Ir al contenido principal

A presencia en Tui do peregrino Gian Lorenzo Buonafede Vanti en 1717

A literatura odepórica, sobre viaxes, é unha das principais fontes que posúen os historiadores para documentar a historia das peregrinacións a Santiago de Compostela ao longo dos séculos. Estes relatos ademais do interese que posúen polas impresións que os diversos autores recollen da propia peregrinación, das súas motivacións asi como das cidades e lugares que percorren, teñen o valor substancial recoller as rutas ou camiños que os peregrinos percorrían no seu itinerario ata a Catedral de Santiago de Compostela.


Xunto a documentación histórica, procedente especialmente dos rexistros dos hospitais de pobres e peregrinos, estes relatos son elementos básicos para documentar a historicidade das rutas xacobeas.

Recollemos hoxe un novo relato datado nos inicios do século XVIII, que corresponde a Buonafede Vanti, frade franciscano do convento de Castel San Pietro, provincia de Bolonia. Peregrinou a Santiago de Compostela no Ano Santo de 1717 e deixou un relato da súa peregrinación, o Viaggio Occidentale a S. Giacomo dei Galizia, Nostra Signora Della Barca e Finis Terrae (1717-1718).  Este relato foi editado, con interesantes notas, por Guido Tamburlini no ano 2004 nunha edición a cargo da Universidade de Trieste e o Centro Italiano di Estudi Compostellani de Perugia.

Non son moitas as noticias acerca da súa vida: estudou Teoloxía en Nápoles, na época do vicerrei do Carpio, foi lector de Teoloxía na Universidade de Bolonia e viaxou en diversas cidades italianas como Palermo, Ferrara, Cremona, Perugia, Módena, Milán e Turín. Manifesta unha óptima cultura humanística, demostra un valido coñecemento arquitectónico  aínda que valora escasamente o que non é á moda moderna, que quere dicir barroco, único estilo digno do seu aprecio probablemente influenciado polo clima derivado da Reforma católica xurdida tras o Concilio de Trento. Solicitou á orde franciscana o permiso para irse de viaxe devocional a Santiago e tivo que esperar vinte anos para que llo concedesen. Cómpre sinalar, seguindo a G. Tamburlini, que ata ese ano unha viaxe ata Compostela resultaba impracticable polas continuas guerras que asolaban a Europa e mesmo a España involucrada na Guerra da Sucesión, tamén no que atinxe as rutas marítimas, dificultadas pola presenza de corsarios e cun bloqueo naval no comercio, tanto no Atlántico como no Mediterráneo.

A peregrinación ou viaxe de Vanti xa ten sido analizada en diversos traballos, cunha especial atención a súa peregrinación ata Nosa Señora da Barca en Muxía, pero no seu periplo Vanti é un exemplo das peregrinacións marítimas, neste caso polo Mediterráneo, o que lle outorga un maior interese ao seu relato. Vanti como moitos dos outro protagonistas dos relatos de peregrinos polo Camiño Portugués chega a Portugal por vía marítima (especialmente aos portos de Lisboa ou Porto) comezando naquelas cidades o seu camiñar cara a Compostela.

Cando empezou a súa peregrinación -o día 30 de marzo de 1717- tiña preto de cincuenta anos. Levou como guía para a súa peregrinación o texto de Domenico Laffi, Viaggio in Relator a San Giacomo dei Galizia e Finisterre, obra que foi utilizada por numerosos peregrinos italianos até ben entrado o século XX. O propio Vanti afirma “sempre l’ho portato meco”.

