Ir al contenido principal

2025: Centenario da morte de Manuel Lago González

A nosa cidade de Tui se identifica xeralmente con conceptos de patrimonio cultural pois os seus principais elementos referenciais teñen que ver con este legado monumental. Pero nas últimas décadas asistimos a unha evolución do concepto de patrimonio que transita dende o conxunto de monumentos, xacementos arqueolóxicos e vestixios que posúen unha significación singular derivada da súa antigüidade ou dos seus valores artísticos, para converterse nun conxunto de bens tanxibles e intanxibles que recollen e expresan a herdanza cultural dun pobo.

Por conseguinte o noso patrimonio está integrado non unicamente pola catedral e o conxunto histórico, senón tamén por un amplo abano de elementos inmateriais que temos recibido ao longo do tempo e que tamén conforman e determinan a nosa personalidade colectiva, a nosa identidade como comunidade.

Un destes elementos inmateriais son as figuras egrexias que ao longo do tempo teñen sinalado fitos no devir histórico da nosa cidade e que se manteñen na nosa memoria colectiva.

Manuel Lago González de Manuel Medal Carrera (1938).
Salón de Plenos da Casa do Concello de Tui

O 4 de maio de 1917, fará en poucos días 107 anos, foi nomeado como bispo de Tui un destes persoeiros que ten deixado unha pegada senlleira na vida tudense e que logo de tantos anos segue sendo lembrado polos veciños de Tui con agarimo e admiración, significando unha identificación coa súa figura que a pesar do tempo mantense aceda entre a nos cidadanía. Falamos de Manuel Lago González, bispo de Tui e arcebispo de Santiago de Compostela.

A figura de Lago, de quen no vindeiro 18 de marzo de 2025 cumprirase o centenario da súa morte, segue conservándose na nosa memoria colectiva como unha estimable figura apreciada con unanimidade polas xentes de Tui como un dos seus referentes ao longo dos tempos. Ofrecemos de seguido unha achega a súa biografía e traxectoria, sobre a que xa nos temos ocupado neste blog en diversas oportunidades, especialmente en https://tudensia.blogspot.com/2020/08/parlamentarios-tudenses-x-manuel-lago.html

Manuel Lago nacera en Tui o 26 de outubro de 1865. Fillo de José Lago Maceira e de Carlota González Fernández. O pai fora xerente do complexo industrial “Andrés Maceira y hermano”, que abranguía diferentes negocios como fábricas de curtidos, serradoiros de madeira, cambio e bolsa, etc. O matrimonio vivía nun pavillón da finda “das augas”, en Randufe, por estar alí instalados os depósitos para o subministro da cidade, propiedade dos seus parentes, os Maceira. Posteriormente adquiren unha parte do pazo “San José” ou de Vista Alegre, tamén en Randufe, que fora reconstruído por D. Francisco Pérez Escudero.

Aos 12 anos ingresou no seminario conciliar de Tui no que cursou Filosofía, Teoloxía e Dereito Canónico. Ao implantarse novos estudos humanísticos no Seminario de Tui, o bispo Fernando Hüe y Gutiérrez mandouno en 1886 a Santiago a mellorar a súa formación en hebreo e grego. Ao ano seguinte regresou a Tui con instrución suficiente nestas materias e en matemáticas, materias das que foi nomeado catedrático, antes de ser ordenado presbítero, sacramento que recibirá ao ano seguinte sendo designado como secretario de estudos e máis tarde ensinaría Historia Eclesiástica, Arqueoloxía, Teoloxía Dogmática, Lugares Teolóxicos… No Seminario tudense foi de sempre un activo animador. En 1881 publica en “El Eco del Miño”, que promovía o seu admirado Antonino Cerviño, os seus primeiros poemas.

