O pasado venres, 29 de agosto, na sección de opinión do xornal “Faro de Vigo” foi publicada unha columna ou artigo asinado Bernard Duran, avogado de diplomático, que colabora habitualmente nesta sección do periódico vigués.
Algunhas
afirmacións incluídas neste artigo sobre a figura de Rosendo Salvado resultan
tan inxustas ao reiterar o manido estereotipo sobre a figura de Salvado e a presenza do eucalipto en Galicia, que me
levou a preparar unha columna non tanto de réplica ao contido do artigo senón
reparadora do descoñecemento no que segue
sumida a traxectoria de Rosendo Salvado. Enviada ao “Faro de Vigo”
naquela mesma xornada non foi merecente da atención dos responsable da diario da
cidade olívica, polo que aproveito este blog e a paciencia dos seus seguidores
para publicar esta columna e que deste humilde xeito reparar minimamente as
inxustas afirmacións atribuídas a Salvado na expresada columna de opinión de
Bernard Durán.
Deseucaliptizar a Fr. Rosendo Salvado
Hai
egrexios persoeiros que, contando cunha notable traxectoria persoal que ten
enriquecido á sociedade do seu tempo, fican, por mor do descoñecemento,
lembrados por feitos causais que ocultan a súa achega á vida colectiva.
Xorde
esta reflexión ao ler nas páxinas de opinión de “Faro de Vigo” deste venres 29
de agosto unha columna asinada por Bernard Duran titulada “¿Quién es el gran
culpable de los incendios en Galicia?” (https://www.farodevigo.es/opinion/2025/08/29/gran-culpable-incendios-galicia-eucalipto-121031788.html)
, onde tirando, espero, de certa retranca sinala: el gran culpable es un
monje benedictino del siglo XIX, Fray Rosendo Salvado (...) un personaje
histórico intersantísimo (...) fue el introductor del globulus en Galicia, es
decir, del eucalpito, o lo que es lo mismo, de introducir una especie foránea e
invasora que ha venido suplantando a los bosques autóctonos. Ao remate da
súa columna consciente posiblemente da súas inxustas afirmacións acaba afirmando:
los antiguos robledales, esos que Fray Rosendo se cargó inconscientemente.
Vincular,
unha vez máis, a figura de Frei Rosendo Salvado coa “invasión” do eucalipto en
Galicia é unha inxustiza monumental amais dunha falsidade baseada no
descoñecemento da biografía do abade galego e na repetición dunha afirmación
sen contrastala coas fontes históricas e documentais. Calquera que se achegue aos
estudos sobre Rosendo Salvado (recomendamos os traballos de G. Cipollone, A.
Prada, B. Maiz ou de F. Díaz-Fierros acreditado especialista en temas
ambientais) pode comprobar que a única responsabilidade de Salvado foi enviar,
na correspondencia que mantiña con familiares e amigos, as sementes de diversas
especies, entre elas eucaliptos, que estas persoas plantaron nas súas fincas.
Por este feito puntual e privado responsabilizamos a Salvado da “invasión” dos
eucaliptos na nosa terra.
Un
achegamento serio e rigoroso á implantación do eucalipto en Galicia nos achega
aos procesos de repoboación forestal que se impulsan nas primeiras décadas do
século XX coas actuacións nos chamados “Distritos Forestais”, promovidas polo
Goberno central, e que, no caso da provincia de Pontevedra, toman impulso coa
chegada á presidencia da Deputación Provincial en 1924 de Daniel de la Sota e
que se retomaran na política forestal desenvolvida nas primeiras décadas da
ditadura franquista. Unha acción que pretende dar resposta á crise agraria que
empobrecía o noso campo dende parámetros capitalistas, cunha orientación ao
mercado e co obxectivo non xa de incrementos da produción senón tamén da
produtividade.
Seguir
castigando á figura de Rosendo Salvado coa etiqueta, difamadora e deshonrosa,
de responsable da “eucaliptización” de Galicia resulta unha iniquidade que
cómpre denunciar, pois oculta a súa senlleira personalidade, escurece a un dos
galegos de maior proxección do século XIX, cunha dimensión que aínda hoxe
resulta sorprendente e actual.
Un
achegamento mais rigoroso á traxectoria de Frei Rosendo Salvado (Tui, 1814 –
Roma 1899) nos ilustra sobre as súas capacidades e os seus recursos persoais
certamente singulares, como sinala Albino Prada: un monje bendictino y
misionero en la abadía de Nueva Nursia – Australia que se hizo, al mismo
tiempo, agrónomo, zootécnico, ingeniero y albañil, músico experimentado,
auxiliar médico y enfermero, experto mecánico, agrimensor y cartógrafo,
escritor y antropólogo. En todos estes ámbitos destacou e tamén como
primeiro estudoso da lingua “yuit” e un comunicador infatigable. Sirva como
exemplo que encarga ao seu irmán Santos a adquisición dun equipo de fotografía
que documente todo o labor que desenvolve a misión beneditina por el fundada,
nun labor documental pioneiro. Pero aínda con todo, a figura poliédrica de
Rosendo Salvado ofrece novas perspectivas que o converten nunha referencia para
toda a humanidade.
Rosendo
Salvado é un adiantado aos tempos, un “profeta”, que, partindo da súa profunda
vivencia evanxélica e do seu espírito evanxelizador, foi quen de cuestionar os
procesos de colonización impulsados polos imperios europeos pero non só con
palabras ou escritos senón creando unha comunidade, a abadía de Nova Nursia,
que expresaba as súas ideas e conviccións. Salvado en torno a 1850, cuestiona a
existencia de razas (“o xénero humano componse dunha soa e única especie”
escribe o noso monxe) así como a superioridade da cultura occidental sobre
outras expresións culturais como a desenvolvida polos aborixes australianos;
como sinala o profesor Giulio Cipollone este é o gran servizo ofrecido á
humanidade por Rosendo Salvado; (ser) un tenaz impulsor da igualdade e a
dignidade entre os humanos, anticipándose, máis dun século, ás sucesivas
cartas, declaracións, preámbulos de tratados sobre os dereitos humanos. Cando
fronte aos aborixes australianos so cabía ou a superioridade destrutiva ou unha
condescendencia pasiva diante da súa aniquilación, Rosendo Salvado
fala dunha única raza humana e por conseguinte da necesidade de respecto e
valorización da cultura e civilización aborixe…
Este
tudense que sempre mantivo acesa esta condición así como o seu amor á lingua
galega, á que tantas veces recorría nas súas cartas e charlas, realiza nos seus
escritos e na cidade-misión de Nova Nursia -coas limitación propias do seu
tempo e da súa cosmovisión- unha xenial aportación á Humanidade, anticipando en
case un século as ideas e conceptos expresados na Declaración Universal dos
Dereitos Humanos denunciando o racismo, a xenofobia, a falta de respecto aos
diferentes, a non integración de persoas e poboacións, especialmente das
minorías e os marxinados.. Velaí a súa impresionante dimensión e
consecuentemente a necesidade de repensar e reposicionar a figura de Rosendo
Salvado con estas novas lecturas da súa traxectoria que o colocan como un
auténtico xigante da nosa historia.
E con
este bagaxe do noso frade beneditino seguimos falando dunhas sementes enviadas
nun paquetiño dende Australia a Galicia na metade do século XIX.... urxe
“deseucaliptizar” a Rosendo Salvado para non perdérmonos unha figura portentosa
da nosa historia.
Comentarios
Publicar un comentario