Ir al contenido principal

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos.

Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos.

No texto da noticia se afirma o seguinte: La investigación documenta el paso de peregrinos por Tomiño hacia Santiago desde por lo menos 1295, año del que data la referencia más antigua conocida. Como señaló el investigador, Antonio Soliño, el germen del paso del Camino por territorio tomiñés está en la villa de la Barca, “hoxe xa desaparecida situada no actual Goián, topónimo que certifica que era un dos pasos importantes do Miño”. Y si algo caracteriza a la variante tomiñesa es “o alto valor do patrimonio construído pola arquitectura de orixe medieval e barroca, pero sobre todo pola súa arquitectura militar e polo elevado número de elementos etnográficos, especialmente polos cañizos, cruceiros e petos de ánimas, algúns deles con moita importancia histórica[i]”.

Agardando que os promotores desta iniciativa fagan público o estudo que afirman avala con datos esta proposta, cos argumento ata agora expostos resulta evidente a inexistencia de dato algún sobre a presenza de peregrinos por esa ruta histórica. Unha falsidade que xa comeza polo pretendido nome desta ruta: Camiño de Nosa Señora do Norte.

Este pretendido camiño xacobeo foi “inventado” polo sacerdote e profesor de ensino medio portugués Manuel Inácio Fernandes Rocha que no Boletím do Centro de Estudos Regionais de Viana do Castelo publicou no ano 1988[ii] un estudo sobre esta advocación mariana, hoxe perdida, que localiza na capela de Nossa Senhora do Norte “situada na outrora chamada Quinta dos Moinhos, hoje mais conhecida por Quinta do Bicho” cun apuntamento aos camiños de peregrinación a Compostela pero que non aporta dato algún de apoio a esta pretendida ruta por terras de Tomiño e Gondomar.

A singularidade do Camiño de Santiago fronte a calquera outra ruta deriva dunha historia mantida ao longo de moitos séculos e testemuñada nos documentos, que recollen a presenza de peregrinos  -a inmensa maioría de carácter anónimo-, e na literatura odepórica. Na documentación ata agora coñecida todos, absolutamente todos, os peregrinos que temos documentados que percorrendo o Camiño Portugués da costa chegan a Caminha toman a vía fluvial para dirixirse a Valença e Tui no seu itinerario á tumba do apóstolo na catedral de Compostela. Exemplos como Cosme de Médicis, como Buonafede Banti e tantos outros documentan esta afirmación. Ningún documento avala que haxa peregrino algún que cruza o Miño, nin cara a Pasaxe (A Guarda) nin cara a Goián ou outro lugar da ribeira do Miño.

Cómpre resaltar unha vez mais a evidencia: se non temos documentados historicamente peregrinos como é posible  afirmar a existencia dun Camiño de Santiago?. É preciso non confundir, ou enganar, mesturando Camiño de Santiago e cultura xacobea. Esta última está completamente espallada por toda Europa e nomeadamente no territorio da antiga Gallaecia. A presenza de culto a Santiago, ou á Virxe Peregrina -no caso de Estás-, de representacións iconográficas do apóstolo como peregrino, de hospitais, etc. non acredita por si mesmos a existencia dun Camiño de Santiago.

Temos de indicar, ante todo, que na Idade Media os hospitais eran institucións promovidas pola Igrexa católica - primeiro a través dos mosteiros e logo tamén por medio de confrarías e obras pías-, dedicados a atender a pobres e peregrinos. Non esquezamos os mandatos evanxélicos, logo codificados nas “obras de misericordia”, que abranguen, entre outras, a visita aos doentes e a obriga de dar posada aos peregrinos. Por tanto, a creación dun hospital é dar cumprimento a estes mandatos e dar resposta ás necesidades de atención da poboación, maioritariamente pobre e sen recursos propios. A existencia dun hospital era un elemento de prestixio para unha institución e paralelamente un atractivo para a recepción de servos ou foreiros no seu territorio. Xunto a este obxectivo primario estaba tamén a atención aos peregrinos a calquera santuario e mesmo a aqueles que tiñan feito da peregrinación un modo de vida.

