Ir al contenido principal

O Balneario de Caldelas, a propósito da exposición do seu arquivo fotográfico

 Na Sala Municipal de Exposicións do Concello tudense podemos contemplar ata o vindeiro 8 de xaneiro unha exposición de fotografía antiga que co título de “A nosa auga, a nosa terra, a nosa xente” recolle unha escolma de 77 imaxes procedentes do arquivo fotográfico do Balneario de Caldelas que gracias a unha feliz iniciativa de Ana Rodríguez, xerente do establecemento e continuadora da empresa familiar que leva máis dun século xestionando este lugar de termalismo, de recuperar progresivamente o acervo de imaxes que custodian.

Esta mostra, que xa puideron contemplar os clientes do Balneario ao longos das fines de semana do verán, está agora na céntrica sala tudense para que todos os interesados tanto polas técnicas fotográficas como polas imaxes históricas de Tui e a súa contorna. Ao tempo que recomendamos a todos os seguidores de “Tudensia” a visita a esta magnifica exposición, esta colección nos permite achegármonos a outros dous aspectos a reivindicar. Por unha banda, o valor do Balneario de Caldelas, escasamente valorado e aínda menos coñecido, entre os tudenses e, tamén o valor da fotografía como documento histórico.

Para unha aproximación á historia do Balneario de Caldelas posiblemente a mellor obra ata agora publicada é o capítulo dedicado ao establecemento termal tudense no libro de Luis Alonso Álvarez, Elvira Lindoso Tato e Margarita Vilar Rodríguez : “O lecer das augas : historia dos Balnearios de Galicia 1700-1936” editado por Galaxia no ano 2011. Con todo, esta obra ofrece ampla referencia sobre todo ao século XIX e moito máis reducida á evolución deste “balneario familiar” (este é o título do capítulo a él dedicado) no século XX.

Xa o topónimo Caldelas revela a antigüidade das augas termais nesta ribeira do río Miño. A primeira mención na documentación escrita de Caldelas data de finais do século XIII cando Sancho IV cede como dote a súa filla Violante, para a súa voda con Fernando Ruiz de Castro, entre outras propiedades, a igrexa e vila de Caldelas, que ao pouco, en 1301, este entrega ao bispo tudense, Xoán Fernández de Soutomaior, como compensación polos danos causados á igrexa tudense polo seu pai na guerra.

A primeira referencia que coñecemos das augas termais de Caldelas figura nunha obra monumental publicada polo médico e hidrólogo ilustrado Pedro Gómez de Bedoya que chegara a Santiago de Compostela, en 1754, como médico do Cabido da Catedral, conseguindo ao ano seguinte, a primeira Cátedra de Anatomía e Cirurxía da Facultade de Medicina de Santiago. No 1762 edita por conta do Cabido compostelán o primeiro dos cinco tomos que compoñían o seu proxecto da Historia Universal de las fuentes minerales de España. Trátase dun ambicioso traballo no que estuda 217 augas. Os informes acadáraos Bedoya a través de máis de tres mil cartas que dirixe aos médicos e boticarios de toda España. Por diferenzas, esta vez, co Cabido e co marqués da Ensenada, ministro de Estado, que non remite o diñeiro prometido, só se editaron os dous primeiros tomos. O percorrido por orde alfabético remata na letra “F”, nas augas de Furraqueira do concello de Ribadeo. A obra quedou incompleta.

Nesta obra de Bedoya atopamos a primeira referencia a esta augas de Caldelas, ao recoller que o capitán xeneral de Galicia, Leopoldo Adriano José de Rifflart y Vooght, conde de Itre, solicita aos médicos de Tui un informe sobre se as augas de Caldelas eran axeitadas para atender a doenza reumática da súa esposa (Joaquina de Aguilera, filla dos condes de Casasola del Campo, en Salamanca, con quen casara en 1745 logo de enviuvar de María Bernarda Correa y Sarmiento, filla dos marqueses de Mos, da que non tivera sucesión). O médico tudense, doutor Silva, di no seu informe o seguinte:

La fuente de Caldelas está a orillas del Rio Miño , y acia la parte del Levante. Los naturalas del pais cavaron al derredor de ella, haciendo un pozo, que tendrá de circuito poco mas de veinte pies, y de profundidad algo mas de media vara. En todo el recinto inmediato, si se cava, se descubren manantiales de la misma naturaleza que el principal: y aunque que este está manifiesto de bastante tiempo, no ha tenido nombre, ni sus virtudes se han experimentado hasta cerca del año de 1750 (…) o componen una agua maravillosa, como lo dicen los prodigios , y prontos efectos, que cada día se notan en los enfermos, que a porfia, con distintos achaques concurren a ella.

Non recollemos as descricións das compoñentes destas augas por no ser obxecto do noso post unicamente indicar que pese as limitacións técnicas e de coñecemento o informe do médico tudense é de valor, ao que se engade unha análise por evaporación realizada polo médico da vila de Redondela, Pablo Antonio González, e mesmo a opinión de catedráticos da Universidade de Salamanca que comparan as augas termais de Caldelas coas de Ledesma, en Salamanca, onde no ano 1749 tomara as augas a referida señora. Completa o informe ao Capitán Xeneral que recolle Bedoya con dous casos clínicos dun soldado e un frade que atoparon remedio nestas augas de Caldelas.

Pero en contraste con estas positivas consideración Gómez de Bedoya sinala tamén a precariedade das condicións do lugar, afectado periodicamente polas enchentes do Miño e concluíndo:

No es menester más para conocer lo apreciable que es a la salud humana el agua de la fuente de Caldelas; pero es digna de ponderar la miseria y mala comodidad que tiene los enfermos que se refugian a ellas; pues, cada uno, para estar a cubierto, necesita fabricarsse una choza y llevar, o comprar, todos los utensilios o trastos precisos para su uso; desdiccha, que fuera tolerable, si solo en esta fuente sucediera.

Francisco Ávila y La Cueva recolle na súa “Historia civil y eclesiástica de la ciudad de Tui y su obispado” que na noite do 18 de agosto de 1788 se incendiaron y quemaron todas las barracas o chozas de los baños de Caldelas, y aunque perecieron en medio de sus llamas varias alhajas de los que las ocupaban no peligró persona alguna, pero habiendo vuelto a incendiar en la noche del 21 de setiembre de este mismo año salieron cinco personas muy maltratadas por el fuego y una señora de Pontevedra murió de sus resultas. Entonces las barracas eran todas hechas de paja, colma o centeno. Para evitar en lo subcesivo males iguales mandó la Justicia y Ayuntamiento de esta ciudad que de aqui en adelante se hiciesen las barracas de tablado y teja y por ningún pretexto de paja, y asi se hace en nuestros días (en torno a 1850 que é cando redacta a sua obra Ávila y La Cueva).

Os baños de Caldelas dispuxeron de médico oficial dende 1817 en que foi creado o corpo facultativo en España, sendo o primeiro médico director oficial José Sanjurjo y Mosquera, sendo apartado do posto polas súas ideas liberais e substituído polo doutor Victor González Esteban. Este director médico atendía aos pacientes e receitar o tratamento a recibir e, entre outras encomendas, elaboraban unha memoria anual que informa da súa actividade e nos fornece de abondosa información.

Estas casetas ou chozas se montaban cada ano polos propietarios do terreo, en torno a 20 veciños do lugar, pero en condicións, moi deficientes e mesmo insalubres polo que o médico González Esteban promove a construción de novas casetas, máis afastadas do río Miño, realizándose un total de 24 con zócalo de pedra de tres cuartas de altura e paredes laterais branqueadas no seu interior, todas con fiestras e cociña independientes. Estas barracas, cun mínimo de mobiliario, eran ocupadas polos auguistas de maior capacidade económica (pagando ata 5 reais de vellón ao día) namentres que as antigas chozas eran ocupadas por enfermos aloxados de cinco en cinco por un real de vellón diario.

No estudo de Alonso, Lindoso e Vilar lemos: a xornada de tratamentos organizábase da maneira seguinte: a partir das oito da mañá empezaban a entrar os homes no pazo, onde permanecían arredor dun cuarto de hora. Despois da quenda de homes limpábase o pozo e volvíase encher, proceso que non duraba mais de media hora. A continuación entraban as mulleres e nunha terceira quenda os enfermos contaxiosos e con enfermidades repugnantes. Unha vez completado o proceso, o pozo pechábase ata as once da mañá, hora en que se empezaban a administrar os tratamentos en bebida. Dende as catro da tarde volvíase repetir o proceso, extracción de auga para as bañeiras das barracas, baño de homes, mulleres e contaxiosos e o subministro de doses orais. Algún enfermos pertencentes a familias acomodadas de Tui e outros lugares cercanos enviaban aos seus criados en carros con pipas que enchían de auga para tomaren baños nas súas casas coas comodidades doméstica da época.

Un paso importante na evolución deste enclave termal sucede en febreiro de 1858 cando o veciño de Tui, Antonio Enríquez e Graña, adquiriu a varios propietarios de Caldelas, Porto e Entenza o manancial que correspóndelles por antiquísimos, xustos e lexítimos titulos hereditarios así como o terreo contiguo e unha caseta de pedra tellada e amadeirada. O papel do novo propietario foi decisivo para garantir unha mellora substancial nestas termas de Caldelas e iniciar un aproveitamento das súas potencialidades, usando esta auga mineral en bebida, en chorro e por inhalación. Antonio Enriquez era un acadalado propietario comoprador de numerosos fotos tras a Desamortizaciñon que consolidan a sñua riqueza.

O novo propietario, comentan Alonso, Lindoso e Vilar, tratou primeiro de asegurar o manancial para que a corrente e avenidas do Miño non puidesen descompoñelo nas súas crecidas. Con este fin (...) No ano 1863 levantouse a cada lado do manancial un barracón portátil de táboas capaz de albergar ata once camas e destinado aos enfermos impedidos das clases necesitadas. Dentro dun deles, nun cuarto independente, instalouse un baño de chorro descendente e de regadeira (...) pola mesma época tamén foron reformadas as 32 barracas situadas a cen pasos do manancial, colocadas en liña recta formando dúas rúas incompletas, bautizadas co nome de “Esperanza” e “Carmen”, e con capacidade cada unha delas para dous enfermos cos seus respectivos asistentes. Ademais coñecida a necesidade de dispor dunha fonda con servizo completo no recinto, Enríquez comprou un pequeno terreo onde comezou a construír unha casa-fonda de dous pisos en 1865, con servizo de comidas e cuartos de bañeira de folla de lata vernizada para vinte hóspedes ao prezo de 20 a 22 reais diarios.

No ano 1869 as augas de Caldelas foron recoñecidas como auga mineiro-medicinais e declaradas como de utilidade pública.

Aínda que Antonio Enríquez tentou mercar novos terreos para ampliar e mellorar as instalacións, os propietarios daquelas casetas nin as vendían nin as amañaban, mantendo unhas condicións precarias nas instalacións; como titular do manancial asumía integramente as cargas fiscais. Desilusionado por estas circunstancias a mediados dos anos setenta A. Enriquez puxo á venda o manancial, mais non atopou ningún comprador porque ademais das limitacións do terreo estableceu un prezo demasiado elevado.

A gran novidade nestes anos foi a chegada do ferrocarril que favoreceu o acceso as termas de Caldelas, primeiro a través de Portugal chegando a Valença por vía férrea. Posteriormente en 1878 foi aberto o traxecto ferroviario Vigo-Tui-Caldelas- Salvaterra e, posteriormente, o 30 de maio de 1881 a prolongación da liña ata Ourense.

En setembro de 1882 visitou Caldelas o militar retirado Antonio Oliver y Rubio decidindo vender parte das súas propiedades en Madrid para adquirir, no mes de novembro, o manancial e algúns terreos inmediatos. Oliver inicia un intenso proxecto de aproveitamento médico e hoteleiro que modernizará e consolidará este enclave termal. En primeiro lugar encarga ao arquitecto José Alfaia a reforma do balneario que inclúe un hotel e novas instalacións para os tratamentos para o que tivo de mercar diversas parcelas. As obras non puideron comezar ata 1885 inaugurándose a nova casa de baños en 1886, afastada máis de 100 do río, cunha superficie construía de 460 m2 (distribuídos entre salón de descanso, salas de tratamento, dirección facultativa e un amplo vestíbulo) e contaba cun sistema de transporte da auga dende o manancial. Con este fin construíuse arredor do abrollo de auga mineral nun muro e unha plataforma de pedra de 1,70 m de altura con amplitude suficiente para colocar tres departamentos destinados a tomar inhalacións, descansar e colocar unha máquina de vapor locomovible. Esta forza movía unha bomba aspirante que conducía a auga ao establecemento (...) sobre os bordos do manancial principal inseriuse unha campá de zinc para concentrar os gases da auga mineral. Á súa vez, colocouse encima da arquita do manancial unha mesa modesta con taboleiro de mármore na que se emprazaron catro tubos de bronce que conducían os gases a través da referida campá de zinc. Todos estes servizos, manancial, arqueta e fonte, mesa con inhaladores e máquina de vapor estaban protexidos por un barracón de madeira que había que desarmar cada temporada a principios de novembro a causa das crecidas naturais do río Miño.


Paralelamente á compra no manancial, Antonio Oliver encargou unha nova análise das augas ao doutor en farmacia e recoñecido químico o tudense Juan Areses Alonso logrando importantes avances no coñecemento da súa composición e propiedades.

Neste anos tamén se amplía a oferta de aloxamentos en Caldelas coa aparición de diversos establecementos: Hotel Europa ou de Santero, a Hospedería de Juan, Fonda de Joaquín ou a Hospedería de Genoveva, xunto a Fonda fundada por Antonio Enríquez. As facilidades de comunicación por vía férrea, a mellora do balneario e a moda das estadía en establecemento termais promoven un importante crecemento no número de auguistas na década de 1880.

O proxecto de Antonio Oliver continuou coa construción do Gran Hotel, cuxa primeira pedra foi colocada o 13 de xullo de 1889 inaugurándose o 26 de xullo de 1890. Contaba con catro plantas e capacidade para douscentos hospedes. Aínda hoxe nunha visita ao Gran Hotel de Caldelas podemos coñecer parte destas instalacións que se conservan e testemuñan a calidade das mesmas e como mudou definitivamente as condicións desta localidade termal. Caldelas, aínda que sen competir directamente cos grandes establecementos termais, realizaba unha oferta modesta pero en liña con aqueles tempos e comezou a ampliar o ámbito xeográfico dos seus clientes.


https://www.europeana.eu/es/item/2022719/arpadweb_bib_ADGD160463877

Ata o seu falecemento o 12 de xaneiro de 1900 Antonio Oliver non deixou de promover melloras no balneario, no hotel e no manancial, ao que dota dun elegante quiosco en lugar do barracón de madeira. O seu temperá falecemento, ao 57 anos de idade, frustra os seus proxectos que, con esforzo e dedicación, os continúa a súa viúva, Cruz Echazarreta completando as obras en curso. Anos mais tarde o seu fillo Manuel, enxeñeiro de minas, asume a dirección do negocio familiar que logo continuará a súa sobriña Cruz Ruíz, que amplía e renova as instalacións en torno a 1972. Hoxe, manten a continuidade familiar, na dirección do balneario e do hotel, a súa filla Ana María Rodríguez Ruíz. Cómpre pois un recoñecemento a esta empresa familiar que continua, logo dun século, coidando do manancial e da oferta terapéutica e de aloxamento ligada a estas augas termais. Como tantos outros establecementos termais, o Balneario de Caldelas logo do esplendor daqueles tempos a cabalo entre o século XIX e XX viviu tempos de decadencia ata as últimas décadas onde asistimos a un “revival” do termalismo valorizado como unha referencia de saúde e lecer.

No caso de Caldelas cómpre destacar que na súa evolución xoga un papel fundamental os sectores burgueses da sociedade que apostan por investir, caso de Enriquez e Oliver, ou utilizar os seus servizos. Pero xunto a esta distinción social, Caldelas e outros establecementos balnearios galegos, tiveron sempre un gran favor popular, cun gran número a auguistas de clases populares que foron a principal clientela tantos dos balnearios como das pousadas e fondas. Esta dimensión popular das augas medicinais de termas e caldas, en palabras do historiador Ramón Villares, é tamén un bo indicador do fácil encaixe que tivo o termalismo nunha cultura de raíz campesiña como a galega. Porque aínda que gran parte do éxito dos balnearios estaba na súa capacidade para “curar o espírito” dos seus visitantes a través do descanso, do contacto coa natureza, das relacións de sociabilidade e mesmo da practica do hixienismo tamén era evidente a súa funcionalidade curativa das doenzas do corpo. E para unha mentalidade agraria na que o corpo era ferramenta esencial para o traballo, as augas eran claramente un benfeito e non unha escusa propia de filisteos que gustasen do “sport” e do coidado do corpo por razóns estéticas e non propiamente terapéuticas.

Foi esta combinación entre distinción social e a condición de centros de sociabilidade entre os sectores burgueses (no caso de Caldelas cunha notable presenza de clientes procedentes de Portugal) que proporcionaban os hoteis dos balnearios a que deulle prestixio ao mundo termal. Pero paralelamente a procura de saúde de sectores mais modestos socialmente ou mesmo populares foi seguramente a quen permitiu a continuidade de establecementos como o de Caldelas ao longo de moitas décadas do pasado século XX, máis modestos nas súas instalacións e ofertas que as grandes referencias que todos temos en mente (Mondariz, A Toxa ou Cabreiroá).

O Balneario de Caldelas escasamente coñecido polos tudenses constitúe unha referencia para o noso municipio e, na actualidade, un importante recurso que singulariza e mellora a oferta turística de Tui.

Xunto a esta breve referencia á evolución deste enclave termal, o segundo motivo deste post era recoñecer o valor da exposición da que falabamos ao inicio, “A nosa auga, a nosa terra e a nosa xente” que escolma unha parte dos fondos fotográficos que custodia o Balneario de Caldelas, imaxes en cristal realizadas polo primeiro propietario Antonio Oliver como polo seus fillos nas últimas décadas do século XIX e primeiras do século XX e que gracias unha feliz iniciativa da actual directora, Ana Rodríguez Ruíz, podemos coñecer recuperando asía parte da nosa memoria.

As fotografías, máis aló do seu valor artístico, posúen una valor como documento histórico que nos axudas a ilustrar parte da memoria colectiva. A fotografia captura un instante, conservando asi a realidade dun momento temporal concreto, converténdose nun documento histórico, nunha testemuña visual e gráfica dun territorio, dos seus costumes. Velaí o singular valor que posúe esta exposición que hoxe podemos contemplar na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui.

Unha colección de imaxes que abrangue a vida diario do Balneario e as súas instalacións, por exemplo a montaxe e desmontaxe anual do barracón creado por Antonio Oliver no manancial, ou as cociñas do hotel, así como imaxes da familia propietaria ou dos clientes do establecemento termal.

Imaxes tamén da evolución da localidade de Caldelas xurdida arredor das súa Carmen e Esperanza, que xa documentamos no século XIX, cos establecementos hostaleiros, a estación do ferrocarril ou a capela do Carme (cuxa construción se inicia en 1903 e que promoven a propietaria do Balneario, Cruz Echazarreta, xunto ao arcediando de Santiago, Luciano Fontán Illas, e que se consagra en 1914). Tamén podemos ollar diversas imaxes do río Miño, entre elas unha fermosa imaxe da pesca onde figuran tamén dous mariñeiros do Destacamento da Armada existente en Caldelas naquela altura, ou do acueduto do Puntillón (testemuñando así a súa antigüidade e singularidade que reclama que no maís breve prazo se repoña integramente no lugar logo da agresión que ten sufrido nas obras promovidas pola Confederación Hidrográfica) ou paisaxe de Lapela, Entenza ou da propia cidade de Tui.



 

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le