Ir al contenido principal

Presentación do libro "Breve historia de Tui"

O pasado martes, 15 de xuño, celebramos na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, a presentación do libro “Breve Historia de Tui”. Este acto contou coa participación de Cristóbal Ramírez, xornalista especialista en turismo e no Camiño de Santiago, José Ramón Fernández e Isilda Salvador, do Instituto de Estudios Tudenses e vinculados profesionalmente á Catedral de Tui e ao Núcleo Museolóxico de Valença respectivamente, e polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto co autor.


A obra, editada por Ediciones Accidentales e impresa por Gráfica Juvia de Tui, realiza unha visión panorámica do devir histórico da cidade de Tui, procurando unha linguaxe accesible a todos os públicos, co obxectivo de difundir a inmensa riqueza histórica que atesoura esta cidade.

Existe unha ampla bibliografía, se subliña na introdución do libro, que estuda aspectos diversos da historia, da arte, das tradicións, do patrimonio tudense, pero moi escasas obras que fagan un achegamento xeral á súa historia. Este libro pretende encher ese oco na ampla produción de estudos e investigacións sobre a nosa cidade.

Achego unha reportaxe do desenvolvemento da presentación asi como as palabras que pronunciei no decurso desta presentación.

Prezados amigos

En primeiro lugar, expresar a miña inmensa gratitude a todos os que estades presentes neste acto de presentación desta  “Breve historia de Tui”. A vosa asistencia expresa, ante todo, a vosa amizade e a vosa xenerosidade cara a miña persoa, pero expresa tamén o voso interese pola nosa cidade, pola súa historia; expresa con rotundidade que falar da nosa historia, do noso pasado, da nosa traxectoria común como comunidade non é unha mera diversión diletante dalgúns escollidos, nin unha acción cultureta mais para autosatisfacción dunha elite intelectual...

En Tui esa afirmación tan repetida de que “non podemos ser outra cousa que o noso pasado e o coñecemento que nel adquirimos” ten plena vixencia. A vosa presenza demostra que Tui é unha cidade de fondas raíces, de prolongados camiños que serpean por séculos de vida común e compartida neste proxecto colectivo que é Tui. Os tudenses sentimos esta construción histórica como propia, como nosa, como ese ruxe ruxe do que non podemos, nen queremos, afastarnos, por que sabemos que esa é a nosa riqueza, a nosa identidade. A vosa presenza nesta presentación reafirma este meu convencemento.

Desculpas por non nomear un por un a tantos amigos que hoxe asistides a esta presentación. Gracias a todos por compartir este rato de calor. E gracias tamén a todos os tudenses, de hoxe e do pasado, sen eles este libro non sería posible, eles, vos, sodes os protagonistas desta obra, aos que este compilador so quere dar voz, presencialidade, protagonismo.

Unha gratitude que se concretiza nas persoas que me acompañan na mesa. A Cristobal Ramírez, acreditado xornalista de La Voz de Galicia, animador incansable dos camiños xacobeos, amigo entrañable que me ten aberto, nos poucos anos en que levamos coñecidos, as portas xenerosas da súa amizade, e que traballou abondo, xunto con Lalo Mayo, na preparación deste libro con entrega xenerosa que non poderei pagarlles.

Amizade e gratitude permanente, consolidada pola nosa común nacencia en San Bartolomeu -e eso, me desculparan todos, marca un grao de condición tudense-, lle debo a Jose Ramón Fernández, por compartir todos os seus moitos saberes sobre a historia, a arte e as xentes de Tui e aconsellar  e orientar, con tino e lucidez, a redacción desta obra.

Agradecemento tamén a amiga Isilda Salvador, valenciana das terras tudenses de Transmineo, que me ensinou, tantas veces, a coñecer e amar a historia de Valença e a superar a vella ponte da incomunicación que tantas veces afasta a ambas ribeiras do Miño. Gracias Isilda polo teu saber e pola túa amizade.

Gracias tamén ao noso Alcalde, Enrique Cabaleiro, por asistir a este acto, polas súas esaxeradas palabras coas que me ruborizo e que se deben a súa xnerosidade pero máis aló da súa digna condición persoal encarna, como alcalde, o obxectivo deste libro, animado polos tudense e feito para os tudenses.

Gracias a Juan Lima, con ese nome moitos non saberán a quen me refiro, a Juan de Juvia, propietario de Gráficas Juvia... sen él este libro non seria posible, el ten asumido a súa edición que poderemos compensarlle coa venda desta obra que non recibiu financiamento público de ningunha institución u organismo, pois creo que a sociedade civil ten capacidade dabondo sen precisar de continuo de axudas. Juan Lima mantén o facho dunha alongada tradición de impresores tudenses, que se prolonga dende hai xa dous séculos, cun traballo entregado e colaborativo, de xa corenta anos con Gráficas Juvia... que lle ven seguro da súa infancia en Santo Domingo.

E gracias moi especialmente a miña familia, a Coral e os meus fillos. A eles débolles o cariño e o tempo roubado para dedicarme a redacción desta obra e tamén polo seu elevado espírito crítico que tanto axuda a concretizar os meus escritos e moi especialmente esta obra.

Como sinalo na introdución, esta obra débelle o seu valor so foi ás innumerables achegas que tantos e tantos investigadores ao longo dos anos teñen aportado ao coñecemento do noso pasado. Este libro se nutre das súas obras e a elas remitimos para afondar no coñecemento do noso devir histórico.

É de xustiza pois lembrar hoxe a historiadores como Francisco Avila y La Cueva, Pascual Galindo Romero, Manuel Fernández-Valdés, José García Oro, Xosé María Álvarez Blázquez, Ernesto Iglesias Almeida, Aquilino G. Santiso, Suso Vila, Juan José Perles, Marta Cendón,Silvia González Soutelo Bieito Alonso e tantos e tantos outros nomes sen esquecer aos compañeiros e amigos do Instituto de Estudios Tudenses, varios deles aqui presentes. Sen eles non existiría esta obra, pois deles recollemos e documentamos as nosas páxinas. Poucas cidades como Tui poden gabarse de posuír unha nómina tan acreditada de estudosos que tanto teñen contribuído ao coñecemento do noso acervo, do legado recibido dos nosos devanceiros

Stefan Zweig nunha das súas obras expresa coa habelencia da boa escritura o seguinte: os libros se escriben para unir, por encima do propio alento, aos seres humanos.

Esta breve historia de Tui quere unir, unirnos co noso pasado, revitalizar a nosa memoria colectiva, asentar o orgullo de Tui, da súa historia, da achega dos tudenses que nesta terra, dende hai miles de anos, teñen traballado, rido e chorado, teñen amado e sentido; unha cidade que teñen construído coas súas mans, co seu esforzo, ilusión e cobiza por un mundo mellor. Este libro pretende que a nosa memoria sexa tamén como o granito da nosa cidade, permanente, e contribuír a recuperar nomes como Martín Muñiz e Paio Martínez, Pedro Menéndez, Fernando Soares e Pedro Pombo, lideres das revoltas medievais, ou Cándida Rodríguez, Joaquin Estevez Besada ou Venancio González Romero, os mártires de Sobredo, e tantos outros que agardan, ancorados no tempo, ser rescatados.

Nun fermosísimo libro que acabo de ler, “El infinito en un junco” de Irene Vallejo, gañador do Premio Nacional de Ensaio de 2020, Deixen este libro e lean esta marabillosa obra sobre “a invención dos libros no mundo antigo” pero que fala da actualidade. A autora na última paxina recolle unha cita dun poeta e viaxeiro, o zaragozano Fernando Sanmartín: el pasado nos define, nos da una identidad, nos empuja al psicoanálisis o al disfraz, a los narcóticos o al misticismo. Los que somos lectores tenemos un pasado dentro de los libros. Para bien o para mal.Un libro es siempre un mensaje”

E a miña mensaxe é sinxela, simple, os tudenses non precisamos nin psiconalise, nin mascaras (“mascaritas” dicimos en Tui), precisamos ollar ao noso pasado, ao noso excepcional pasado, e sentírmonos orgullosos dos nosos devanceiros, dos tudenses que nestes últimos dous milenios teñen creado co seu esforzo e ilusión, cos seus acertos e erros, unha cidade excepcional, pero nin mais nin menos que ningunha outra, dotada dunha traxectoria da que temos que considerarnos como continuadores e custodios.

Pero precisamos, como sociedade, unha pequena terapia, á que agardo este libro contribúa: compre rachar co “bucle melancólico” no que vive comodamente instalada unha boa porción da sociedade tudense, desbotar de nós ese continuo laio sobre o que fomos e agora non somos, sobre as glorias pasadas, as decrépitas vidas desta cidade levítica que diría Camilo Bargiela. O noso pasado non é un motivo de lástimosa saudade ou de morriña paralizante, senón un alento de esperanza, a testemuña da capacidade da sociedade tudense de se erguer de continuo. Ollar á nosa historia, que se expresa especialmente noso patrimonio, tanxible e intanxible, é comprobar que os tudenses fomos capaces, en medio de guerras, dificultades, tiranías, opresións, etc de construír xuntos unha fermosa cidade da que sentirnos orgullosos.



O xeito como unha cidade lembra a súa historia – coas súas luces e sombras, coas súas grandezas e miserias- reflicte como se percibe a si mesma e, moi especialmente, como quere ser, qué proxecto común quere construír.

Este libro non pretende ser unha rememoración que olla con nostalxia ao pasado senón unha afirmación das capacidades de Tui e as súas xentes para reposicionarse, para repensármonos como cidade.

A nosa historia, o noso amplo patrimonio cultural non é unha pesada carga coa que temos de resignarnos e tentar de liberarnos desa condena que impide o noso desenvolvemento. Con este libro querería contribuír a demostrar que no noso pasado está o noso presente e, moi especialmente, o noso futuro. Xa non somos praza de guerra, capital provincial, cidade episcopal, nin centro comercial.... Funcións que ao longo do tempo desempeñou a nosa cidade. Hoxe  gran riqueza de Tui é a nosa historia, o noso patrimonio, asi como a nosa posición estratéxica no territorio do noroeste peninsular de ponte entre Galicia e Portugal. Nunha axeitada e estratéxica xestión do noso pasado, da nosa historia, da nosa situación no mapa, están as oportunidade e as potencialidades de futuro de Tui, as novas industrias teñen que ver co aproveitamento sustentable do noso acervo cultural, coa promoción dun turismo diferenciado e de calidade (por que non Tui unha cidade slow?).

Este libro se nutre tamén especialmente da querenza pola nosa cidade recibida da miña familia e de tantos e tantos tudenses que, ao longo dos anos, ensináronme coas súas palabras e actos a querer a unha cidade e unha terra chea de beleza, de arte, de patrimonio, de vida... pero acostumada a permanecer silandeira, agochada.... pois, tantas veces, por un maldito complexo, non somos quen de comunicar o patrimonio tanxible e intanxible que nos singulariza e que expresa unha parte da historia e do espírito non xa de Galicia senón da vella Gallaeciae que une as terras do norte e o sur do río Miño. Agardo que coa axuda dos lectores desta Breve Historia de Tui poidamos facelo entre todos. Moitas gracias



 

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le