Ir al contenido principal

O Camiño de Santiago en Tui (II): hospitais

A cidade de Tui como lugar de paso obrigado, alomenos, dende a construcción da chamada Via XIX, do Itinerario de Antonino, que comunicaba as cidades de Bracara Augusta (Braga) e Lucus Augusta (Lugo) nos tempos da Romanización, acolleu dende primeira hora aos peregrinos que no século XII comezaron a dirixirse cara á basilica de Santiago de Compostela.

A asistencia hospitalaria, que no mundo romano abranguía aos soldados pero non á poboación en xeral, atopou coa expansión do cristianismo unha importante difusión, especialmente nos mosteiros dende o século V. A creación en 1080 do Hospital de Xerusalem, polos Cabaleiros de San Xoán (coñecidos por "Hospitaleiros") onde acollian aos peregrinos a Terra Santa e os enfermos, será modelo para iniciativas similares en Europa dende os inicios do século XII. Un exemplo desta asistencia gratuita ofrecida a todos os peregrinos, pobres e enfermos con caracter xeralizado temola nos hospitais tudenses.


O primitivo hospital tudense foi creado posiblemente en torno a 1181, baixo o episcopado de Beltrán, sendo reedificado no século XVI polo bispo Diego de Torquemada, que deixou nos seus muros as súas armas heráldicas, hoxe aínda conservadas. En 1756 o bispo Juan Manuel Rodríguez Castañón reedifica completamente o edificio, adquirindo un edificio contiguo, e poñendoo baixo a advocación de Nosa Señora do Pilar. Nos primeiros anos do século pasdo, tras a creación do hospital -no actual edificio da Área Panorámica- este inmoble foi ocupado polas Monxas Franciscanas "Blanquitas" e na actualidade acolle ao Museo Diocesano.

Nas constitucións otorgadas a este Hospital polo bispo Torquemada, en xaneiro de 1569, se sinala o seguinte: Rescibir sena en el los pobres extrangeros que pasaren y estando sanos no podrán más de un día y una noche, y si estuviere enfermo podrá estar el tiempo que le dure la enfermedad (...) no les dará más de la posada y la lumbre, y a los enfermos se les dará todo lo necesario para lo qual se de salario al médico el qual esté obligado a visitarlos y curar los enfermos del Hospital

O Hospital tudense estaba administrado polo Concello, que se encargaba da súa organización e coidado. Un labor exercido a través do “ovençal” ou procurador nomeado entre os veciños da cidade; este procurador exerce tamen de maiordomo, e é o encargado de representar ao Hospital nos actos administrativos e xurídicos.

Para o seu mantemento o Hospital posuia un patrimonio propio, integrado por propiedades, rendas e doazóns, moitas delas asignadas polo Bispo e Cabido e outros doantes. Pero o propio Concello será quen vele polo seu sostemento, así en 1441 o Concello en pleno acorda doarlle a renda do peso da praza da Cidade por non podese sosteer e proveer os romeus e peregrinos que a el de diversas partes do mundo cada dia vinnan ao dito ospital. A atención directa e diaria do Hospital estaba encomendado ao “ospitaleiro” ou “ospitaleira”, que tamén dependia do Concello.

Tamen estaba supeditado ao Concello tudense outro Hospital, o de San Xian dos Gafos, nos arrabaldos da cidade, na zona do Rollo, que atendía aos enfermos máis temidos daquela época: os leprosos, chamados tamén co sobrenome de “os gafos”. Non coñecemos o momento da súa fundación, pero a partires do século XV ao descender o desenvolvemento deste andacio, este tipo de hospitais ven mermada a súa actividade. Recolle Sánchez Carrera o seguinte documento que avala esta hipótese: “mando a os lazerados da casa de Santiago de Tuy un almadraque e hun cabesal e duas mantas de burel das que andan enna casa se alguns lacerados ende vinieren a morar”. Esta referencia xacobea podería indicar que este hospital dos gafos ou lázaros fora creado por unha confraria baixo a advocación do apostolo Santiago.

Finalmente, o historiador tudense Suso Vila, recolle a existencia doutro hospital froito da piedade particular en Santa María de Bongoi, construido antes de 1246 polo arcediago Fernán Eans na beira do camiño nas inmediacións da Virxe do Camiño, en cuxa capela se conserva aínda unha talla románica policromada de Nosa Señora do Leite, quizaís procedente deste hospital de Bongoi. “Satis ad omnes qui volverint ibi albergare et fuerint pauperes et peregrini qui verint in romarias”. Este hospital contaba con 12 camas, o que o facía de maiores dimensións que, por exemplo, os que houbo en Vigo, Baiona ou na Guarda en época moderna.

Temos pois que na cidade de Tui houbo na Idade Media ata tres establecementos dedicado á atención dos peregrinos, evidenciando a trascendencia que na nosa cidade tiña o fenómeno da peregrinación. Pero non había só peregrinos a Santiago senón que, dende o século XIII, temos constancia dos numerosos peregrinos que acudían onda o "Corpo Santo" de Frei Pedro González, logo coñecido como "San Telmo", tal como se recollen no "Libro dos milagros" de 1258 mandado realizar polo bispo Gil Pérez de Cerveira. Unha peregrinación saltelminada que como xa expresabamos no anterior "post" está documentada, por exemplo, na Misericordia de Viana do Castelo aínda a inicios do secúlo XVII.

Comentarios

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall

Unha visión de Tui e as fortalezas da fronteira en 1764 por José Cornide

Un dos aspectos normalmente esquecidos na conformación da nosa cidade é a súa condición de praza forte, de emprazamento militar, de cabeceira dun sistema fortificado organizado ao longo do río Miño. Carecemos de noticias documentais ou arqueolóxicas sobre a posible existencia dun muro defensivo no outeiro tudense antes de 1170, cando Fernando II ordena a súa construción ao abeiro da reconfiguración urbanística da cidade que promove este monarca. De seguro que algún tipo de defensas tivo a vella Tude en época sueva e visigoda e especialmente nos primeiros tempos medievais pero o estado actual do noso coñecemento non nos permite superar o ámbito das hipóteses. Neste blog nos temos ocupado no seu día sobre o sistema amurallado tudense en tres post aos que remitimos a quen desexe achegarse a este aspecto do noso patrimonio e historia [1] Reproducimos hoxe un texto do erudito coruñés José Cornide que forma parte do seu libro: Descripción circunstanciada de la costa de Galicia, y raya