Ir al contenido principal

O sermón dos Xogos Florais de Galicia de 1891 de Antonino Cerviño

O vindeiro 24 de xuño celebramos o CXXIX aniversario da celebración en Tui dos Xogos Florais de Galicia, o primeiro acto público celebrado integramente en lingua galega logo de séculos de desleixo pola nosa lingua como expresión culta, iniciando un proceso de recuperación e normalización do idioma galego no que aínda estamos.

A conmemoración destes Xogos Florais, mais aló da significación que posúen para a cultura galega, supoñen colocar a Tui como protagonista dun dos fitos na recuperación da nosa lingua. Especialmente nunha cidade, como a nosa, que non se caracteriza polo uso do galego entre a poboación, pois os condicionantes da evolución histórica achegaron á boa parte da poboación urbana, nos derradeiros séculos, a un uso case exclusivo do castelán como lingua vehicular.

En consecuencia, este efeméride do 24-26 de xuño de 1891, en que Tui acolleu a celebración dos Xogos Florais, é merecente de lembranza permanente, tanto no calendario de actividades anuais como con algunha expresión material que converta en permanente este recordo.

Tres foron os actos centrais daqueles Xogos Florais. O 24 de xuño foi no Teatro Principal onde tivo lugar o certame poético e os discursos de Manuel Murguía, Manuel Lago González e Alfredo Brañas. O 25 a  catedral de Santa María acolleu a cerimonia litúrxica dedicada a San Telmo, pois o Concello tudense tiña trasladado as festas santelmianas a esta data para dar maior realce aos Xogos Florais. E de novo o Teatro Principal escenario na tarde do 26 de xuño o banquete rexionalista, servido polo Hotel Comercio, onde de novo Brañas e Murguia tomaron a palabra.


Querería hoxe prestar atención a un dos eventos destas xornadas que é menos coñecido polo público, refírome ao denominado “Sermón Rexionalista” que pronuncia na Catedral de Tui na función de San Telmo, o cóengo maxistral Antonio Cerviño González. Un sermón que é tamén a oportunidade para recoñecer á figura deste singular persoeiro que tivo tan importante protagonismo no Tui de finais do século XIX e principios do XX.

Do ano 1977 hai un delicioso traballiño do médico e humanista tudense Darío Álvarez Blázquez publicado na revista Encrucillada titulado “Don Antonino Cerviño, un crego que clamou dende o púlpito, pola redención da nosa terra”. A mestura de datos biográficos sobre o cóengo tudense xunto con vivencias e lembranza familiares converten a este artigo nunha pequena xoia que paga a pena ler.

Antonino María Cerviño González nace en Anta – Areas o 10 de maio de 1852, fillo de “José Cerviño, de profesión cirujano, natural de Tebra (Tomiño) y de Josefa González, natural de Randufe”. Eran cinco irmáns, todos homes, entre eles Florencio, tamén presbítero, cóengo maxistral en Tui e finalmente bispo de Ourense dende 1921 ata a súa morte en 1941. 

Antonino estuda no Seminario tudense no que ingresa no curso 1862-63, “cursou alí con moi boas notas, cáseque todas de <Meritisimus> os catro primeiros anos de Latín, os tres que siguen de Filosofía e os catro restantes de Teoloxía, que rematou no curso 1872-73. E despois desaparez (...) no ano 1873 saíu de Tui e no 1876 entra no Seminario de Buenos Aires, onde estuda Sagrada Escritura, Patroloxía e Oratoria Sagrada, correspondentes ós 5º e 6º ano de Facultade”. No mesmo ano que ingresa no Seminario bonaerense, o 10 de xuño de 1876 é ordenado presbítero. Foi profesor no Seminario de Buenos Aires e o 12 de xuño de 1876 foi nomeado Director e Capelán do Instituto Benéfico “Damas de Caridad”.

