Ir al contenido principal

Algúns anuncios de produtos de Nadal en "La Integridad"

 As fontes históricas que nos permiten coñecer o noso pasado son amplas e corresponde aos investigadores a súa análise para documentar os avatares da nosa historia, tanto dos grandes feitos  ou acontecementos singulares como da vida cotián dos tempos pretéritos.

Un dos aspectos que suscita un crecente interese é a historia da gastronomía que ilustra a evolución social, especialmente os cambios nas modas e gustos que testemuñan a vida cotián dos nosos devanceiros, e que nos achegan ao coñecemento da realidade histórica do pasado.

Na procura de datos no xornal tudense “La Integridad” para outras finalidades, atopeime con diversos anuncios, dos últimos anos do século XIX e primeiros do XX, de casas de alimentación ou ultramarinos -como se adoitaba nomealas naquela altura- e de confeiterías que pregoaban as súas especialidades de cara ás festas do Nadal. Estes anuncios reflicten o cambio de costumes en relación coas celebracións do Nadal na nosa terra.

Afirma Xavier Castro, un dos principais especialistas da historia da gastronomía en Galicia que o bacallao con coliflor, ou con repolo, era unha comida practicamente infalible na cea de Nadal nas casas aldeás de practicamente toda Galicia (...) Porén, xe desde comezo do século XX, nas mais esixentes mesas das cidades temos constancia de que comezaba a fallar ¿Cal pode ser a razón que explique tal repregamento? Pois unha moi evidente: o afán de distinción que caracteriza ás clases altas e as leva a valorar os diversos tipos de alimentos cunha impronta, ora de refinamento, ora ordinaria e paifoca. O bacallao era un arrigo plebeo e como tal  resultaba desdeñable. E esta conceptualización non era algo que caracterizase exclusivamente ás “clases encopetadas”, senón que na mesma mentalidade colectiva, entendida aquí como o substrato imaxinario de toda a sociedade, estaba rexa e teimudamente arraigada a idea de que o bacallao “era cosa de pobres”.[i]

Este menú de bacallau e verdura está en relación con un uso estendido durante séculos. Antigamente, o 24 de decembro, vixilia de Nadal, era un dos días de abstinencia prescritos pola Igrexa como penitencia e preparación para a solemnidade, así se facía tanto na Pascua de Resurrección -neste caso era xaxún- como na Pascua da Natividade. Aínda na actualidade na Igrexa Oriental conservase a práctica do xaxún no tempo de Advento. Neles facíase unha soa comida forte ao día, aínda que sen carnes, permitíndose nas horas vespertinas a denominada colación nocturna, consistente nunha cea moi frugal para manter as forzas ata o día seguinte.

Na Noiteboa había unha particularidade: despois da Misa do galo, que se celebraba á medianoite lembrando a hora do nacemento de Cristo, volvíase cear e esta vez sen as restricións da véspera (xa que a obrigación da abstinencia cesara desde a medianoite): era o que se chamou o resopón ou sobrecea do Nadal, que podía consistir desde unha chocolatada con biscoitos, pastas, polvoróns e outros doces ata unha verdadeira e propia cea de varios servizos, segundo o apetito e as posibilidades das familias.

Coa relaxación da lei canónica na maior parte dos días de penitencia, desapareceu a obrigación de abstinencia (non comer carne) tamén na vixilia de Nadal. O antigo resopón posterior á Misa do galo pasou a substituír á colación nocturna do 24 de decembro convertido na cea de Noiteboa,  manténdose en moitos lugares como reminiscencia dos tempos de abstinencia un menú de peixe e verdura, que non de carne.

Tomada de "Fotografias antigas de Tui"

A xornalista e divulgadora Ana Vega Pérez de Arlucea (@biscayenne) sinala que esta relaxación das normas canónicas ven de antigo, pois xa en el siglo XVIII se decía que “a fuer de Nochebuena, la colación se hace cena”, porque se relajaban las costumbres de la colación de vigilia y a pesar de la abstinencia, no se hacía demasiado ayuno. En el relato cómico “Colación y cena a un tiempo que en la Noche-Buena hicieron dos payos en una casa de Madrid” (1790) se cenaba un 24 de diciembre ensalada con granada, lombardas, remolachas, peras cocidas, cardo en salsa, sopa de almendra, jalea, perada (dulce de peras), turrones “y demás inferior cascajo”[ii].

Un feito que contribúe notablemente á transformación deste menús, xa no século XIX, xunto ao proceso de secularización da sociedade, foi a aparición do ferrocarril que posibilita o desenvolvemento da comercialización de produtos de alimentación ata daquela cinguidos aos ámbitos locais ou rexionais e que agora se subministran por todo o territorio. Caso do peixe e mariscos do norte e noroeste, dos xamóns e embutidos estremeños ou onubenses, os mazapáns de Toledo, o polvoróns e “mantecados” andaluces, os turróns e uvas de Alacante... E desta forma novos produtos se incorporan ao menú do Nadal nos ámbitos urbanos e vilegos. Posteriormente o papel dos medios de comunicación contribúen notablemente a que o menú nadaleiro se estandarice progresivamente perdéndose os tradicionais costumes e pratos autóctonos fronte a unha homoxeneización das comidas destas datas festivas.

Nos anuncios do xornal tudense “La Integridad” que de seguido reproducimos podemos ollar de modo moi evidente este proceso de transformación aínda que perdura o costume de cear na Noiteboa bacallau, aparecendo nos anuncios o procedente dos mares do norte, de Noruega ou Escocia.

Achegamos de seguido o anuncio dos Ultramarinos de José Gándara publicados en 1891 con despachos na Corredera, 1 e na rúa San Telmo, 23, que en 1900 se denomina “Las Antillas, ultramarinos y panadería”; tamén do mesmo ano o anuncio da “Confiteria e Chocolateria” de Severino Fontaíña na rúa Ordoñez, 24 que en 1895 aparece localizada na rúa Colón (que daquela abranguía tamén á actual rúa Augusto González Besada) e que no 1895 se anuncia como galardoada cun premio nunha exposición en Nápoles en 1891 polos seus mazapáns tudenses, namentres que en Ordoñez, 24 se anuncia en 1896 a “Confiteria e chocolateria” de Benita Cortiñas. Completa esta escolma o anuncio de 1901 de “Confiteria La Ibérica” que abre o anterior na rúa Consistorio, 9 (actual rúa Porta da Pía) e que presenta a súa ampla oferta mediante versos.








Da lectura destes amplos e fermosos anuncios podemos comprobar esta evolución nos gustos e na oferta de produtos nadaleiros que estes establecementos comercias promocionaban para os seus clientes. Conservan tanto “El buen gusto” como “La Ibérica” a elaboración dos tradicionais boleardos, o doce típico do Nadal tudense, que non so se venden na nosa cidade senón que Severino Fontaíña ofrece a súa exportación a calquera localidade.

Unha ollada a esta oferta expresa a evolución da gastronomía destas datas de Nadal e como a chegada de produtos tradicionais como o mazapán de Toledo ou os turróns de Jijona – Alacante lograron xa nesa altura unha presenza que hoxe os identifica coas celebracións do Nadal. Evidentemente falamos dun repertorio de doces dirixido ás elites sociais da cidade e contorna con posibilidades económicas para acceder a compra destes doces, viños, etc. As xentes do rural, nun momento como eran as últimas décadas do XIX e as primeiras do XX vivían nunha situación social moi precaria, cunha economía de subsistencia, que desembocará na aparición do movemento agrario neste anos. Evidentemente, nesta situación non era posible acceder á maioría da poboación a moitos dos produtos que vemos anunciados nas paxinas de “La Integridad”.

Estes anuncios nos achegan á vida cotián dos tudenses daquel tempo, onde tamén o consumismo e as conseguintes empachosas comidas do tempo de Nadal centraban as celebracións familiares das clases burguesas e rendistas da nosa cidade namentres que as celebracións litúrxicas se centraban na Misa do Galo da catedral á media noite e nas tradicionais esmolas aos pobres da Corporación Municipal e do bispo.

Mañana 24 de diciembre después de las Vísperas solemnes que se cantarán en la S. I. Catedral, y á las cuales asistirá nuestro Excelentísimo Ayuntamiento se repartirá delante del Consistorio la limosna que acostumbra a dar a los pobres la corporación municipal en estas pascuas.

A las diez de la noche empezará también en la Catedral el canto de los Maitines solemnes que durarán hasta las doce; hora en que se cantará la tradicional Misa del Gallo. (La Integridad 23 de decembro de 1893).

Como recolle o cronista oficial, Manuel Fernández-Valdés en diversos artigos, tras a Misa do Galo os grupos de mozos chegados dende as zonas rurais, de Randufe e Pazos de Reis que pertencían á parroquia eclesiástica da catedral, animaban as rúas da cidade cos seus cantos de nadal, aguinaldos e outras expresións da música popular, que acababan ás veces con pequenos incidentes, “gamberradas” as denominan as crónicas de “La Integridad”.

O día de Nadal despues de Tercia saldrá la procesión claustral, en la que cantarán bonitos villancicos. Seguidamente dará comienzo con toda solemnidad la misa mayor a la que asistirá  la Excma Corporación Municipal. (La Integridad, 24 de decembro de 1899).

Nuestro Excmo. e Ilmo. Sr Obispo acaba de mandar repartir limosnas á la cárcel, asilo y numerosos pobres de esta ciudad. De algunas tenemos noticia, y queremos publicarlas para que se vea hasta donde llega la caridad inagotable de nuestro prelado.

Para 125 pobres una libra de pan, otra de arroz y dos reales en dinero, a cada uno.

Para 30, diez reales a cada uno.

Para otros 30, veinte reales a cada uno.

34 mantas.

1.000 reales y 21 mantas á las dos conferencias de San Vicente de Paul. (La Integridad, 24 de decembro de 1889).

 



[i] Castro, Xavier (1998): A lume manso. Estudos sobre historia social da alimentación en Galicia. Vigo, Galaxia, p. 323.

Comentarios

Publicación populares

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

A lenda do túnel baixo o MIño

As lendas ou narracións populares, transmitidas oralmente, relatan xeralmente acontecementos ficticios que se teñen por reais, en moitas ocasións mesturados con feitos históricos. Pola súa capacidade de evocación, pola súa transmisión xeracional as lendas conforman un acervo do que chamamos patrimonio inmaterial que cómpre recoller e preservar. Na nosa cidade conservamos varias lendas vencelladas ao caracter histórico da nosa localidade, ao seu caracter fronteirizo e consecuentemente a súa fortificación fronte aos posibles invasores. A máis asentada no imaxinario colectivo tudense é a relativa ao “túnel” que comunica Tui coa outra beira do Miño, coas terras de Valença. Resulta moi significativa esta lenda pois testemuña como na mentalidade dos tudenses a fronteira e a súa condición de limite, de aillamento fronte ao estranxeiro era superada polas nosas xentes que a través do túnel escapaban destas “imposicións” e mantiñan a comunicación coas terras irmáns que as estructuras políticas ...

Agrarios tudenses en "El Agrario" de Buenos Aires de 1923

Fundadores da "Sociedad Agraria" de Paramos (en pose para El Agrario) De esquerza a dereita b(en pé), cidadáns Hermenegildo Gándara Estévez e Manuel Alem; sentados Simplicio Fernández Rivas, Hermenegildo Alem Rocha e Jesús Fernández Rivas Temos comentado en numerosas oportunidades neste blog o escaso coñecemento que posuímos sobre a historia mais recente do noso concello. Entre os episodios que conforman este período histórico máis recente está o movemento agrarista que na última década do século XIX e nas primeiras do pasado século mobilizou aos labregos de Galicia na procura do acceso á propiedade da terra (ata daquela os nosos campesiños eras foreiros, tiñan o usufructo inmemorial dunhas leiras que non eran súas) e consecuentemente a mellora das condicións de vida destas masas populares. Será o movemento agrarista o que adquira neste anos un progresivo protagonismo fronte ao caciquismo conservador que dominaba a vida política da comarca de Tui coa figura ...

A Semana Santa tudense e as súas posibilidades

Xa na noite do Venres Santo xorde de novo unha reflexión sobre a Semana Santa tudense, pois quizais na nosa cidade non chegamos albiscar as súas potencialidades como elemento que forma parte do noso acervo patrimonial que temos a responsabilidade de conservar, sen privala da súa dimensión relixiosa, e dende esta valorización é tamén un posible recurso turístico para Tui, pois poucos lugares de Galicia teñen unha riqueza similar nestas xornadas. Neste mesmo blogue temos sinalado que inmediata celebración das festas patronais de San Telmo distorsiona a visión destas xornadas de celebración do misterio pascual de Xesús, configuradas como un preludio das festas e, consecuentemente, infravaloradas non xa na súa dimensión espiritual senón na súa significación cultural. Cómpre valorizar as actividades litúrxicas ou para-litúrxicas destas datas, pois, independentemente da súa significación relixiosa ou espiritual, conservan requintadas expresións da nosa historia colectiva da que somos...

"A Trapa" a segunda cova granítica máis grande de Europa descoberta en Ribadelouro

O pasado sábado 9 de abril nunha conferencia pronunciada en Tui Clube Espeleolóxico “Maúxo” presentou un descubrimento certamente importante: “A Trapa” a segunda cova granítica máis grande de Europa, que se atopa na parroquia de Ribadelouro nas abas do Monte Aloia. Un descubrimento de especial relevancia para a xeoloxia e para a arqueoloxia da nosa terra, e que incrementa o valor que sa posuía esta zona inmediata ao Parque Natural do Monte Aloia. Cómpre agora impulsar o proxecto de ampliación territorial deste Parque abranguendo a Serra do Galiñeiro –por certo, ameazada na actualidade pola prevista instalación dun parque eólico-. Felicitamos ao Clube Espeleolóxico “Maúxo” polo seu labor e por aportarnos este relevante descobrimento. Achegamos un artigo publicado no día de onte na edición Galicia de “El País” como información sobre este achado. Una trampa de 1.200 metros Expertos descubren la segunda cueva más grande de Europa en O Galiñeiro SARA VILA - Santiago - 21/04/2011...

Ricardo Blanco Cicerón

O pasado martes 15 de decembro foi inaugurada no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, unha exposicion que co titulo de “Olladas dunha época” recolle unha escolma das fotografias do chamado “Fondo Blanco-Cicerón” que se custodia no devandito Museo. Como podemos comprobar na portada do catálogo que acompaña a este “post” a cidade de Tui é unha das protagonistas desta mostra que amosa unha selección das fotografías que conformaban a colección de Ricardo Blanco-Cicerón (Tui 1844 – Santiago 1926). Son na súa meiranda parte instantáneas da época do cambio de século, entre 1890-1910, e que respostan ao interese coleccionista de D. Ricardo que conformou ao longo da súa vida a, posiblemente, a máis ampla colección de caracter cultural que teña existido en Galicia: obxectos prehistóricos, artísticos, etc. que nutren hoxe en boa medida os museos da nosa terra. Esta mostra organizada conxuntamente polo Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Artes da Imaxe poderá ser visitada ...

Yzquierdo Durán, ilustrador tudense. Breve noticia.

Jose Yzquierdo Durán foi un popular ilustrador que radicado en Madrid realizou, nas primeiras décadas do século XX unha prolífica producción en todo tipo de publicacións, tanto periódicas como en libros. Son moi escasas as noticias sobre a súa traxectoria que poidemos acadar non así imaxes da súas obras, que ocupan as portadas de numerosas edicións das segunda e terceira décadas do pasado século. O erudito Manuel Fernández-Valdés no seu excepcional libro “Familias antiguas de Tuy” nos informa que Jose Izquierdo Durán era fillo do avogado tudense José Izquierdo Sarmiento, que foi secretario do Concello tudense, e de Concepción Durán Mera, dunha familia de longa tradición na cidade. Tiveron tres fillos, Celso, que foi crego ocupando, entre outras, a parroquia de Piñeiro, Pilar, que foi directora moitos anos do “Hogar Rosendo Salvado” dependente do Auxilio Social nos anos da ditadura, e José, de quen hoxe nos ocupamos. José Izquierdo Durán naceu en Tui no anos 1890 e desenvolveu en Madrid...