Ir al contenido principal

Aí ven o maio....


A celebración dos “maios” xorde como unha festa que manifesta a ledicia pola chegada da primavera, do novo agromar do mundo vexetal. Por eso estas celebracións son propias das sociedades agrarias onde estes ritos posúen un carácter propiciatorio, para garantir a colleita que asegura a propia vida.


En Galicia tamén existen numerosas manifestacións do que se deu en chamar o “ciclo do maio” que, por mágoa, en moitos casos desaparecen a medida que avanza a transformación da nosa sociedade. Moitas destas manifestacións evolucionaron e foron cristianizadas.

Comezabamos así no ano 2009 unha entrada neste blog sobre a celebración na nosa cidade da festa dos maios, unha tradición secular que dende os inicios dos anos sesenta do pasado século xa non se celebra en Tui.

Na actualidade, fóra do ámbito escolar que continúan realizando maios dentro das súas actividades docentes, fican aínda expresións deste ciclo do maio, como é a colocación de xestas floridas nas portas e nos vehículos na xornada do 1 de maio. Cada vez en menor medida pero seguimos contemplando anualmente estas testemuñas da nosa cultura tradicional. Os nosos veciños e irmáns de Valença -dos que estamos agora illados polo peche de fronteiras- manteñen a tradición das “maias” en portas e balcóns, e mesmo a Cámara Municipal leva anos empeñada na conservación e promoción desta tradición, que expresa unha vez maís a nosa cultura e identidade común do noso territorio. Agardamos que en anos futuros, superado o confinamento e a crise do Covid, tanto tudenses como valencianos promovamos estas expresións tradicionais do noso patrimonio cultural inmaterial.



A conservación e defensa deste acervo intanxible é unha responsabilidade para a nosa sociedade, pois aínda podemos frear a perdida deste importante legado que nos transmite a nosa propia identidade e que se expresa en tradicións como esta dos maios, ou nas tradicións orais de lendas e contos, cantigas e adiviñas.... que se olla aínda nos nosos campos nos valados, nas minas, nas levadas, nas construcións de pedra seca, nos marcos, nas acequias ou pozas, nas fontes e nos lavadoiros, nas corredoiras e congostras, nas cruces e almiñas ... elementos considerados “menores” do noso patrimonio que tantas veces son destruídos ou perdidos ao considerar en que carecen de valor, xa non teñen uso ou nos dificultan calquera nova actuación no territorio. Sen embargo o seu valor é intanxible, son os elos que nos ligan coa nosa historia, coas nosas tradicións e costumes, coa nosa singularidade... perdelos é renunciar a unha parte de nós mesmos aceptando un pretendido progreso que altera a nosa identidade. A conservación do noso patrimonio inmaterial ou intanxible (ás veces tamén denominado etnográfico ou antropolóxico) é unha tarefa colectiva, unha responsabilidade de todos e cada un de nós moito máis que de calquera institución ou administración.


Hoxe, como apuntabamos antes, recuperamos o post de hai xa once anos sobre a festa dos maios tudense para reivindicar a necesidade de non renunciar á conservación deste importante acervo cultural antes de que se perda irremediablemente:

Na nosa bisbarra conservamos algunha tradicións vencelladas ao ciclo do maio como o monumental arco que por San Brais erguen os veciños de Tabagón ou os ramos procesionais de Budiño, ou a tradición de colocar nos coches nesta xornada unha ponliñas de xesta.


Carecemos de noticias sobre os maios na nosa cidade, agás as relativas a súa derradeira etapa, nos primeiros anos da década dos sesenta do pasado século; de seguro que era unha festa tradicional que fora decaendo cos anos, e así o Centro de Iniciativas e Turismo tudense dirixido daquela por Manuel Fernández-Valdés Costas, con Julio Bugarín Montes como secretario, comezaron a convocatoria dun concurso de maios, “velando por la conservación de nuestras tradiciones”, en colaboración coa Delegación Local do Frente de Juventudes.

Iniciativa que proseguiu nos anos seguintes a nova directiva do CIT presidida por José Casal Aboy e, entre outros, con José Aparicio Fernández como Vicepresidente e con José Durán Sierpe, o lembrado “Che Durán”, como delegado de festexos e excursións.

Os últimos anos de celebración na nosa cidade da festa dos maios, foron pois os anos 1960 ao 1963. A data de celebración era nos primeiros días do mes, algún ano o 2 de maio e outros o propio dia 1. Tamén variou o seu horario, primeiro na tardiña e xa no 1963 foron de mañá, pero sempre no mesmo lugar: o paseo da Corredoura.



Dada a época as bases do certame regulan o aspecto máis transgresor da festa, as coplas: “los grupos que deseen tomar parte en este simpático concurso, pueden realizar su inscripción en este centro de iniciativas a la mayor brevedad, debiendo presentar las coplas autorizadas por la Delegación Provincial del Ministerio de Información y Turismo”.

Os premios eran en dúas categorías, para os “maios” de 150, 100 e 50 pesetas e con similares cantidades premiábanse as mellores coplas.

No ano 1961 resultou gañador o maio presentado polo grupo “D’os Coreanos” do Fogar Padre Salvado, esta mesma agrupación cantaba as súas coplas tituladas “Criticando, criticando”, moi propias do espírito da festa, con letras como as seguintes:

Este noso maio
e mui bonitiño
pois temolo feito
con moito cariño


Feito pra animar
a esta boa xente
qu solten perriña
e Dios a conserve.


Se tiramos do novelo
moito podemos falar
c’as cousas do Municipio
que sacamos a airerar.

Falaremos suave
pra non molestar
daremos unha d’area
de despois outra de cal

Estamos muy contentiños
cos proyeutos d’este Alcalde
imos ver si será un feito
ou será falar de balde.

A os que o rodean
sacúdeos ben
teñen qu’andar dereitiños
e depresa como un tren

Nosas comunicacións
funcionan como lle cadra
o teléfono e correos
e os coches que son tartanas

Si queres viaxar
hasta Pontevedra
tes que facer máis trasbordos
que para ir a Venezuela.

Mesmo o xornal “Faro de Vigo”, patentizando o seu importante papel na vida local, non escapaba da crítica dos compoñentes do “maio”:

O corresponsal do “Faro”
que non sea mentideiro
que cando mande as noticias
non lle chame o blanco, negro.

Estamos doídos
porque o ano pasado
non nombrou os nosos versos
e puxo outros cambeados

Maios en Pontevedra, ano 2018

Elementos propios desta festa eran a crítica da vida local e a petición de cartos que facían os compoñentes do “maio” cando percorrían a cidade amosando o seu maio, con figuras xeométricas, sobre todo cónicas, ou mesmo cruces floridas, cantando as súas coplas, e así o relatan

Inda que nos propuxemos
non cair nada pesados,
van salindo muitas cousas
que son a salsa d’os “mayos”.

Hasta outro ano,
que o pasen ben,
que teñan moita sorte
inda que nada nos den.

Nese mesmo ano 1961 foi a agrupación “Os rebeldes” quen acadou o primeiro premio en coplas, namentres que no seguinte ano foron os membros do grupo “Os cativos”, que cantaban coplas como as seguintes:

Ánimo, señores,
empuxemos todos
para que Tui non morra
e conserve os seus tesouros.

Tui está enfermo
e hai que curalo,
e ver si nos damos
algunha no cravo

Para criticar cousas
hai un gran filón
solo con meterse
coa Corporación

Visiten señores
nos Catedral,
e ó chegar á porta
volvan para atrás.

A ver quen encarga
de que estea abert
porque o letreiro
e tan solo leria.


Isto vai para aqueles
a quen lle compita
a Cámara de Comercio
diganos qué pinta

Neste ano 1962 de novo "Os Coreanos" participan no certame e as súas copla versarán encol das obras da nova Casa do Concello:

Xa que discorriron pouco
na feitura do axuntamento
que lle dean fin a esta obra
anque teñ pouco xeito.


Xa non ten remedio
¡que se vai facer!
as cousas tan descompostas
non se poden compoñer.


Os maios tudenses tiñan, segundo Clodio González Pérez, como figura tradicional unha cruz de madeira, recuberta con fiúncho e adobiada con flores, que portaba un neno que, coma os seus acompañantes, ía con coroa e bandas florais.

Tamén era tradicional en Tui a presenza das “maias”, como as describía o estudoso tudense Manuel Fernández Valdés: “un niño adornado con corona y banda de margaritas silvestres –“maravillas”- lleva la cruz (de madera cubierta de hinojo y de flores) y le rodean otros niños adornados con maravillas, las estrofas son en gallego y castellano y empiezan:

Sal mes de mayo,
Sal primavera,
Sal luz y encanto
Que alegras la tierra

Esta é unha tradición máis urbana e soían pedir para “Felipe Santiago”, pois a festa relixiosa do día un de maio estaba dedicada, ata a reforma litúrxica, aos apóstolos Felipe e Santiago, o Menor. Eran “maias” xa cristianizadas e que, as veces, ían acompañadas de arcos enfeitados con flores, fitas de cores, etc.

Maios "escolares" en Tui, ano 2010


Dende o ano 1963 os maios deixaron de percorrer as rúas de Tui e achegar a súa irónica visión da vida colectiva. Nos últimos anos, de novo realízanse algúns maios na cidade tudense cinguidos agora a actividade docente dos nosos colexios. Sería boa cousa recuperar estas vellas tradicións que afondan no patrimonio inmaterial tudense.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miñ...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...