Non está moi clara a súa actividade entre a saída de Tui e a entrada no Seminario bonaerense, nalgúns lugares se sinala que estivo de misioneiro en Paraguai... El mesmo no Sermón que pronuncia co gallo dos Xogos Florais manifesta que el coñece o mundo da emigración pois “yo los hallé en las llanuras casi infinitas de la Pampas americanas, en los bosques casi vírgenes del Brasil, cruzando los ríos caudalosos del Paraguay, en las margenes frondosas del Paraná, curtidos por los fuegos del Ecuador y de los trópicos”.  Da súa estadía americana publicou un libro titulado “Una Nochebuena en la pampa”.

Como el mesmo sinalou, debe retornar a Tui por “deberes filiales”, posiblemente a enfermidade dalgúns dos seus pais. Ao retorno, amais de completar no Seminario de Santiago a súa licenciatura en Dereito Canónico, foi nomeado, o 1 de outubro de 1877, catedrático de Latinidade no Seminario Conciliar de Tui;  o 1 de outubro de 1880 pasa a ensinar o terceiro ano da Facultade de Filosofía, desempeñando os cargos de Director e Vicerreitor ata 1887. Neste ano pasou a exercer como párroco de Santa Cristina da Ramallosa. En 1891 gaña as oposicións para cóengo-maxistral da S.I. Catedral de Tui, tomando posesión o 4 de febreiro; opositará logo para cóengo penitenciario, tomando posesión desta coenxía o 9 de decembro de 1892.

Antonino Cerviño desenvolverá en Tui unha moi intensa actividade. Nas últimas décadas do século XIX en torno ao Seminario tudense fórmase un grupo de sacerdotes, de grande capacidade intelectual e de ideoloxía integrista, conformado por Antonino Cerviño, Miguel Vallejo, Teodoro Sánchez Patiño, Juan Macaya e Javier Pimentel, ao que se incorpora o alumno Manuel Lago González (que será logo seu principal líder), Victoriano Paradís, Prudencio Iglesias Sánchez, Antonio Dávila. Este grupo, no que Cerviño ten unha importancia capital, desenvolverá unha intensa actividade en defensa dunha política confesional católica.

Tras a derrota dos partidarios do D. Carlos na terceira guerra carlista (1872-1876), o carlismo procurou unha reorganización do partido entre as diversas tendencias existente. Unha delas representada por Cándido Nocedal e logo polo seu fillo Ramón Nocedal, tiña como voceiro o xornal “El Siglo Futuro”, propugnaban a aplicación integra da doutrina católica que condenaba o liberalismo e o réxime político por el promovido.   Os integristas desenvolven unha defensa a ultranza dos principios católicos e opóñense a unha política de entendemento co liberalismo conservador. Na liña daqueles tempos será na prensa escrita onde se desenvolva especialmente a acción política e de opinión pública.


En Tui o xornal “El Eco del Miño”  publica o seu primeiro número o 14 de agosto de 1879, chegando ao número 448 de 21 de xuño de 1883. Foi dirixido, nos primeiro doce números, polo catedrático de Dereito en Santiago, Luis Zamora Carrete, que ao estar casado cunha tudense mantiña amplas estadías na cidade, e logo por Justo Salvador Fortes, notario eclesiástico, pero a verdadeira “alma mater” do xornal era Antonino Cerviño. Dende as súas páxinas, tal como era obrigado naquela época, mantivo polémicas con diversos xornais de Galicia (os vigueses La Concordia ou Faro de Vigo, etc.) entre elas, salientou a mantida con “El Anunciador” de Pontevedra que dirixía Indalecio Armesto, que durou ata dous anos de polémica de alto nivel intelectual. Pero Cerviño dende o xornal mantivo outras polémicas, unha delas co alcalde tudense, o conservador Hipólito Padín Diez-Robles, polo subministro de carne, chegando o alcalde a suspender por un mes o citado xornal. Cerviño publica tamén unha serie de artigos titulados “Astronomía popular” evidenciando a amplitude dos seus coñecementos.


Este grupo, agora cos renovados folgos de Manuel Lago González, crea un novo xornal cun nome ben significativo: “La Integridad”, que tira do prelo o seu primeiro número o 15 de decembro de 1888. O propio nome do xornal era xa toda unha declaración de intencións ao aliñarse, como xa vimos, co grupo político católico que promovía Ramón Nocedal . Figura como director de novo Justo Salvador Fortes. Dende o xornal promoven numerosas polémicas xornalísticas (como a mantida polo mozo seminarista tudense Martín Díaz Spuch con “El Pensamiento Galaico” de Santiago, voceiro do partido carlista en Galicia ou a intensa polémica entre Antonino Cerviño e médico Darío Álvarez Limeses sobre a conveniencia de traslado do cemiterio tudense, daquela xunto ao campo da feira no centro de Tui).  O propio Cerviño será nomeado polo bispo tudense como censor eclesiástico do xornal xunto co notario maior eclesiástico, Manuel Núñez, que fora tamén profesor do seminario tudense.

Este grupo integrista participa activamente nos Xogos Florais de Galicia celebrados en Tui no ano 1891, manifestación única de participación dos sectores políticos de Galicia, tanto conservadores como liberais, neste proxecto; unha unidade que dura escaso tempo. Os integristas serán os principais integrantes da Junta Regionalista tudense: Manuel Fernández Herba, Martín Díaz Spuch, Antonino Cerviño, Manuel Lago, Justo Salvador Fortes. Á intervención de Cerviño nos referiremos de seguido.


“La Integridad” mantiña unha rexa oposición aos políticos conservadores da zona como Ezequiel Ordoñez ou Augusto González Besada. A expresión máxima deste enfrontamento foron as eleccións de 1893 onde o grupo integrista tudense presenta como candidato a Cortes polo distrito de Tui ao seu correlexionario Fernando Fernández de Velasco, de Santander, e desenvolven unha tan importante campaña, especialmente dende “La Integridad”. O sempiterno deputado por Tui Ezequiel Ordoñez ve ameazada a súa elección e debe poñer en funcionamento toda a maquinaria caciquil para asegurar a súa victoria, que acada pois os integristas nunha hábil xogada se retiran o día anterior aos comicios.

Pero os partidos do réxime alfonsino toman nota do risco experimentado e buscarán acabar co grupo integrista tudense. Primeiro conseguen fraccionalo, ao abandonar, mesmo antes das eleccións, un dos seus principais representantes, o avogado Martin Díaz Spuch. Pero tras a victoria electoral se sucederon as multas a Fortes, Lago e o administrador do periódico, Rosendo G. Troncoso, que incluso estivo varios meses no cárcere, foi embargada a imprenta do xornal, a Tipografía Regional, etc. Pero o golpe definitivo foi o cambio de bispo na diocese; tras a  morte de Fernando Hüe Gutiérrez en 1894 chega á cátedra tudense Valeriano Menéndez Conde, un bispo posibilista e alonxado dos criterios integristas, provocando que os principais representantes deste grupo (Manuel Lago, Antonio Dávila, Victoriano Paradis, etc.) deixen o Seminario tudense e procuren outros destinos fóra da diocese, agás Antonio Cerviño que continuou na cidade e no Seminario pero sen participar tan destacadamente na prensa católica tudense aínda que sen deixar de participar en “La Integridad” como redactor, pero especialmente para puntuais polémicas (como a xa referida do cemiterio tudense e 1905) ou para a publicación, por entregas, de investigacións históricas, como unha sobre Aquas Celenas.

A esta etapa corresponden obras como “Defensa de La Coruña en 1589” (1903) e “Las guerras feudales en Galicia: Pedro Madruga y don Diego de Muros, siglo XV” (1923); deixou inédita unha obra titulada “Guerra de la Independencia. El cerco de Tuy” baseada no diario do militar tudense J. M. Ruibal.

Non cesou na súa actividade como propagandista católico en numerosos foros tanto na diocese como noutros lugares. Foi publicado un exemplo deste labor como o seu discurso “En defensa de las órdenes religiosas : discurso pronunciado por el Sr. Canónigo penitenciario de la S.I. de Tuy D. Antonio Cerviño González el día 20 de julio de 1902 en la sesión primera del Sexto Congreso Católico celebrado en Santiago de Compostela”; participa na promoción do asociacionismo agrario católico impartindo charlas polas parroquias rurais, etc.

En 1902 prologa a obra do afamado avogado e crego, que estudara en Tui, Francisco Javier Vales Failde, “La emigración gallega” onde evoca as súas vivencias co mundo emigrante en América.

Era membro de número da Academia de Historia Natural e Madrid e de Barcelona, membro da Real Academia Galega e correspondente da Real Academia da Historia.

Morreu o 2 de xaneiro de 1928 cando era Arcediano da Catedral tudense. O xornal vigués El Pueblo Gallego ao anunciar a súa morte o definie como “persona de bastante cultura, elocuentisimo orador y muy notable publicista. Fue uno de los fundadores del desaparecido diario local “La Integridad”, donde su brillante pluma colaboró de modo asiduo”.

Este mesmo xornal recolle a descrición do enterro do Arcediano tudense que dispuxo ser soterrado no cemiterio da súa parroquia natal de Areas:

Igrexa parroquial de Santa Mariña de Areas, tomado de https://upload.wikimedia.org/wikipedia/gl/thumb/e/e8/Areas%2C_Tui.jpg/800px-Areas%2C_Tui.jpg

Después de solemne Misa y funerales celebrados en la Catedral, con asistencia de autoridades e inmenso público, se organizó la comitiva fúnebre de la siguiente forma:

Abrían la marcha los alumnos internos del Colegio de los Franciscanos, siguiendo todas las comunidades religiosas y el Cabildo Catedral con cruz alzada.

Seguía formando el primer duelo, el Obispo de la diócesis acompañado de los señores Dean y Chantre.

Formaban el segundo duelo, presidido por el Sr. Alcalde de esta ciudad, el sr, juez de primera instancia e instrucción del partido, Don José María Diéz y Diéz: gobernador militar, teniente coronel Don Darío Fernández Varela; el abogado don Manuel Pino, en representación del Patronato del Hospital e Inclusa del que era presidente el finado; don Olegario Muñiz, diputado provincial de Orense, en representación del gobernador civil de dicha población; don Eriberto y don José Sabucedo, de Orense; don Vicente Riestra y don Alejandro Mon, de Pontevedra; don Manuel Caramés, delegado de Hacienda, y don Ignacio Nogueira.

El tercer duelo lo constituían los profesores del Seminario Conciliar, presididos por el vice-rector, don José Muñíz.

Formaban el cuarto duelo los Capitulares de la Catedral de Orense, señores Refojo, Magistral; Fernández, Penitenciario y Labayen, Lectoral.

A continuación iban también en representación del Seminario Conciliar de Orense, lo señores Reinaldo e Iglesias; don Emilio Vázquez y varios señores párrocos de la diócesis de Orense.

Y por último, una verdadera multitud de personas de todas clases sociales de esta ciudad, Orense, Vigo y Pontevedra; cerrando la comitiva una interminable serie de automóviles.

En las afueras de la ciudad se hallaba dispuesta la carroza fúnebre que había de conducir los restos mortales del señor Cerviño al cementerio de Santa Marina de Areas, parroquia de donde era natural el finado; pero a ruego de los vecinos de dicha parroquia se retiró dicha carroza, siendo conducida la caja mortuoria por los vecinos de Areas hasta el cementerio de esta parroquia, distante unos dos kilómetros de esta ciudad.

Recuperemos, finalmente, o fío deste post que era rememorar, no aniversario dos Xogos Florais de Galicia de 1891, o sermón pronunciado por Antonino Cerviño na Catedral tudense e que tivo naquel intre unha singular significación. Algún autor incluso relaciona este feito coa sua renuncia á maxistralía do Cabido tudense recentemente lograda ao presentarse, din que presionado, á praza de cóengo penitenciario.


Aquel sermón foi publicado no periódico “La Patria Gallega” de Santiago nos números 7 e 8 correspondentes ao 15 de xullo de 1891. O texto vai acompañado dun prólogo que envía Antonino Cerviño ao director do xornal introducindo ao seu sermón. Resulta asi evidente o impacto que o mesmo tivo naquel momento. Aínda que pronunciado en castelán o contido do mesmo, dunha afervoada defensa do “rexionalismo” polo maxistral da catedral tudense de seguro que suscitou importantes reaccións que obrigan a esta xustificación do cóengo tudense:

Mi sermón fue un sermón regionalista, asi lo calificaron y así lo quise yo hacerlo. Y si me preguntan porque soy un regionalista, pregunta que me hizo un amigo, contestaré porque quiero mucho a mi patria y siemptre he estado palpando sus desgracias (...) Pero yo , que he viajado bastante que por mi ministerio me he mezclado con todas las clases y anduve confundiso entre los dolores de mis hermanos, he llegado a adquirir la convicción de que ningún pueblo es tan desgraciado como el gallego, y ninguna clase más digan de lástima que el labrador de nuestros campos. Y he aquí la priemra causa de mi regionalismo (...) Yo veo, este abandono, esta injusticia irritante con que nos tratan los gobiernos, ese centralismo que nos arranca el jugo y la savia de la vida, que nos deja en la miseria y clamo en el fondo de mi corazón al Dios del cielo, que nos envíe el remedio a tantos males (...) llevamos en el corazón una espina , que debe interpretarse como el ansía de una nueva existencia, por un deseo de que Galicia se emancipe, y viva vida libre e independiente, aunque ligada a la madre patria por lazos de familia y parentesco y para defensa de los derechos comunes. No son menos peligrosas las llagas del alma. Una política corrupta ha extraviado las ideas; han invadido este suelo costumbres extrañas, y los sentimientos empiezan a pervertirse, perdiendo con la fe y la inocencia, nuestro caracter y nuestra virilidad. Un pueblo que reniega del modo de ser de sus padres, que renuncia al legado de sus mayores, es un pueblo muerto.

Por eso para evitar la muerte de Galicia, yo soy regionalista. La segunda causa que me hace figurar al lado de los que levantaron la bandera del regionalismo, es porque me enamora nuestra dialecto (...) el castellano expresará muy bien lo que allá se siente, lo que allá se piensa, pero no puede expresar los que sentimos y pensamos los gallegos: eso solo puede expresarlo nuestra habla, que es brote de nuestra naturaleza, es la expansión de nuestra alma y la manifestación viva de nuestros sentimientos (...) Por esto y por algo más soy regionalista. Esto explica también, por si alguien se extraña, la forma por ventura inusitada de mi sermón, que no está  ni mucho menos despojado del tono religioso de los sermones cristianos.

Catedral interior, autor: Otto Wunderlich (1886-1975)

O sermón foi pronunciado na catedral tudense o 25 de xuño, como sermón da festividade de San Telmo que se acordara trasladar a esta data para maior realce dos Xogos Florais. A capela da Catedral, dirixida polo mestre Manuel Martínez Posse, interpretou a misa solemne de M. Rossi. Do seu sermón extractamos algunhas frases máis significativas:

Son la Iglesia y la Patria los que hoy entonan himnos y celebran las grandes figuras de nuestra historia y los héroes de su pasado venerable, porque son la Iglesia y la literatura los que ensalzan en este día nuestras grandes glorias (...) Hoy acuden a este sitio, por mágica voz atraídos, los entusiastas hijos de nuestro país, a recordar en nuestra misma dulce, rica y armoniosa lengua, bien las hondas desventuras que nos trabajan, bien las alegrias que raras veces  inundan los corazones de los habitantes de esta tierra, tan poética como desgraciada (...) Porque Galicia si sabe inspirarse en esos recuerdos y en su historia, si sabe sacar partido de los elementos con que la dotó la Providencia debe alzarse regenerada y gloriosa, a la par o a mayor altura que las demás provincias, que hasta hoy la tuvieron relegada al olvido y al desprecio (...)

Si las naciones y los pueblos, ramas tal vez degeneradas y entecas de nuestra raza, nos despreciaron un día por resignados y sufridos, aunque altivos siempre ante el honor ofendido y la honra mancillada, Dios ha querido concedernos , entre las muchas que esmaltan nuestra historia, dos glorias, superiores a cualquier otra, dos glorias que nos llenarán siempre de legítimo orgullo y que no pueden disputarnos nuestros encarnizados enemigos (...) dos héroes que harán siempre inmortal a Galicia, porque donde quiera serán invocados y se pronunciarán con amor y veneración los nombres de Santiago y San Pedro González Telmo.

