Ir al contenido principal

O monumento á cidade de Tui (entrada rectificada)


A escultura pública non é especialmente abondosa na nosa cidade, con todo posuímos obras de Silverio Rivas, Xoán Oliveira, Xoán Piñeiro ou Alfonso Quinteiro coma exemplos sobranceiros que engalanan algunha das nosas prazas e rúas. Na Praza de Galicia, recentemente remodelada, existe un conxunto escultórico realizado en pedra, encargado polo Concello tudense durante o goberno de Ángel Álvarez Durán, da autoría de Magin Picallo, escultor afincano no Baixo Miño onde posúe unha obra ampla e espallada polos nosos concellos.
Magin Xulio Picallo Durán é natural de Troáns - Cuntís, onde naceu en 1943. Estudou na Escola de Artes e Oficios de Compostela e foi discípulo do egrexio escultor galego, Francisco Asorey. Tras casar, radicouse na parroquia de Goián onde reside e ten o seu obradoiro. Ten obra espallada por España e en Galicia resulta especialmente coñecida a súa escultura "Encontro de dous mundos", monumento conmemorativo do quinto centenario da chegada da carabela "Pinta" a Baiona, instalado no Parque da Palma daquela vila.
Na Praza de Galicia tudense está ubicado outro monumento da súa autoría dedicado á cidade de Tui, un conxunto pétreo con diversos personaxes pero que fica especialmente deslucido pola inapropiada base sobre a que está instalado, pois fronte á pedra cincelada do monumento a súa base, que querería lembrar unha barcaza, realizada en pedra pulida contrasta moi negativamente deslucindo o conxunto escultórico.
A voz popular, por veces tan acertada e ás veces tan cruel, ten batizado a este conxunto e a súa praza como a “do Sida”, en referencia aos personaxes ateigados uns sobre outros.
Con todo, este conxunto monumental responde a unha simboloxía que xira arredor da propia cidade de Tui e cuxa explicación tomamos dunha folla solta e mecanografada existente no Arquivo Municipal tudense:
“1.- A figura máis salientable debe interpretarse coma un caudillo celta, en actitude de arrastre –como tirando- e, ao mesmo tempo, indicando o camiño. Remata nun salto ao vacío que simboliza o futuro.
2.- Está tamén o gaiteiro, en actitude de camiñante, formando conxunto co resto, expresa o folclore galego.
3.- A parella de home e muller, porta o primeiro dous seixos, un en cada mán, tentando de provocar unha “chispa” para o lume do sacrificio ordeado polo druida. A muller leva o muiño na mán. Ambos caracterizan ao pobo celta.
4.- A continuación, un guerreiro caído simboliza á Idade Media, plagada de mártires, guerreiros vencidos, atropelos históricos, etc.
5.- Remátase o monumento nun petroglifo, insinuando o núcleo central ao arranque da nosa cultura.
6.- A outra parte do monumento descompóñese en tres figuras entrelazadas, todos mozos, apoiándose e tendendo a mán, elevando e en movemento cara adiante cunha columna en medio e un mozo tallando un capitel; quérese expresar a riqueza arquitectónica e histórica de Tui, antiga capital do reino de Galicia.
7.- A figura central leva na man uns pergameos que representan a cultura.
A obra está pensada en forma de carro ou proa de barco elevada, buscando o futuro, descompoñéndose en catro conceptos: traballo, arquitectura, cultura e folclore.
Podemos ver tamén o escudo de Tui, aínda que non na súa representación heráldica tradicional. A lúa a leva o caudillo celta na mán e as tres estrelas se ven, de xeito abstracto, no núcleo central do monumento.”
Coñecer o que o escultor quixo representar con esta obra axudará a súa valorización, ainda que a principal virtualidade dunha peza escultórica de carácter monumental como está da que hoxe falamos é acadar unha comunicación co espectador para converterse nun referente do espazo público que ocupa, para articular este espazo. E certamente esta obra non logra esta función tanto pola súa inapropiada base, como polas suas dimensións e a súa propia estructura compositiva; non chega a converterse no referente simbólico da cidade ao que aspiraba. Pero é unha peza singular que merece a nosa estima, obra dun digno e acreditado artista da nosa comarca do Baixo Miño.

Comentarios

Publicación populares

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

A lenda do túnel baixo o MIño

As lendas ou narracións populares, transmitidas oralmente, relatan xeralmente acontecementos ficticios que se teñen por reais, en moitas ocasións mesturados con feitos históricos. Pola súa capacidade de evocación, pola súa transmisión xeracional as lendas conforman un acervo do que chamamos patrimonio inmaterial que cómpre recoller e preservar. Na nosa cidade conservamos varias lendas vencelladas ao caracter histórico da nosa localidade, ao seu caracter fronteirizo e consecuentemente a súa fortificación fronte aos posibles invasores. A máis asentada no imaxinario colectivo tudense é a relativa ao “túnel” que comunica Tui coa outra beira do Miño, coas terras de Valença. Resulta moi significativa esta lenda pois testemuña como na mentalidade dos tudenses a fronteira e a súa condición de limite, de aillamento fronte ao estranxeiro era superada polas nosas xentes que a través do túnel escapaban destas “imposicións” e mantiñan a comunicación coas terras irmáns que as estructuras políticas ...

