Ir al contenido principal

Historia da eurocidade (IV)

Dende comezos do século XV a vida tudense estará protagonizada pola liñaxe dos Soutomaior, grupo nobiliar asentado no sur de Galicia, que xogan habilmente as súas bazas no xogo de fidelidades entre a monarquía castelá e portuguesa (en 1398 Joao I de Portugal conquista Tui permanecendo no seu poder máis de catro anos), e aproveitando a debilidade episcopal ocupan como “encomendeiros” a cidade de Tui.

Joao I de Portugal

Será Paio Sorreda de Soutomaior, cara a finais do XIV, quen inicie o control da cidade sucedéndolle o seu sobriño Fernando Eans de Soutomaior e a este Álvaro Paes de Soutomaior, que como sinala o cronista Vasco de Aponte “tiña no seu poder a cidade de Tuy, como a tiña o seu pai, e da renda do bispo tomaba o que quería”. A mellor expresión deste poderío é cando non permite que o novo bispo Luís de Pimentel, dunha das grandes casas do reino como era a de Benavente, non tome posesión da sede, impedíndollo mesmo polas armas.


Este clima de abuso por parte dos nobres unido á crise política e social xunto ás periódicas “fames negras” provoca o estalido da revolución “irmandiña”. O Cabido e o Concello tudense son dos primeiros en adherirse o 14 de marzo de 1467 á Santa Irmandade; aínda que non sabemos a data, as crónicas recollen que máis de 5000 irmandiños ocuparon a cidade de Tui, respectando as súas fortalezas, e morrendo naquel lance Álvaro Paes de Soutomaior.

A reacción señorial encabézaa o medio irmán de Álvaro, Pedro Álvarez de Soutomaior “Pedro Madruga”, aínda que Tui resiste até 1471; desde entón Pedro Álvarez domina practicamente o territorio do bispado tudense e comeza un prolongado enfrontamento co bispo Diego de Muros que ocupa as últimas décadas do XV, que suporá o seu encarceramento e escarnio público, por dúas ocasións, do propio bispo, nunha delas pechado nunha gaiola de ferro en Valença.

Escrito e sinatura de Pedro Álvarez de Soutomaior (1479)

Tras a morte de Enrique IV e a consecuente disputa sucesoria entre os partidarios de Isabel de Castela e de Juana “a Beltraneja”, apoiada por Portugal, Pedro Madruga cesa o seu xogo alternativo de alianzas entre ambos os reinos, para converterse no gran valedor da causa de Juana. E será Tui o gran baluarte das forzas pro-portuguesas, aínda despois da vitoria e subida ao trono de Isabel, casada con Fernando de Aragón (os Reis Católicos), ao continuar en mans dos partidarios de Soutomaior que tiranizan á poboación, cabido e até o propio bispo.

Os novos monarcas inician un labor de pacificación, ampliando en 1478 as funcións do correxidor de Baiona a todo o bispado tudense. Aínda que Pedro “Madruga” tentará varios golpes de estratexia, acaba sendo derrotado, e pese ao apoio do monarca portugués evidenciado no acordo de paz cos reis de Castelo, morre en Alba de Tormes buscando o perdón real.

Retrato de Fernando de Aragón e Isabel de Castela
Convento de Santa María de Gracia - Madrigal de las Altas Torres
Autor anónimo

Desta forma recupera o bispo Diego de Muros o señorío da cidade -que seguirá en mans episcopais até o século XIX-, e xunto ao seu sucesor reorganizan a vida diocesana, convocando sínodos, e a vida municipal cunhas novas ordenanzas de ríxido control episcopal. Pero tamén é momento de facer obras na Catedral, mellorar o equipamento público (camiños, pontes, etc.) e instituír a cátedra de gramática e de canto na cidade tudense. Pero a Coroa resérvase o control aduaneiro e o alfolí (ou almacén) do sal, de gran importancia no ámbito galego.

