimentación debe basearse no Slow Food e, en xeral, nos produtos locais, ecolóxicos e de tempada.
  • As novas tecnoloxías e os avances científicos que fomenten a ecoloxía e a sustentabilidade deben incorporarse a estas cidades.

A cidade slow está sometidas a un rigoroso control pois os seus parámetros abranguen 59 puntos agrupados en 6 grandes categorías:

- a política de medio ambiente

- a política de infraestruturas

- as tecnoloxías pola calidade urbana

- a valorización das producións autóctonas

- a consciencia dos cidadáns

Para máis información sobre a filosofía desta Rede de cidades e a súa organización un enlace útil é http://www.cittaslow.es/blog/?p=10

Como podemos comprobar estamos diante dun prantexamento amplo, de longo percorrido, pero que para unha cidade coma Tui é unha opción a valorar por canto sería colocar a Tui nunha liña de traballo a prol de incrementar a calidade de vida dos seus habitantes, de ofrecer un valor engadido ao noso conxunto urbano, de posicionarmonos coma unha referencia pioneira na nosa Comunidade Autónoma. O selo slow é xa na actualidade unha garantía de calidade de vida e de calidade turística. Certamente obriga a mudar con moitas inercias da vida social, a modificar hábitos arraigados entre os nosos veciños e entre os nosos responsables municipais, etc.

O movemento slow pola suas implicacións penso resulta unha opción idónea e innovadora para, mantendo a nosa condición patrimonial, abrir novos vieiros ao desenvolvemento sostible da nosa cidade.

Ata agora estou falando a nivel de ideas e de teorías pero cumpriría, alomenos, realizar un achegamento a esta iniciativa para valorar a súa viabilidade e oportunidade. Pero sen apriorismos, cando menos dun xeito paseniño.

Comentarios

  1. Fantástico post! Grazas pola reflexión, Rafael.

    Estou totalmente dacordo, de feito en moitas ocasións pasou pola miña cabeza o por qué o centro do noso pobo non pode ser totalmente peatonal. Quizáis unha reflexión tras vivir en grandes cidades ca bicicleta como primeiro medio de transporte...

    Saúdos e boa fin de semana,
    Samuel

    ResponderEliminar
  2. Interesantísimo para Tui. Temos que facer por todos os medios que pertezca a estas cidades.Ten que ser un referente. Xa que Vigo quere ser a capital económica, nos seremos a capital da cultura.E esta palabra abrange todo. Saudos

    ResponderEliminar
  3. Alégrame e felicítote porque ampliaras a miña suxerencia verbo da ponte para o conxunto urbano. Creo que un primeiro paso podería ser unha xornada na que viñesen a Tui os protagonistas das cidades slow españolas e nos contaran os ínícios, o proceso e mais o balance actual.

    Penso que, ademáis, sería complementario impulsar que os espacios naturais (Parque do Alóia, ribeira do Miño, etc.) nos fixesen merecedores da Carta Europea de Turismo Sostible (CETS) que xestiona EUROPARC (sobre esto envío un pdf dun artigo meu na Voz de Galicia).

    Albino Prada (profesor da Universidade de Vigo)

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall

Unha visión de Tui e as fortalezas da fronteira en 1764 por José Cornide

Un dos aspectos normalmente esquecidos na conformación da nosa cidade é a súa condición de praza forte, de emprazamento militar, de cabeceira dun sistema fortificado organizado ao longo do río Miño. Carecemos de noticias documentais ou arqueolóxicas sobre a posible existencia dun muro defensivo no outeiro tudense antes de 1170, cando Fernando II ordena a súa construción ao abeiro da reconfiguración urbanística da cidade que promove este monarca. De seguro que algún tipo de defensas tivo a vella Tude en época sueva e visigoda e especialmente nos primeiros tempos medievais pero o estado actual do noso coñecemento non nos permite superar o ámbito das hipóteses. Neste blog nos temos ocupado no seu día sobre o sistema amurallado tudense en tres post aos que remitimos a quen desexe achegarse a este aspecto do noso patrimonio e historia [1] Reproducimos hoxe un texto do erudito coruñés José Cornide que forma parte do seu libro: Descripción circunstanciada de la costa de Galicia, y raya