A única referencia documental, na que se basean os promotores desta iniciativa, é a existencia dun hospital, do que hoxe conservamos o topónimo, entre Tomiño, Vilameán e Taborda. Segundo o erudito Hipólito de Sá figura citado xa no ano 1295 sen aclarar de onde procede esta referencia documental. Compre lembrar que o mesmo benemérito investigador vigués foi quen asegurou a presenza de Santo Tomás Beckett no mosteiro cisterciense de Santa María de Oia como peregrino, afirmación que se ten demostrado como absolutamente falsa carente de calquera base documental.

No estudo de Hipólito de Sá sobre as boticas monacais recolle nunha nota unha cita que dí expresamente o seguinte[iii]: documento recollido en Galicia Histórica. Colección diplomática. Págs. 294 y sigs. Testamento de María Eans hacia el año 1305 en que hay varias mandas piadosas para los monjes de Melón, para la enfermería y albergueria de los pobres del mismo monasterio, y la mismo tiempo deja “una manta y un lecho para la enfermería y hospital de los pobres de los monjes de Santa María de Oya: “outra manta e hun feltro para a enfermeería dos pobres dos frades do mosteiro de hoia”. Revisado este documento accesible na web (http://biblioteca.galiciana.gal/es/consulta/registro .do?id=6760 ) non figura esta cita ao “mosteiro de hoia” en ningún lugar, o que resulta realmente paradóxico e por tanto cuestiona completamente as súas afirmacións.

Igualmente resulta unha mera especulación a outra cita da mesma nota na que basea a súa información sobre ese hospital entre Tomiño e Vilameán, onda Taborda. Cita un traballo de Fr. Manuel Yañez Neira “El monasterio de Oya y sus abades[iv], no que textualmente dí: En 1295, Fr. Gonzalo Eánez, caballero en otro tiempo de Amorín, a la sazón novicio de Oya, donó al monasterio toda su legítima radicante en Mouriz, Pousadela y un agro junto al puente del hospital.

Baseando nestes textos, Hipólito de Sá elucubra sobre a igualdade de apelidos entre ambas mandas e conclúe que la donación de Gonzalo Eans y la manda de María Eans está relacionadas con el hospital que regentaban los monjes de Oya. Unha afirmación que non deixa de ser unha mera hipótese sen base documental algunha, aínda que a conservación do topónimo “Hospital” é unha referencia de apoio.

Cita tamén un documento real de Fernando IV de 1311 que recoñece dereitos á Granxa do Hospital ou outro posterior de 1409 sobre a Estada Real en Borreiros... chegando a afirmar que correspondería coa vía romana XVIII chamada “por loca maritima”, un tema suxeito a unha enorme controversia entre os arqueólogos que non acaban de fixar o seu trazado. Mencións documentais que non ofrecen unha base mínima para sustentar a presenza de peregrinos por estas rutas medievais.

Pero, como xa sinalamos, os hospitais medievais eran primariamente hospitais para pobres e como segunda ocupación tamén como lugares de acollida temporal para peregrinos. Por conseguinte, existencia dun hospital non outorga historicidade a unha ruta como Camiño de Santiago, é preciso documentar o paso de peregrinos por ese territorio ao longo dos séculos.

Tamén Ernesto Iglesias Almeida no seu traballo sobre “Caminos portugueses a Santiago (en la diócesis de Tuy-Vigo)”[v] fala desta ruta que partindo de Goián pasaba por este lugar do hospital de Taborda, citando tanto o que vimos comentado de Hipólito de Sá como unha cita de Elosa Ferreira do seu libro sobre os camiños medievais en Galicia no que sinala: El Hospital de Taborda documentado con su puente en el siglo XIV, tal como indica Elisa María Ferreira Priegue: "La existencia de este Hospital se explica por que seguramente nos encontramos sobre uno de los caminos Portugueses a Santiago que, cruzando el Miño por San Pedro da Torre, donde todavía hay un paso de lancha, procediese de la zona de Caminha”. De novo conxecturas sen o imprescindible apoio documental.

