Ir al contenido principal

A singularidade da menorá da catedral de Tui

O traballo realizado nas últimas décadas por diversos investigadores ten contribuído decisivamente ao coñecemento e valorización da presenza de comunidades xudías e cripotixudías na nosa cidade ao longo dos séculos. Unha achega asumida polo concello tudense que culminou unha coa integración de Tui na Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad en 2019.

Tanto en Tui como en Galicia a presenza destas comunidades xudías está amplamente recollida na documentación conservada nos arquivos que os historiadores teñen estudado e publicado. Igualmente a lembranza desta presenza ficou, ás veces, na memoria colectiva a través da toponimia e mesmo no rueiro de vilas e cidades do noso país.

Pero os restos materiais que poidamos atribuír directamente a estas comunidades de xudeus residente en Galicia son moi escasos, pero algúns de inestimable valor. Como é o caso da Biblia Kennicott (finalizada na Coruña o 24 de xullo de 1476 por encargo dun importante comerciante, Don Isaac, fillo de Salomón de Braga) conservada hoxe na Universidade de Oxford ou o recente achado dunha posible mikvé nunha vivenda na coruñesa rúa Sinagoga. Xunto a isto algunhas laudas sepulcrais en Coruña, Pontevedra... ou algunha inscrición con caracteres hebraicos que atesouran varios dos nosos museos.

Tui conserva, singularmente, diversos bens materiais que podemos relacionar de modo directo con esta presenza xudía. Por unha banda, está a colección de sambenitos da catedral, expresión dos procesos inquisitoriais contra os xudaizantes de inicios do século XVII e conservados ata as primeiras décadas do século XIX nas paredes da catedral. Unha pezas completamente excepcionais pois non se coñecen máis que outros sambenitos procedentes da igrexa parroquial da pequena localidade de Coruña del Conde, na provincia de Burgos, e que corresponden aos últimos anos do século XV.

Posuímos tamén diversos obxectos litúrxicos da catedral tudense, hoxe conservados no Museo catedralicio, obra de ourives xudeus que eran contratados polo Cabido para a confección destas pezas destinadas ao uso litúrxico. Pola súa calidade cómpre destacar os catro cetros das dignidades que a documentación recolle como obra de ourives xudeus que desaparecen sen rematar a obra. A composición iconográfica destes cetros nos remite a unha obra que asume os valores e criterios do renacemento.

Nunha vivenda da antiga rúa da Misericordia, hoxe Párroco Manuel Rodríguez Vázquez, se conserva unha inscrición, nun perpiaños dos seus muros, que está pendente dunha axeitada interpretación, aínda que resulta evidente que estamos diante de caracteres hebreos.

Finalmente está o gravado da menorá ou candelabro de sete brazos dos xudeus que se conserva nunha das coxías do claustro da Catedral. Este candelabro é, dende a dispersión do pobo de Israel no ano 79 d.C., o símbolo mais universal que identifica ao pobo xudeu no mundo.

Queremos centrar hoxe a nosa atención neste candelabro recollendo os traballos de investigación realizados e as hipóteses interpretativas que se presentan arredor deste gravado pétreo.

Ante todo debemos remarcar un feito que normalmente pasa desapercibido para a inmensa maioría dos tudenses e dos visitantes que contemplan esta gravado no decurso da súa estadía na nosa cidade. Estamos diante da única menorá que se conserva nunha catedral, a única menorá que leva séculos gravada nunha posición preeminente nun recinto catedralicio. Esta circunstancia tantas veces inadvertida ou descoñecida incrementa substancialmente o valor e a significación deste candelabro de sete brazos que atesoura a catedral de Santa María de Tui.

Foi o cóengo e historiador Juan Domínguez Fontenla o primeiro en publicar e describir este gravado nun artigo publicado no “Faro de Vigo” titulado “Los judios en Tuy: página histórica” en tres entregas no mes de febreiro de 1938. Cábelle a Domínguez Fontela o mérito de ser o descubridor desta menorá.