O itinerario seguido é longo e complicado: desde o convento boloñés Buonafede Vanti diríxese a Bolonia, pasa por Modena, Parma, Piacenza ata Xénova. O seu proxecto inicial era cruzar os Alpes e percorrer a Francia meridional. As dificultades comentadas anteriormente o deciden a procurar unha ruta alternativa. En Xénova pois se sube a un barco francés, ben provisto para facer fronte a posibles ataques berberiscos, que o deixa no porto de Cádiz, pasando antes por Málaga e Ceuta, cunha duración da travesía dun mes. De Cádiz marcha por vía fluvial ata Sevilla, onde retoma a peregrinación a pé. Camiña até a desembocadura do río Guadiana e deixa unha interesante descrición da parte meridional do Camiño Portugués -o tramo que vai desde Estremadura a Lisboa- moi pouco frecuente nos relatos de viaxe. Percorre localidades como Ayamonte, Alcoutim, Mértola, Beja, Alcácer do Sal, Setúbal e Lisboa. Tras unha estadía na capital portuguesa segue Santarém, Tomar, Coimbra chegando despois a Aveiro onde toma unha barca ata Porto, continuando por Vila do Conde e Caminha.

Nesta vila, na desembocadura do río Miño, toma unha barca que sube polo río Miño ata a cidade de Valença, como ao longo dos tempos teñen realizado os peregrinos que percorren o Camiño Portugués da Costa dende Porto a Valença e dos que conservamos o seu relato. Anteriormente Cosme de Medici en 1669, que chega a Caminha dende Viana do Castelo por vía marítima e continua o seguinte día subindo a través do río Miño ata Tui. Tamén dende Caminha achégase a Tui pola ruta fluvial Domenico Laffi, peregrino en catro ocasións ao sepulcro do apóstolo Santiago, na súa última peregrinación dende Lisboa no ano 1691.

Ë preciso lembrar que ata o presente non dispomos de calquera relato ou documento que recolla que algún peregrino cruce o esteiro do río Miño para continuar o seu camiño a través de A Guarda e Oia. Un feito incuestionable a pesares das múltiples afirmacións que en sentido contrario se realizan nestes tempos, falando dunha historicidade que carece de referencias documentais.

Vanti chega a Tui o 29 de xullo de 1717 e no seu relato nos deixa unha descrición sucinta da cidade, coincidindo con outros peregrinos daquela centuria, no mal estado das defensas da cidade. Dende a contenda con Portugal (1640-1668) a preocupación polo estado das murallas é unha constante naqueles momentos. Así en 1706 o gobernador da cidade, Francisco Antonio Maestrenuncio, comenta que por todas partes se puede entrar en ella y ser las fortificaciones exteriores de tierra y casi sin foso de lo llano que está y sin entrada cubierta y el casco de la ciudad solo tiene huna simple falsabraga alrededor de huna muralla antigua sin tener terraplén por estar pegada a dicha muralla.

A outra impresión é o mal estado da cidade, a pouca calidade das construción e o aspecto lixoso das súas rúas. Tamén neste tema coincide Vanti con outros peregrinos que tamén falan deste aspecto pobre e sucio non só en Tui senón que o estenden á localidades galegas que percorren. Galicia, como territorio afastado tiña un nivel de vida moito máis empobrecido que o resto do reino, e que nin as principais cidades galegas lograban un nivel de vida comparable coas principais vilas do resto da España ou Portugal.

Recollemos de seguido o relato de Buonafede Vanti do seu percurso polo noso territorio:

Comignia (Camínha)

Está rodeada de muralla, coas súas portas non mal construídas en pedra, situada no mar no final do rio Omigno (Miño),  hai unha praza grandiosa no medio na que foi creada un bela fonte de mármore, con auga abundantísima. É grande con habitantes ricos polo tráfico (comercio) que viven en excelentes casas. Os Pai Observantes Descalzos (do convento de Santo Antonio), cos que pasamos a noite, teñen o seu convento nunha altura dominante sobre esta terra e a Galicia veciña.  Mostráronme ás cinzas do B. Domingo de San Xulián, que se contentaba con pan e auga e unha única túnica farrapeira de pel de lobo mariño, e me adornaron con flores a mesa do refectorio e a cama.

Sobre as cinco horas da noite dous frades, aos que llo pedira a noite anterior, leváronme ao porto, alí subín a un barco descuberto, pero cuberto cunha vela, axiña quedei durmido e percorrin catro leguas polo dito río, que divide o Reino de Portugal do de Galicia, vixiado polo barqueiro, atopeime ante Valenza, a cidade do rei portugués.

O 29 sobre as dúas horas de sol baixou do barco e entrou en Tui, a primeira praza do reino de Galicia nesta parte.

Tuij (Tui)

É unha cidade episcopal, situada case fronte a Valenza, nun outeiro, mal coidada no que se refire ás casas. Ten unha fortaleza con vistas ao río, e a ribeira de Portugal, á antiga usanza, con ameas (ou merlóns), parte delas caidas, parte delas ameazando ruína, gobernada polo seu “castelano” (ou gobernador) e milicia, polo tanto conta cunha boa guarnición. Na entrada vense moitas empalizadas, e hai un posto de garda.

Súbese á cidade que está un bo tiro de pedra, se entra nunha praza competente (axeitada ou digna), que estaba chea de xente cando cheguei, porque era o mercado. De aquí fun aos observantes (franciscanos do convento de San Antonio, popularmente coñecido aínda hoxe como San Francisco que fora fundado no ano 1684), e dixen misa, logo feita unha pequena colación, visitando o convento, aínda que grande, de pouca calidade, saín e vin polo lado esquerdo uns baluartes en ruínas, onde había moita maleza medrando; sen ver nada que me gustase, marchei por unha rúa moi sucia e mal coidada. Ao saír da porta, aparece aos teus ollos unha gran campiña, que ten á dereita montañas moi áridas, copiosas de pedras de tamaño inconmensurable, verdes montañas á esquerda fermosas de mirar, e no medio unha estrada, que durante dúas leguas conduce a Porigna, árida en todo.

Moitos peregrinos, como xa fixera por exemplo Frei Claude de Bronseval en 1533, recollen a imaxe de montes estériles, cheos de pedra e que facian moi dificultoso o tránsito polos camiños.

Gian Lorenzo Buonafedi Vanti chega a Santiago o domingo 1 de agosto de 1717. Na súa visita a Santiago que comprende varios días recolle a gran afluencia de peregrinos na basilica que lle dificultan acceder ao abrazo ao apóstolo, había sinala Vanti había numerosa xente que enchía toda a igrexa.

Visita tamén Fisterra e Muxía, que describe moi detalladamente, chegando a incluír no seu relato a tradución dun libriño enteiro dedicado á exaltación do culto mariano. Estas etapas das súa peregrinación son para J. Caucci “la parte central de su estancia en Galicia (...) que descibe con mucha atención y entusiasmo, ya que el autor lo considera tan importante como para ponerlo en el titulo de la obra”.

A viaxe de volta desenvólvese por terra: por Monforte de Lemos alcanza Villafranca del Bierzo e desde alí segue o Camiño Francés até Astorga, Valladolid, Madrid -con parada nel Escorial- Zaragoza, Logroño -desvío até Santo Domingo da Calzada- saída por Saint-Jean-de-Pé-de-Port, Vía Tolosana e entrada en Italia polo paso do Frejús.

O relato de Gian Lorenzo Buonafede Vanti é pois un novo elo desa cadea multisecular que é a peregrinación ao sepulcro do apóstolo Santiago na catedral compostelá a través das rutas portuguesas que tivo sempre a entrada histórica en Galicia no paso entre as cidades de Valença e Tui. Unha presenza de viaxeiros e peregrinos que forma parte do patrimonio cultural da nosa cidade.


Comentarios

  1. Fantástico Rafael, enhorabuena por esta entrada.un abrazo

    ResponderEliminar
  2. Te felicito Rafael, a este escrito había que darle publicidad en otros medios, especialmente en la prensa escrita. Un abrazo.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le