Ir al contenido principal

Benito Sanjurjo Ramírez de Arellano: a ascendencia tudense da escritora Maria do Carme Kruckenberg


 

O recente pasamento, nesta pasada fin de semana, da escritora Maria do Carme Kruckenberg Sanjurjo nos ofrece a posiblidade de recuperar a súa ascendencia tudense. Filla de Gustavo Kruckenberg Sartorius e de Josefa Sanjurjo de Oza; a figura do seu pai nos leva ata Alemaña namentras que a súa nai era filla de Benito Sanjurjo Ramírez de Arellano, nado en Tui no ano 1856. 

Co gallo do centenario do seu nacemento o cronista tudense Manuel Fernández-Valdés Costas publicou en “Faro de Vigo” un artigo xornalístico reivindicando a achega deste tudense, Benito Sanjurjo, á historia de Vigo e que logo resume no seu libro “Familias antiguas de Tuy” (1958).



Asi recolle que cando contaba con poucos anos os seus pais, Benito Carlos Sanjurjo e Maria Concepción Ramírez de Arellano, tras cumprir o seu destino militar no reximiento da guarnición tudense, se trasladan a Vigo a unha casa na rúa Pracer de Afora (na zona que hose ocupan as rúas Enrique Blein, Celso Emilio Ferreiro e a rúa Nicaragua ata o Couto).


Seguindo o texto de Fernández-Valdés: “El joven D. Benito fue enviado para su educación a Paris y en aquella capital se formó al lado de su tio, el banquero D. Adolfo Calzado. Alli adquirió el espiritu de inciativa y audacia que le acompañó toda su vida. En Paris comenzó a estudiar Arquitectura, estudios que tuvo que interrumpir para reintegrarse a España, pero que influyeron notablemenrte en el curso de su vida. En Vigo fue primero Corredor de Comercio y más tarde proyectó la construcción de casas a cuyo fin adquirió terrenos en la calle Urzaiz (…) 
 
Moitos dos edificios que promoveu Benito Sanjurjo foron proxectados por dos egrexios arquitectos: Michel Pacewicz  e Jenaro de la Fuente. A Pacewicz o coñecera Benito na súa estadia parisiense cara 1872 e como froito desa amizade se instala en Vigo no ano 1897 con varios proxectos xa redactados para a alta burguesia vigues que conectara con él a través de Benito Sanjurjo. Ata daquela o principal arquitecto vigués era Jenaro de la Fuente, que sumaba amáis a súa condición de arquitecto de obras muncipais. De la Fuente mesmo prestaralle a súa sinatura a Pacewicz ata que non tivo recoñecido o seu titulo francés.

A burguesia acomodada viguesa atopa na obra de Pacewicz a expresión do seu poderío económico e social, cunha arquietctura monumentalista e internacional, que conecta directamente coa arquitectura francesa dotando á cidade de edificios que, aínda na actualidade, son fonte de prestixio e orgullo. Coa obra de Jenaro de la Fuente Domínguez e Michel Pacewicz a cidade de Vigo dótase dunha arquitectura de amplo prestixio engarzadano co eclecticismo e historicismo característico daqueles anos de inicios do século XX. Unha das primeiras obras de Pacewicz en Vigo será o edicio da Escola de Artes o Oficios (1897) ou no memo ano o edificio El Moderno na Porta do Sol. Neses anos constrúe inmobles para persoeiros da época como Manuel Bárcena, Paulino e Francisco Yáñez, Rosendo Silva, etc.
 
En 1906 realiza unha das súas obras con máis influencia parisinas, la Casa para Benito Sanjurjo Ramírez de Arellano (actual Praza de Compostela, nº 20). Entre 1903 e 1912 colabora con Jenaro de la Fuente na construcción de 7 casas promovidas por Benito Sanjurjo Ramírez de Arellano, as coñecidas como Grupo de Casas de Benito Sanjurjo (Urzáiz, nº 11 ao 23). As casas foron construidas de dous en dous, sendo as primeiras (nº 21 e 23) deseñadas por Pacewicz e o resto por Jenaro de la Fuente y Domínguez.



Posiblemente a influencia de Benito Sanjurjo está nas obras que Michel Pacewicz proxectou en Tui. O edificio na Corredoira, popularmente coñecido na actualidade como Casino Vello, construído no ano 1908 e do que lamentablemente na actualidade so conserva a súa fachada. Esta obra foi promovida polo enxeñeiro de montes Rafael Areses Vidal. O seu pai, o farmacéutico Juan Areses Alonso, encargalle a reforma da súa casa no Paseo da Corredoira no 1909 e no seginte ano Jesús Rivas Bugarín promove co arquitecto franco-polaco (que, por certo, visitaba con asiduidade o Balneario de Caldelas) o edificio continguo ao de Areses Vidal (onde hoxe se atopa a Libreria Iris). Tamén por mágoa deste inmoble só nos resta a súa fachada. Xavier Añoveros, nun artigo que citamos na bibliografia, apunta outros edificios como da autoría de Pacewizc: a casa da familia Cela na Praza de San Fernando, a casa da familia Valdés na Corredoira ou outra casa na rúa Martínez Padin 40. 


Velai como a influencia do tudense Benito Sanjurjo na cidade de Vigo alongase no tempo co legado da obra monumental de Pacewicz e Jenaro de la Fuente. Sanjurjo Ramírez de Arellano morre o 9 de febreiro de 1916 no Sanatorio Lluría, instalado no Castelo de Soutomaior.



Retrato de Pepucha Sanjurjo Oza de Kruckemberg de Antonio Medal Carrera
Tomado en http://pintura.aut.org/SearchProducto?Produnum=121446



Un das súas filla, Josefa, cosou como apuntabamos máis arriba con Gustavo Kruckenberg que chegara a Vigo como delegado de Lloyds e foi consignatario da naviera Hamburg America Line. Como lembraba a súa filla Carme viviron primeiro na rúa Montero Rios e posteriormente na rúa Urzaiz no ambiente característico da alta burguesía viguesa.

Sirvan estes apuntes para rememorar a figura do tudense Benito Sanjurjo ao coñecer o pasamento da súa neta Carme Kruckenberg Sanjurjo.

Añoveros, Xabier: “Michael Pacewicz: un arquitecto francés en Tuy” ren Tudae, nº 10 (2002), pp. 8-11.
Fernández-Valdés, Manuel: “Familias antiguas de Tuy”, 1958, pp.143-145.

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le