Mapa de 1762. Arquivo do Servicio Geográfico del Ejército

No ano de edición desta obra de Iglesias Almeida en torno ao ano santo de 1993, cabe lembrar que a Asociación viguesa “Amigos de los Pazos” promovía esta ruta como o camiño xacobeo que pasaba por Vigo, substituído posteriormente polo que deron en chamar “camiño monacal” e, finalmente, “Camiño portugués da costa”, outra falacia histórica no que atinxe ao paso de peregrinos. Tanto Baiona como Vigo, pola súa condición de portos, eran lugar de chegada e saída de peregrinos pero non hai referencia documental algunha no que atinxe a A Guarda ou Oia.

Finalmente, reseñar un amplo capítulo do libro do promotor desta iniciativa que vimos comentando, o investigador Antonio Soliño,  Percorridos polo patrimonio cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor[vi] dedicado ao Camiño Nosa Señora do Norte. Ocupa das páxinas 384 a 405 desta obra, curiosamente sen mención algunha ao Camiño de Santiago ou á presenza de peregrinos xacobeos.

Resulta case pueril a argumentación da existencia de elementos patrimoniais ao longo dese pretendido itinerario xacobeo, pois qué relación existe entre a arquitectura militar ou os bens etnográficos como petos de ánimas, cruceiros, etc... coa peregrinación xacobea?

Todo é unha entelequia fronte a inexistencia de historicidade algunha. Pero o dano que realizan ao Camiño de Santiago, tanto na súa dimensión espiritual como cultural e mesmo turística, é irreparable. Estamos diante dunha nova proposta que contribúe á banalización, a deturpación e ao desprestixio do propio Camiño de Santiago, declarado como primeiro itinerario cultural polo Consello de Europa. Cómpre respectar a historia e o patrimonio cultural documentando con veracidade os feitos e os fenómenos históricos.

O despropósito desta iniciativa é superior cando anuncian que o seu obxectivo é o recoñemento oficial desta falacia como Camiño de Santiago por parte da Xunta de Galicia, pois resulta evidente que non coñecen o artigo 73 e seguintes da Lei 5/2016 de patrimonio cultural de Galicia. Abonda citar o parágrafo 3 de expresado artigo: Poderán ser recoñecidas como Camiño de Santiago aquelas rutas das que se documente e xustifique convenientemente a súa historicidade como rutas de peregrinación a Santiago de Compostela e a súa influencia na formalización da estrutura do territorio polo que transcorren.

O Camiño de Santiago é unha realidade viva, cuxa vitalidade leva aparella a aparición de novas rutas, os neo-camiños, pero sempre cun aval dende a historia e a tradición. Tomiño e Gondomar teñen recursos patrimoniais con potencialidade turística abondo, con singularidade e atractivo que xustifican unha visita ou unha estadía, a creación de produtos turísticos... non resulta comprensible, máis aló do cortopracismo oportunista, que se prescinda da propia identidade para promocionar novas propostas completamente falsas e por tanto carentes de necesaria singularidade que garantan o seu futuro.



[ii] Nossa Senhora do Norte nos Caminhos de Santiago Separata composta e aumentada do Boletim Cultural nº 4 do Centro de Estudios Regionais. Viana do Castelo, 1988.

[iii] Sa Bravo, Hiplólito de: Boticas monacales y medicina naturista en Galicia. León, Editorial Everest, 1983, pp.131-144.

[iv] Separata da revista do Museo de Pontevedra, tomo XXXVIII, 1974

[v] Editado pola Asociación de Amigos de los Pazos. Vigo, 1992.

Comentarios

  1. La historia, hasta ahora, se tergiversaba.
    Pero ahora con tanto bulo en política, con tanta coz suelta…
    Todo es negocio, toda mentira pueda hacerse verdad.
    La culpa la tiene ETA.

    ResponderEliminar
  2. En el fondo, y en la superficie, lo que subyace a esta iniciativa es el interés económico, por el gran atractivo turístico que tiene el Camino de Santiago. Los tudenses harían mejor en cuidar algo más su ciudad y aportar distinto algo a los peregrinos, que entrar en polémicas con los vecino de Tomiño y Goyán. Con todo lo que se podría hacer en Tuy aprovechando el río, el casco antiguo, el Aloya, el Paseo de la Corredera etc, la "competencia" no tendría nada que hacer. ¡¡Así que manos a la obra!!!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall