Ir al contenido principal

Breve historia da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Tui (I)

A historia da Cámara de Comercio de Tui reflicte de xeito sobranceiro o decorrer do século XX na vella cidade de Tui, a lenta adaptación que houbo de realizar aquela antiga capital da provincia e sede episcopal aos novos requirimentos da vida social e económica que a modernidade impulsou no noso país. 



Cando xorde a Cámara de Comercio tudense, en 1899, a vida social e económica de Tui artéllase en base a tres eixos: o bispo e a diocese, a fronteira e a burocracia. O primeiro grupo, aínda que cun poder económico minguado, conserva unha alta capacidade de influencia social e ideolóxica. A fronteira posibilitaba a existencia dunha pequena burguesía comercial, base económica da cidade. Por último, o grupo de avogados, procuradores, funcionarios e militares que conforman a burocracia local. A escasa industria porén estaba vencellada ás industrias do sector primario (serradoiros, cerámicas), alimentario ou eléctrico, que en moitas ocasións estaba controlada por cataláns, valencianos ou casteláns. 

Una cidade, cabeceira dunha ampla comarca de especial dedicación agrícola, que tivo que pasar dunha economía de subsistencia - onde as principais recursos económicos viñan dun comercio ao “por menor” e dunha incipiente industria- a unha economía onde a industria representa, gracias aos polígonos de O Porriño, un sector básico. A Cámara co seu labor será unha institución protagonista neste proceso. 

Por mágoa non conservamos o arquivo histórico desta entidade, perdido no decurso dalgún dos varios traslados de sede da Cámara e que fornecerían as ferramentas básicas para un achegamento á historia e aos avatares desta institución cameral. Temos pois de recorrer a noticias espalladas en diversos medios de comunicación ao longo deste século de vida, asi como a informacións orais e lembranzas dos membros da Cámara para elaborar estas notas. 

A orixe das Cámaras 
Por un Real Decreto do 9 de abril de 1886 dáselles carácter oficial ás Cámaras de Comercio, Industria e Navegación, definíndoas como “las asociaciones de carácter permanente que usando su libertad constitucional fundan los comerciantes, industriales, navieros y capitanes de la Marina mercante”. O propio Decreto subliña que en España ata daquela houbera diversos esforzos por desenvolver a vida económica que non tiñan cristalizado ao fallar “una organización suficiente para dar fórmula a este deseo de encauzar tan diversas aspiraciones”. 

A creación de agrupacións destinadas ao progreso do comercio e a industria tiña numerosos precedentes e xorden na Idade Media, como foron os “Consulados terrestres y marítimos” autorizados xa no século XIII. Para a defensa dos intereses da industria e do comercio promovéronse diversos organismos oficiais; en Galicia cómpre salientar a creación, por Carlos III mediante unha Real Cédula de 29 de novembro de 1785, do “Real Consulado de Mar e Terra de A Coruña” cuxa xurisdición chegaba ata Vigo e todos os postos e pobos do Arcebispado de Santiago. Este Consulado tiña como funcións, ser Tribunal de Comercio, órgano promotor do progreso económico do país e da cultura económica e artesanal. Este Real Consulado desaparece en 1829 sendo substituído polo Tribunal de Comercio (que foi suprimido en 1874) e pola Xunta de Comercio que se transforma, trinta anos despois, na chamada Xunta de Agricultura, Industria e Comercio, que dende 1874 terá un ámbito provincial. 

O ministro de Fomento, o galego Eugenio Montero Ríos, no seu desexo de promover o desenvolvemento económico atopa en Francia o exemplo das Cámaras de Comercio e, como subliña o Decreto de 1886, “no hay razón para que España no las acepte también como un adelanto de la época, siempre que al importar lo bueno que en ellas encuentre cuide amoldarlo a los usos, costumbres y leyes generales del país”. En consecuencia, “debe autorizarse el establecimiento de Cámaras Oficiales del Comercio, la Industria y de la Navegación en las plazas de mayor importancia en estos ramos de la riqueza pública, dividiéndolas en dos secciones, para el comercio y para la industria, o en tres allí donde la importancia de la navegación lo reclame”. 