Como recuerdo de la intromisión de los judíos en la Catedral, dejaron en el claustro de la misma un testimonio epigráfico que da a conocer la audacia de aquellos y que hemos hallado buscando signos lapidarios de obreros. Es una representación esculpida groseramente como hecha de prisa y a escondidas, del candelabro de siete brazos de la Sinagoga. Está en el ángulo del basamento de la arcada del claustro debajo del machón-pilastra fronteriza a la puerta del cuarto de música, al lado de la puerta que del templo va al Claustro. Publica un debuxo deste gravado xudeu e da inscrición que o acompaña.


Haberá que agardar ata 1987 cando Ernesto Iglesias publique de novo este gravado que, na súa opinión, parece aludir a canteros judios.

Anteriormente, en 1977, o propio Ernesto Iglesias publicou[1] un traballo de recollida de signos lapidarios conservados na catedral tudense localizando entre los signos lapidarios de la parte superior de la torre del lado de la Epístola, la estrella de cinco puntas y otros coincidentes con los de la parte meridional de la Torre del Homenaje del Castillo de Monforte de Lemos, tenida por obra del siglo XIV. 

Suso Vila é o historiador que ata agora ten realizado unha achega mais abondosa en torno á presenza de comunidades xudías e criptoxudías na nosa cidade. No seu primeiro libro sobre esta temática “Xudeus e conversos en Tui” (2004) escribe o que de seguido reproducimos sobre esta menorá:

Un dos elementos máis carismáticos e reveladores da presenza hebrea en Tui o conforma a menorá ou candieiro de sete brazos gravado no canto da galería oriental do claustro catedralicio.

Esta menorá orientada cara a Sala Capitular románica (século XII) nun lugar preeminente para a súa visión (a sala capitular estaba mais baixa que o resto do claustro, a galería oriental estaba á mesma altura que o acceso da sala, polo que a inscrición estaba antigamente á altura da cabeza). Está acompañada de dúas letras iniciais en alfabeto latino (F p) cuxa significación terá que ver coa intención de doazón dunha comunidade mais que o signo dun canteiro (interpretación que ata o momento se viña dando, pero que tanto a importancia do lugar como outro casos análogos fan posible pensar na hipótese dunha doazón).

Estamos ante un feito singular, tanto polo lugar en que se fai a inscrición como na total ausencia de símbolos semellantes no resto do claustro e incluso en toda a Catedral. É mais que probable que a comunidade hebrea de Tui ofrecese unha cantidade de diñeiro para rematar as obras do claustro, que ficarían terminadas antes de 1264.

Este dato confirmaríase coa inscrición que fica a carón da menorá, e que en caracteres latinos (normal se consideramos que estamos nunha igrexa cristiá) representa un nome sefardí: I. Arie.

Este ven sendo un apelido habitual na comunidade sefardí, existindo actualmente no leste europeo (Salónica e Sofía predominantemente). O nome, pola abreviatura podemos deducir que era o mais común que escomeza con esta letra capital (I) e que polo tanto puidera corresponder a Iacob.

Teríamos entón a Iacob Arie gravado diante da sala capitular do claustro catedralicio, polo que tamén teríamos a unha personaxe xudea (importante) doando unha cantidade para o remate do claustro catedralicio.

Datar ambas inscricipcións non semella fácil, posto que a epigrafía (en letras carolinas) pode ser tardía, algo habitual en Galicia, aínda que a data mais lonxana nunca podería ir mais aló do primeiro cuarto do século XIII, cando a catedral de Tu recibe abondosos privilexios reais en letra gótica e polo tanto se comeza a imitar este modelo de letra.

Ante un feito tan revelador como son os gravados do claustro tudense, semella fácil entender que a comunidade de Tui xa estaba formada na primeira metade do século XIII, aínda que a escaseza documental nos impida coñecer personaxes desta comunidade ata o século XV[2].