En 1893, obtivo os títulos de bacharel, licenciado e doutor en Teoloxía, os dous últimos en Santiago coas seguintes teses: de bacharelato: Vera ac proprie dieta divinitas in Christo Jesu agnoscenda est; de licenciatura: Matrimonium inter christianos initum est verum et propium sacramentum a Christo Domino institutum; e de doutoramento: Natura humana hypostatice Verbo unita, atque omnes et singulae ejus parties et praecipuae SS. Cor. Jesu, sunt objectum cultus latriae. A primeira foi impresa na Tipografía Galaica de Tui e as outras dúas na Imprenta do Seminario de Santiago[1].

Paralelamente, mantivo unha viva actividade fóra das aulas do seminario tudense; organiza veladas e disertacións, dirixe ensaios teatrais, pinta carteis… Desta época son a súa «Oda a la ciencia», a balada «Alma mía», outra dedicada á Virxe, «A León XIII», e dúas loas dedicadas ao Prelado. Aínda non cumpridos os 14 anos xa escribira e publicara en El Eco del Miño o poema «Al Aloya» (1881) e en 1882 escribira, tamén en galego, unha das súas poesías máis coñecidas, «O derradeiro celta». E pola súa obra poética e arqueolóxica recibiu o seu primeiro honor académico, o nomeamento como membro titular da Academia Mont-Real de Toulouse.

Lago González foi, desde novo, un activo militante dos movementos políticos de herdanza carlista, que tras a súa derrota militar, crean novas expresións políticas como é o caso do Partido Integrista que defende un ideal católico. Naquela altura en Tui había un grupo de sacerdotes cunha sólida formación intelectual e de marcada tendencia integrista, salientando Florencio e Antonino Cerviño e o propio Lago, que dinamizan a vida da cidade e abordan numerosas polémicas dende a prensa, un medio de acción política moi en boga daquela. A presenza do bispo Hué Gutiérrez na sede tudense reforzou esta liña. Os xornais “El Eco del Miño” e, dende 1888, “La Integridad” son os voceiros deste grupo. Lago colabora especialmente no segundo xornal como responsable de varias seccións, entre elas as seccións fixas «A la menuda» e «Ripio». Aquí publicou, máis tarde, moitas das súas poesías na sección titulada «Selecta».


Desenvolvendo o seu papel de xornalista, en 1891 ten lugar o famoso episodio da súa expulsión do Salón de Plenos do Concello polo alcalde Hipólito Padín e a súa posterior detención, que provoca unha onda de solidariedade en Tui e na prensa de Galicia, medrando enormemente a súa sona non xa en Tui senón en todo o país.

Lago e os seus compañeiros integristas encontran os valores católicos na tradición e na cultura de Galicia e así converxen, en contacto con Alfredo Brañas, co movemento rexionalista como quedou patente no seu importante papel no desenvolvemento dos Xogos Florais de Galicia celebrados en Tui en xuño de 1891. Manuel Lago, como representante da Xunta Rexionalista de Tui, pronunciará o seu discurso “Gabanza da lingua galega” no que testemuña o seu compromiso coa lingua e a cultura de Galicia, que manterá ao longo da súa traxectoria.

En 1893 este grupo integrista tudense apoia decididamente nas eleccións a Cortes a un deputado alternativo ao sinalado polos conservadores de Ezequiel Ordoñez que controlaban politicamente o distrito. Vendo ameazada a vitoria os conservadores recorren a diversas artimaña ata que logran a retirada, a última hora, do candidato integrista. O desafío estivera a punto de saír vitorioso. Consecuentemente os liberais e os conservadores, con Ordoñez e González Besada á cabeza, inician unha ofensiva contra este grupo e especialmente contra o seu voceiro, “La Integridad”. Coa chegada do novo bispo Valeriano Menéndez Conde este grupo perde o apoio episcopal e queda desactivado. Moitos dos seus integrantes procuran novos destinos, entre eles Manuel Lago que vaise para Lugo.