Unha longa cita de Rafael Anes permite coñecer o funcionamento inicial destas asociacións, que para que puidesen considerarse como Cámaras Oficiales de Comercio industria e Navegación tiñan como requirimento:
     - “Estar en una de las plazas que designase el Ministro de Fomento, que tendría en cuenta el desarrollo e importancia de los intereses mercantiles, industriales o de la navegación y lo que los pudiese fomentar la existencia de una Cámara” 

     - Para participar cómpre ser español, comerciante, industrial ou navieiro por conta propia, con cinco anos de exercicio, ou dez de residencia e dedicación no caso de estranxeiros. 

      - Posuír unha antigüidade de cinco anos no pago de contribucións directas nalgunha destas pólas. 

        - Contribuír na Cámara coas cuotas regulamentarias. 

As funcións encomendadas ás Cámaras, segundo o Decreto que vimos analizando, podemos dividilas en tres grupos: 

a) De petición e proposición: 

        a. Formular peticións ao poder lexislativo para o desenvolvemento e mellora do comercio, industria e navegación 

        b. Propoñer ao Goberno as reformas lexislativas ou a execución de obras para fomento dos intereses da Cámara. Neste ámbito o Goberno debe consultar necesariamente ás Cámaras para proxectos ou tratados comerciais, arancelarios, aduaneiros, etc. 

b) De acción e dirección: 

             a. Promover e dirixir exposicións comerciais e de industrias 

             b. Fundar e administrar establecementos como almacéns, depósitos, etc. 

             c. Fomentar o ensino comercial, industrial e marítimo.  

c) De vixianza, composición e xudiciais: 

             a. Nomear veedores que coiden da policía mercantil e industrial 

             b. Vixiar as obras públicas do seu interese 

             c. Exercer o contraste de pesas e medidas se o solicitan 

             d. Promover órganos de resolución de conflitos 

            e. Resolver as diverxencias entre fabricantes e operarios, cando de mutuo acordo se sometesen á decisión da Cámara 

              f. Redactar e publicar anualmente unha memoria das súas actividades. 

Ao abeiro deste Decreto de 12 de abril de 1886 créase a Cámara de Bilbao, con 504 asociados, e nese mesmo ano fúndanse 21 entidades camerais, entre elas a Cámara de A Coruña o 5 de xuño de 1886 ou a Cámara de Vigo o 16 de novembro do mesmo ano. As restantes Cámaras galegas serán creadas posteriormente: Ourense (10 de febreiro de 1889), Santiago de Compostela (25 de febreiro de 1889), Lugo (1893), O Ferrol (9 de abril de 1899), Vilagarcía de Arousa (15 de febreiro de 1900) ou Pontevedra (31 de decembro de 1901). 

A Cámara de Comercio de Tui: os seus primeiros pasos. 
A historia da Cámara de Comercio tudense está vencellada, nos seus inicios, á entidade cameral viguesa. No ano 1898 xorde a iniciativa de celebrar un congreso das Cámaras de Comercio que, como indica a convocatoria, “deben mostrar a los poderes públicos las causas económicas que llevaban a España a la ruina y al descrédito causas entre las que estaban, lógicamente, las derivadas de las últimas guerras coloniales, las que terminarían con la pérdida de Cuba, Puerto Rico, Filipinas y la isla de Guam en el Pacífico”. O congreso tivo lugar en Zaragoza do 20 ao 27 de novembro e acordan solicitar unha importante reordenación da vida económica española reclamando unha presenza activa das Cámaras de Comercio no deseño da política económica. Reafirmouse nesta asemblea o papel a desenvolver pola Cámaras e interesouse por crear novas entidades naquelas cidades onde fose posible a súa constitución. Xa que logo naquel mesmo ano, en decembro de 1898, promóvese a creación de dúas cámaras e un total de once no ano 1899. 

No ronsel deste pulo do Congreso de Zaragoza o 11 de febreiro de 1899 ten lugar unha asemblea de sesenta comerciantes e industriais no Teatro Principal tudense coa finalidade de proceder á creación dunha Delegación da Cámara de Comercio de Vigo. Estaban presentes Segundo Fernández Gándara, Petronilo Caravelos, Sabino Jurado e Joaquín Alfaya, tudenses que ostentaban a representación cameral viguesa. 