No ano 2013 Suso Vila actualiza as súas investigacións e coñecementos sobre a presenza xudía en Tui cunha nova publicación titulada “Judios, conversos e Inquisición en Tui” que no que atinxe á descrición da menorá resulta practicamente igual agás algunhas precisións que reproducimos:

A menorá está acompañada de dos letras inciales en alfabeto latino cuya significación es problemática por su misma mala calidad de conservación. Estaría ligada a la intención de donación de una comunidad mas que el signo de un cantero o incluso como espacio reservado a los representantes de la comunidad tal y como aparecen signos gremiales en el resto del claustro (...) la relación de la menorá con una donación de la comunidad judía para las obras del claustro podría confirmarse con la presencia junto a esta una  inscripción en caracteres latinos que representa la inicial del nombre y el apellido de un mercader tudense del siglo XIII, Xoán Arias (la inscripción está en latín I. ARIE, el nombre más habitual era Iohan. En el testamento del arcediano Fernán Eáns en 1264 aparece vinculado este personaje).[3]

A prestixiosa investigadora do Instituto de Estudios Galegos “Padre Sarmiento” do CSIC especializada no estudo do xudeus en Galicia, María Gloria de Antonio Rubio, ao estudar este gravado da menorá tamén se decanta pola súa relación coa presenza de canteiros xudeus na obra da catedral tudense, reproducimos a continuación o seu texto e ilustración que o acompaña:

Aunque se desconoce el o los nombres concretos se puede suponer la presencia de canteros judíos trabajando en la catedral. Ésta fue construida entre los siglos XII y XV y en ella son perceptibles las diferentes generaciones de canteros a través de los signos que utilizaron. Se encuentran repartidos por toda la catedral, en los muros exteriores, en la planta principal, en las torres, en la sala capitular y en el claustro. Es en el claustro, frente a la Sala Capitular románica, precisamente, donde aparece, una representación del candelabro de siete brazos acompañado por otros símbolos que parece aludir a la existencia de canteros judíos.



Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (IEGPS), Colección de Dibujos de Xosé Antón García G.-Ledo, 0072_III_29

 

Existe, además, en el mismo claustro, otro candelabro, en esta ocasión muy deteriorado que se encuentra en las escaleras de acceso al claustro y que no ha sido restaurado en la última fase de obras de la catedral[4].

Temos en consecuencia unha escasa información e análise sobre esta peza fundamental para a testemuña da comunidade xudía tudense. Por unha banda, o historiador Suso Vila, que conta cun acreditado coñecemento da documentación medieval tudense, ao analizar esta gravado formula hipóteses, que modifica nas súas últimas investigacións, ao carecer de base documental que as verifique. A interpretación do nome gravado xunto á menorá, a hipotética identificación desta marca xudía como testemuño dunha doazón.... non deixan de ser meras suposicións pendentes de verificación documental.

Pola súa banda, a identificación da menorá cunha marca de canteiro -que apuntan Ernesto Iglesias Almeira e Gloria de Antonio- tamén suscita abondosas dúbidas, especialmente polo seu tamaño moi superior a calquera outra das múltiples marcas que atopamos na propia catedral tudense ou noutros edificios románicos da contorna. María Gloria de Antonio cita outra menorá gravada no claustro pero nin ela presenta debuxo ou fotografía da mesma nin quen subscribe estas liña foi quen de atopar este segundo gravado nas escaleiras de acceso ao claustro.

Por tanto, en rigor co estado actual dos nosos coñecementos unicamente podemos afirmar que no claustro da Catedral de Tui, na súa panda norte, fronte á entrada da antiga sala capitular románica, se conserva un gravado cunha representación esquemática dunha menorá ou candelabro de sete brazos, acompañada de diversas letras que ata agora non fomos quen de interpretar.

