Ir al contenido principal

O Galiñeiro ameazado

Nos últimos tempos aparecen na prensa diversas noticias sobre o perigo que corre o monte Galiñeiro -inmediato ao noso concello- pois no recentemente resolto concurso eólico pola Xunta de Galicia está prevista instalación de aeroxeneradores neste enclave, que salienta tanto polos seus valores naturais, ecolóxicos e históricos. A implantación destes aparellos danaria gravemente este enclave.

Sobre o aspecto histórico hai xa anos que o Jaime Garrido na súa obra "Fortalezas de la antigua provincia de Tuy" (Pontevedra, 1987) amosounos a importancia deste castelo rochoso, dotado dunha ampla muralla e co seu recinto defensivo. Esta fortaleza está directamente relacionada coa fortaleza do Monte Aloia, e a súa longa muralla, ou a acrópole do Faro de Budiño. Forman parte dunha serie de "castelos" rocheiros que se extenden por toda Galicia e dos que descoñecemos en boa medida a súa historia, ligada de seguro que aos séculos da Alta Idade Media.

Reproducimos a continuación un "post" do xornalista Manuel Gago sobre a fortaleza do monte Galiñeiro publicado no seu blog "Capitulo Cero" (de moi recomendable visitahttp://www.manuelgago.org/blog/) nos que, entre outros moitos temas, ven estudando estes castelos espallados pola nosa terra. Tomando unha referencia documental publicada polo historiador Fernando Alsina sobre as "respublica ingeniorum", Gago traduce este término e atribue a estas fortalezas a unha denominada "República ou Goberno dos Homes Libres" que documentaríamos nos séculos anteriores ao cambio de milenio, desenvolvendo unha interesante teoría sobre este período histórico do que descoñecemos case todo. Agradecemos a Manuel Gago a súa autorización para a reprodución da sua entrada sobre o Galiñeiro.

A implantación desta planta eólica ameaza pois directamente esta riqueza patrimonial como queda en evidencia na seguinte ilustración que fornecen os amigos do Instituto de Estudos Miñoranos. Aínda que Tudensia naceu con vocación de ocuparse de temas tudenses, a proximidade do Galiñeiro e a súa pertenza ao mesmo territorio histórico e xeográfico da nosa cidade xustifica, se fose o caso, a nosa atención, sumándonos ás voces que reclaman a anulación deste proxecto nada respectuoso co noso patrimonio natural e cultural.



A Fortaleza do Galiñeiro: o impresionante refuxiode guerras esquencidas

20 / September/ 20109 comentarios

Fotos: Sole

Os vellos de Vincios chamábanlle ao Galiñeiro o Pico das Sete Camisas, porque no inverno vestíase sete veces de de neve. Aínda que a temperatura global do país subíu nas últimas décadas, este lugar continúa a ser un espazo de metereoloxía bravísima na que ata ao toxo lle custa medrar. Estamos a case setecentos metros de altura, e estou alucinando con todos os meus sentidos ante o que aquí vemos.

Cando comezamos a República de Homes Libres, e non sabíamos que procurabamos a aventura, non tardou en saír a referencia ao Galiñeiro. Ao norte do monte Aloia de Tui, seguindo a serra, no seu estremo contrario, permanecía unha fortaleza pouco coñecida, e tan enigmática coma o Aloia e o Castro Valente. Co Aloia e outra fortaleza máis, o Faro de Budiño, compartía outra característica: case voa sobre a Depresión Meridiana, o corredor xeolóxico que permite facilmente chegar desde o Miño ata o interior da provincia da Coruña sen grandes obstáculos orográficos.

Para preparar a conferencia de Pontevedra, decidimos avanzar nesta secuencia de fortalezas do sur, das que comezamos a ter hipóteses máis ou menos elaboradas sobre a cronoloxía. Ao subirmos ás penedías do Galiñeiro, atopamos un lugar fascinante, duro, pero no que se percibían facilmente as estruturas defensivas. A este pico, o Galiñeiro Norte, chámase o Couto do Demo -moitos nomes infernais teñen estes castelos. Aquí tes a súa localización.