Naquela cidade oposita á praza de Cóengo Maxistral que non logra, pero o bispo lucense Benito Murua López “compensa o seu fracaso” nomeándoo como o seu Secretario de Cámara. En Lugo será catedrático no Seminario, reitor da Igrexa do Carme e en 1899 logra a dignidade de Lectoral da Catedral lucense, “traballa na xunta de Reparación de Templos, na fundación de sindicatos agrarios e caixas de aforros, dirixe o boletín eclesiástico, realiza traducións do alemán, dedicase ao estudo das Ciencias Naturais, relacionase coas personalidades máis destacadas da cultura galega e xunta xa os escomezos da súa formidable biblioteca de erudito nas letras e na historia de Galicia (...) edita un “Manual de Estudios Bíblicos” adaptación do Bibelkunde...” acreditando tanto o seu labor apostólico como a súa alta capacidade intelectual. Goza de xeral recoñecemento ata o punto que o Concello de Lugo o nomea como “fillo adoptivo” daquela cidade.

Dende 1906 forma parte da Real Academia Galega, fundada no ano anterior, participando no seu acto inaugural como membro fundador. No acto inaugural desta corporación celebrado o 30 de setembro de 1906, leu o seu discurso Elogio de la Lengua gallega: […] la más hermosa de las lenguas neolatinas y aún acaso la más bella de cuantas se hablan en el mundo […], suave y dulcísima […].Como autor de obras eruditas en castelán é salientable a edición que fixo (cun prólogo del presentado anonimamente) do Onomástico etimológico de la lenguia gallega por Fr. Martín Sarmiento (1923)[2].

Nestes anos aborda diversos estudos de carácter histórico sendoo recoñecido como académico correspondente da Real Academia de la Historia e, anos máis tarde, da Real Academia de la Lengua Española.

Escudo episcopal de Manuel Lago González
na igrexa parroquial de Santa María da Guía (Randufe - Tui).

En 1909 é designado bispo de Osma, adoptando no seu escudo o viril de Galicia, na parte superior, o brasón de Tui, na inferior, cunha banda, que lembra á bandeira galega, coas sete cruces das vellas capitais galegas co seu lema “Nobiscum Deum” (lembrando o Emmanuel, Deus con nós, do profeta Isaías).  Filgueira Valverde na biografía que edita en 1934 en Pontevedra escribe a propósito da súa consagración episcopal, o 31 de abril de 1910 na Catedral de Tui, unhas liñas que expresan a personalidade de Lago: Na prensa galega debúllanse unánimes gabanzas. Intre de exaltación patriótica: a xeneración dos “continuadores” ofrece una verdadeira coroa poética ao poeta que é ergueito á cadeira episcopal. Lago é tamén acaroado tamén polo fervor das moitedumes, que o acompaña dende entón. É curioso anotar que a súa modestia, que padecía na presenza alabeeria dos políticos, ou nos ditos gasalleiros dos cregos, ou nas gabanzas da prensa, non sofría nas acramacións populares. Polo contrario, foron dende entón ben acollidas do seu esprito. Lago tiña paixón de moitedumes e interpretaba as acramacións do pobo como recoñecemento da súa participación da potestade divina. Nas súas conversas tenme confesado como gozaba neses intres, desdobrando a súa persoalidade sin sentirse el como individuo, ouxeto das manifestacións. Os seus mellores discursos foron improvisacións inmediatas a un desbordamento da simpatía fondísima que despertaba no pobo”[3].

Vicente Carcel Ortí no seu traballo sobre Lago afirma: Desarrolló en esta diócesis una activa labor pastoral durante siete años, de la que son testimonio numerosas realizaciones: visita pastoral, concurso general de curatos, formación de sindicatos agrícolas y cajas de préstamos, etc. Escribió varias cartas pastorales, pronunció discursos en semanas sociales, en congresos catequísticos y asambleas diversas de carácter religioso.[4]

En 1914 accede ao Senado, en representación da provincia eclesiástica de Burgos, Lago será de novo senador nos anos 1918 e 1919, sendo xa bispo de Tui en representación da provincia eclesiástica de Santiago.