Pero o que si podemos é abordar a significación deste elemento litúrxico e identitario para o pobo xudeu. Segundo a tradición Moisés fixo forxar en ouro puro un candelabro de sete brazos, seguindo as indicacións detalladas recibidas do Señor. Esta tradición está recollida no libro do Éxodo (25, 31-40):

Labrarás un candelabro de ouro puro; o candelabro, o seu pé e o seu fuste serán de ouro macizo; os seus cálices, corolas e flores formarán un corpo con el. Seis brazos sairán dos seus lados, tres dun lado e tres doutro. O primeiro brazo terá tres cálices con forma de flor de amendoeira con corola e flor, tamén o segundo terá tres cálices con forma de flor de amendoeira con corola e flor; e así os seis brazos que saen do candelabro. O candelabro terá catro cálices con forma de flor de amendoeira con corola e flor: un cáliz baixo os dous primeiros brazos formando un só corpo; outro baixo os dous seguintes e outro debaixo dos dous últimos; así serán iguais os seis brazos que saen do candelabro. Os cálices e os brazos formarán un só corpo co candelabro e todo será de ouro puro macizo...

Reconstrucción da menorá do Templo de Xerusalén, creada polo Instituto do Templo en Israel.

Esta menorá elaborada tras a saída de Exipto do pobo xudeu foi colocada no Tabernáculo, un santuario itinerante onde estaba a Arca da Alianza, ata que se constrúe o primeiro tempo de Xerusalén no reinado de Salomón, onde hai referencias a que foi deposita tamén alí a Menorá, onde permaneceu ata o saqueo do templo por parte dos babilonios no 587 a.C. en que levan ao exilio ao israelitas.

Cando Babilonia foi derrotada e integrada no Imperio Aqueménida, os persas restituíron o candelabro sacro aos xudeus, que o reinstalan  no novo templo que constrúen en Xerusalen, o denominado Segundo Templo.

Este obxecto, cuxas peregrinacións teñen acompañado ás do pobo de Israel -especialmente tras o exilio en Babilonia-, converteuse co paso dos séculos nun símbolo de identificación importante da cultura e a relixión xudía.

O historiador Flavio Josefo relata a entrada triunfal de Tito en Roma despois da vitoria realizada en terra de Israel, e que terminou coa destrución do segundo Templo de Xerusalén no ano 70 d.C. Entre os obxectos levados a Roma describe o famoso candelabro de sete brazos – que tamén encontramos esculpido no Arco erixido na cima do Palatino, o Arco de Tito (81-82 d.C.) – que logo colocouse no Templo da Paz, que Vespasiano mandou construír no Foro de Roma. Procopio, historiador bizantino do século VI, escribiu que a menorá foi roubada durante o saqueo de Roma por parte dos vándalos no ano 455 d.C. e posteriormente recuperada polo xeneral bizantino Belisario, que exhibiuna en Constantinopla antes de retornala a Xerusalén. Sen embargo, de todo esto non hai probas. O único certo é que perdeuse o rastro da menorá e todas as hipóteses do lugar onde puido encontrarse se converten en mitos e lendas, que chegan ata os nosos días.

Representación da menorá no Arco de Tito

A Menorá evoca de xeito metafórico á luz do Señor que, a través da Torah, guía aos homes para levalos cara á plenitude espiritual e o número sete dos seus brazos é un vínculo claro co Sabbat bíblico, o sétimo día da semana, o día do descanso na creación, que anticipa o descanso na vida futura. Tamén o número sete é entendido, na cultura bíblica, como unha referencia á plenitude, á vida que procede de Deus. As mensaxes espirituais da Menorá e a súa directa relación co templo de Xerusalén, centro da vida relixiosa e social do pobo hebreo, converteuna nun signo de identidade colectiva -especialmente tras a destrución deste templo polo Imperio Romano e a dispersión do pobo xudeu- que perdura ata hoxe ata a punto de ser elixida como elemento principal da heráldica do actual Estado de Israel.

Aparte da imaxe do arco de Tito -coas dúbidas que suscita ao estar esculpido por un artista non xudeu- carecemos dunha imaxe histórica clara que nos permita achegarnos ao coñecemento da representación orixinal da menorá. Sen embargo, un descubrimento arqueolóxico do ano 2009 en Magdala (Isarel) dunha sinagoga do século I d.C. nos ofrece unha imaxe da menorá, diverxente da existente no arco de Tito, pero quizais mías fiel á realidade pois sería realizada por un artista xudeu.

Representación da menorá nas escavacións de Magdala (Israel)

Cabe tamén lembrar que ás veces a menorá é confundida coa januquiá, candelabro de noves brazos empregado nas celebracións festivas de Janucá, festas das luces do calendario xedeu, que ten nove brazos e unha orixe e funcionalidade moi diferente.

Finalmente unha nota sobre o emprego deste candelabro de sete brazos polo cristianismo. Atopamos a representación da menorá nalgunha biblias miniadas de época medieval e nalgunhas obras de arte dende o século XVI como elementos identificativo do pobo xudeu. Non sucede o mesmo co simbolismo deste obxecto litúrxico que aparece citado no libro do Apocalipse e noutros escritos patrísticos. Neste sentido, cabe sinalar a súa representación no reverso dunha moeda de 1590 acuñada na honra de Urbano VI xunto ao lema “Sic luceat lux vestra” (Así alume a vosa luz, Mat. 5, 16).

A representación gráfica da menorá tudense, mantendo o esquema dun candelabro de sete brazos, resulta moito mais esquemática e menos traballada nos detalles pero aínda así plenamente identificable.

Neste sentido cabe indicar como a menorá tudense está próxima ao esquema elaborado por Maimonides (médico, rabino e teólogo xudeu da Córdoba do século XII). Maimonides non debuxa os brazos da menorá de forma circular senón que emprega liñas rectas.  Este debuxo atópase nunha copia do “Comentario sobre a Mishná” de Rambam (nome dado a Maimonides) O paralelismo estilístico da menorá tudense con esta proposta de Maimonides non debe ser descartado.

Resulta pois plenamente confirmada a convivencia desta imaxe plenamente xudía nun ámbito plenamente cristián e ortodoxo como era o espazo catedralicio. Como chegou ata nós? como superou as medidas discriminatorias contra os xudeus derivadas do decreto de expulsión de 1492 e aínda os procesos inquisitoriais tudenses de finais do século XVI e inicios do XVII? Estes últimos procesos derivaron na aprobación do “estatuto de limpeza de sangue” para o Cabido da Catedral de Tui en 1617 e como sinala a inscrición conservada, ata os nosos dias, na igrexa parroquial de Torroso (Mos) “esta iglesia se hizo año de 1617 en que la iglesia de Tui fue libre de judíos y publicó el Estatuto de Roma por Paulo V. Obispo Don Juan Garcia Valdemora”. Un gravado xudeu que paradoxicamente compartía un mesmo ámbito cos lenzos que reproducían os sambenitos, colocados nas paredes da catedral tudense ata o século XIX como perpetuación infamante das condenas inquisitoriais.

Resulta verosímil que a preservación deste gravado, do símbolo por antonomasia dos xudeus ao longo destes séculos de antixudaísmo, poidamos relacionalo co feito de que as paredes do claustro, como as da propia catedral, estiveron ao longo dos séculos enfuscadas cunha capa de morteiro que ocultaron este debuxo da menorá,  así como outras inscricións e as abondosas marcas de canteiro existentes. Aínda hoxe en diversos lugares do claustro podemos ollar os vestixios deste enfuscado que chegou ata as primeira décadas do século XX, cando os gustos historicistas levaron  a retirar dos edificios históricos estes enfuscados que sempre tiveran, nunha errónea pretensión de fidelidade histórica.

Restos de enfuscado onda a porta de acceso ao claustro

Restos do enfuscado en columnas do claustro

Isto explicaría por que Francisco Ávila y La Cueva na súa monumental obra sobre a nosa cidade e diocese en que ofrece os primeiros datos sobre as comunidades xudías de Tui, identificando a sinagoga e cemiterio, descoñece a existencia desta menorá que foi publicada por vez primeira por Juan Domínguez Fontenla en 1938 como temos comentado anteriormente.

Unha decisión non pretendida, una azar nunca buscado, está na orixe da conservación deste gravado da menorá no claustro de catedral tudense. Tamén é unha hipóteses, que como as que sinalamos anteriormente pretenden explicar a orixe e a motivación que existiron para labrar este candelabro neste espazo litúrxico tudense.

O feito feliz é a súa conservación que mostra a única menorá gravada nunha catedral ou igrexa e conservada ao longo de séculos. Descoñezo a existencia dunha labra similar noutro templo medieval no noso ámbito xeográfico e histórico.

Velaí que na catedral tudense custodiamos dúas pezas sobranceiras e excepcionais (pois carecen de paralelo) sobre a presenza de comunidades xudías. Este gravado da menorá que testemuña, na época medieval cando foi construído este claustro, a convivencia entre cristiáns e xudeus que caracterizou á presenza de familias xudías na nosa cidade ata 1492.

A outra peza única é a colección dos catorce sambenitos da nosa catedral, que expresan unha nova relación co mundo xudeu que non chega a Tui ata o século XVI: a persecución dos xudeus convertidos ao cristianismo tras o decreto de expulsión -ben por obrigación ou por convencemento-, os “cristián novos” aos que persegue o Tribunal da Inquisición polas súas practicas xudaizantes incompatibles coa súa condición de bautizado.

Fronte a unha inicial convivencia que expresa a menorá-, a intolerancia e a condena dos sambenitos nunha época en que todos os reinos europeos -tamén o reino de Castela- buscaban na unificación relixiosa o sustento das súas monarquías. Unha intolerancia expresada na colocación destes sambenitos nas paredes de catedral mantendo por séculos a infamia pública das familias dos condenados.

Sirvan estas breves notas para ofrecer unha visión critica e axustada sobre unha imaxe sobranceira da presenza xudía na nosa cidade, como é menorá, elemento simbólico por excelencia que define ás comunidades xudías, pero cuxa orixe e significación neste ámbito da catedral tudense segue pendente de ser interpretado axustadamente e non en base a hipótese sen posibilidade de verificación documental. Pero, sen dúbida, esta menorá é unha portentosa imaxe, sen parangón, que identifica á nosa cidade e ao seu rico patrimonio vinculado á comunidade xudía que nela ten habitado.

 



[1] Iglesias Almeida, Ernesto: “Los signos lapidarios de la catedral de Tuy en los sigklos XII y XII” en Tuy. Museo y Archivo Histórico Diocesano,II. Tui, 1977, pp. 135-146.

[2] Vila, Suso: Xudeus e converos en Tui. Tui, 2004, pp. 29-33.

[3] Vila Suso: Judios, conversos e Inquisición en Tui. Tui, 2013, pp. 22-24.

[4] Antonio Rubio, María Gloria de: “Revisión de la presencia judía en Tui” en Castellum Tyde: revista do Instituto de Estudios Tudenses, Tui, 2021,

Comentarios

Entradas populares de este blog

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall

Lembranza agradecida a Xabier Añoveros

Onte á tarde, nos comezos de setembro, cando xa as horas diúrnas minguaron, o aire nos anticipa a proximidade do outono e as conversas se centraban nestas intranscendencias, recibín a triste noticia do falecemento, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, de Xabier Añoveros Trías de Bes, navarro de berce, barcelonés de vida e traxectoria e tudense de corazón.   “ Tuy (con i grego como adoitaba a escribir pois con este arcaísmo semellaba reflectir mellor a antigüidade da nosa cidade) es una ciudad de la que estoy enamorado desde hace muchos años ” e, como é propio dun noivo, a esta vella cidade lle ten dedicado horas, estudos, e moi especialmente un agarimo permanente centrado na súa querida “Casa da Canicouba”. O seu noivado e posterior matrimonio con Julia García-Valdecasas Salgado, filla da tudense Julia Salgado Peñarredonda, o ligou dende 1968 a este outeiro pétreo sobre o Miño, que é Tui. Non sei se foi a longa tradición tudense da familia de Julia, o rico arquivo da Casa da Canico