Ir al contenido principal

Lembranza de D. Antonio Hernández Matias


Hoxe me van a permitir os lectores deste blog que dedique unha lembranza emocionada a D. Antonio Hernández Matias, presbítero, que acaba de finar en Vigo logo dunha dilatada e fecunda vida. Como publica na necrolóxica da diocese de Tui-Vigo, “hizo de todo y se deshizo en todo”, quen quere coñecer a súa traxectoria pode achegarse a este enlace: https://www.diocesetuivigo.org/ha-fallecido-mons-antonio-hernandez-matias/.



Non é a miña intención facer unha semblanza de D. Antonio pois nin me corresponde nin estou capacitado para resumir unha ampla personalidade e traxectoria de tantas décadas ao servizo da diocese dende un traballo constante coa súa modestia, sobriedade e discreción.

Quería dedicarlle unha liñas a D. Antonio pola relación persoal que mantiven con él, dende que alá polo ano 1987 fun contratado como “persoal en práctica” no Museo Diocesano e Catedralicio de Tui, comezando desta forma a miña vida laboral. Naquel momento D. Antonio Hernández Matias ocupaba provisionalmente a dirección destes centros tras a prematura morte de D. Jesús Gómez Sobrino. Con él aprendín os meus primeiros pasos como profesional neste ámbito do patrimonio e a querencia polo traballo ben feito como él mesmo escribiu: “con delicadeza de artista, con paciencia de monje, con rigor de investigador y siempre con sonrisa de amigo”.

Foi tamén unha honra compartir con D. Antonio o proceso de refundación do Instituto de Estudios Tudenses, no ano 2008, onde mantivo sempre, dende a discreción que era unha das súas principais características de carácter, un papel proactivo na dinamización deste centro de estudos sobre Tui e a súa contorna. Participou activamente, namentres foille posible, nas reunións e actividades do Instituto de Estudios Tudenses que perde así a un dos seus membros.

Con membros do Instituto de Estudios Tudenses

Neste labor de estudoso dedicou especial atención á Biblioteca do Seminario Maior, o seu coidado e catalogación, e a diversos aspectos históricos da diocese de Tui-Vigo, especialmente documentou o episcopado de D. Luis Marliano, bispo tudense, sendo D. Antonio o que apuntou a posible relación entre as armas heráldicas que emprega Marliano no muro este da Catedral e as armas heráldicas da cidade de Tui. Destaca tamén o traballo realizado no capitulo sobre “La Iglesia de Tuy y sus prelados recientes (1856-2000)” no volume 14 da Historia de las diócesis españolas editado en 2002 e que resulta unha síntese ben elaborada e de gran utilidade sobre a historia contemporánea da Igrexa de Tui-Vigo a través da semblanza dos seus prelados. Para os interesados figura ao final destas liñas unha relación, non exhaustiva, do seus traballos de investigación.

Chegara as terras de Tui dende as terras de Villalpando porque na nosa cidade vivía dende o ano 1929 un familiar directo seu, o procurador e avogado Gregorio Hernández Matías, que fora alcalde de Salamanca. D. Gregorio tiña vocación tamén de escritor e xornalista (en Tui impulsou o semanario “Hoy” editado entre 1935 e 1936) e con él traballou algún tempo D. Antonio antes de entrar no Seminario. Nun poema publicado por D. Gregorio na revista “Tuy” do Instituto Laboral do ano 1953 remata cuns versos que moi ben podemos aplicarllos ao noso benquerido D. Antonio: “Vale un clavel sin espinas / más que una rosa con ellas”.

Sempre foi unha persoa afable, cariñosa, permanentemente disposta a escoitar e aconsellar... ocupando ás máis das veces unha posición secundaria, fóra de todo protagonismo... nunha síntese entre a súa vocación como sacerdote e a súa vocación como investigador apaixonado, especialmente de libros e documentos, pois fe e cultura nos remiten sempre á busqueda da verdade, do “tesouro escondido” que cando un o descobre xa non deixa de transmitilo... D. Antonio era un deses tesouros escondidos que sempre son necesarios.

Remato cunha pregaria de gratitude a Deus por esta longa vida na confianza que descansa no Señor Resucitado.

Rafael Sánchez Bargiela








Artigos de investigación no ámbito histórico e bibliográfico:

- “Biblioteca del Seminario Mayor de San José de Vigo. Catálogo de libros antiguos (s. XVI – XVIII)” en Tuy, Museo y Archivo Histórico Diocesano II (1977)

- “Colección de impresos y pliegos manuscritos. Biblioteca del Seminario Mayor San José de Vigo” en Tuy, Museo... III (1980)

- “Un incunable del de Durando en el Obispado de Tui-Vigo” en Tuy, Museo... IV (1986)

- “Luis Marliano ( 1463?-1521 ): un obispo de Tuy en la corte de Carlos V”. En Compostellanum, Vol. 31, Nº. 1-2 (Enero-Junio), 1986

- “Luis Marliano ( 1463?-1521 ): un obispo de Tuy en la corte de Carlos V: apéndice documental”. En Compostellanum, Vol. 33, Nº. 1-2 (Enero-Junio), 1987

- “Vacante continuada y entredicho en el Obispado de Tui (1505-1514)” en Tuy, Museo... V (1989)

- “Archivo capitular, Diócesis de Tuy-Vigo” en Memoria Ecclesiae,Nº. 1, 1990

- “El milenario de San Pelayo” en Tuy, Museo... Op. Cit. VII (1994)

- “Documentos e impresos sobre Ordenes Monásticas en la Biblioteca del Seminario Mayor de Tui-Vigo” en Memoria Ecclesiae, Nº. 6, 1995.

- “Episcopologio tudense. D. Luis Marliano (1517-1521). Un obispo de su tiempo”. Castellum Tyde , revista do Instituto de Estudios Tudenses, nº2 (2008).

- “El Seminario Mayor de Vigo: 50 años de historia” en TelmusNº. 2, 2009.

- “Peregrinación a Santiago. Itinerario espiritual de un peregrino con crisis de fe en la mochila. De Roncesvalles a la tumba del Apóstol” En Compostellanum, Vol. 57, Nº. 3-4, 2012, págs. 119-140

Comentarios

Entradas populares de este blog

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

Bo Nadal cun texto de Manuel Lago González: “Noite Boa” (1892)

Felicitamos hoxe aos seguidores de Tudensia estas festas do Nadal recuperando un breve texto, non o chamaría nin relato, sobre como se celebraba a Noiteboa nas aldeas de Tui nas últimas décadas do século XIX, nun momento en que os labregos galegos vivían nunha economía de subsistencia e nunhas moi duras condicións de vida. Anxo no capitel do arco triunfal da igrexa de San Domingos de Tui, sec. XV Trátase dun texto de Manuel Lago González publicado o 24 de decembro de 1892 no xornal tudense “La Integridad”. Daquela Manuel Lago era un presbítero que formaba parte do claustro de profesores do Seminario tudense e que tiña unha activa participación como xornalista e na vida social en Tui. Ao xornalismo entregouse Lago con verdadeira ardentía e a tarefa que se impuxo foi querer incorporar a defensa das tradicións e os intereses de Galicia ao ideario católico de signo integrista (oposto radicalmente ao liberalismo). Este texto, que non foi publicado posteriormente a súa edición en “La Int...