Ir al contenido principal

José María Fernández Alonso, emigrante en Porto e mecenas da escola da Gándara-Guillarei

Galicia foi e, por mágoa, segue sendo unha terra de emigrantes. Aínda que os procesos migratorios das xentes do sur de Galicia, por centrarnos no territorio tudense, comezaron coa procura de novos horizontes en América no século XVI, con figuras tan destacables como Gonzalo de Ocampo, houbo un fluxo constante dende o século XVIII que levou a moitas xentes das nosas comarcas a migrar a Portugal, concretamente a súa capital Lisboa.


Dende finais do século XIX os países de Sur América, especialmente Arxentina e Brasil xunto con Cuba (substituída na segunda metade do século XX por Venezuela) centraron os fluxos migratorios, que posteriormente mudaron cara outras zonas de España con maior desenvolvemento (Madrid, Barcelona ou Bilbao) ou de Europa (Alemaña, Holanda ou Suíza). Na actualidade o movemento migratorio dos nosos mozos ten xa unha dimensión global na procura das oportunidades que non lle ofrecemos na nosa terra.

O fenómeno da emigración galega ten sido analizado en numerosas oportunidades por historiadores, sociólogos, economistas, antropólogos, etc. e ten deixado no último século e medio unha pegada fundamental na conformación de Galicia, que excede, con moito, as pretensións deste post.

A inmensa maioría dos nosos emigrantes tiñan a pretensión, amplamente cumprida, de retornar de novo á terra, coa que mantiñan unha vinculación emocional permanente, expresada especialmente no amplo entramado asociativo desenvolvido nos países de acollida. Asi en Buenos Aires foi creada o 20 de maio de 1917 a “Casa de Tuy, Asociación Mutual, Cultural y Recreativa”, o 12 de febreiro de 1922 foi creada tamén na capital arxentina a “Unión de Residentes de Caldelas de Tuy” tamén coñecida como ‘Sociedad Hijos de Caldelas de Tuy y contornos de Buenos Aires’ ( na actualidade existe “Tuy Salceda, Asociación Mutual Cultural y Recreativa”, xurdida tras a fusión en 1976 da Asociación “Casa de Tuy” e da Sociedade “Centro del Distrito de Salceda de Caselas”, incorporándose posteriormenete a Asociación Caldelas de Tui e a Asociación Galicia en Buenos Aires).


Unha das actividades á que dedicaron especial atención os emigrantes galegos enriquecidos no mundo da emigración foi a creación de escolas nas súas localidades de orixe, como o modo mais efectivo de contribuír ao progreso de Galicia e as súas xentes.

Un dos destinos destas remesas, o que deixou maior pegada no desenvolvemento da sociedade e da cultura galegas, concretouse na esfera educativa. Tivo como beneficiarios directos os seus veciños, xa que contribuíron a configurar a primeira rede escolar galega.

Esta intervención no proceso de equipamento de escolas en case toda Galicia debeuse en boa medida a unha situación de graves deficiencias. Moitos emigrantes sentíronse solidarios coa eiva educativa que existía en Galicia. Este foi o xermolo do envío de remesas para a creación de escolas instrutivas experimentadas polos propios emigrantes, que con frecuencia padecían un alto grao de analfabetismo. Cando chegaban a América atopábanse nunha situación de clara inferioridade no mercado laboral pola súa escasa cualificación académica e profesional, e víanse obrigados a aceptar os traballos máis ingratos, penosos e peor pagados. A súa experiencia americana levounos a concienciarse de que a educación era fundamental para conseguir mellorar a súa condición no país de acollida. O ensino converteuse así nun vehículo rexenerador e nun resorte de transformación social.

Foron un total 356 escolas promovidas polos emigrantes, os indianos, en Galicia. Destaca amplamente o partido de Viveiro con 57, seguida a certa distancia polo de Betanzos con 27, o de Ribadeo con 24, o de Mondoñedo con 23, o de Ortigueira con 20 e o de Vilalba tamén con 20 centros escolares. A maior distancia aínda aparecen os de Pontedeume e Ferrol con 11 e 6 escolas respectivamente. Na Galicia meridional, as Rías Baixas presentan as maiores cantidades nos partidos de Tui con 11 escolas, Vigo con 9, ou Cambados-Vilagarcía con 8 escolas, namentres na Galicia interior, no de Ourense concorren 16 escolas, o de Lalín con 13 e o de Sarria con 8 escolas vinculadas ao mundo indiano.

No Baixo Miño coñecemos as achegas dos emigrantes para os seguintes centros educativos:

-        Colexio Escola de San Xosé – Colexio das Carmelitas na Guarda, fundado polo legado de Vicenta Rodríguez Cachada relacionada coa emigración a Puerto Rico

-        Escola da Fundación Peirópolis, en Estás, promovida polo emigrante en Brasil, Abdón Alonso Alonso

-        Escola de Cristelos, promovida pola Protectora de Barrantes, Pro-Instrucción, Fomento y Protección Mutua, sociedade creada polos emigrantes na Arxentina, un dos seus principais promotores foi Daniel Calzado, que sería á volta da emigración alcalde de Tomiño.

-        Escola “Unión del Provenir” en Taborda e Piñeiro, promovida por “Unión del Porvenir. Sociedad de Instrucción y Recreo”  creada polos emigrantes destas parroquias en New York.

-        Escola de Entenza, promovida pola Sociedad de Fomento y Educación Hijos de Entienza, que impulsaron en Buenos Aires Manuel Pérez Gándara e Salvador Estevez.

Pero a principal institución foi a creada en Tomiño impulsada sociedade de instrución Aurora del Porvenir de Río de Xaneiro, creada en 1912, que fundou unha escola nun local cedido pola Sociedad de Obreros y Agricultores de Figueiró y Estás, en 1923. Alí, coa contratación de mestres de recoñecida valía como Enrique Lobit Callejas e José Ares Sánchez e a dotación de material educativo do máis moderno, implantou un plan pedagóxico de graos no que se primaba a aprendizaxe práctica e directa mediante a experimentación e que logo trasladaría ás aulas do seu propio edificio.

En Vida Gallega, 31-12-1916

En 1927, iniciaron as obras do novo edificio nun extenso terreo mercado pola entidade no lugar da Telleira de San Bieito en Tomiño. Ademais do edificio, habilitaron un gran campo de recreo onde os alumnos realizaban numerosas actividades ao aire libre e varias hortas para as clases prácticas de agricultura. Este centro escolar foi inaugurado en 1931 e contou tamén coas achegas de Abdón Alonso Alonso. Contaba con modernas instalacións, con espazos para o estudo e tamén para as prácticas, e enseguida colleu fama en toda a bisbarra como un centro moi innovador. Antón Alonso Ríos foi nomeado director do centro e impuxo os métodos pedagóxicos máis avanzados.

Non podemos deixar de mencionar, por proximidade xeográfica, as Escolas Pro-Valle Miñor, promovidas pola Unión Hispano-Americana Valle Miñor, que foi un dos grandes complexos educativos promovidos pola emigración en Galicia.

Todas estas experiencias remataron no ano 1936 co levantamento contra a II República, aínda que moitos edificios continuaron con centros escolares agora controlados polo Estado.

No concello de Tui só coñecemos unha escola promovida pola emigración. É a escola de A Gándara en Guillarei, que no proxecto de escolas de indianos en Galicia do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega ( http://mapas.consellodacultura.gal/escolas/) sinala que foi financiada por Rosendo Fernández Alonso, cando en realidade o seu nome é José María Fernández Alonso.

A parroquia de Guillarei tiña un amplo número de veciños na emigración, e posuía importantes dinámicas sociais. No ano 1901 é fundada en Guillarei a primeira Sociedade de Agricultores, na que ten especial protagonismo a Sociedade Obreira tudense, fundada dous anos antes, pois será o canteiro Ramón Castiñeira o primeiro presidente fundador da Sociedade de Guillarei, nun exemplo do impulso que os membros socialistas do movemento obreiro realizan  como axentes mobilizadores do campesiñado. Entre 1903 e 1905 foron creadas ata 13 entidades agraristas en Tui, Salceda, O Porriño e Tomiño co nome de Sociedades de Obreiros Agrícolas. As agrupación tudenses constituirán o 1 de maio de 1904 a Unión General Agrícola con residencia na parroquia de Areas. Andando os anos Guillarei, coas mortes provocadas pola mobilización antiforal en Sobredo de 1923, seguirá como vangarda deste movemento societario. A forza que acada o movemento agrarista levará que os partidos tradicionais e a Igrexa se acheguen ás súas inquedanzas e reivindicación. A Igrexa promoverá sindicatos agrarios católicos, a formación dos agricultores e a promoción de iniciativas societarias e cooperativas. No caso tudense, o ordoñismo que controlaba a vida política da comarca comeza a preocuparse polo agrarismo, achegándose as organizacións (por exemplo, o deputado Mariano Ordoñez será presidente de honra de catro destas asociacións agrarias) pero sen lograr nunca acadar o seu apoio, pois encarnaban os vellos vicios caciquís.

Monumento aos Mártires de Sobredo, obra de Camilo Nogueira

Descoñezo se foi o caso da Sociedade de Guillarei, pero en moitas oportunidades estes colectivos agraristas recibían apoio do mundo da emigración nas súas reivindicacións e campañas antiforais.

Neste contexto temos de situar o mecenzgo de José María Fernández Alonso. No libro de actas de plenos do Concello de Tui conservamos o relato da sesión do Pleno da Corporación Municipal de 24 de xullo de 1916, presidido polo Alcalde Servando Albuerne onde se recolle o seguinte:

En el barrio de la Gándara de la parroquia de Guillarey término municipal de Tuy a diez y ocho de julio de mil novecientos diez y seis. Presentes Don José María Fernández Alonso, casado, mayor de edad natural de la parroquia de Guillarey y residente actualmente en la ciudad de Oporto (Portugal), a presencia de las autoridades del término de Tuy y numerosa concurrencia dice: Que en terreno concedido por el Excmo Ayuntamiento de Tuy en este barrio de la Gándara, construyó un edificio formado de piso alto y bajo destinado para local de enseñanza de niños y deseoso de hacer el bien a sus coterráneos dona y cede gratuitamente para que sirva de local para enseñanza de niños en esta parroquia de Guillarey; con la condición de que  si durante el plazo de dos años, ahora o en lo venidero dejara de prestar el tal servicio volvería el edificio a la pertinencia de la familia del donante y lo propio si intentara dar al dicho edificio otra finalidad diferente de la enseñanza. Y el Alcalde accidental, Don Alejo Diz Jurado, en representación del Ayuntamiento de Tuy acepta la generosa dádiva del señor Fernández, consignando que en el improbable caso de tener que indemnizar al Estado el valor del solar el Ayuntamiento asumiría esta obligación. En su consecuencia, se extiende este documento ante mi Secretario del Ayuntamiento de Tui que firman además del señor donante y alcalde, los señores Don Mariano Ordoñez García, diputado a Cortes por el distrito de Tuy, don Amancio Presa Martínez, cura ecónomo de esta parroquia, Don Benito Ulloa Sotelo, Juez de primera instancia de este Partido: Don Gerardo Álvarez Limeses, Inspector de primera enseñanza; Don José Sarmiento Ozores, diputado provincial; Don Antonio Gómez Lago, concejal de este distrito y Don José Herraiz Ruibal, abogado, testigos presenciales de los hechos y manifestaciones que quedan consignadas de todo lo cual certifico (siguen las firmas).

Atenta la Excma. Corporación a la liberalidad que significa el documento que  acababa de leerse, y al hecho merítisimo en el que no resalta menos la obra de cultura que la demostración de un elevado patriotismo no entibiado por la ausencia ni la distancia, acordó por unanimidad consignar en esta acta un voto de gracias dedicado al distinguido hijo de la parroquia de Guillarey, Don José María Fernández Alonso, como testimonio de gratitud por la donación del edificio construido a sus expensas en el lugar de Gándara de aquella parroquia y entregarlo por dicho señor al Ayuntamiento para ser dedicado a escuela nacional de niños.

Se acordó igualmente, le sea participado oficialmente este acuerdo, sin perjuicio de gestionar lo conducente cerca del Excmo Sr. Ministro de Instrucción Pública y Bellas Artes, a fin de que generosidad tanta, se reconozca también y premie con la merecida condecoración de Alfonso XII.

José María Fernández Alonso, natural de Guillarei emigrou como tantos outros dos seus veciños a Portugal e na cidade de Porto logrou, en base a moito traballo e esforzo, unha boa posición económica e quixo promover o desenvolvemento da súa parroquia natal financiando, como acabamos de ver, a construción desta escola para os nenos de Guillarei. Aínda que temos procurado máis datos sobre este emigrante non fomos quen de completar a súa biografía.



Na actualidade o edificio foi modificado da súa inicial estrutura e é sede da asociación cultural “Lembranzas da terra”.

Recuperar a José María Fernández Alonso como un exemplo de compromiso coa terra e de mecenazgo xeneroso a prol da súa parroquia, supón rescatar do esquecemento a un tudense que contribuíu co seu peculio á promoción das xentes de Guillarei e de Tui.

 

Comentarios

  1. No concello de tui ai outra escola promovida por emigrantes, en frinxo, que actualmente está en remodelación, e conta con Unha placa na fachada donde indica os nomes dos emigrantes que a fixeron posible.

    ResponderEliminar
  2. Gracias!!! Recolleremos ese interesante dato nun novo post. Unha aperta

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le