Agrarios tudenses en "El Agrario" de Buenos Aires de 1923

Fundadores da "Sociedad Agraria" de Paramos (en pose para El Agrario) De esquerza a dereita b(en pé), cidadáns Hermenegildo Gándara Estévez e Manuel Alem; sentados Simplicio Fernández Rivas, Hermenegildo Alem Rocha e Jesús Fernández Rivas Temos comentado en numerosas oportunidades neste blog o escaso coñecemento que posuímos sobre a historia mais recente do noso concello. Entre os episodios que conforman este período histórico máis recente está o movemento agrarista que na última década do século XIX e nas primeiras do pasado século mobilizou aos labregos de Galicia na procura do acceso á propiedade da terra (ata daquela os nosos campesiños eras foreiros, tiñan o usufructo inmemorial dunhas leiras que non eran súas) e consecuentemente a mellora das condicións de vida destas masas populares. Será o movemento agrarista o que adquira neste anos un progresivo protagonismo fronte ao caciquismo conservador que dominaba a vida política da comarca de Tui coa figura ...

A Semana Santa tudense e as súas posibilidades

Xa na noite do Venres Santo xorde de novo unha reflexión sobre a Semana Santa tudense, pois quizais na nosa cidade non chegamos albiscar as súas potencialidades como elemento que forma parte do noso acervo patrimonial que temos a responsabilidade de conservar, sen privala da súa dimensión relixiosa, e dende esta valorización é tamén un posible recurso turístico para Tui, pois poucos lugares de Galicia teñen unha riqueza similar nestas xornadas. Neste mesmo blogue temos sinalado que inmediata celebración das festas patronais de San Telmo distorsiona a visión destas xornadas de celebración do misterio pascual de Xesús, configuradas como un preludio das festas e, consecuentemente, infravaloradas non xa na súa dimensión espiritual senón na súa significación cultural. Cómpre valorizar as actividades litúrxicas ou para-litúrxicas destas datas, pois, independentemente da súa significación relixiosa ou espiritual, conservan requintadas expresións da nosa historia colectiva da que somos...

"A Trapa" a segunda cova granítica máis grande de Europa descoberta en Ribadelouro

O pasado sábado 9 de abril nunha conferencia pronunciada en Tui Clube Espeleolóxico “Maúxo” presentou un descubrimento certamente importante: “A Trapa” a segunda cova granítica máis grande de Europa, que se atopa na parroquia de Ribadelouro nas abas do Monte Aloia. Un descubrimento de especial relevancia para a xeoloxia e para a arqueoloxia da nosa terra, e que incrementa o valor que sa posuía esta zona inmediata ao Parque Natural do Monte Aloia. Cómpre agora impulsar o proxecto de ampliación territorial deste Parque abranguendo a Serra do Galiñeiro –por certo, ameazada na actualidade pola prevista instalación dun parque eólico-. Felicitamos ao Clube Espeleolóxico “Maúxo” polo seu labor e por aportarnos este relevante descobrimento. Achegamos un artigo publicado no día de onte na edición Galicia de “El País” como información sobre este achado. Una trampa de 1.200 metros Expertos descubren la segunda cueva más grande de Europa en O Galiñeiro SARA VILA - Santiago - 21/04/2011...

Ricardo Blanco Cicerón

O pasado martes 15 de decembro foi inaugurada no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, unha exposicion que co titulo de “Olladas dunha época” recolle unha escolma das fotografias do chamado “Fondo Blanco-Cicerón” que se custodia no devandito Museo. Como podemos comprobar na portada do catálogo que acompaña a este “post” a cidade de Tui é unha das protagonistas desta mostra que amosa unha selección das fotografías que conformaban a colección de Ricardo Blanco-Cicerón (Tui 1844 – Santiago 1926). Son na súa meiranda parte instantáneas da época do cambio de século, entre 1890-1910, e que respostan ao interese coleccionista de D. Ricardo que conformou ao longo da súa vida a, posiblemente, a máis ampla colección de caracter cultural que teña existido en Galicia: obxectos prehistóricos, artísticos, etc. que nutren hoxe en boa medida os museos da nosa terra. Esta mostra organizada conxuntamente polo Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Artes da Imaxe poderá ser visitada ...

Yzquierdo Durán, ilustrador tudense. Breve noticia.

Jose Yzquierdo Durán foi un popular ilustrador que radicado en Madrid realizou, nas primeiras décadas do século XX unha prolífica producción en todo tipo de publicacións, tanto periódicas como en libros. Son moi escasas as noticias sobre a súa traxectoria que poidemos acadar non así imaxes da súas obras, que ocupan as portadas de numerosas edicións das segunda e terceira décadas do pasado século. O erudito Manuel Fernández-Valdés no seu excepcional libro “Familias antiguas de Tuy” nos informa que Jose Izquierdo Durán era fillo do avogado tudense José Izquierdo Sarmiento, que foi secretario do Concello tudense, e de Concepción Durán Mera, dunha familia de longa tradición na cidade. Tiveron tres fillos, Celso, que foi crego ocupando, entre outras, a parroquia de Piñeiro, Pilar, que foi directora moitos anos do “Hogar Rosendo Salvado” dependente do Auxilio Social nos anos da ditadura, e José, de quen hoxe nos ocupamos. José Izquierdo Durán naceu en Tui no anos 1890 e desenvolveu en Madrid...