Neste período de final da Idade Media a monarquía lusa promove unha política máis centralista e así en 1455 Afonso V ordénalle ao Marqués de Valença e ao conde de Ourem o establecemento de barreiras fiscais que impidan o comercio con Galicia.  As protestas das poboacións miñotas levan a que en 1462 concédase aos habitantes de Tui e outras localidades ribeiregas comerciar nas feiras coma se fosen portugueses. Así  concede o propio en rei na súa visita a Valença o 30 de xuño de 1462 as chamadas cartas de veciñanza, aínda que sempre houbo dificultades na súa aplicación. Pero como se afirma no acordo das barcas de pasaxe no bispo de Tui e o Concello de Valença de 1485 será “estrangeyro ou (que) non seia vezinio dá dita cidade nen vasalo do dito Sr. Obpo. nen vizinio de Valença nen do seu termo (...pois...) compre aboa vezinages duns e dous outros”.

Valença e Tui no Livro das fortalezas de Duarte D'Armas (1509)


Pero a monarquía lusa segue promovendo o carácter fortificado de Valença e en 1512, o Rei D. Manuel fomenta o seu poboamento, mandando reparar as súas murallas e concédelle un novo foro. A cidade tudense será capital dunha das provincias nas que se divide o Antigo Reino de Galicia desde os inicios do século XVI e que chegarán até a reforma de 1833. En 1623 recibe do rei Felipe IV o título, que aínda hoxe conserva, de “Moi nobre e moi leal cidade

Comentarios

  1. que repercusiones sufrió Tuy de los reyes católicos por su defensa de la causa de la Beltraneja?
    Se impidió su comercio con el mar?
    Se favoreció a Baiona frente a Tuy?
    Da la sensación que Tuy dejo de prosperar y se congeló en un momento dado
    Un saludo
    J. Areses

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Contesto
      A defensa da causa da Beltraneja foi basicamente de Pedro Álvarez con apoio dos tudenses, ou alomenos dun sector. Pero dado o caracter da "ocupación" de Tui por Pedro Alvarez de Soutomaior, a maioría quedarían "aliviados" cando cesou a misma. Pero derrotado Pedro Madruga o poder da cidade pasou a mans do bispo Diego de Muros aliado inquebrantable dos Reis e que establece unha nova regulación municipal onde bispo controlaba moi directamente a vida municipal.

      O de Baiona fronte a Tui tene outras razóns:
      - por un lado, Tui é de señorio episcopal e eso non se altera, por tanto aínda que o bispo é aliado total da Coroa, Tui no é unha cidade de realengo. Para a monarquia a opción natural era Vigo, que estaba crecendo, pero era señorio do arcebispo de Santiago (por elo o bispo de Tui funda en torno a 1500 Bouzas para competirlle ao lado). De ahi a elección de Baiona como a cidade que realengo, que contaba cunha pequeña baía
      - ademais para as novas naves que aparecen naqueles tempos, o Miño resulta xa impracticable, a barra sempre existiu e limitaba o acceso. As novas políticas da monarquia procuran un monopolio e control do comercio exterior (que en Galicia se centrará en Coruña e Baiona) como principais enclaves dependentes directamente da Coroa. Tui logo da Idade Media, co século XIII como momento de esplendor, manterá o seu caracter de centro comarcal (provincial logo) de caracter administrativo, militar e de servizos (básicamente comercio comarcal) pero alonxado das novas dinámicas económicas que basculaban noutros espazos.

      O tema é moi amplo, espero terme explicado algo.

      Unha aperta e gracias polo interese

      Eliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall

Unha visión de Tui e as fortalezas da fronteira en 1764 por José Cornide

Un dos aspectos normalmente esquecidos na conformación da nosa cidade é a súa condición de praza forte, de emprazamento militar, de cabeceira dun sistema fortificado organizado ao longo do río Miño. Carecemos de noticias documentais ou arqueolóxicas sobre a posible existencia dun muro defensivo no outeiro tudense antes de 1170, cando Fernando II ordena a súa construción ao abeiro da reconfiguración urbanística da cidade que promove este monarca. De seguro que algún tipo de defensas tivo a vella Tude en época sueva e visigoda e especialmente nos primeiros tempos medievais pero o estado actual do noso coñecemento non nos permite superar o ámbito das hipóteses. Neste blog nos temos ocupado no seu día sobre o sistema amurallado tudense en tres post aos que remitimos a quen desexe achegarse a este aspecto do noso patrimonio e historia [1] Reproducimos hoxe un texto do erudito coruñés José Cornide que forma parte do seu libro: Descripción circunstanciada de la costa de Galicia, y raya