Ir al contenido principal

A implantación do Sistema Métrico Decimal en Tui no ano 1880



O século XIX é un período de modernización das diversas estruturas sociais e políticas que conformaron o denominado Antigo Réxime en España e Galicia. Serán as Cortes de Cádiz o momento simbólico do cambio de época cos seus acordos que establecen a derrogación dos señoríos, das xurisdicións, da Inquisición, etc iniciándose un camiño tortuoso pero xa irreversible.

Vista de Tui en La Ilustración Gallega y Asturiana, 1879

Pero os cambios sociais e políticos supoñen tamén en moitos casos cambios nas mentalidades, nos usos e costumes que, en moitas oportunidades, levan un ritmo de aplicación mais paseniño.

A creación do Sistema Métrico Decimal é unha das consecuencias da Revolución Francesa, pois en 1791 a Asemblea Nacional de Francia aprobou un sistema de medida baseado nas unidades de medida e lonxitude da masa, materializadas mediante una barra e un cilindro de platinos depositados nos Arquivos da República francesa en 1799.

En España existía historicamente, como en toda Europa, unha grande diversidade de medidas. Aínda empregando os mesmos nomes (vara, ferrado, arroba, fanega, etc.) en cada territorio ou mesmo en cada cidade os valores destas unidades de medida eran diferentes, provocando unha alta dificultade ao comercio, especialmente cando se preconizaba un mercado nacional. No século XIX eran os concellos os encargados a través do almotacén do control das medidas en mercados, obradoiros e establecementos comerciais. Esta figura, que é de tradición hispano-árabe, chega ata o século XX.  Era un cargo municipal cuxos ingresos correspondían aos aranceis que recadaba e que logo liquidaba ao Consistorio.

No seu proceso de modernización institucional a raíña Isabel II  sanciona o 19 de xullo de 1849 a Lei de Pesos e Medidas, que introduce o Sistema Métrico Decimal en todo o reino así como a súa nomenclatura científica, adoptando o modelo establecido en Francia.

A dificultade de superar os vellos costumes e medidas é inmensa, e por tanto o proceso de implantación do novo sistema atopará numerosas dificultades. Será en 1867 cando se estableza a obrigatoriedade na Administración estatal e, no ano seguinte, se amplía a todos os cidadáns. Pero o proceso se dilata ata 1880 cando novamente se establece a súa obrigatoriedade. Agora ao final da primeira lexislatura con Antonio Cánovas del Castillo, como Presidente do Consello de Ministros  alcanzada unha estabilidade política e se determina a obrigatoriedade da aplicación do Sistema Métrico Decimal a partires do 1 de xullo de 1880.

Aínda que a monarquia tentou dende o século XIII e especialmente dende o XVI a unificación dos pesos e medidas nos diversos territorios de España non logrou grandes avances ao respecto. As unidades para medir as magnitudes de lonxitude, capacidade, peso ou superficie eran diversas e variables en cada cidade, vila ou comarca.

A pesar que carecemos de estudos ao respecto para Tui e o seu territorio, podemos  establecer que as tradicionais medidas de capacidade, especialmente parta medir gran (trigo, millo, centeo, miudo...) que se empregaban na nosa contorna eran o ferrado, o bucio (que supuña dous ou seis ferrados), fanega (catro ferrado) ou a cunca (doceava parte da ferrado)





Medidas de capacidade coa marca da cidade, conservadas no
Mosteiro das Clarisas de Tui (Imaxes da exposición conmemorativa
dos seus 500 anos, Tui 2008)


Para os líquidos a principal medida era a arroba e o cabazo ou calabazo, asi como o cuartillo ou a pipa.

No referente ás medidas de lonxitude en Tui empregábase a vara que dende o século XVI toma como referencia a chamada “vara castellana” adoptando oficialmente a de Burgos. Cómpre desbotar a existencia en época moderna dunha vara tudense (que posiblemente existira na Idade Media) e que posuía o seu contraste nunha casa onda a Porta do Arco. Por mágoa recentemente o Concello tudense na sinalización turística da cidade continúa a manter este falsa atribución do que non é mais que un parteluz ou mainel que divide dúas ventás xeminadas decoradas cos arcos conopiais, motivo decorativo moi estendido na nosa cidade especialmente no século XVI. Sobre este tema xa nos temos ocupado neste blog no seguinte post: http://tudensia.blogspot.com/2011/11/sobre-chamada-vara-de-medir-tudense.html. Amais da vara tamén se empregaban para medir distancias a legua e o pe

En canto ás medidas de peso se adoitaba usar en Tui e a súa comarca especialmente a arroba, a libra, o carteirón e a onza. Finalmente nas medidas de superficie se empregaban a fanega, o ferrado ou tega, o cuarto e o copelo (menos coñecido en Tui).

Así pois non é estraña a resistencia social á modificación de usos e costumes ancestrais, amplamente coñecidos e aceptados, substituíndoos por un novo sistema alleo ás realidades cotidiás. Pero o proceso era xa irreversible pois a creación dun mercado de base capitalista esixe unha uniformidade de medidas que facilite e dea seguridade ás transaccións comerciais.

Analizaremos os últimos pasos deste proceso na nosa cidade en base ás informacións que recollimos, a través das actas dos Plenos do Concello e das noticias publicadas no xornal tudense “El Eco del Miño”. Así no número do 3 de xaneiro de 1880 se inserta un bando do alcalde tudense, Hipólito Padín Díez-Robles

Hipólito Padín foi alcalde de Tui entre 1879 e 1882; logo de acadar, na súa carreira militar, o grado de Tenente Coronel, estableceuse en Tui, dedicándose, entre outras tarefas, á produción agrícola de viños brancos e millo de Australia, logrando diversos recoñecementos en exposicións como a de París ou Lugo de 1878 ou a exposición rexional de Pontevedra de 1880. Padín Díez-Robles, situado na órbita política de Ezequiel Ordoñez, presidiu o Concello tudense nun momento de graves problemas económicos da facenda municipal.

O tenor deste bando é o seguinte:

D. Hipolito Padín Diez-Robles, Alcalde Constitucional de la ciudad de Tuy
HAGO SABER que por Real Decreto de 19 de junio de 1867 se dispuso que desde 1º de julio siguiente debía regir  en todos los ramos el  Sistema Métrico Decimal, empleándolo para todas las operaciones de medida y peso las colecciones del expresado sistema y ateniéndose a su nomenclatura, cuyo sistema sería obligatorio desde 1º de julio de 1868 para los particulares, establecimientos y corporaciones, debiendo en su consecuencia usar de las pesas y medidas métricas y de su nomenclatura en las transacciones en que intervenga.
Si bien desde aquella fecha no se ha dado cumplimiento, cual debiera, a dicha disposición por todos los llamados a ello, ocasionando asi confusiones y aún perjuicios, que la autoridad tiene el ineludible deber de evitar; he dispuesto por hora y sin perjuicio de hacer extensivo este precepto á todas las industrias, que los panaderos, tablageros y traficantes en pescados y carnes de cerda usen en la venta de sus mercancias el nuevo sistema métrico desde el día 15 del actual.
Por tanto encargo a todos los compradores de los artículos que aquello espendan, usen en sus demandas la nomenclatura que la ley establece y que a continuación se consigna, cerciorándose antes que las pesas se hallen contrastadas por el fiel almotacen de esta Municipalidad, D. José Benito Sobrino, quien tiene en su poder los patrones oficiales; dándome cuenta de cualquier falta ó abuso que notaren con el fin de imponer á los infractores las penas á que se hayan hecho acreedores.
Dado en Tuy a 1 de enero de 1880
Nomenclatura de las medidas ponderales: Kilogramo – gramo – decigramo – centigramo y miligramo.

Como resulta comprensible a implantación non foi doada. O Concello tudense en cumprimento das instrucións recibidas dende as instancias gobernamentais promoven un control e vixilancia na adopción por parte dos establecemento das novas medidas. Así no xornal do 14 de xaneiro se informa que foron decomisadas pola Comisión creada para examinar os novos pesos e medidas un total de 90 pezas de pan que incumprían a mesmas.

Pero o proceso abrangue no só as medidas de peso, senón que a través dun novo bando se anuncia a implantación das medidas de capacidade dende o 15 de xaneiro:

Hago saber: con el fin de que haya la más perfecta armonía en el uso de las pesas y medidas métricas tan recomendadas por diferentes disposiciones, he resuelto que,por ahora, sin perjuicio de hacer estensiva aquella obligación a todas las industrias que se egercen en este Distrito, que los espendedores de vino al por mayor o menor, usen desde el primero del próximo de febrero el nuevo sistema de medidas, quedando el antiguo fuera de circulación el mismo día.
Por tanto encargo a todos los compradores de dicho líquido usen desde aquella fecha en sus demandas la nomenclatura que la Ley establece y que á continuación se consigna cerciorándose antes que las medidas se hayan contrastadas por el fiel almotacen de esta municipalidad, D. Tomás Martínez, quien tiene en su poder los patrones oficiales; advirtiendo que estoy dispuesto á corregir cualquier falta ó abuso en que lo mismo los compradores que los vendedores incurriesen.
Dado en Tui a 16 de enero de 1880
Hectolitro – Doble decalitro – Decálitro – Doble litro – litro – Medio litro – Doble decilitro – decilitro – Medio decilitro – Doble centilitro y centilitro.

Os municipios, tamén o tudense, tiñan un funcionario encargado de velar pola garantía dos pesos e medidas, trátase dos almotacés ou fieis almotacés, que tiñan no seu poder os correspondentes contrastes, ata daquela da vara, da arroba e as diversas medidas de peso e capacidade usadas. Era un oficio municipal que saía a concurso público e os arrendador cobraba unha taxa polo seu labor de contraste de pesos e medidas, liquidando ao concello o importe establecido na poxa de arrendo deste oficio municipal. Nas actas municipais se recolle o pago ao ferreiro José Sobrino de 36 pesetas polas pesas do novo sistema. O Gobernador Civil, pola súa banda, solicitará o envío das medidas de peso do gran para a súa adaptación ao novo sistema por parte dun Enxeñeiro Industrial que en cada provincia é o encargado desta verificación. O Pleno do Concello acorda o envío das medidas, pero ficando cun exemplar de cada medida, e desiste de enviar unha Comisión o delegado a Pontevedra por resultar de confianza o Enxeñeiro encargado.

Pero como sempre nestes procesos á picaresca e os enganos están presentes, para controlar os posibles abusos, a Corporación Municipal acordou na sesión de 27 de xaneiro que
los fieles almotacenes no puedan percibir como derechos por cada pesa o medida que contrasten más que veinticinco céntimos de real

Pero axiña na sesión plenaria de 11 de febreiro se amplían os importes das taxas a cobrar na procura de prezos mais xustos en función das medidas a contrastar, e que os contrates estivesen avalados por un selo co escudo tudense para evitar enganos e abusos:

Se acordó que los fieles almotacenes de pesas y medidas usen para el contraste un sello con las armas del pueblo y ampliar la tarifa de derechos señalándoles veinticinco céntimos de peseta por la contrastación del metro, treinta y siete céntimos por cada medida para áridos y una peseta veinticinco céntimos por cada medida mayor al doble decalitro

Aínda que “El Eco del Miño” recolle que neste proceso se producen abusos por parte dos comerciantes e industriais , pues cuando menor es el peso de los artículos vendidos los precios continúan de la misma manera (31 de xaneiro de 1880), o proceso de implantación do sistema métrico continua avanzando nos diversos sectores económicos.

Nun novo bando, que publica “El Eco del Miño” o 14 de febreiro o Alcalde Hipólito Padín dita
recomendar a todos los comerciantes del Distrito  que desde el 25 del corriente  usen el metro como medida para la venta de géneros, en que hoy se usa la vara, la cual desde el expresado día desaparecerá de los establecimientos y á los compradores que así como hacían sus demandas por la vara de Burgos, la de Castilla y la gallega, la hagan por el metro como medida única y universal.

Esta progresiva implantación é paseniña, como testemuña “El Eco del Miño” que recolle noticias de que continúan as confusións e abusos:

Se nos dice que en algunas tabernas de esta ciudad se espende vino por las medidas antiguas y se cobra por las modernas. Esperamos se remedie este abuso.

Mesmo nos anuncios que se insertan no periódico editado na imprenta de Pérez Hermida, na antiga rúa de Santa Bárbara e dende este ano 1880 rúa de San Telmo, figuran aínda as antigas medidas:

Vino viejo, se despacha a 20 reales calabado en Pousa de Cabrero, Tuy.

Dende o Concello se continúa o control e seguimento do usos das novas medidas, asi o 3 de novembro o xornal tudense recolle que

El Tte de Alcalde, señor Gregores, ha recogido e inutilizado las medidas que usaban las vendedoras de las castañas

Resulta evidente que este proceso de adaptación ao novo sistema que ven substituír arraigados hábitos e modos, provoca un resistencia debida especialmente a inercia dos usos e costumes. Os redactores “El Eco del Miño”, que dirixía daquela Justo Salvador Fortes, ironizan no número de  11 febreiro de 1880:

Las nuevas pesas y medidas
Una criada encarándose con el tablajero
-        Eche V. un litro de carne
(Él con cierto ayre de entendido y con entonación magistral)
-        Pero mujer; ¿Cuándo habrán de comprender VV la nomenclatura del nuevo sistema. Le echaré a V un kilómetro de carne.
Estamos, ¿parece mentira?
-        Jesús, que condanados de nombres, observa una tercera, eu seica no nos aprendo en toda a vida.

Tamén con certo humor e retranca falan dos progresos do Sistema Métrico Decimal na nosa cidade ao cabo de varios meses, no seu número de 6 de outubro de 1880:

En la calle de la Corredera hace unos días que se vende loza al raso. Una pobre mujer se acercó al puesto con objeto de comprar algunas piezas; tomó un jarro, estúvolo mirando un buen rato y en seguida preguntó a los circunstantes  si llevaría dos metros
Con que, ya lo ven Ves, la cosa va cuajando, el pueblo va haciéndose matemático; y cuando menos lo pensemos veremos vender por metros las sardinas, y los espectros ambulantes que diariamente son conducidos al matadero de esta muy asendereada ciudad, los cuales sicut erant et principio et nunc et semper
Tantuis pellis et osa sunt. Amen

Pero a pesares das dificultades o Sistema Métrico Decimal logar implantarse tanto por estas medidas de goberno como pola súa adopción, desde a década de 1840, no sistema educativo que contribúe moi eficazmente a súa popularización. 

Con todo as antigas medidas, de orixe medieval, mantivéronse en uso e continuaron sendo elementos referencias na vida cotián das nosas xentes ata hai escasas décadas. O éxodo rural, o abandono da agricultura... implican tamén a perda destes elementos da cultura inmaterial hoxe xa practicamente desaparecidos da memoria colectiva.

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le