En 1917 foi trasladado á sede tudense, tomando posesión o 15 de agosto e o 26 de agosto entra en Tui. Tui recibe ao seu fillo cunha emoción formidable. Na catedral pronuncia Lago unha das súas mais fermosas oracións. Lembra a súa homilde nacencia, a súa estancia en Lugo, as súas viaxatas pola terra castelán.< Creo modestamente tener un título a vuestro afecto: en Castilla, en la Corte de España, en Levante, en Barcelona yo nunca tuve empacho en confesar mi tierra natal. Gallego soy y me he declaro con noble orgullo en todas partes, no ocultando a nadie, antes buscando la ocasión de cantar a mi viejo solar..>. Neste mesmo sermón ofrece unha definición do que quere sexa o seu episcopado: Un obispo eucarístico y social quiere ser entre vosotros el que ahora inaugura su pontificado.

Permanece seis anos na cátedra tudense onde publica diversas pastorais e sobre todo as súas “Circulares” que edita en case todos os números do Boletín da diocese de Tui. En moitos destes escritos glosa os acontecementos buscando neles o seu sentido espiritual.  No seu mandato mellorou as instalacións do Seminario, acometeu obras na Catedral, en numerosas parroquias e reitorais, etc. promoveu os sindicatos agrarios católicos e as asociacións de segrares e as novas ordes relixiosas asi como a visita pastoral a todas as parroquias.

Varios dos seus poemas, que ás veces asinaba co pseudónimo “Xan d’algures”, foron musicados polo compositor e organista galego José Torres Creo. Autor de numerosas cancións galegas para orfeón, e publicadas posteriormente en versión de voz e piano, entre as que destaca O sol da primavera, con texto do arcebispo e poeta Manuel Lago González. Pero para os tudenses e as xentes do Baixo Miño destaca o seu poema “San Campio, Aires d'o Miño” (1920) tamén arranxado por Torres Creo e publicado para voz e piano en lit. Durán (Madrid) en 1930 que acado merecida sona aínda hoxe conservada[5].


O 24 de xullo de 1923 é preconizado arcebispo de Santiago, aínda que a súa toma de posesión se retrasa ata o 1 de abril de 1924. A súa chegada suscita un grande apoio, especialmente dos sectores do galeguismo, que viron nel unha esperanza para a Igrexa galega.

Recollemos de novo as palabras de Filgueira: Ninguén como él acolleu a mitra compostelán ca prenitude da responsabilidade que entrana. A súa conciencia hestórica do cargo, formada na máis fina coñecencia da gloria compostelán e do seu rol no futuro galego, pesáballe no esprito como unha obsesión (...) Porque Galicia recibeu esta nova cun fervor unánime. Si algún intre de íntima solidaridade galega houbo na hestoria, si Galicia recoñeceu en plenitude os seus propios vínculos, adheríndose voluntariamente a unha autoridade moral, si algunha vez a unidade galega encarnou nun prestixio en quen todo o pobo se vise representado, foi na preconización e na entrada do bispo Lago a Compostela[6]. Esas eran as expectativas que o nomeamento de Lago González á sede compostelá suscitaba na sociedade galega, o primeiro arcebispo galego dende Sebastián Malvar e Pinto, morto en 1795.

Chegada á estación de Cornes de Santiago de Manuel Lago González
na súa entrada na arquidiocese (1924)

O 4 de maio de 1924, como arcebispo de Compostela, o Seminario de Estudos Galegos nomeouno presidente de honor. No acto celebrado no Colexio de San Clemente, sede da Sociedade Económica, pronunciou un ofrecemento moi fermoso Cotarelo Valledor; Castelao leu o seu espléndido estudo O novo esprito; e Fermín Bouza Brey fíxolle entrega ao prelado do folleto Ao noso siñor o arcebispo de Sant-Iago don Manuel Lago González, que contiña unhas palabras sen asinar de Bouza e un conxunto de poesías galegas do arcebispo. Lago pechou o acto con estas palabras: Hai anos, predicando na catedral de Lugo exclamaba co poeta "Ai, esperta adorada Galicia, dese sono en que estás debruzada". E hoxe vendo congregada a esa mocidade estudosa que forma o Seminario de Estudos Galegos, non podo por menos que repetir aqueles versos porque asoma a alborada de gloria da rexión galega (...) Eu son cabo de vós un soldado mais e carón voso traballarei como un mozo nos estudos galegos (...) temos de anovar o noso espiritu. Tornemos o noso ollar á estrela que brilou sobor das carballeiras de Solovio e anunciou ás xentes o lugar do sartego de Santiago. Aquela é a estrela da nosa fe, i-a nosa fe é a nai do tesouro espiritoal de Galicia, da nosa cultura[7]. Rematou asegurando que consideraba ese nomeamento un honor grandísimo, pero que máis que presidente sería un socio activo.

Tanto ou máis relevo tivo o acto de entrada na Universidade. Lago foi recibido no paraninfo, onde pronunciaron salutacións o reitor Blanco Rivero e o estudante de dereito, Ánxel Romero Cerdeiriña, un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos[8].

Por mágoa a súa prematura morte, o 18 de marzo de 1925, impediulle levar adiante os seus proxectos. Neste breve período temporal, acometeu o acondicionamento do claustro da Catedral compostelá e aprobou e publicou os Estatutos do Cabido, cun texto redactado por unha comisión de capitulares, e que consta de 191 artigos. O seu médico afirmou logo na prensa que as súas últimas palabras foron: “Hay que unirse para defender a Galicia”.

Enterro do arcebispo Lago en Santiago de Compostela (1925)

O seu testamento da conta da súa personalidade: Declaro que no poseo dinero ninguno, si no es la escasa cantidad que se haya en poder de mi mayordomo o las más escasas que se encuentren en mis muebles o en la ropa de mi uso. En cambio estoy gravado con deudas que conocen mis familiares, las cuales deseo satisfacer enajenando mis libros y ornamentos y los demás objetos de mi propiedad”

Ao coñecer a opinión pública este testamento xorde una campaña para evitar o alleamento da biblioteca de Lago promovendo que a Universidade de Santiago adquira, coas achegas das xentes de Galicia, esta biblioteca coa finalidade de saldar as débedas do bispo Lago González.  Unha grande resposta levou que os sete mi volumes formasen a denominada “Biblioteca Lago” na Universidade compostelá, sendo inaugurada o 26 de xullo de 1929 nun solemne acto.

Filgueira Valverde no libriño editado en Pontevedra no ano 1934, co gallo do traslado das cinzas de Lago á Capela do Sacramento da Catedral compostelá, escribiu o seguinte:

Vivo e perenne, como a lembranza dos seus feitos, queda na escolma das súas lecturas o maxisterio deste home exemprar. A apoloxía parcial de cada unha das facetas do seu esprito é cousa cativa. Nin a súa obra literaria, nin mesmo os seus actos de goberno, lle farían acadar este fervor galego que semella inmorredoiro. É que Lago foi mais que nada, e así sagazmente o sinalaron L. García e Mons. Tedeschino nos seus póstumos alaudos “como unha encarnación de Galicia”, como o “prototipo cultural” da nosa Terra.

Pero Manuel Lago salienta tamén pola súa obra de creación, especialmente poética. Da páxina web da Real Academia Galega recollemos este esbozo biográfico:

Lago González foi un importante teólogo, gran coñecedor de linguas, orador, arqueólogo e, especialmente, un destacado poeta. Era un creador formalista, que puña freo á súa creación coa rixidez da norma e do canon. A formación bíblica e clásica recibida ao longo da súa vida levouno ao uso das amplificacións, reiteracións e estruturas paralelísticas. Os principais eixes temáticos da súa obra son a natureza, algúns motivos histórico-narrativos e relixiosos, así como as lembranzas da mocidade, da cidade natal e das súas xentes. A lingua empregada oscila, dependendo do poema, entre un amplo repertorio de ornamentos literarios e os xiros da fala familiar aldeá.

O conxunto dos seus sesenta e dous poemas galegos foi recollido en 1967 por Filgueira Valverde, ao quedaren moitos deles manuscritos ou espallados en publicacións da época, como La Integridad, El Norte de Galicia ou Galicia Diplomática. Tamén é autor dalgúns poemas e obras eruditas en castelán[9].

En recoñecemento a súa achega á cultura de Galicia foille dedicado o Día das Letras Galegas no ano 1973.

Tui e as súas xentes sentiron sempre, pola súa proximidade a todos, unha grande admiración por este singular persoeiro. No ano 1923 a Corporación Municipal, presidida por Venancio Lorenzo Álvarez, acorda darlle o nome do recen  nomeado arcebispo de Santiago á rúa Nova. Nomenclatura que continúa na actualidade cunha fermosa placa en mármore obra do tudense Gumersindo Juncal.

Tras o falecemento de Lago o Pleno do Concello, presidido daquela por Estanislao Ferreira Martín de Argenta acorda colocar un retrato seu no Salón de Sesións, que será realizado posteriormente por Antonio Medal Carrera.

Por último, no ano 1984, sendo alcalde Ángel Álvarez Durán, acordouse adquirir á viúva do escultor Xoan Piñeiro o estatua que realizara do arcebispo Lago. Será o escultor Antúnez Pousa quen remate a peza e a prepare para a súa instalación da praza da rúa Ordoñez tudense.

No Museo Diocesano tudense se conservan numerosos obxectos de Lago doados polos seus herdeiros.

Actualmente segue sendo para os tudenses unha personalidade referencial conservándose unha agarimosa lembranza da súa figura. Ao achegarnos ao centenario da súa morte, en marzo de 2025, abrolla a necesidade de afondar no coñecemento deste tudense, figura senlleira da nosa historia colectiva, reivindicando o seu papel como pastor eclesiástico, a súa achega ás nosas letras e á normalización da nosa lingua, a súa afervoada humanidade expresada na súa precariedade de fondos propios.... unha egrexia personalidade merecente de que manteñamos aceso o lume da súa memoria que aporta ao noso tempo valores imperecedoiros que nons enriquecen como sociedade.

Reclamamos dende Tudensia abordar de cara a este centenario a elaboración dunha ampla biografía de Manuel Lago González que recolla a súa traxectoria e dimensión e á súa achega á vida social da época, asi como unha edición actualizada da súa obra literaria, tanto en galego como en castelán, contribuíndo deste xeito a afondar no coñecemento deste singular tudense que hai un século tantas ilusións colectivas suscitou en Galicia e que o seu prematuro falecemento tronzou. A súa memoria forma parte do noso patrimonio inmaterial común que reclama ser conservada e difundida para fortalecer a nosa identidade colectiva.

 


[1] Fandiño, Xosé Ramón : Manuel Lago González. Publicado o 5/7/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=23142. Recuperado o 27/04/2024

[2] Fandiño, op. Cit.

[3] Filgueira Valverde, Xosé Fernando

[6]  Filgueira Valverde, Xosé: Lago González : arcebispo galego. Pontevedra: [s.n.], 1934 (Imp. Antúnez)

[7] Homaxe ao Arcebispo Manoel Lago González. Compostela : [s.n.], imp. 1934 (Nós)

[8] Fandiño, op. Cit.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall

Unha visión de Tui e as fortalezas da fronteira en 1764 por José Cornide

Un dos aspectos normalmente esquecidos na conformación da nosa cidade é a súa condición de praza forte, de emprazamento militar, de cabeceira dun sistema fortificado organizado ao longo do río Miño. Carecemos de noticias documentais ou arqueolóxicas sobre a posible existencia dun muro defensivo no outeiro tudense antes de 1170, cando Fernando II ordena a súa construción ao abeiro da reconfiguración urbanística da cidade que promove este monarca. De seguro que algún tipo de defensas tivo a vella Tude en época sueva e visigoda e especialmente nos primeiros tempos medievais pero o estado actual do noso coñecemento non nos permite superar o ámbito das hipóteses. Neste blog nos temos ocupado no seu día sobre o sistema amurallado tudense en tres post aos que remitimos a quen desexe achegarse a este aspecto do noso patrimonio e historia [1] Reproducimos hoxe un texto do erudito coruñés José Cornide que forma parte do seu libro: Descripción circunstanciada de la costa de Galicia, y raya