Ir al contenido principal

O bote anguleiro, unha testemuña do noso patrimonio





A chegada das chuvias e temporais impulsados en Tui polo vento de “cabra fanada”, que dicían os nosos maiores e que agora por mágoa case non se escoita, trouxo consigo tamén unha nova tempada da pesca do meixón, que é como chamamos por estas terras miñotas ás angulas.

O temas das angulas está de actualidade pois ao parecer a partires de deste ano existirá unha prohibición da súa actual forma de captura, con redes de tea con dous anos de moratoria, de xeito que dende o ano 2011 só se poderá capturar con peneira e dende as ribeiras. Esta decisión decidida para a conservación desta especie coincide coa directivas da Unión Europea a prol da conservación de especies ameazadas nos nosos rios e, nomeadamente, das anguias e dos seus alevíns.

Para aqueles interesados en coñecer as características científicas desta especie poden consultar o seguinte enlace con datos de moito interese http://weblogs.madrimasd.org/ciencia_marina/archive/2008/03/25/87356.aspx do profesor investigador Antonio Figueras, do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo do CSIC.

Pero a nosa pretensión diante deste anuncio de transformación da pesca tradicional deste produto típico do rio Miño, o meixón, é alertar sobre a necesidade de conservar a cultura material vencellada a este tipo de pesca que coas novas diretrices pesqueiras está chamada senón á desaparición alomenos a súa transformación.

Un dos elementos máis interesantes ligados á cultura tradicional da pesca da angula son os barcos, o bote anguleiro, os popularmente chamados no noso río “carochos”, un tipo de embarcación tradicional do que só resta un número reducido, testemuño da sua presenza ancestral, pois agora os nosos pescadores empregan planeadoras a motor, cunha eslora de arredor dos 5 metros. Este bote anguleiro que nos últimos anos estaba dedicado á pesca tivo tamén outros exemplos de maiores dimensións para o transporte de mercancias, cando no noso río aínda non existian as pontes e as barcas era o único medio de transporte entre ambas ribeiras.


“Construído coa vella técnica do tingladillo, orixinaria da Europa setentrional, ten un aspecto de canoa alongada que o emparenta con moitas pequenas embarcacións daquela rexión, tamén de costados escalonados. Cunha eslora en torno ao seis metros, o bote anguleiro atópase nos tramos baixos do Miño, tanto na beira española como na portuguesa. A súa función principal na actualidade é a pesca, e non só, contrariamente ao que suxire o seu nome, da anguía. Tamén os houbo no pasado, de maiores dimensións, para o transporte de mercadorías.

Descrición

O bote anguleiro é unha embarcación de dúas proas, é dicir, de extremos afiados. Proa e codaste eran curvos e bastante lanzados, aínda que na actualidade sóese construír a popa plana, de espello, para a colocación dun motor foraborda. A súa silueta é bastante arrufada, isto é, curvada cara arriba como en media lúa. Estas características, xunto á forma alongada do casco e o escaso calado apórtalle lixeireza e mínima resistencia para o remonte das correntes do río.

Cada costado está formado xeralmente por catro táboas, colocadas, como dicimos arriba, en tingaldillo. Estas poden non ser enteirizas, dunha soa peza, caso en que se realizan as ensamblaxes sobre as cadernas. As táboas máis próximas á quilla chámanse “agullas”, por ser de extremos afiados, como as do par da quilla na dorna. Ambas embarcacións, bote anguleiro e dorna arousá, son de casco completamente en tingladillo, pero de aspecto e construción diferente.

A característica construtiva máis interesante do bote é a sección en “T” da quilla. A diferenza da dorna, cuxa quilla é de sección rectangular, a do bote tállase a partir dun madeiro que lle dá esta forma na súa sección, de maneira que as agullas se unen á quilla por debaixo das ás do dito “T”, co que resulta que estas táboas adoitan unha posición practicamente horizontal e dan lugar a un fondo plano.

O proceso de construción desta embarcación podería definirse como mixto. Comézase pola colocación da quilla, a roda e o codaste (ou espello se é o caso); a continuación as agullas, como na técnica de dentro a fóra, para sobre elas cravar logo as varengas e as cadernas, formando así a estrutura para cravar o resto das táboas do forro. Esta presenta a particularidade de que, a diferenza do de tope, en que pode comezarse pola fila superior, debe realizarse comezando pola táboas de máis abaixo, as agullas, para seguir, fila a fila, cara arriba como tamén se fai na dorna. No bordo de arriba da fila da táboa superior vai cravada, por fóra, a modo de reforzo, unha mais estreita como na dorna, que é cinta ou “verdugillo”. Era tradicional que, ao cabo de anos e debido ao desgaste e avellentamento, se renovasen as táboas do forro, polo que espía a estrutura a volvíase a cubrir cun novo banceado.

Existen lixeiras diferenzas entre os botes da beira portuguesa e española do Miño: nos españois a roda adoitaba ser de sección rectangular, non en “T” como a quilla, dando iso lugar a unha proa máis afiada; ademais, presentan un menor arrufo que os portugueses.

O bote anguleiro é unha embarcación aberta, no entanto leva a proa e a popa senllas plataformas, algo elevadas respecto ao empanetado do centro, chamadas nalgunhas zonas “tiburnos”. Unha particularidade da de proa é a súa inclinación descendente cara á proa, de maneira que deixa ver unha boa parte da cara interior da roda. Ademais leva un par de bancos, un ao centro, que serve tamén de reforzo construtivo, e outro a popa para o manexo do temón. O remo tradicional deste bote é similar ao da dorna, coa pa lixeiramente curvada e un só taco cada un para encaixar no tolete, e cos que se remaba cruzándoos.

Ademais dos remos a propulsión tradicional era a vela. A que izaba esta embarcación era do tipo ao terzo, amurada a pé de pau, e que na zona se denominaba de “guillotina” ou tamén “de pendón”. O temón tiña unha pa que se ensanchaba baixo a liña de flotación e que calaba preto de medio metro baixo a quilla.

Na actualidade o tingladillo limítase en Galicia, ademais de ao bote anguleiro, á dorna e aos costados das chalanas, pero sabemos que na Idade Media era a técnica de construción de embarcacións máis común. O mesmo ocorría no resto das costas do norte da Península, onde perduraron algunhas delas, co nome de trincados ou trincaduras, ata o século XVIII en que comezaron a construírse de tope.

Como dixemos máis arriba o punto de especial interese neste bote é a quilla en “T”. Esta quilla tíñana xa embarcacións encontradas en Nydam, Dinamarca, datadas entre os séculos IV e V. Os cascos das embarcacións viquingas tamén a levaban, aínda que nelas o par de táboas que quedaban por debaixo de ás do “T” ían inclinadas formando unha aguda sentina como a da dorna. A do bote anguleiro é máis parecida á da barca ou barxa baixomedieval, cuxo fondo era plano como o do bote e construído tamén enteiramente en tingladillo. Nesta última, como se sabe polos restos arqueolóxicos da época, as táboas ensamblaban en horizontal coa quilla e formaban un fondo plano, como o fan no bote anguleiro.

Unha variante, xa desaparecida, desta embarcación era a que se distinguía das de hoxe en día polo seu tamaño, en torno aos oito metros, en lugar dos seis ou sete dos actuais, e que se dedicaba fundamentalmente ao transporte de mercadorias.

O barco ou barcaza de tráfico, de dimensións moito maiores có bote anguleiro, o seu casco alongado respondía ás mesmas proporcións có deste. A súa eslora era duns vinte metros, tamén de extremos simétricos e afiados, con bastante lanzamento e arrufo. Son estas unhas características que lle proporcionan un aspecto lixeiro e airoso, afastando á do Miño, da noción do que é unha barcaza en xeral; unha embarcación ancha, recta e de aparencia máis ben pesada. Tiña un pau vertical e izaba unha vela como a descrita para o anguleiro pero de maior tamaño.

Un medio de propulsión que tamén se empregaba era a tracción animal: era arrastrada dende a beira por unha cabalería. O seu temón era, como a do anguleiro, moi ancho baixo a liña de flotación, o que era necesario, entre outras cousas, para evitar que o tiro dende a terra acabase encallando na beira. A súa función era o transporte de mercadorías e estaba construída de tope, aínda que conservando nas súas dimensións as proporcións correspondentes ao bote de tingladillo. Isto fai pensar que podería ser unha evolución deste último, que nalgún momento pasou a construírse de tope por ser máis axeitada esta técnica para embarcacións dun certo porte.

(Do libro de Jesús Blanco: “Guía das embarcacións tradicionais galegas”. Nigratrea, 2007)

O bote anguleiro do Miño está construido coa vella técnica do tingladillo, cunha dianteira en punta, quilla en T e construciñon de táboas superpostas en fileiras que o emparentan coas embarcacións nórdicas. Este tipo de quilla que ten os seus primeiros exemplos en embarcacións atopadas no norte de Europa e que corresponden nas súas datacions máis antigas aos séculos IV e V depois de Cristo. Diversos autores vencellan a existencia deste tipo de embarcacións á presenza de normandos e viquingos que ao longo de varios séculos (especialmente do século IX ao XII) asolaron en numerosas oportunidades as costas e cidades de Galicia, e mesmo estableceron asentamentos temporais na nosa terra (especialmente nas invernías).

O bote anguleiro do treito internacional do rio Miño é un exemplo sobranceiro da cultura tradicional, pero compre unha precisión. Non hai que contemplar a tecnoloxía tradicional como expresión do atraso e do escaso desenvolvemento senón, ao contrario, como a solución óptima á que se chega a través da experiencia de numerosas xeneracións.

Os amigos do Aquamuseu do rio Minho de Vilanova de Cerveira co seu entusiasta director Carlos Antunes teñen realizado un importante labor de conservación e divulgación do patrimonio natural e cultural vencellado ao rio Miño. Tamén cómpre reseñar os nomes de Stefan Mörling e Eliseo Alonso, nos aspectos etnográficos, e Ernesto Iglesias Alemida, para a historia, como os grandes referentes na investigación sobre o noso rio e e a súa cultura.

Resulta curiosa a escasa atención que cara o noso rio Miño adoitan ter moitos tudenses, pero non é o caso agora de analizar este feito. Pero aproveito este "post" para manifestar que diante dos novos tempos que se anuncian na pesca no noso río cómpre documentar e conservar as testemuñas materiais desta cultura tradicional que, en moitos casos, están a piques de desaparecer para sempre e que nos privarían dunha parte do noso patrimonio cultural, a ligado á pesca no rio Miño transmitido ao longo dos séculos polos nosos devanceiros.


Nota: A foto que abre este post corresponde a un bote que leva na súa vela o anagrama da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial que desenvolve un meritorio traballo a prol deste patrimonio.

Comentarios

  1. O presente artigo constitúe unha achega de interese para coñecer mellor a pesca do meixón no Miño. Clodio González Pérez

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall

Unha visión de Tui e as fortalezas da fronteira en 1764 por José Cornide

Un dos aspectos normalmente esquecidos na conformación da nosa cidade é a súa condición de praza forte, de emprazamento militar, de cabeceira dun sistema fortificado organizado ao longo do río Miño. Carecemos de noticias documentais ou arqueolóxicas sobre a posible existencia dun muro defensivo no outeiro tudense antes de 1170, cando Fernando II ordena a súa construción ao abeiro da reconfiguración urbanística da cidade que promove este monarca. De seguro que algún tipo de defensas tivo a vella Tude en época sueva e visigoda e especialmente nos primeiros tempos medievais pero o estado actual do noso coñecemento non nos permite superar o ámbito das hipóteses. Neste blog nos temos ocupado no seu día sobre o sistema amurallado tudense en tres post aos que remitimos a quen desexe achegarse a este aspecto do noso patrimonio e historia [1] Reproducimos hoxe un texto do erudito coruñés José Cornide que forma parte do seu libro: Descripción circunstanciada de la costa de Galicia, y raya