Ir al contenido principal

O Muiño do Mañoco, setecentos anos de historia entre silveiras...

A nosa cidade posúe un estenso patrimonio monumental que todos apreciamos como unha alfaia esquisita: a Catedral, os conventos como San Domingos ou San Antonio, igrexas e capelas… conforman o conxunto patrimonial tudense do que nos gabamos.

Pero xunto a estes edificios emblemáticos, a nosa cidade agocha tamén outros elementos de significación patrimonial, aínda que de menor relevancia, ou de máis escaso coñecemento pero que son merecentes de aprecio, de estima e da súa conservación. Fontes monumentais e cunha historia secular como son as de San Domingos, Riomuíños ou Ouro, cruceiros como o Cristo da Cal, o da Tenencia, San Bartolomeu ou a rúa Coruña… sinxelos petos de ánimas como o do Rastrillo… son exemplos deste patrimonio, as veces, chamado “menor”.

Hoxe querería chamar a atención doutro exemplo menos visible ou coñecido da nosa arquitectura popular: o muiño do Mañoco, sobre quen xa temos chamado a atención noutras oportunidades. Un muíño inmediato á cidade tudense e que conserva boa parte da súa estrutura constructiva, deteriorada polo paso dos anos e polo abandono. Vai para cinco anos que a Asociación Cultural “Civitas Tudensis”, preocupada pola súa conservación, promoveu unha limpeza do lugar para evitar que as silveiras e a vexetación poidesen deteriorar ainda máis a súa feble arquitectura. Unha acción realizada dende o convencemnto que este muíño é unha singular testemuña da historia tudense, da súa vida social e económica ao longo dos últimos sete séculos.

Na actualidade e como podemos observar nas fotografias deste "post" non é visible a estrutura arquitectónica desta edificación ocultada polas silveiras e as canas que medran sen control, ocultando os restos desta edificación e deteriorando, aínda mais se cabe, este enclave senlleiro da cultura popular tudense.





Ernesto Iglesias Almeida en varias das súas publicacións aporta abondosos datos sobre a dilatada historia deste muíño do Mañoco, propiedade do Cabido da Catedral dende os séculos medievais. A primeira noticia coñecida da súa existencia data de 1374, cando o coengo tudense Martiño Barreiro afórallo a Afonso Anes, zapateiro, veciño de Tui a condición de que o fixese de novo. Numerosos contratos de arrendamento foral consérvanse no arquivo da Catedral tudense, que evidencian a importante actividade que éste posuía, pois xunto cos existentes no barrio de Riomuiños, eran os únicos muiños existentes nas inmediacións da cidade de Tui para uso dos seus habitantes.

Trátase pois dun muíño fariñeiro, adicado á molenda do gran, con rodas horizontais ou rodicio fixo, dos chamados de cubo, pois a almacenaxe da auga faise nun espazo inclinado de sección rectángular decrecente, de madeira no caso dos máis pobres, e de pedra ben labrada neste muíño de propiedade do Cabido catedralicio. Cómpre insistir neste feito pois dende época medieval os muíños son unha moi importante actividade industrial, que os poderosos tentaban controlar.

Na actualidade este muiño é propiedade de Fundación Felix Rodríguez, da antiga Inclusa e Hospital tudense. O Muíño do Mañoco forma parte do amplo conxunto de muíños existentes no curso do rio Tripes que dende o seu nacemento nas abas do Aloia ata este Mañoco –o último antes da desembocadura- conta con 40 construcións, en xeral en moi deficiente estado de conservación. Aínda que alguns destes muiños, ubicados nas parroquias de Randude e Pazos de Reis, teñen sido felizmente obxecto de restauración esta construcción dotada dunha excelente ubicación xunto ao conxunto histórico tudense continua agardando o seu turno.

Sería unha mágoa que este edificio con máis de setecentos anos de historia e con varias décadas de esquecemento e abandono, esmorecese definitivamente levando consigo unha importante testemuña da historia tudense. Sirvan estas liñas de chamada de atención aos propietarios, aos responsables da conservación do noso patrimonio, á sociedade tudense para evitar que este singular edificio de tan dilatada traxectoria continúe abandonado e mesmo cheguemos a perder este monumento. En numerosos lugares da nosa xeografiía podemos coñecer exemplos da reutilización destes “inxenios” para aproveitamentos sociais, culturais, educativos e mesmo rendibles que poñen en valor estes exemplos do noso patrimonio “industrial” ou popular.


Comentarios

  1. Paréceme unha magnífica idea tratar de recuperar construccións coma esta, e máis cando queda na cidade, formando parte do seu patrimonio, que non só teñen que ser igrexas e castelos, pois para o ser humano eran, sen dúbida, máis importantes os muíños. Clodio

    ResponderEliminar
  2. recuperalo é unha obriga... adiante e contade ca minha axuda.

    ResponderEliminar
  3. A recuperación escomenza...

    https://www.farodevigo.es/comarcas/2020/06/23/voluntarios-inician-rescate-muino-do/2304309.html

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall

Unha visión de Tui e as fortalezas da fronteira en 1764 por José Cornide

Un dos aspectos normalmente esquecidos na conformación da nosa cidade é a súa condición de praza forte, de emprazamento militar, de cabeceira dun sistema fortificado organizado ao longo do río Miño. Carecemos de noticias documentais ou arqueolóxicas sobre a posible existencia dun muro defensivo no outeiro tudense antes de 1170, cando Fernando II ordena a súa construción ao abeiro da reconfiguración urbanística da cidade que promove este monarca. De seguro que algún tipo de defensas tivo a vella Tude en época sueva e visigoda e especialmente nos primeiros tempos medievais pero o estado actual do noso coñecemento non nos permite superar o ámbito das hipóteses. Neste blog nos temos ocupado no seu día sobre o sistema amurallado tudense en tres post aos que remitimos a quen desexe achegarse a este aspecto do noso patrimonio e historia [1] Reproducimos hoxe un texto do erudito coruñés José Cornide que forma parte do seu libro: Descripción circunstanciada de la costa de Galicia, y raya