Por eso no considero pura casualidad la celebración en la ciudad de Tuy de las primeras fiestas regionalistas, fue, si, un designio de la Providencia en que aqui tuviera lugar el primer torneo de la poesía gallega, fue el dedo de Dios quien movió la bola de la suerte, para que aquí sonaran los primeros acentos de resurrección, pues por derecho correspondía que estas grandes iniciativas partiesen de la tumba de aquel a quien por ley toca ser el mentor de nuestros destinos. Telmo glorificó a Galicia, viviendo para ella, consagrándose a su dicha, a su propiedad y a su grandeza y por esto han venido aqui los vates y los cantores de este suelo a ser coronados y recibir el premio de sus victorias. ¡Cantad, vates, cantad a Galicia, sus glorias, sus bellezas, sus auras purísimas, sus cielos transparentes, (...) su idioma dulcísimo, todo lo que en ella es bello y encantador, que todo lo que aquí vive, lo que aquí respira y alienta, es grande, es sublime y digno de vuestra inspiración! (...)

Galicia resucitará y hoy comienzan a reanimarse sus cenizas al eco de estos cánticos patrióticos, hoy comienzan a marchar con paso firme y robusto por el camino de su engrandecimiento y de su ventura.

¡Patria, patria! ¡Se grande, se feliz! Lábrate, oh Galicia, envidiado porvenir cultivando los recuerdos de tu pasado, saludando con entusiasmo el perdón de sus mayores, invocando tus venerandas tradiciones, acordándote de tus caudillos en la fe, postrándote ante la tumba de tus héroes!.

O xornal compostelano “La Patria Gallega” recolle coas seguintes palabras a transcendencia do sermón de Cerviño González: la nota saliente, el gran suceso de la función fue el sermón predicado por el Magistral D. Antonino Cerviño, individuo de la Junta regionalista. No tenemos palabras con que encarecer la elocuencia arrebatadora, la dicción correcta, la galanura y el acento persuasivo del Sr. Cerviño. Un concurso numeroso de fieles estaba como en suspenso de sus labios. Baste decir que el Sr. Cerviño hizo la oración fúnebre de Rosalía de Castro, consagró la doctrina regionalista desde el púlpito, como expresión de la verdadera libertad de las naciones y demostrando que la religión no se oponía en nada al verdadero regionalismo.

A la sacristía fueron a felicitar al Sr. Cerviño, lo más granado de la sociedad tudense, los individuos del Cabildo, y el Consistorio de los Juegos Florales en pleno. El triunfo y el éxito del Sr. Cerviño han sido completos: el regionalismo le es deudor de una tan gran victoria que no sabrá nunca agradecerle bastante.

Este sermón foi publicado polo seu autor no ano 1891 co titulo de “Sermón de San Pedro González Telmo, predicado por el Iltre. Sr. Magistral de la S.I.C. de Tuy, Don Antonino Ceviño, con motivo del primer certamen de los Juegos Florales gallegos celebrados en la misma ciudad el día 24 de junio del presente año 1891”. Foi publicado tamén como xa referimos en “La Patria Gallega”, nº 7 – 8 (15 de xullo de 1891).

Foi das escasas intervencións que dende a xerarquia católica se realiza, naqueles anos, a prol dunha política rexionalista para Galicia. Realizada neste caso dende unhas posicións integristas pero que atopaban na defensa das tradicións e da identidade de Galicia a defensa dos ideais católicos fronte ao liberalismo que consideraban alleo a esta identidade. Nesta mesma liña afondará tamén outro dos membros deste grupo tudense e con importante protagonismo naqueles Xogos Florais, Manuel Lago González, que andando os anos será bispo de Osma e Tui e finalmente arcebispo de Santiago de Compostela.

Espero, con estas notas, recuperar para a memoria local o nome deste egrexio tudense, Antonino Cerviño González, descoñecido hoxe por moitos dos tudenses.

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le