Aos sete días, o 18 de febreiro, no mesmo Teatro Principal, créase oficialmente a Delegación tudense. O acto que contou coa participación, segundo o periódico tudense “La Integridad”, con máis de 60 comerciantes e industriais da cidade e estivo presidido por unha Comisión da Cámara de Comercio de Vigo, formada por Fernando Conde, Joaquín Pérez-Boullosa e Manuel Sitjá. Tras os protocolarios, pero vibrantes, discursos dos señores Conde e Pérez-Boullosa procedeuse á elección da Xunta directiva desta Delegación que estaba conformada do xeito seguinte: 

- Presidente: Segundo Fernández Gándara 

- Vicepresidente: Sabino Jurado 

- Vocais: José Gándara Hermida e José Díz 

- Secretario: Petronilo Caravelos 

Resulta de interese coñecer as dedicacións profesionais dalgúns membros desta directiva, para valorar o seu significado na vida tudense. O presidente Segundo Fernández Gándara era propietario dun establecemento de ultramarinos. José Gándara Hermida posuía un establecemento de aceite. José Diz, tiña naquel mesmo ano, unha fábrica de chocolate. Finalmente, Petronilo Caravelos, era fillo do catedrático de historia Pedro Miguel Caravelos, e tiña unha tenda de artigos relixiosos na nosa cidade. 

O 23 de xullo de 1899 a Cámara tudense acorda unha reordenación na súa directiva, establecendo o que é norma en todas as Cámaras, a creación das respectivas seccións de industria e comercio. Sabemos que a composición da Xunta Directiva da Cámara no ano 1901 era a seguinte: 

- Presidente de honra: José Emilio Herráiz 

- Presidente: Segundo Fernández Gándara 

- Vicepresidente: Sabino Jurado 

- Contador: José Banco 

- Tesoureiro: Ignacio Diz 

- Arquiveiro-bibliotecario: Rosendo G. Troncoso 

- Secretario Xeral: Petronila Caravelos 

- Presidente da Sección de Comercio: Donato Moure 

- Vocais polo comercio: Manuel Álvarez Blanco, Ricardo Padín e Juan Montes. 

- Secretario da sección de comercio: Canuto Santolalla 

- Presidente da sección de industria: Calixto Vázquez 

- Vocais pola Industria: Evaristo Rodríguez, Ricardo Alfaya e Laureno Alfaya. 

- Secretrario da sección de industria: Juan Carrera. 

Salienta nesta nova relación o nomeamento de José Emilio Herráiz como presidente de honra, pois este persoeiro, rexistrador da propiuedade en Tui, era o representante na nosa cidade do deputado tudense Mariano Ordoñez, segundo membro dunha familia de políticos conservadores que mantiña un ferreo control sobre os procesos electorais no noso distrito na época da Restauración. Ezequiel Ordoñez e logo o seu fillo Mariano, foron deputados polo distrito tudense entre 1879 e 1923, e ocuparon importantes postos no goberno de Madrid dende onde favoreceron a consolidación dunha rede clientelar e caciquil propia daquel momento histórico. O nomeamento de Hérraiz como presidente de honra da Cámara supón o aliñamento da Cámara con este sector da vida política tudense. 

Naquela altura, 1901, un decreto do goberno estableceu a xurisdicción que detentaría cada Cámara. Así a Cámara de Comercio da capitalidade da provincia abranguería a totalidade do territorio provincial, agás aquelas localidades onde existise algunha, pois nas outras localidades as Cámaras exercerían a súa xurisdicción únicamente no seu término municipal. 

Neste tempos a Cámara tudense era, en realidade, como xa temos apuntado, unha delegación en Tui da Cámara de Comercio de Vigo. Coa consolidación da actividade da Cámara corre parello un anceio de acadar a independencia verbo da institución viguesa. Será o 28 de maio de 1907 cando se asine o Real Decreto polo que foi declarada oficialmente constituida a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Tui, iniciando dende esta data unha dilatada traxectoria como organismo independente e que promoverá o desenvolvemento social e económico da nosa cidade e a súa bisbarra.

Nota: Este traballo, agora revisado, forma parte do libro "Centenario Cámara Tui, 1907-2007" editado no ano 2007 pola Cámara tudense.

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall