Ir al contenido principal

Novas visitas ao patrimonio tudense (IV)

En anos pasados publicamos, cunha excelente acollida polos seguidores deste blog, tres posts con diversos lugares no territorio tudense que conservan interesantes mostras do amplo acervo patrimonial que atesouramos pero que son escasamente coñecidos ou que forman parte da nosa cotidianeidade e fican desapercibidos no seu valor patrimonial e na súa necesaria conservación.

Os interesados poden acceder a súa consulta neste enlace: https://tudensia.blogspot.com/p/visitas-ao-patrimonio-tudense.html 

Hoxe, cando agosto xa encamiña a súa segunda quincena pero aínda as xornadas do verán animan ao paseo e ao descubrimento do noso entorno, aportamos outras propostas de lugares e espazos de alto valor e interese patrimonial

 

Ponte do Souto - Pexegueiro

É unha obra de enxeñeira de fábrica baixomedieval que salva o paso do rio Furnia situada no antigo camiño que comunicaba a cidade de Tui co antigo mosteiro de San Miguel de Pexegueiro.

Na web patrimoniogalego.net ven así descrita: Presenta unha traza semellante á da ponte do Mosteiro, situada a case un quilómetro de distancia aproximadamente augas arriba. A súa fábrica é de granito e nela ábrense dous arcos de medio punto cunha luz aproximada de 2 metros. Na cara augas arriba sobresae un pequeno tallamar que está unido a un conxunto de pedras que delimitan o leito en dúas canles. Se ben, diferénciase da anterior en que a súa rasante é plana, carece de peitoril e nun dos extremos presenta un pequeno van alintelado que funciona como aliviadeiro.

Na actualidade forma parte da senda peonil que percorre as ribeiras do río Furnia nas parroquias de Malvas e Pexegueiro. Inmediato á ponte esta un muíño, na actualidade restaurado aparentemente como vivenda, que conserva a súa levada e canle aínda que sen uso.


Sobreira do barrio do Monte - Pexegueiro

Un dos exemplares máis interesantes, pola súa antigüidade, do patrimonio natural tudense é a sobreira localizada no barrio do Monte na parroquia de Pexegueiro. Esta árbore é a segunda co perímetro máis grande coñecido na comarca do Baixo Miño, con case sete metros de diámetro e doce de alto, só superada por un eucalipto globulus na Guarda. Os investigadores atribúenlle a esta sobreira máis de 300 anos de idade. Estamos, posiblemente, diante da árbore más antiga do territorio tudense[1].

 

Capela dos Maristas – Pazos de Reis

Situada na parte superior do edificio do actual Colexio de Santa María dos Maristas de Tui. Foi inaugurada o 15 de setembro de 1949, neste amplo espazo de culto destacan especialmente o conxunto de 14 vidreiras que representa a vida de San Marcelino Champagnat, fundador dos Irmás Maristas.

Estas vidreiras foron realizada pola célebre Casa Mauméjean e constitúen una xoia da arte do vidro. Jules Pierre Maumejean estableceu en Pau (Francia) o primeiro obradoiro en 1863, os seus fillos continúan esta vocación artística con diversos talleres, entre eles en París ou Madrid. Dende finais do XIX ata mediados do XX realizan unha inxente produción especialmente en España e Francia pero tamén noutros lugares de Europa, América ou Asia, sempre cunha alta calidade da obra e adaptándose ao gusto dos cliente. O denominado “fenómeno Maumejean” chegou á nosa cidade con este descoñecido tesouro das artes aplicadas que se conserva no Colexio dos Maristas.

 

Capela do Carmen - Caldelas

No seu libro sobre Caldelas José Benito Diz Carrera[2] recolle que esta capela foi construía nun terreo doado polos propietarios do Balneario en 1900 e está relacionada cun proxecto de albergue para enfermos pobres promovido por sacerdote ponteareán Luciano Fontán Illas, que fora párroco de Riofrio e Alxén, cóengo en Tui e arcediano da Catedral de Santiago. Sinala o expresado José Benito Díz: “en resumen de una idea de albergue pasó a construírse una capilla gracias a las contribuciones de Doña Cruz Echazarreta e D. Luciano con las barracas 20 y 22 respectivamente y una subvención de la Diputación Provincial con 2.500 pesetas. Y es en 1914 cuando se inaugura el edificio.”

Esta capela realizada nun estilo historicista configura xunto ao balneario e as rúas Carmen e Esperanza un espazo urbanizado para os auguistas e visitantes do establecemento termal de Caldelas.


Estación de tren de Caldelas

Esta estación foi inaugurada o 13 de xuño de 1878 coa apertura do tramo de ferrocarril Guillarei – Caldelas que formaba parta da liña que uniría Vigo con Monforte de Lemos e dende alí con Madrid e o resto de España. A construción desta liña e a súa explotación estivo a cargo da Compañía del Ferrocarril de Medina a Zamora y de Orense a Vigo (MZOV) ata que en 1928 pasou á Compañía Nacional de los Ferrocarriles del Oeste de España que en 1941 integrouse en Renfe.

A apertura do balneario de Caldelas en 1885 deulle un importante pulo a esta estación que recibía a numerosos auguistas.

Na actualidade presenta un deficiente estado de conservación consonte co abandono da liña ferroviaria do Miño.

 

Camelia do Souto - Caldelas

Conta tamén cunha idade considerable a árbore de camelia xaponesa localizada en Souto, Caldelas, no xardín de Fernando Da Costa, con case 170 anos de antigüidade

A tradición familiar documenta que esta árbore tróuxoa o seu bisavó que traballaba en Lisboa e retornou cando a peste de 1857 traendo varias camelias. Estamos diante dunha das árbores de camelia con maior idade de toda Galicia

 

Calvario da Magdalena - Ribadelouro

Calvario formado por cinco cruces. A cruz central posúe varal de sección cadrada coas imaxes de Cristo crucificado no anverso e unha imaxe pouco definida no reverso. No varal desta cruz principal aparece tamén o gravado dun cáliz, e unha data que fala posiblemente do ano da súa construción: “1830”. Este Calvario forma parte do Via Crucis que comeza dende a igrexa parroquial.

No pasado este lugar o ocupaba a desaparecida capela da Magdalena, conservándose aínda o seu nome na toponimía e na lembranza popular.

Este calvario está na traza actual do Camiño Portugués de Santiago e nas proximidades da ponte medieval da Magdalena ou de Orbenlle que sobre o río Louro divide as parroquias de Ribadelouro e Budiño.

 

Araucaria da Catedral - Tui

A catedral tudense conserva tamén elementos sobranceiros do noso patrimonio natural, como esta árbore singular a araucaria (Araucaria heterophylla) ou araucaria da illa de Norfolk, existente nos xardíns da catedral.

Polas testemuñas recollidas e as súas características podemos considerala como de 70-80 anos de idade, sen que coñezamos a súa procedencia[3]

 

Fortín do río San Martiño - Areas


Promontorio trapezoidal situado na marxe dereita da desembocadura do río San Martiño, pequeno afluente do río Miño, ao suroeste de Tui, e a 250 metros augas abaixo da nova ponte da autovía que cruza o río Miño, fronte á fortaleza de Valença do Minho.

Un texto da primeira metade do século XIX do tecedor tudense Pedro Santos denomínao Pontillón (posiblemente fai referencia ao pontillón que cruza o río San Martiño a escasos metros). O plano de 1762 que recolle os fachos e garitas da antiga provincia de Tui sinala a existencia dunha destas últimas na ribeira do río Miño, entre Tui e Currás.

Esta pequena construción militar pertence ao sistema defensivo erixido ao longo da fronteira do Miño con Portugal desde Salvaterra do Miño ata A Guarda con motivo da Guerra de Restauración portuguesa (1640). A súa vez, enclávase dentro do subconxunto transfronteirizo de Tui-Valença que engloba a diversas fortificacións a ámbolos lados da beira do Miño: forte de Amorín, forte de San Luis Gonzaga, forte da Silva, forte da Gandra e fortalezas de Tui e Valença.

Trátase dunha formación en altura cun marcado carácter antropoxénico. Obsérvase un importante talude uniforme en altura e desenrolo horizontal, que se direcciona en sentido leste-oeste, cara o río Miño. No límite oeste, antes de chegar ao río, realiza un ángulo pechado. Morfolóxicamente dende o seu perímetro este recorda a un castro. Está constituido básicamente por unha obra coroada con dous accesos que parten do mesmo punto pero desembocan en dous extremos. Cara o lado do río miño aparece un nivel inferior sobre un talude e baixo este outro nivel que desemboca nun ángulo.

A súa construcción fíxose en terra, ao igual que a fortaleza de Amorín, a de Estás ou o forte da Concepción de Goián. E posiblemente, ao igual que estas a fortificación melloraríase con parapetos ou empalizadas de madeira.

A súa principal xustificación sería a defensa dos camiños entre Amorín e Tui e a do porto de barca de pasaxe que existiu nas súas inmediacións.

A día de hoxe a parte sur paralela ao Miño apenas é visible na perspectiva xeral debido á abundante vexetación e na norte viuse lixeiramente alterada coa construcción dunha vivenda e un muro en pedra. Cara o norte, xa fora do promontorio aparecen unha serie de fontes.[4]

  

Arboreto da Estación do Ferrocarril - Tui

Este arboreto, ou coleccións arbóreas atopámolo xunto á estación de ferrocarril tudense, na actual avenida da Concordia. Unha primeira e sinxela estación foi inaugurada en 1883, sendo reformada e ampliada no ano 1896, posiblemente a este momento corresponda este xardín. Na actualidade este arboreto está formado por: un cedro (Cedrus deodara), un magnolio (Magnolia grandiflora), un teixo (Taxus baccata), tres ligustros (Ligustrum sp.), un loureiro cereixo (Prunus laurocerasus), un cordiline (Cordyline australis), unha camelia (Camellia sp.), dúas nogueiras negras (Juglans nigra) e unha do país. Estamos pois diante de exemplares centenarios que merecen ser conservados, dignificando este espazo fronte a ameaza de tala que existe por mor dos novos tendidos ferroviarios.

 

Ponte metálica sobre o río Tripes - Tui

Esta ponte formaba parta da estrada nacional, de terceira categoría, que unía Redondela e A Guarda. Ao seu paso pola nosa cidade foi deseñada unha alternativa para o paso polo Arrabal de Freanxo -por onde discorría ata daquela o camiño que comunicaba a cidade coa barca de Valença e as vilas do Baixo Miño-. No ano 1887 houbo unha forte polémica por existir naquel Arrabal numerosos negocios e aloxamentos que se sentía prexudicados polo novo trazado.

Finalmente a estrada foi realizada por este trazado alternativo que obrigou a grandes movementos de terra coas obras practicamente concluídas en 1892, esta ponte metálico sobre o río Tripes sería executada en 1896, resultando un exemplo sobranceiro da arquitectura do ferro na nosa cidade, tan carente de exemplos desta tendencia.

 


[1] Sánchez Bargiela, Rafael e Dasilva Diz, Ricardo: “Árbores singulares no territorio tudense” en Festas de San Telmo 2024, Tui, Concello, 2024.

[2] Diz Carrera, José Benito: Aquae Caldae, historia y vivencias de Caldelas de Tui. Tui, 2006.

[3] Sánchez Bargiela, Rafael e Dasilva Diz, Ricardo: Op. Cit.

[4] https://patrimoniogalego.net/index.php/25366/2012/09/fortin-do-rio-san-martino/ Gracias a Eduardo Freiria por esta interesante aportación ao sistema defensivo do noso territorio.

Comentarios

Publicación populares

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

A lenda do túnel baixo o MIño

As lendas ou narracións populares, transmitidas oralmente, relatan xeralmente acontecementos ficticios que se teñen por reais, en moitas ocasións mesturados con feitos históricos. Pola súa capacidade de evocación, pola súa transmisión xeracional as lendas conforman un acervo do que chamamos patrimonio inmaterial que cómpre recoller e preservar. Na nosa cidade conservamos varias lendas vencelladas ao caracter histórico da nosa localidade, ao seu caracter fronteirizo e consecuentemente a súa fortificación fronte aos posibles invasores. A máis asentada no imaxinario colectivo tudense é a relativa ao “túnel” que comunica Tui coa outra beira do Miño, coas terras de Valença. Resulta moi significativa esta lenda pois testemuña como na mentalidade dos tudenses a fronteira e a súa condición de limite, de aillamento fronte ao estranxeiro era superada polas nosas xentes que a través do túnel escapaban destas “imposicións” e mantiñan a comunicación coas terras irmáns que as estructuras políticas ...

Agrarios tudenses en "El Agrario" de Buenos Aires de 1923

Fundadores da "Sociedad Agraria" de Paramos (en pose para El Agrario) De esquerza a dereita b(en pé), cidadáns Hermenegildo Gándara Estévez e Manuel Alem; sentados Simplicio Fernández Rivas, Hermenegildo Alem Rocha e Jesús Fernández Rivas Temos comentado en numerosas oportunidades neste blog o escaso coñecemento que posuímos sobre a historia mais recente do noso concello. Entre os episodios que conforman este período histórico máis recente está o movemento agrarista que na última década do século XIX e nas primeiras do pasado século mobilizou aos labregos de Galicia na procura do acceso á propiedade da terra (ata daquela os nosos campesiños eras foreiros, tiñan o usufructo inmemorial dunhas leiras que non eran súas) e consecuentemente a mellora das condicións de vida destas masas populares. Será o movemento agrarista o que adquira neste anos un progresivo protagonismo fronte ao caciquismo conservador que dominaba a vida política da comarca de Tui coa figura ...

A Semana Santa tudense e as súas posibilidades

Xa na noite do Venres Santo xorde de novo unha reflexión sobre a Semana Santa tudense, pois quizais na nosa cidade non chegamos albiscar as súas potencialidades como elemento que forma parte do noso acervo patrimonial que temos a responsabilidade de conservar, sen privala da súa dimensión relixiosa, e dende esta valorización é tamén un posible recurso turístico para Tui, pois poucos lugares de Galicia teñen unha riqueza similar nestas xornadas. Neste mesmo blogue temos sinalado que inmediata celebración das festas patronais de San Telmo distorsiona a visión destas xornadas de celebración do misterio pascual de Xesús, configuradas como un preludio das festas e, consecuentemente, infravaloradas non xa na súa dimensión espiritual senón na súa significación cultural. Cómpre valorizar as actividades litúrxicas ou para-litúrxicas destas datas, pois, independentemente da súa significación relixiosa ou espiritual, conservan requintadas expresións da nosa historia colectiva da que somos...

"A Trapa" a segunda cova granítica máis grande de Europa descoberta en Ribadelouro

O pasado sábado 9 de abril nunha conferencia pronunciada en Tui Clube Espeleolóxico “Maúxo” presentou un descubrimento certamente importante: “A Trapa” a segunda cova granítica máis grande de Europa, que se atopa na parroquia de Ribadelouro nas abas do Monte Aloia. Un descubrimento de especial relevancia para a xeoloxia e para a arqueoloxia da nosa terra, e que incrementa o valor que sa posuía esta zona inmediata ao Parque Natural do Monte Aloia. Cómpre agora impulsar o proxecto de ampliación territorial deste Parque abranguendo a Serra do Galiñeiro –por certo, ameazada na actualidade pola prevista instalación dun parque eólico-. Felicitamos ao Clube Espeleolóxico “Maúxo” polo seu labor e por aportarnos este relevante descobrimento. Achegamos un artigo publicado no día de onte na edición Galicia de “El País” como información sobre este achado. Una trampa de 1.200 metros Expertos descubren la segunda cueva más grande de Europa en O Galiñeiro SARA VILA - Santiago - 21/04/2011...

Ricardo Blanco Cicerón

O pasado martes 15 de decembro foi inaugurada no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, unha exposicion que co titulo de “Olladas dunha época” recolle unha escolma das fotografias do chamado “Fondo Blanco-Cicerón” que se custodia no devandito Museo. Como podemos comprobar na portada do catálogo que acompaña a este “post” a cidade de Tui é unha das protagonistas desta mostra que amosa unha selección das fotografías que conformaban a colección de Ricardo Blanco-Cicerón (Tui 1844 – Santiago 1926). Son na súa meiranda parte instantáneas da época do cambio de século, entre 1890-1910, e que respostan ao interese coleccionista de D. Ricardo que conformou ao longo da súa vida a, posiblemente, a máis ampla colección de caracter cultural que teña existido en Galicia: obxectos prehistóricos, artísticos, etc. que nutren hoxe en boa medida os museos da nosa terra. Esta mostra organizada conxuntamente polo Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Artes da Imaxe poderá ser visitada ...

Yzquierdo Durán, ilustrador tudense. Breve noticia.

Jose Yzquierdo Durán foi un popular ilustrador que radicado en Madrid realizou, nas primeiras décadas do século XX unha prolífica producción en todo tipo de publicacións, tanto periódicas como en libros. Son moi escasas as noticias sobre a súa traxectoria que poidemos acadar non así imaxes da súas obras, que ocupan as portadas de numerosas edicións das segunda e terceira décadas do pasado século. O erudito Manuel Fernández-Valdés no seu excepcional libro “Familias antiguas de Tuy” nos informa que Jose Izquierdo Durán era fillo do avogado tudense José Izquierdo Sarmiento, que foi secretario do Concello tudense, e de Concepción Durán Mera, dunha familia de longa tradición na cidade. Tiveron tres fillos, Celso, que foi crego ocupando, entre outras, a parroquia de Piñeiro, Pilar, que foi directora moitos anos do “Hogar Rosendo Salvado” dependente do Auxilio Social nos anos da ditadura, e José, de quen hoxe nos ocupamos. José Izquierdo Durán naceu en Tui no anos 1890 e desenvolveu en Madrid...