Ir al contenido principal

Na morte de Xosé Luis Méndez, "Lis"


Impactado aínda pola luctuosa noticia da morte, neste xoves 22 de setembro, do pintor tudense Xosé Luis Méndez “Lis” dende as páxinas de “Tudensia” queremos rememorar a este singular artista, participante asiduo na vida tudense ao longo das últimas décadas, con estas liñas de lembranza garimosa.
Xosé Luis Méndez Rodríguez, tiña nacido en Tui en 1958 e dende novo amosou a súa habelencia con lapis e logo cos pinceis.  Xa con 17 anos participa na I Mostra de Arte Popular no Baixo Miño en A Guarda e no ano 1980 realiza a súa primeira exposición individual na Casa da Xuventude tudense. Dende aquel numerosas exposicións colectivas e individuais enchen a traxectoria artística de “Lis”, que no ano 2008 expón na Casa de Galicia en Madrid e finalmente en xuño do pasado ano 2010 na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, na que sería a súa derradeira exposición individual, “A cor da música”. Estas dúas últimas mostras en compañía do escultor Raimundo Martínez “Rai”.


Na obra de “Lis”  color e a luz se converten en absolutos protagonistas e na súa mistura xorden as formas e obxectos, creando ao longo dos anos un estilo propio, unha xeito de composición moi propio que singulariza a súa producción. O seu interese pola composición, creada sobre a base do dominio do debuxo e dunha sabia combinación de cores, luces e apuntes de figuración creada a partires de liñas que definen as masas cromáticas era un tema recorrente nas súas conversas.
Como sinala o critico Silvestre Gómez, “A pintura de Lis é unha sinfonia e unha regueifa de cores e liñas fuxidías, metáfora de imposibles pentagramas que mostra a consolidación dun estilo persoal (...) que procura novas formas expresivas para sorprenderse e sorprendernos”.
Pero como autor, en boa medida autodidacta, tamén traballou noutros ámbitos artísticos, como foi o cartelismo –ao longo de varios anos foi autor, por exemplo, do cartel anunciador das festas de San Telmo- e compartiu labor con escultores do Baixo Miño, como é o caso de Antúnez Pousa. Esta polivalencia foi enriquecedora para a súa producción artística.


Perde Tui un singular artista que nos ten enriquecido coa súa aportación onde as cores, nas súas últimas series retratando músicos, son o elemento substancial do seu particular estilo. Posiblemente o máis esencial da achega artística de Lis sexa o seu peculiar estilo, certamente único, que identifica á súa obra, froito dunha alongada traxectoria de traballo e aprendizaxe.
Coas nosas condolencias para os familiares e amigos, sirva este post de sinxela lembranza á figura de Xosé Luis Méndez, “Lis”.

Comentarios

  1. Sumo desde "FERRUXADAS" mis condolencias a los familiares, pero también a toda la sociedad tudense por haber perdido un referente cultural. Si terecordamos, seguirás viviendo entre nosotros.

    ResponderEliminar
  2. Grazas polas túas palabras. Oxalá meu pai non nos deixara tan cedo...

    ResponderEliminar
  3. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miñ...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...