Fotos: Sole

Entre enormes penedías de gneis alí enriba hai unha fortaleza tan descoñecida como de enorme relevancia. Aquelo non é un castro. E non se parece en nada ás pequenas e circulares motas e castelos roqueiros que estudamos ao final da Alta Idade Media, nos séculos VIII ou IX. Aquelo é grande -aínda que é moito máis pequeno que o Aloia ou o Castro Valente-, pero sobre todo é maxestuoso. Imaxinen unha grandiosa formación natural, de enormes penedías de gneis cortadas no interior, formando como canles de herba que se conectan entre si, e cada unha destas canles bloqueada en cada estremo por unha muralla que bloquea o paso. Polo seu lado oeste, a caída é de vertixe, e as murallas foron formadas de xeito alucinante. As xentes que crearon este lugar cortaron as laxes de penedías e debruzáronnas e acumuláronnas monte abaixo, formando como murallas sucesivas que bloquean un lugar inaccesible.

Canteira para o muro ciclópeo do Leste.

Pola contra, na súa banda Leste, que é a máis visible, os construtores da fortaleza crebaron as laxes, arrastraron pedras ciclópeas, formaron unha muralla estruturada con laxes enormes: aquela parte debía ser vista por quen chegara ata alí. Como sempre nos castelos que exploramos desta época -tardorromana e xermánica- a cara máis visible adquire un sentido moito máis monumental. Un camiño angosto parece subir pola valgada do sureste. A canle de acceso está protexida por unha doble muralla -que parece de factura anterior, máis antiga que o resto do muro-.

Percorrendo estas valgadas rodeadas de enormes penedías chegas, na zona norte, a un lugar no que resisten algunhas edificacións anexas á muralla e un corredor que serpentea entre elas. Algunha edificación aínda está en pé, pero podería ser posterior ao mesmo recinto. Distínguese outras dúas, cando menos. Parece estar na parte máis refuxiada dos duros ventos que deben zoar indomables aló enriba. Xusto embaixo, e cinguindo as bandas leste e sur, os ollos máis avezados distinguirán unha plataforma circundada por un muro que podería ser unha segunda liña de muralla ou algún tipo de peche perimetral de todo o recinto.

O escenario é salvaxe, cinematográfico, obrígate a estar calado. Por baixo noso están terras e montes de Vigo e o Val Miñor. A costa de Baiona enxérgase con facilidade, pero calquera persoa decátase de que este lugar, lonxe de todo, non era só unha atalaia. Voulles soltar unha teoría: este é un refuxio, un lugar ao que subía moita xente nun momento de perigo tremendo. Non sabemos como resistirían un asedio de tempo: non localizamos aínda un alxibe ou algo similar, pero este castelo non se pode defender cunha pequena guarnición. Imaxínome familias enteiras aquí agochadas ante a presenza dun enemigo profundamente hostil. Cremos sentir os seus pasos, os seus refuxios e acochos. Case cremos sentir o perigo. Gustaríame porlle nomes e tempos a todo isto.

O paramento do muro -o único resto que nós podemos ver, que podemos comparar- parécese moito ao do monte Aloia. Parecería mesmo pertencer á mesma época. Antigas gens, antigos pobos prerromanos que ante a caída do Imperio Romano volven cobrar sentido como entidades políticas e, sobre todo, defensivas. Algunhas partes do muro requiren un investimento en recursos humanos moi elevado. Esta fortaleza foi feita para durar, e aínda que o tempo levoulle moitas pedras, durou máis de mil anos. E aínda voume tirar un pouco máis á piscina: baixo os pés desta fortaleza, ao Oeste, está o impresionte petróglifo de Auga da Laxe, coñecido polos vellos como a Pedra das Procesións, onde vinteseis armas prehistóricas están esculpidas nun dos conxuntos de petróglifos máis importantes do país. Quen sabe se, de algún xeito, este impoñente Castelo Baleiro tivo algo que ver -nalgún momento da súa historia- con ese máxico lugar.

A Fortaleza do Galiñeiro posiblemente sexa o Castelo Baleiro máis espectacular co que nos teñamos atopado na nosa aventura, ata o momento. Un lugar ao que non tardaremos en volver.



Comentarios

  1. Fagamos unha protesta xeneralizada, ya que Tui e Porriño vai quedar entre muiños. Por babor Portugal e por estribor o Galiñeiro.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall